Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia. A senda da auga II.
Volvo este segundo sábado de mes a colgar fotos da Senda da Auga en Redondela, seguindo o itinerario dende onde o deixamos o mes pasado, no mesmo sentido que levábamos (Vigo-Eiras). No Alto dos Valos (N-550, Km 147) hai que tomar a estrada que vai cara Nespererira e Cepeda (PO-2702) por uns metros, hasta topar de frente a caseta do antigo sifón da traída; tomamos un pequeno camiño pola esquerda e subimos a detrás da caseta por un carreiro empinado. O camiño chan é a segunda parte de Senda da Auga, e xa non ten moita perda hasta o final.
Dende ese punto, avanzamos polo outro lado do val do Maceiras, xusto en fronte do percorrido descrito o mes pasado, pero con mellor vista do val. Segundo andamos, vai aparecendo na paisaxe a Ensenada de San Simón e a Vila de Redondela, para finalmente ter unha perspectiva amplísma dos vales dos vales o Alvedosa e Pexegheiro, hasta o monte da Peneda.
Este segundo treito é maís curto que o anterior, e máis fácil para novatos da bicicleta porque o chan é máis regular e, por suposto, exactamente igual de aconsellable como opción de ocio activo, e ten a particularidade de que, a partires da metade, aproximadamente, onde se atopa o actual sifón, hai sitios onde o tubo, descuberto, nos permite escoitar a auga correndo no seu interior. Remata pasando un pouco do campo de fútbol de Reboreda, onde a canalización se convirte nun túnel de case tres kilómetros, furado a través do monte, por debaixo de Amoedo (Pazos de Borbén).
Como exclusiva para os lectores de Apunta, para non o esquecer, voulles contar un pequeno segredo. Xusto onde está a caseta de entrada ó tunel, hai un cancelo de entrada a unha propiedade privada chamada Muiño do Rachón. A xente (que eu coñezo) soe entrar a mirar, coidando de non causar ningún estrago, a mirar o sitio, que é bastante bonito, ademáis de ter unha panorámica do estreiro de Rande. O que lles recomenda o Sr. Míguez é que pasen para detrás do muíño, onde atoparán o nacemento do Río Alvedosa, un pequeno espacio de fervenzas, pozas e pías dignísimo de explorar, con coidado porque as pedras escorregan bastante (tamén as que non teñen musgo).
A mala nova é que, se non conseguimos impedilo, a isto quédanlle tres ou catro anos de vida. A estúpida autovía Pontevedra-Vigo (e, se coñecesen o proxecto, vostedes tamén empregarían o calificativo) pretende pasar xusto por ahí, e por boa parte deste treito oriental da Senda da Auga, ademáis de polo nacemento do Río Louro, do cal, se cadra, falarei noutra ocasión.

