Xa son enxeñeiro, e este é o meu proxecto.

Dende hoxe, e a todos os efectos, son Enxeñeiro Industrial. O último ano estivo marcado por unha dedicación cada vez máis exclusiva a un Proxecto de Fin Carreira (PFC) que, en realidade, é bastante máis que iso. Agora, no vacío que media entre a vida académica e a profesional, tentarei recuperar progresivamente a miña presencia no blogomillo e noutros mesteres forzosamente abandonados durante estes últimos meses; neste primeiro día de poder sentarme diante do blogsome con calma, tentarei explicarlles un pouquiño que foi o que estiven a facer.

Vehículo Eléctrico.

Esta imaxe é unha montaxe na que poden ver o porto de Somiedo, en Asturias e un «estraño» vehículo posto na estrada. Ben, ese vehículo é o resultado do meu PFC, que se titulou oficialmente «Vehículo Mixto Todo Terreo de Tracción Eléctrica. Concepto, chasis e carrozaría.», parello ó PFC do meu irmán «Sistemas de Tracción Eléctrica Para Automóviles: Análisis Técnico, Estudio de Viabilidad y Solución de un Caso Práctico». A resposta para as dúas cousas que, imaxino, poden xurdir na súa cabeza é si.
(1) Si, entre os dous irmáns Míguez (e Durán, que tamén temos nai), deseñamos como PFC un coche eléctrico… Máis ou menos, é dicir, coas limitacións de unha iniciativa nosa particular, feita sen un céntimo de euro no peto, que nos esixen recoñecer a cantidade de traballo aínda pendiente para poder dicir «habemus coche». Pero o máis gordo está feito, e a maioría dos problemas resoltos.
(2) Si, é feo. Son o seu pai, e téñolle cariño, pero non teño maís remedio que recoñecelo: non saiu unha criatura moi agraciada, mais iso ten unha explicación. O cocheciño en particular non está concebido para se fabricar nunhas instalacións como as da Citroën de Vigo, senón con medios moito máis modestos, propios dun pequeno taller de construción mecánica, e a un precio asequible. Eses medios non permiten moitas alegrías no deseño, e esixen limitarse a superficies planas, combinadas como mellor se poida. Neste mesmo motivo, ademais, está a explicación do parecido con ese outro coche construído en Galicia, o URO VAMTAC (cuia admiración non oculto), que emprega un proceso de fabricación semellante.


Versións.

Vamos deixar para outro día, se lles parece, falarmos das vantaxes e inconvintes dos coches eléctricos e tamén tratar de facer un pouco de divulgación sobre esta tecnoloxía, porque unha das cousas que aprendín neste tempo é que existen unha chea de prexuízos, concepcións erróneas e dúbidas recurrentes entre o público, demandantes de un certo esforzo didáctico por parte de quenes sabemos algo (ainda que non sexa demasiado) sobre coches eléctricos.


Porto de Vigo.

Remato con unha aclaración. ¿Por qué o tratei de bastante máis que un PFC? Pola motivación que hai detrás de isto. Hai catorce meses, meu irmán mais eu presentámonos no despacho dun profesor, para pedirlle que fose o noso director de PFC, coas palabras «queremos facer un coche eléctrico». Confío na elocuencia da redacción. Agora toca valorar as posibilidades reais que poden ter dous recén titulados en enxeñería para completar o deseño e iniciar a producción en Galicia dun automóbil impulsado por enerxía eléctrica, da cal somos excedentarios. Soñar é gratis, aínda que sexamos conscientes de termos ben poucas de esas posibilidades ó noso favor, pero se atopamos un oco para empezar a furar nos próximos meses, poremos todo da nosa parte en botar a rodar ese trebello. Se non, non pasará nada, sempre poderemos presumir de ter tido iniciativa.

Nota1.
Hai un feixe de persoas maravillosas por toda Galicia adiante ás que lle debo algo máis que agradecemento pola súa colaboración.
Nota2. Os «renders», as imaxes do modelo creadas por ordenador, non son demasiado boas; síntoo pero non son artista gráfico, senón enxeñeiro mecánico.

Por favor, sálvame a vida. Eu ciclista X.

Seguridade para os ciclistas. Unha proposta para que todos contribuiamos, sen esforzo ningún, a evitar que o ciclismo en estrada sexa o deporte con máis mortes de cantos se practican en este país. Por favor, léa e difunda.

