Eu ciclista IX. Días de asfalto.

Por varias razóns, e a pesares de que me considero de monte ou de campo, sempre pensei que a miña biografía se titularía “Días de asfalto”. Agora, a bicicleta de estrada dalle un novo argumento a ese título. Aínda que este artigo ten un punto máis personal que de costumbre, a reflexión social segue presente.

As mulleres ven cousas que os homes non vemos, por iso hai algúns que son agresivos con elas e outros que as admiramos, e por iso, alá por principios de ano, buscando un sitio para cear, a miña dixo “mira donde hay una bici” cando eu aínda estaba na fase “qué carallo estarán a ver aqueles ghichos no contenedor”. Os paisanos marcharon antes de que nos chegáramos á altura e alí estaba, arrimada ó colector de lixo, unha bicicleta de estrada. BH. Roja. Alén dos dous puntos de romanticismo, xa andaba pola miña cabeza a idea de buscar unha bicicleta de estrada de segunda man, para probar algo do ciclismo en ruta despois das alegrías que me daba a BTT. Xulgando polos desperfectos que presentaba, parecía que a bici estaba alí para desfacerse de ela pero, por si acaso, eu limiteime a separala un pouco do contenedor (para que non a botaran no camión) e marchamos a cear. Cando voltamos, alá pola unha da mañán, a miña nova bicicleta “de carreiras” seguía alí así que a levei para a casa.
Despois de facelo unhas cantas veces, ben podería escribir unha guía para rehabilitación de bicicletas vellas, pero con lavalas e sacar as pezas evidentemente rotas, creanme, hasta o ferrancho máis vello parece resucitar. Co gasto mínimo imprescindible e tras dúas probas, a “SUPER BH L6000″ estivo lista para intentar a maior distancia que fixera en asfalto coa mountain bike: Redondela-Marín-Redondela; a experiencia foi tan boa que o ciclismo en ruta acabou por convertirse noutro dos vicios a encaixar na miña axenda semanal e, xa a comenzos do verán empecei a ver factible o plan que xustifica este artigo, a viaxe Redondela-Coruña feita infinitas veces na miña vida. Aclaro xa agora referirme, con “Coruña”, ós lugares que frecuento no entorno da Cidade Herculina, pero trátase so dunha cuestión de detalle. Fun aumentando gradualmente as distancias ó longo das semanas hasta que o xoves pasado, coincidindo co cumpleanos da outra protagonista do primeiro párrafo, a bici e máis eu botamos cinco horas e cuarto desafiando ós 144 kilómetros de asfalto que nos separaban coa fin de darlle o feliz cumpleanos en persoa. Non sei se recomendarlles a experiencia, son cousas que saen de cada quen, dos seus gustos e espectativas persoais, pero para min foi algo sumamente grato. Tal vez, para outros afeccionados ó ciclismo, a viaxe non sexa para tanto, pero para este, que leva 18 meses andando irregularmente en bicicleta, como superación, foi bastante.
Queda para outro artigo, falar da relación ciclista-estrada-conductor, probablemente o panorama que máis insultos me ten axudado a crear en anos. Tratándose dunha cuestión de seguridade, prefiro evitar a dispersión do pouco que poida aportar no medio deste artigo máis xeral.
O que sí farei é unha pequena reflexión social. Unha bicicleta de estrada nova anda entre 600 e 6000 euros, o normal anda sobre 1200. Supoño por lóxica que a miña coitada non resistiría nin o primeiro minuto de comparacións, pero pensemos un pouco: Poñer a bici a andar custoume 30 euros. Poñela en condicións de atacar certas distancias foron 100€ máis. Aínda que gastase outros 100 en remata-lo “overhaul”… En fin, que non é so unha cuestión de cartos, senon de aproveitar o que hai. Non nego a posibilidade de que algún dia gaste unha porrada de euros nunha bici nova pero, polo de agora, esta chégame ben porque é capaz de facer tantos kilómetros coma min. Díganme vostedes ¿merece a pena tirar cousas que sirven nun afán de mellora moitas veces subxetivo, cando non innecesario? ¿funciona así o noso mundo? Seguramente, se algún dos que están a ler fabrica ou vende bicis, estará agora botando algunha peste contra min, certamente a sociedade occidental depende moito de que a xente gaste os seus cartos en mercar cousas, pero sentíndollo moito, coido que vai chegando o tempo de aproveitar o que hai. Non poden ir para o lixo cousas que aínda teñen moitos kilómetros por rodar (e non falo só de bicicletas, aínda que tamén).

