Análise das Europeas 2009.
Fago unha pequena análise do que foron as eleccións para o Parlamento Europeo, tratando dous aspectos que me parecen importantes: o desenvolvemento da campaña e a relación dos europeos coa Unión.
Da publicidade abráianme dúas cousas, o estudiadas que están as formas de condicionar a conducta humana, e a facilidade coa que un descuido podería tirar pola borda un grande proxecto. Poño tres exemplos do segundo. Audi bautiza os seus todocamiños coa letra Q (de quattro) seguida dun número que representa o segmento en que se sitúa; así, o de gama alta é o Q7, de gama media o Q5 e na gama inferior o Q3. ¿A quén se lle pudo colar unha pifia como un modelo de coche chamado (digan todos comigo) «Audi cutres»? Outro, un pouco máis avanzado pero tamén no eido do automóbil, é un anuncio de Chevrolet onde o primeiro plano da traseira dun coche azul revela unha forte «piel de laranxa», probablemente o defecto de pintura que máis reclamacións provoca nos talleres de chapa. O terceiro, é a estratexia seguida nas campañas do PSOE tanto nas eleccións ó Parlamento de Galicia como nestas europeas. Non sei, pero se eu contratase a publicidade dalgo, non aceptaría unha campaña na que o protagonista fose a competencia.
Con iso, o que se revela é quén ten a iniciativa na loita política, un Partido Popular consciente (ou non) da fidelidade do seu electorado que, renunciando á crispación con temas sanguinolentos da pasada lexislatura, mantén unha liña de polémicas constantes útil para facer da política a actividade máis estéril da realidade española, tendo en frente a un PSOE enfeblecido na mediocridade da guerra de trincheiras.
De feito, o paralelismo coa Primeira Guerra Mundial é fácil: sen capacidade para avanzar ningún dos dous bandos, o estancamento da loita leva a tratar unha guerra de desgaste so que, a diferencia do que lle aconteceu a von Falkenhayn, o Partido Popular sabe que os seus votantes non se desgastan.
Neste panorama, onde os que se proclaman como a única alternativa de esquerda para vencer a dereita vai por detrás desta, hasta o punto de cederlle parte dos seus carteis electorais, as opcións minoritarias tampouco son capaces de aproveitar que os coches pequenos se moven mellor nun atasco, en parte aplastadas pola ocultación mediática imposta dende unha lei electoral do século pasado (ver Nota), en parte porque canto máis as coñezo máis me dou conta de que, fronte a poderosa mercadotecnia dos grandes partidos, os pequenos mostran unha total ignorancia da necesidade de contactar con xente alén da súa propia militancia. Como exemplo, a observación de que a sede de IU en Pontevedra non está rotulada nin no porteiro automático; unha organización «oculta» non vai recibir votos. Para o BNG tamén habería recado, pero este non é un blog de márketing e técnicas CRM.
En toda esta fochanca, a maior decepción de todas (non tal, porque non tiña demasiada esperanza) foi que as únicas alusións que oín respecto de cuestións da política común europea, como a lexislación laboral ou a política de inmigración saíron da publicidade institucional. Os argumentos pouco tiveron que ver coas sesenta horas semanais, a dependencia enerxética de Rusia, o tratado de Bolonia, e esas cousas todas que veñen de Europa. Ollo, non digo que non dixeran, pero eu veño tragando unha media dun telexornal diario e aínda non sei cales son as posturas de cada un ó respecto. Igual era que non estaba atento. O caso é que, para moitos de nos, a libre circulación de persoas é a forma natural de organizar o mundo, igual que a harmonización lexislativa, o espacio cultural común… sacando iso, a UE queda como un ente entre abstracto e perigoso, na medida en que o que alá se arregla parece máis fácil de condicionar por parte dos lobbys que dos cidadáns, e con esa percepción non é de extrañar que a xente opte por pasar olímpicamente de votar para o parlamento europeo, cando non lles da por votar para Europa precisamente aqueles que están en contra de ela.