A nova é un informe do «Real Automóvil Club de España», segundo o cal, cada catro días morre no estado un ciclista en accidente de tráfico. Enlazoa en El País porque foi a primeira que topei en Google e, léndoa, suscribo todo o que di ó 100%: (1)os que menos respetan son os camións, (2)nas rotondas hai que cantar «El Novio de la Muerte» para coller valor e (3)os arcéns (onde os hai) teñen tanta trapallada e obstáculos que é máis seguro circular pola calzada, diante dos camións. Non vou dar consellos para ciclistas (queda para outra) nin estudar o informe do RACE hasta que teña máis tempo libre, pero si vou propoñer algo, que oxalá se convertira nunha campaña viral, porque me podería salvar a vida algún día.
Todo empezou hai un par de anos, observando polo espello retrovisor o que facían os demais conductores ó rebasar ciclistas detrás de min, con desigual resultado. Despois fun comprobando como, esaxerando as miñas precaucións ostensinblemente, os que me seguían comportábanse de mellor xeito que actuando con normalidade. Parece que o truco está en chamar a atención sobre a presencia do deportista e lembrarlle ós demais conductores a necesidade de adaptar a súa conducta, como se a orixe da sinistralidade estivese en un problema de percepción máis que de conciencia.
Por tanto, pídolles dende aquí que, cando advirtan a presencia dun ciclista na estrada por diante de vostedes, máis que seren prudentes con él (non dubido que o sexan), fagan o posible por chamar a atención dos outros conductores. Mantéñase varios metros por detrás del para que lle dea tempo a reaccionar se cae, adiante pasándose ó outro carril e a unha velocidade reducida (como fan os camioneiros da Europa non ibérica, por certo) e non volva ó seu carril hasta terlle sacado uns bos metros de vantaxe. Pero, sobre todo, que o vexan os demáis, para que se dean conta de que o ciclista non é coma unha farola, senón un usuario aínda máis vulnerable que os peatóns. Así de fácil, pode evitarme algún día un disgusto.
Gracias por adiantado.

Autobombo 1. Introducción ó meu PFC.

Hasta a Segunda Guerra Mundial, a principal fonte de enerxía a escala mundial era o carbón. O conflito marcou unha evolución cara os combustibles derivados do petróleo, que dende entón, e hasta hoxe, ocupan ese lugar predominante. Sen embargo, esa situación non estivo exenta de problemas que se poden considerar como síntomas de debilidade do sistema; a chamada «crise do petróleo» a principios da década dos ’70 do século pasado, foi quizais a primeira de unha serie de alarmas que, nos últimos corenta anos, nos están a advertir de graves problemas nun horizonte cada vez máis próximo. Ese horizonte chámase «pico de Hubbert», a data en que a industria acade a máxima capacidade de produción petrolífera posible, a partir da cal o paulatino esgotamento das reservas mundiais fará imposible proseguir co aumento da demanda sostido dende os albores da industria automobilística.
Por outra parte, esta masificación no consumo de hidrocarburos de orixe fósil ten carrexado non poucos problemas de natureza medioambiental, dende os desastres ocasionados en accidentes dalgún navío encomendado ó seu transporte, hasta a que se considera, en moitos foros científicos, técnicos, sociais e políticos, como a maior ameaza ambiental da humanidade: o cambio climático provocado pola acumulación de gases de efecto invernadoiro, procedentes do emprego de combustibles fósiles.
Hai que engadir en toda esta contextualización o negativo escenario económico desenvolto durante os anos 2008 e 2009, en que a suma de varias circunstancias provocaron unha forte deceleración do crecemento, na cal un dos sectores peor parado foi, precisamente, a industria do automóbil que asistiu, entre outras calamidades, á bancarrota daquela General Motors outrora colosal.
Un panorama de crise enerxética, crise ambiental e crise económica pode definirse, dende o punto de vista deste proxecto, como un panorama de excepcionais oportunidades.

Levo xa un tempo desaparecido. Con esta leira mal sachada e sen visitar as dos veciños. Isto débese a que estou na recta final do meu proxecto de fin de carreira, e non me chegan as horas do día para rematalo. A parrafada en cursiva é un extracto da xustificación que fixen nas primeiras páxinas da memoria. Nuns días podereilles amosar algo máis.

Dispara. Ti si que eres feísmo. O miliario de Vilar.