Realidades do AVE.

Onte estivo Jose Luís Rodriguez Zapatero facendo un importante acto na precampaña do PSOE cara as próximas eleccións autonómicas. Básicamente, veu a dicir que o AVE está en camiño e todo iso. Neste artigo vou copiar e pegar a lista de realidades sobre as obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, aquí en Redondela, elaborada polos veciños afectados para a prensa, e que a Plataforma Contra a Autovía axudou a presentar, sen demasiada repercusión mediática. Despois farei dúas pequenas valoracións personales.

Plataforma e veciños afectados polas obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, fixemos un pequeno estudio sobre unha serie de feitos que consideramos irregulares no desenrolo de ese proxecto, e queremos facelo público para denunciar eses feitos, na esperanza de que se lles poña solución, e mais como exemplo da realidade que se agocha detrás dos grandes proxectos do Ministerio de Fomento, como é a Autovía á que nos opoñemos.

1º/ Ocupación de terreos sen previa notificación.
2º/ Expropiación forzosa de terreos. ( están ofrecendo verbalmente unhas cantidades, que son sensiblemente rebaixadas no caso de non ser aceptadas).
3º/ Alegan a expropiación dos novos terreos facendo referencia a un proxecto modificado do proxecto de construcción inicial, do que non hai constancia de ningún procedemento administrativo, nen da elaboración dun informe de avaliación de impacto ambiental, nen se informou ós veciños afectados, para posibles alegacións e que supón unha considerable afección con respesto ó proxecto inicial. Pasando de ser 8 Hectáreas afectadas a 115. Por exemplo, fálase da ubicación dunha cementeira e machacadora de áridos en zona de exclusión segundo a declaración de impacto ambiental, as cales segundo palabras do alcalde unha vez visto o proxecto de instalación estaría disposto a ubicar na Alameda de Redondela.
4º/ Incumplimento dos procedementos que marcan a declaración de impacto ambiental e o proxecto de construcción inicial, en canto a protección atmosférica Por exemplo; non se está regando suficientemente o terreo e non cubren os camións para evitar que se xenere polvo.
5º/ No acopio de terras, non se está respetando a distancia de 5 metros con respecto o río e se están construindo escalóns de máis de 2 metros de altura, incumplindo o que establece a declararión de impacto ambiental.
6º/ As barreiras de retención das terras son insuficientes, estanse usando alpacas de palla para reter amontoamentos de terra de máis de 4 metros de altura, sendo previsible que cando comecen as chuvias se vaian a producir vertidos o río e a enseada, como está ocurrindo no concello de Soutomaior.
7º/ Na avaliación de impacto ambiental non se contemplan os manantiais que están sendo afectados e de feito, xa están secando algúns pozos.
8º/ No tocante os ruidos, non se está respetando o que establece a declaración de impacto ambiental, non se están poñendo barreiras acústicas, nen se están levando a cabo as medidas atenuantes para as vivendas próximas as obras. Non se respetan os horarios de restricción para as actividades molestas, que establece o proxecto de obra, no cal se especifica que non poden circular camións nen maquinaria de obra a menos de 250 metros das vivendas dende as 22 horas a 8 da maña. O concello non está tomando a iniciativa para facer que se cumpla, e só actua ante as protestas dos veciños. Ademais a empresa elaborou un estudio de ruidos ao cal nos gustaría ter acceso.

Obras en Redondela.

