Xogo de agudeza visual (para evitar que nos metan os dedos nos ollos).
Voulles propoñer un xogo. Vexan estas dúas imaxes atentamente. Se fan click nelas, agrandaranse noutra ventá.
Primeiro poñámonos en situación. As imaxes son uns gráficos que resumen o estudio de tráfico do expediente EI-2-PO-24 do Ministerio de Fomento, a «Conexión de la Autovía A-57 con la Red Arterial de Vigo y Acceso al Aeropuerto de Peinador», coñecida popularmente como «Autovía Pontevedra-Vigo, alternativa a Rande». Son capturas de pantalla da memoria final do propio estudio, tal e como o publicou no seu día o Ministerio. A superficie branca é a parte interior da Ría de Vigo, a mancha marrón no medio do borde inferior é Vigo e o resto ven indicado no plano.
A imaxe superior, Situación Actual (Alternativa 0) é a previsión de tráfico para as principais vías da contorna no caso de non se facer a Autovía, mentres que a outra, Alternativa 5, e a previsión no caso de se construír o trazado proposto por Fomento, que son as liñas máis alonxadas á ría, que teñen unhas bandeiriñas cos datos. Para situarnos, a liña grosa da parte inferior, que cruza a ensenada, é a autopista AP-9 e a que vai polo outro lado do mar, de lado a lado do mapa, é a N-550.
Ben. O xogo é o seguinte: Vexan con atención a lenda que hai debaixo dos planos, para identificar correctamente o significado de cada color, pois parece ser que o vermello confunde un pouco. Cando sepan o que significa cada color fíxense no mapa, e vexan se hai algo que lles chama a atención.
A xente da contorna de Vigo, e en particular os lectores do Faro, deberían telo fácil, aínda que a cousa anda en tódolos medios.
Nuns días, dareilles a resposta.
Pois non, non caio… agás que a autovía semella que non vai solucionar moito o problema, pq a intensidade do tráfico na autopista i en Rande seguirá a ser a mesma…
Un saúdo.
Comment by caralladas76 — September 17, 2009 @ 3:20 pm
A min é que se me quita dos sudokus…..
Comment by eSedidió — September 17, 2009 @ 7:25 pm
Benvido por esta casa, caralladas76. Póñalle un pouquiño de ansia, eSedidió, que ten demostrado vostede capacidade para cousas ben máis enrevesadas.
Comment by F. Miguez — September 17, 2009 @ 9:48 pm
Pos si, parece que finalmente a Alternativa 5 (sobre un total de 14) foi a elixida a pesar de ser das mais longas.
A min o que me parece é que vai demasiado próxima á actual estrada por Redondela co cal non existe unha clara diferenciación entre o percorrido pola N-550 de Redondela e o novo percorrido por fóra de Redondela: non sei se van deixar morrer a N-550 de inanición ou a van a reconverter nunha especie de Grande Rúa 550 (mellor o segundo, acho). Na miña opinión houbera sido mellor ofrecer unha infraestructura cun trazado máis cara o interior da provincia, ou sexa, máis periférica, que potenciase as industrias dos concellos máis desfavorecidos da área metropolitana que son os que están máis lonxe da costa.
Comment by xmcarreira — September 21, 2009 @ 8:50 am
Engado que me encantaría que eses fantásticos contratos de enxeñería do transporte e simulación de tráfico algunha vez quedasen nas consultoras de enxeñería que teñen oficina aquí e invisten nos enxeñeiros da terra.
Parece que eses contratos de simulación rematan sempre nas consultoras de fora (neste caso, TRN é unha boa consultora de transportes pero é 100% de Madrid, sen oficina na Galiza).
Non o digo só por interese persoal, senón porque a planificación do territorio debera facerse considerando non só a variable tráfico/transporte (=a IMD de lixeiros e pesados) e o custo de expropiación, como se fai en demasiadas ocasións, senón a historia humana e os modus vivendi da área afectada. Estas sensibilidades só se pode integrar nun modelo de transporte con profesionais ben formados como algúns dos meus colegas mas con polo menos algún profesional made in Galiza que entenda in propria pele a paisaxe e a paisanaxe da zona a analisar.
Comment by xmcarreira — September 21, 2009 @ 11:13 am
O mesmo que dí encol da enxeñería de transporte poderíase ampliar a calquera estudo de base territorial. Lembro un Informe sobre a mobilización de terras agrarias encargado a Price Waterhouse, que nunca foi publicado. Eu tiven a sorte de facerme cun exemplar de estranjis, e comprendo perfectamente que non saíra á luz, sobre todo por vergonza allea. É o problema de facer o traballo dende Madrid e ter un par de becarios sobre o terreo….
Comment by eSedidió — September 21, 2009 @ 1:41 pm
Cabaleiros, unha vez máis, os comentarios que chegan a este blog elevan considerablemente o nivel do mesmo, para orgullo do seu autor.
Certamente, hai un gravísimo problema en “proxectar” ou “facer país” de costas ó que hai aquí. Tamén cabería recoñecer que unha boa tallada de alcaldes, e outros políticos da terra, amén de empresarios e técnicos múltiples tamén teñen os ollos ben postos bastante máis alá do Padornelo.
O caso, prezado Mendinho, é que zumbou vostede con ganas (no seu primeiro comentario) nunha das patas do problema: estase xestando a rexión do mundo con maior densidade de infraestruturas de transporte terrestre. Abofé que a alternativa 5 trascurre pegada á N-550, cuio cambio a via urbana (tamén da N-555 e N-552) é unha das excusas do alcalde de Redondela para aguantar chaparróns de insultos dos veciños cando defende esa autovía (o único, xunto con Abel Caballero, en toda a contorna). Peor que a proximidade coa N-550 é a proximidade coa propia A-57, que aparece sospeitosamente invisible no plano, máis que trascurre paralela a apenas un par de kilómetros en máis da metade do trazado. Por iso, algúns detractores como o Concello de Pontevedra falan de “dúas autovías paralelas”, ó cal Fomento responde algo así como “me da lo mismo”.
Pero aínda hai máis, e é que, tamén pasa pegado o Eixo Atlántico de A.V. … e paro, porque me encendo.
Comment by F. Miguez — September 21, 2009 @ 8:56 pm
Os estirados de PriceWaterHouseCoopers facendo un estudo sobre o agro galego? Jaaar?
Comment by xmcarreira — September 22, 2009 @ 10:01 am
Pois si. Pero pagaban un pastón, sobre todo tendo en conta o valor do contido.
Comment by eSedidió — September 23, 2009 @ 6:20 am