Nota: (1º) Despois do accidente do Prestige, para min Ana Blanco seguía manchada daquel brutal exercicio de manipulación que exhibiran os informativos de TVE; agora, coas súas pataletas no telexornal contra a restricción da liberdade de información que supón impoñer un reparto de tempo entre partidos proporcional ó resultado das anteriores eleccións, queda redimida e volvo confiar nela. (2º) ¿Alguén me pode explicar qué sentido ten a figura legal da «campaña electoral» cando os partidos políticos están en campaña todo o ano?
Do BNG non te referirás á campaña de “Imos a Europa, Miras?”
Comment by pablo gonzález — June 9, 2009 @ 7:31 am
Boísima esa campaña
. Eu máis ía pola liña:
1º Esta é a nosa idea do que deber ser, e non estamos dispostos a cambiala por nada diferente a un pacto de goberno.
2º Temos unha base social coa que te poderías sentir identificado pero, como o seu nome indica, a base está abaixo e, como todo o mundo sabe, a información so se transmite en sentido descendente.
E máis que se ocorren, pero quede claro que é a percepción que teño dende fora.
Comment by F. Miguez — June 9, 2009 @ 1:16 pm
Levo tempo e tempo escoitando severas críticas ós partidos políticos , levo anos e anos escoitando “todos os partidos son iguais” e a máxima “Están todos para chupar , isto tamén aplicado ós sindicatos….levo toda a vida escoitando a xente poñer a parir a toda institución que se precie….Pero onde carallo está a xente ?? onde estamos cando hai que asistir a unha manifestación en contra das 60 h semanais ? , onde estamos para protestar contra o abuso das eléctricas ou das compañías de móbiles ou dos bancos?? Onde estamos cando hai que ser testemuña do mobbing no traballo?? Onde estamos cando hai que defenestrar un alcalde (defenestrar é tira-lo alcalde pola fiestra) cando se sube o salario inxustificadamente??
E que nin para votar estamos¡¡¡ Que non me fodan , imaxinemos que ese teórico 59% de “desilusionados europeos” ( 57% de inútiles vagos egoistas redomados diría eu) , se lles dese por votar ós Verdes por exemplo ou a un partido tipo Iu….cambiaría o conto ou non ? Cambiaría claro que sí …pero teriamos medo de perde-la nosa boa posición socieconómica ( os que a teñan)… E os que non a teñen nin se molestaron por foder ós ricos ¡¡
Todos somos unhas ratas ,con perdón se ofendín
P.D Obviamente hai casos excepcionais coma APUNTA
Comment by Schliemann — June 9, 2009 @ 5:17 pm
Gracias pola excepción, he he.
O caso é que estou bastante de acordo no fondo do que dice. Poñámonos como nos poñamos, nunha democracia a sociedade ten o que merece, o como moito aquilo polo que está disposta a loitar; desafortunadamente, a fame da máis ganas de loitar que ter o estómago cheo.
Dende outra perspectiva, a nivel colectivo (porque a nivel individual hai suficientes excepcións como para non consideralas tal) están bastante confundidas as necesidades que temos, preocupándonos bastante máis por cuestións como o fútbol, a moda, ou os concursantes dos reality-shows que de se o alcalde nos está a escarallar o territorio.
Teño esperanza de que se trata dunha confusión pasaxeira, entre tanta novidade tecnolóxica e tanto apoxeo dos medios de comunicación, ou será que nos libros de historia contan so o papel dos personaxes proactivos, e sempre hubo borreguismo.
Comment by F. Miguez — June 10, 2009 @ 5:34 am
Ten moita razón Schliemann, dijo eu, pero moita, moita. É moi bonito non ir a votar, pero efectivamente, había alternativas.
Comment by Ninsesabe — June 16, 2009 @ 9:43 am
Quede claro que eu so pretendo explicar os feitos, é dicir, que nin xustifico a abstención nin a comparto (polo menos neste caso).
Efectivamente hai alternativas, Ninsesabe, mais temo que no espacio mental do Español medio futbol, carreiras de coches/motos, OT, Supervivientes, PPPSOE, un par de series de televisión e algunha pequena ambición personal son sufientes para non deixar apenas un oquiño para percibir a existencia de alternativas políticas no país e a súa importancia.
Comment by F. Miguez — June 17, 2009 @ 5:53 am