Recoñezo que redacción pode ser algo confusa, pero voulles extractar os dous aspectos máis importantes: En primeiro lugar, cando se fixo o proxecto da obra, tamén hubo que facer unha “declaración de impacto ambiental”, na que se avalían os trastornos que a obra e a explotación da vía van ter no entorno, e as medidas encamiñadas a palialos; non se están cumplindo. Segundo, e máis perigoso, temos que as obras non están a seguir ese proxecto, exposto ó público, con alegacións e todo iso, senon un proxecto modificado visto por ninguén (excepto o alcalde de Redondela), con un volume de obra e expropiacións moito maior, o que fai pensar nun orzamento superior ó anunciado e que carece de unha avaliación de impacto ambiental propia; é dicir, estanse gastando moitos máis cartos e estase facendo máis dano do publicado pola administración no seu día. É nesta administración, e non nas empresas constructoras, onde debemos buscar e esixir responsabilidades.
A visita do presidente do goberno é toda unha declaración de intecións. Non son precisas dotes adiviñatorias para anticipar cales van a ser os tres temas que centrarán a campaña das proximas eleccións autonómicas: o AVE, o AVE e o AVE. O resto do tempo, adicarano a falren de infraestruturas. Por se alguén non o lembra, en Galicia existe algún problema máis, tal vez secundarios fronte a necesidade de viaxar a Madrid en tren de alta velocidade, pero nin por iso debemos permitirlle ós candidatos evitaren falar de asuntos como a sanidade pública, o despoblamento do rural, a destrucción do noso sector primario, a reforma do estatuto de autonomía e a financiación autonómica, a ordenación do territorio e o urbanismo, o plano acuícola…
Aposten un so euro a que estes temas van ser importantes na campaña electoral e perdarano. Ou iso, ou este blogue ten máis influencia da agardada, porque non é frecuente atopar nos medios algo diferente ós coros dos pregóns políticos.
E xa posto en plan sabio da montaña, voulles propoñer un acertixo para reflexionaren, variante de outros anteriores: ¿Que lle soluciona o AVE a un pensionista de oitenta anos, que depende dunha sobriña ou de un veciño para acudir ó médico, se non quere pagar seis ou doce euros de taxi dende a súa parroquia hasta o ambulatorio? Pensen, pensen…

Nota: Unha vez máis, prégolles desculpas por non poder poñer enlaces que completen o artigo.

Comparación (odiosa) entre Baraxas e Alvedro.

O tráxico accidente producido este mércores no aeroporto de Baraxas lémbrame que teño empezado un artigo, xa dende hai ben tempo, no que cuestiono a ordenación urbana nas proximidades do Aeroporto de A Coruña, antes Alvedro. Esta ocasión pode ser boa para rematalo e ofrecerllo, a ver que opinan vostedes.

Evolución do Burgo.

Neste mapa (prema para agrandar) aparecen O Burgo (Culleredo) e O Temple (Cambre). O manchón escuro é a Ría do Burgo, a veta gris a autopista AP-9 e as liñas amarelas marcan a cabeceira de pista do aeródromo coruñés. Sen ánimo de ser exhaustivo, e admitindo unha exactitude limitada, en verde sinalo os edificios que existían antes da ampliación do aeroporto rematada en 1990. En vermello acoto zonas residenciais de bloques de edificios construídas despois de esa data, a maioría nos últimos dez anos, e incluso algún terreo que aprece valeiro na foto pero xa está edificado a día de hoxe. O violeta é un colexio e en azul están bloques de vivendas que non son quen de datar con exactitude, pero desexo diferenciar das naves. Os tellados longos da esquerda son os edificios do I.E.S. Cruceiro Baleares, coñecida por moitos como”A Laboral”.
Para min, hai unha conclusión evidente: a maioría dos edificios do Burgo e do Temple, foron construídos ó mesmo tempo que aumentaba a actividade do aeroporto da Coruña. Existen moitos aeroportos urbanos no mundo, non cabe dúbida, pero o mal de moitos é consolo de tontos, logo nin por iso consideraremos unha conducta intelixente construír casas en sitios onde existe o risco de caida de aeronaves, ou ben promover un aeroporto cuios avións, en caso de catástrofe, poden cair sobre unha zona densamente poboada. As alternativas eran dúas, e ben sinxelas: contentarse con coller o avión en Lavacolla, con unhas liñas de autobús ben organizadas e todo iso, ou non ter edificado xusto debaixo do aeroporto. Dirán que son un esaxerado pero, de acontecer un accidente neste lugar, haberá quen pregunte se non se podería ter evitado.
Poño aquí algunhas fotos de colleita propia, de avións sobrevoando o Burgo, con fins meramente decorativos.

