Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia. A Carroucha.
É curioso cómo o idioma ten a responsabilidade de ser o cemento de unha cultura, o elemento que une a todos os demais da mesma. Se me falan dun «cervo voante», como lle chaman polo mundo adiante, a miña mente vaise inmediatamente ó trineo de Santa Claus. Pero se me din «carroucha» venme á vista un escarabello de tres pulgadas, das cales unha son uns agresivos «cornos», que lle provocaba unha grandísima felicidade ó meu avó cada vez que topaba un, pola magnífica oportunidade que a natureza lle daba para lle gastar unha broma a alguén.
A foto foi sacada precisamente na casa dos meus avós, poño unha soa pola triste razón de que as outras non me sairon ben, pero insisto en poñela porque a carroucha, sen ser un endemismo, é para min un icono de Galicia e da nosa cultura.

Tino, a mín máis que carroucha, gustaríame chamalo escornabois, evidentemente pola relación coa terra onde vives/vivimos. De feito supoño que terá algo que ver co marabilloso “río” que leva o seu nome.
Poucos especimes vense agora deste bonito animal ao que lle faciamos “carros” con caixas de mistos.
Saúdos do comando Escornabois.
Comment by arturo — October 11, 2009 @ 10:48 am
Pois eu sempre oín que se chamaba vacaloura, e sempre a chamei así. Un insecto incrible que deixábase ver moito máis cando eu era un neno… hai anos que non vexo ningunha. Un saúdo
Comment by Luis — October 11, 2009 @ 6:46 pm
xa me parecía que eu tiña escrito por algues que lle chamamos vacalouras
Comment by opaco — October 11, 2009 @ 11:59 pm
Si, eses dous nomes son bastante máis frecuentes, e tamén me parece que noutros sitios “Carroucha” ten un significado diferente. Pero, por algunha razón, eu téñolle apegada esa palabra ó becho da foto. Serán cousas de cada familia.
Comment by F. Miguez — October 12, 2009 @ 10:32 am
Polo Porriño tamén lle chamamos carroucha pero por Arbo chámanlle carouca.
Tés sorte de ter fotos dunha porque están en perigo de extinción.
Comment by paideleo — October 13, 2009 @ 7:56 pm
Sí, a foto é un acerto, por cesantes tamén son carrouchas, aínda que os outros nomes son ben bonitos. Todo hai que dicilo. O igual que o teu avó, meu irmán de neno tamén tiña un especial cariño por estes animais, e incluso chegou a conservar algún………. En fin, a ver se non se extinguen de todo.
Comment by jorgecesantes — October 13, 2009 @ 11:25 pm
Supoño que o primeiro paso para a súa conservación é sermos conscientes de que existe o perigo. Outro blogueiro, non lembro quen, contaba unha vez que tiña unha pila de madeira de carballo apodrecendo no xardín para que criaran as carrouchas (ou carroucas
). Non sei se funciona, pero respetar os exemplares que atopemos, e introducir os cativos (e non tan cativos) a ese respeto si é algo ó alcance de todos.
Comment by F. Miguez — October 14, 2009 @ 5:53 am
Pós da terra do medio tamén é unha vacaloura, e tamén é certo que cada vez vense menos.
A min váleme beber licor café, pero desta vez vounos ter que pagar eu e non deixarme convidar por ti, que ó de Afganistán non lle vexo máis ca marketing (e mortos), cousas ben disparellas.
Comment by A Lareira de Santiso — October 14, 2009 @ 7:46 am
o da pía de leña podre no fondal da leira fora eu, debín anotalo no vello blog porque agora non o atopo. Ignoro se conseguín algo, a madeira está chea de vermes de todos os tamaños pero polo momento aínda non sei se algún foi ou será vacaloura. Aínda vexo algunha polos castiñeiros de vez en cando, así que quero pensar que algo fixo o meu experimento. Esta tarde irei remexer e xa vos direi algo!
Comment by Henrique — November 18, 2009 @ 8:08 am
Estaremos pendientes
Comment by F. Miguez — November 18, 2009 @ 4:05 pm