Fago unha pequena análise do que foron as eleccións para o Parlamento Europeo, tratando dous aspectos que me parecen importantes: o desenvolvemento da campaña e a relación dos europeos coa Unión.
Da publicidade abráianme dúas cousas, o estudiadas que están as formas de condicionar a conducta humana, e a facilidade coa que un descuido podería tirar pola borda un grande proxecto. Poño tres exemplos do segundo. Audi bautiza os seus todocamiños coa letra Q (de quattro) seguida dun número que representa o segmento en que se sitúa; así, o de gama alta é o Q7, de gama media o Q5 e na gama inferior o Q3. ¿A quén se lle pudo colar unha pifia como un modelo de coche chamado (digan todos comigo) «Audi cutres»? Outro, un pouco máis avanzado pero tamén no eido do automóbil, é un anuncio de Chevrolet onde o primeiro plano da traseira dun coche azul revela unha forte «piel de laranxa», probablemente o defecto de pintura que máis reclamacións provoca nos talleres de chapa. O terceiro, é a estratexia seguida nas campañas do PSOE tanto nas eleccións ó Parlamento de Galicia como nestas europeas. Non sei, pero se eu contratase a publicidade dalgo, non aceptaría unha campaña na que o protagonista fose a competencia.
Con iso, o que se revela é quén ten a iniciativa na loita política, un Partido Popular consciente (ou non) da fidelidade do seu electorado que, renunciando á crispación con temas sanguinolentos da pasada lexislatura, mantén unha liña de polémicas constantes útil para facer da política a actividade máis estéril da realidade española, tendo en frente a un PSOE enfeblecido na mediocridade da guerra de trincheiras.
De feito, o paralelismo coa Primeira Guerra Mundial é fácil: sen capacidade para avanzar ningún dos dous bandos, o estancamento da loita leva a tratar unha guerra de desgaste so que, a diferencia do que lle aconteceu a von Falkenhayn, o Partido Popular sabe que os seus votantes non se desgastan.
Neste panorama, onde os que se proclaman como a única alternativa de esquerda para vencer a dereita vai por detrás desta, hasta o punto de cederlle parte dos seus carteis electorais, as opcións minoritarias tampouco son capaces de aproveitar que os coches pequenos se moven mellor nun atasco, en parte aplastadas pola ocultación mediática imposta dende unha lei electoral do século pasado (ver Nota), en parte porque canto máis as coñezo máis me dou conta de que, fronte a poderosa mercadotecnia dos grandes partidos, os pequenos mostran unha total ignorancia da necesidade de contactar con xente alén da súa propia militancia. Como exemplo, a observación de que a sede de IU en Pontevedra non está rotulada nin no porteiro automático; unha organización «oculta» non vai recibir votos. Para o BNG tamén habería recado, pero este non é un blog de márketing e técnicas CRM.
En toda esta fochanca, a maior decepción de todas (non tal, porque non tiña demasiada esperanza) foi que as únicas alusións que oín respecto de cuestións da política común europea, como a lexislación laboral ou a política de inmigración saíron da publicidade institucional. Os argumentos pouco tiveron que ver coas sesenta horas semanais, a dependencia enerxética de Rusia, o tratado de Bolonia, e esas cousas todas que veñen de Europa. Ollo, non digo que non dixeran, pero eu veño tragando unha media dun telexornal diario e aínda non sei cales son as posturas de cada un ó respecto. Igual era que non estaba atento. O caso é que, para moitos de nos, a libre circulación de persoas é a forma natural de organizar o mundo, igual que a harmonización lexislativa, o espacio cultural común… sacando iso, a UE queda como un ente entre abstracto e perigoso, na medida en que o que alá se arregla parece máis fácil de condicionar por parte dos lobbys que dos cidadáns, e con esa percepción non é de extrañar que a xente opte por pasar olímpicamente de votar para o parlamento europeo, cando non lles da por votar para Europa precisamente aqueles que están en contra de ela.
Nota: (1º) Despois do accidente do Prestige, para min Ana Blanco seguía manchada daquel brutal exercicio de manipulación que exhibiran os informativos de TVE; agora, coas súas pataletas no telexornal contra a restricción da liberdade de información que supón impoñer un reparto de tempo entre partidos proporcional ó resultado das anteriores eleccións, queda redimida e volvo confiar nela. (2º) ¿Alguén me pode explicar qué sentido ten a figura legal da «campaña electoral» cando os partidos políticos están en campaña todo o ano?