Aterraxes sobre o Burgo.
(prema para agrandar)

Aproveito esta cuestión para facer unha reflexión política. Cousas como construir unha cidade debaixo dun aeroporto (ou viceversa), e outros síntomas de desorganización como son os verquidos sen depurar nas rías galegas, os colapsos de estradas desbordadas por un aumento da edificación nas zonas que comunican, etc. (curiosamente, a zona da foto tenas todas) xurdiron xa en democracia, e con estatuto de autonomía. Urxe construir unha conciencia crítica de cara á clase política galega, en xeral e sin entrar en partidismos, porque se seguimos a deixar que as maiorías electorais se convirtan en patentes de corso, a deixarlle facer ós políticos, sen revisar as súas decisións e proxectos, acabaremos por arrepentirnos ou por ter que escoitar críticas bastante duras das seguintes xeracións. Desta volta, non temos a ninguén para botarlle a culpa.

Nota: ortofoto tomada de www.flashearth.com

Dispara. Ti si que eres feismo, a igrexa da miña parroquia.

Igrexa de Saxamonde.


Nesta galería, preséntolles a igrexa parroquial de San Román de Saxamonde
, na cal recibimos a práctica totalidade dos sacramentos que temos os membros da miña familia. É unha igrexa como calquera outra, e o cemiterio, a verdade, é bastante feo, pero o ataque de feísmo que lles presento é o resultado da ampliación feita na N-550 vai alá para uns dez anos.

Túnel lóbrego.

Non pretendo con isto criticar que se fixera esa obra, seguramente necesaria, pero si deixar constancia de que o resultado foi un conxunto arquitectónico feo, extremadamente feo, formado pola propia igrexa e o voladizo empregado para soster o carril lento en dirección Porriño, co que evitaron soterrar a igrexa, deixando unha varanda disuasoria (aínda que inútil) para aqueles que desexaran camiñar polo tellado, e creando unha especie de túnel lóbrego, primeira impresión recibida cando se chega ó noso igrexario.
Mezcladas, hai dúas imaxes da igrexa que omiten o atentado visual, coa fin de redimila un pouquiño.

Fachada principal.

Suelo industrial 2. Do milagre dos pans e os peixes.

“Quixemos reservar un terreno no parque industrial de Mos, e alá fomos a preguntar. Están pagando o metro cuadrado a cinco ou seis euros e despois piden cento cincuenta euros por metro de parcela para construir a nave. Dixemos que non nos interesaba.”
Xose. Empresario.

Nota: Hasta onde eu sei, o normal no mundo inmobiliario é que un tercio sexa para o propietario do terreo, un tercio para o constructor e outro tercio para o promotor. Ou entendín algo mal, ou non me cadran as contas.

Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia.

Férveda de Ramil.
Hoxe preséntolles unha galería de fotos tiradas na Férveda de Ramil, en Carballo. Un pequeno lugar de eses que se atopan agochados tras dun pequeno sinal nalgunha estrada, no que dar un paseo se lles cadra a pasar por alí, ou estar un tempo de relax sentados xunto á fervenza, nun lugar de eses que, desafortunadamente, estamos máis acostumbrados a ver en fotos que na realidade.
Xa saben cal é o meu consello: escollan unha boa compaña e pérdanse polo camiño; será a mellor maneira de que a viaxe sexa inesquencible.
Respecte a natureza.

A Ría Non Se Vende.

A Ría Non Se Vende.

Dispara, os lugares máis galegos do mundo. A Peneda.