Hoxe, 11 de xullo, é día de San Benito, festa da veciña parroquia de Vilar. Precisamente de alí ven a (mini) fotogalería de este mes, adicada ó miliario romano de esa parroquia.
Sinalizando a Via Romana XIX, Braga-Lugo-Astorga, leva vinte séculos ese penedo alongado que ven vostedes na foto. Actualemente, pasan por ahí varios centos de persoas cada ano, na súa peregrinación a Santiago dende a fronteira portuguesa.

Miliario e amigos.

Para min, esas pequenas cousas son unha razón para sentirse orgullosos de Galicia, neste caso do seu patrimonio e historia, mais estas fotos están na categoría de «Ti si que eres feísmo» por algo que a se me antolla evidente: non creo que alguén se motive a percorrer máis de cen kilómetros a pe, seguindo unha ruta histórica, para ver naves industriais e postes de cemento como ese de media tensión que ten delito. O delito de que custaba o mesmo facelo ben, e chantalo por detrás do seto ou dez metros máis afastado, non a tres dun ben de interese cultural (BIC). Non sei, igual dentro de dous mil anos, quen pase por ahí daralle valor histórico a ese poste, ou se protexen as ruínas de esas naves que hoxe, por moito que os setos da «pantalla vexetal» intenten evitalo, afean o lugar case tanto como as silvas que ninguén corta. A ver se co Xacobeo 2010 lle toca.

Déixolles este enlace, para que sepan un pouquiño máis dos miliarios de Redondela, que oxalá volvan algún dia ó seu sitio.

Sobre o peche de Garoña.

A fume de carozo, cinco preguntas, coas respectivas respostas, coas que manifesto a miña opinión sobre o peche ou non peche da central nuclear de Santa María de Garoña.

1.- ¿É seguro prorrogar a explotación da central de Garoña? Si. Se os técnicos do consello de seguridade nuclear o afirman, ou impoñen unhas condicións, eu non son ninguén para levarlles a contraria.

2.- ¿É preciso prorrogar a explotación da central nuclear de Garoña? Non. O sistema eléctrico español pode pasar sen os 460MW que produce esa central.

3.- ¿É aconsellable prorrogar a explotación da central nuclear de Garoña? Non. Con independencia do que fagan os outros países, e sen prexuízo da resposta á primeira pregunta, o risco de que haxa un accidente existe sempre, incluso nunha central nuclear nova ou co chupete dun bebé. O problema é que, se a esta lle acontecese algo nos próximos anos, as novas de toda a prensa internacional incluirían as seguntes palabras: España, accidente, nuclear, obsoleta, final, vida, útil, prórroga. O «qué dirán» si importa.

4.- ¿Son os postos de traballo dos profesionais da pranta un argumento a ter en conta na decisión? Non. É responsabilidade do Estado velar pola protección social de esas persoas e pola implantación de alternativas económicas viables na zona para que os traballadores non perdan o seu status. Tamén é responsabilidade do Estado velar porque esas inciativas se financien a cargo dos beneficios obtidos pola empresa que explotou o recurso ou a licencia. Pero se o emprego de unha persoa supón risco ou molestia para as demáis, ou é simplemente innecesario, ese emprego non debe conservarse. Isto tamén vale para os traballadores de ENCE, na ría de Pontevedra, ou da planta de aceites Bunge na ría do Burgo.

5.- ¿Qué é o máis perigoso de toda esta cuestión? Las dos Españas. Que os medios lle adiquen boa parte do espacio adicado a esta cuestión en termos de PP-PSOE, Rajoy-Zapatero, El Mundo-El País, a COPE-a SER… a mesma verga sempre. Se uns dicen arre, os outros dicen so, e todo neste país é opinable, ademáis de xeito inversamente proporcional á idea que cada quen ten da materia. A quen lle preocupe xa buscará en google.

Resiste Honduras.

«O que está a acontecer en Honduras é unha oportunidade extraordinaria. Unha oportunidade, primeiro, para desterrar dunha vez unha das “tradicións” máis noxentas da política latinoamericana, pero sobre todo unha oportunidade para a universalización da democracia e os dereitos humanos. Xa non é excusa o argumento das “cuestións internas” dun país, e teño a sensación de que é a primeira vez na miña vida que vexo ós gobernos dos países mollándose case unánimemente en condenar o inadmisible, aínda que unha parte da miña cabeza insiste en preguntar qué intereses haberá para que esta vez sexa diferente das outras.
Bágoa que, ó mesmo tempo, Irán vaia desaparecendo da pantalla.
»