Atrio.
“Os lugares máis galegos do mundo” debería ser un título suficientemente descriptivo do que esta categoría pretende ser, e o exemplo co que hoxe a inauguro vai ser abondo para entender por onde irán os tiros.
O monte da Peneda, ademáis de ser popularmente coñecido polos versos de Rosalía de Castro, entre outras referencias literarias, ben podería ser un botón de mostra para entender esta esquina do mapa chamada Galicia, por tres razóns.
O que podería ser. A paisaxe, o patrimonio e a historia fan da Peneda un lugar ben singular. O Atlántico, as Illas Cies, montes que xa pertencen a terras ourensás e quizás incluso portuguesas… é o grande espectáculo que nos abruma cando chegamos ó alto. (A eterna bruma que cubre esta ría é un obstáculo insalvable para a miña cámar de xoguete.) Hai que agardar un pouco e repoñerse, para acordar e mirar para abaixo, onde a desembocadura do rio Verdugo, a parte máis interior da Ría de Vigo, e a ensenada de San Simón se contemplan íntegramente como dende ningún outro lugar. Cara o leste o castelo de Soutomaior parece trobar baixo o balcón á capela, bonita e acompañada do cruceiro, rodeada de árbores e muros, escaleiras e outras canterías tradicionais nas que o gris combina co verde como si fose así concebido pola natureza. Ademáis, as capelas illadas teñen un encanto que lles está negado a outros edificios relixiosos ubicados en lugares máis habitados; a soidade dalles un aire misterioso, como si…
Entrada.O que é. O monte da Peneda ardeu dúas veces nos últimos cinco anos. Así, mentres non chegamos ó alto, temos a sensación de viaxar por outro de tantos montes desertizados polo lume, como todos os de arredor, onde o mato trata de recuperar a cor natural da paraxe.
O anarquismo urbanístico que nos fai célebres polo mundo adiante tamén castiga a paisaxe, tanto de preto como ó lonxe, e o mamotreto de formigón que baliza a entrada de Peinador no cumio veciño tampouco resulta unha presencia agradable.
A conservación da capela e o muro que cerra o recinto tamén son mellorables.
O que vai ser. Se queren disfrutar deste lugar tal e como é, apúrense. Parece ser que existe unha reivindicación histórica da cidade de Pontevedra (¿falaría alguén con ela?) para ter unha autovía directa coa meseta, sen pasar por Vigo, e vai ser satisfeita pola que se chamará “Autovía A-57″, unha obra colosal que atravesará os montes que dan cara a Peneda polo norte e leste, así como o val que forman Oitavén e Verdugo na súa confluencia no concello de Soutomaior.
Por si tiñan pensado dicir “que pena”, non o fagan aínda. A contestada “Autovía Pontevedra-Vigo”, en realidade un ramal occidental de esa A-57, vai pasar pola parte baixa da Peneda, e está previsto usar a ladeira de este monte como vertedeiro de terras sobrantes durante a obra.
Así é a Peneda, e así e Galicia. Un lugar ben fermoso, que acarrexa dende o pasado uns valores intemporais, cotizados á baixa no presente, pero que nos poden fascinar nunha viaxe cara nos mesmos o día que nos decidamos a facela. Antes de que sexa demasiado tarde.
Ría.

Nota: Os problemas técnicos anteriormente referidos están resoltos de xeito provisional. O mes que ven volveremos á normalidade do segundo sábado, se todo vai ben. Que teñan un bo día das letras galegas.

Dispara, costaba o mesmo facelo ben. Beiarrúas abortadas.

Sabotaxe.

Para min, os concellos están na mesma categoría que os reloxios parados e os coitelos sen afiar: cousas que poderían resultar necesarias pero son inútiles. Os disparos desta galería, que hoxe presento, retratan un exemplo das causas que me levan a ter esta opinión das administracións locais, como son as beirarrúas atrancadas con postes e farolas. Na maioría dos casos, pódese pensar que solamente supoñen unha pequena incomodidade para os viandantes, forzados a pasar de lado ou facer un quiebro, pero quedan convidados a pensar para que lle sirven algunhas aceras destas fotos a unha persona que leve un carriño de bebe, ou peor aínda, a aquel que se desplace nunha cadeira de rodas. Moito temo que non lles sirvan para nada.
Entre as fotos, hai algunhas máis escandalosas que outras, pero quero determe a explicar tres en particular.

Wireless.Esta é do Burgo (Culleredo), nela sae un poste que leva anos atrancando esa acera xusto nun sitio que se estreita. O máis gracioso é que o tal poste parece non servir para nada, sendo un legado do antigo tendido desa rúa, agora cambiado de sitio. Fíxense na foto (preman para abrila), e verán que, efectivamente, o poste non sostén ningun cable. Solo estorba.

Costaba o mesmo facelo ben.O resto son todas de Redondela. Paréceme importante esta na que o poste non obstaculiza dramáticamente, pero chama a atención o feito de que a ninguén se lle ocurrira aproveitar unha recente remodelación para sacalo do medio e medio; de feito, esa columna ten un letreiro que alguén colgou para protestar, o cal inspirou esta galería (atención tamén ás sete arquetas en dez metros cadrados, outro clásico galego).
A que remata este artigo, ten algo máis de delito. Resulta que, o ano pasado, acometeuse a “humanización” do centro da vila, ensanchando as aceras e prohibindo o estacionamento nas rúas principais. A obra non estivo exenta de polémica, por un lado estaban os defensores do dereito e necesidade de poder aparcar en calquera sitio, e polo outro os que apreciaban ampliar o espacio humano a costa de recortar o espacio dos coches. Uns e outros deixaron de enfrentarse cando apareceron esas xardineiras, porque todo o mundo está de acordo en que fai falta un grado moi elevado de estupidez para ensanchar unha beirarrúa e volvela achicar hasta o mesmo tamaño con semellantes mamotretos, que ademáis teñen o fondo de cemento, deixando un futuro incerto para as árbores que as ocupan (acacias e palmeiras algunas de elas, demostrando un gusto cuestionable). Para colmo, existe algunha misteriosa razón pola que a xente se detén a falar sempre onde están as macetas (véxanse as fotos), quedando o paso totalmente boicoteado.

A las barricadas.
Xulguen vostedes mesmos as outras fotos da galería.

Remato aclarando que a palabra “acera”, malia non sair no diccionario de galego, está empregada deliberadamente, para me descargar un pouco de “beirarrúa”, vocablo que detesto por parecer un invento rebuscado.
O segundo sábado de maio, outra galería.

Vacacións nos Oscos.

Pasei a Semana Santa na contorna Asturiana de Taramundi e os Oscos. Apunto brevemente algunhas impresións da viaxe.

Teixois.

Os habitantes da comarca dos Oscos son, a todos os efectos, Asturianos. Por iso, so hubo unha razón para que non me sorprendera falar con eles en galego, e descubrir que é o seu idioma natural: xa me acontecera o mesmo no Bierzo hai uns anos. Falar na nosa lingua con xente que non é galega dalle ó idioma unha fermosísima dimensión transnacional, e dilúe as fronteiras artificiais creadas por administracións e burocracias que se revelan ignorantes da realidade humana.
Chama a atención a densidade de museos e lugares para visitar relacionados cos muiños, os mazos hidráulicos e o aproveitamento da auga como fonte de enerxía ancestral (preman na foto), o que á miña vista se converteu na enseña dunha terra na que perdura a simbiose entre actividade humana e territorio, sendo a súas principais fontes de ingresos a agricultura, o turismo, a madeira, e a artesanía, incluída a agroalimentaria, como son o mel e os queixos. Fontes de riqueza, todas estas, que dependen directamente de manteren o entorno nunhas condicións bastante semellantes ás que o caracterizaron dende que alí se implantaron os primeiros habitantes. Hai que ser honesto, e recoñecer que as axudas institucionais e a escasa densidade de poboación son dous factores de bastante peso nese éxito, pero para algunhas personas ese é un ideal cara o que todas as sociedades deben mirar, cando pensen no futuro a calquera plazo. Desafortunadamente, somos poucos os que así razonamos.
Un non sempre se deixa enganar polos seus sentidos, e os tres dias que pasei alí fun consciente de que estaba nunha especie de museo xigante, en que o tempo e paisaxe se conxelaron deliberadamente, para ben dos que alí viven e disfrute dos visitantes. Por iso, tivo que ser outra a causa de que a viaxe de volta por Galicia, dende A Fonsagrada hasta A Coruña, fose como unha inmersión nun cadro surrealista, no que a orden, a coherencia e a xeometría non existen. Casas e galpóns amoreados caóticamente, ladrillo sen revestir e mesturado coa pedra, núcleos de poboación no que dous ou tres edificios de cinco alturas dan a nota entre vivendas unifamiliares descubren que, cando se pasan tres dias fora da nosa terra, pérdese a familiaridade con unha chapuza e un caos antinaturales, polos que deberían pagar as personas que tiveron algunha responsabilidade en materia de urbanismo, arquitectura e ordenación do territorio galego durante os últimos trinta anos.