Presentación da Unidade Didáctica: «Por Saxamonde. Posibilidades dunha saída didáctica.»
(Perdón pola redundancia.) Onte presentamos aquí, na miña parroquia, un traballo titulado «Por Saxamonde. Posibilidades dunha saída didáctica.» Trátase dunha unidade didáctica que preparamos entre varios veciños, algúns docentes e outros «especialistas» en diversas ramas, orientada a alumnos da ESO e Bacharelato, ofrecendo materiais para sete asignaturas: (historia, xeografía, ciencias naturais, educación física, tecnoloxía, plástica e educación para a cidadanía, ademais dun capítulo intermedio, «Os Camiños de Ferro» que colle tanto na asignatura de historia como na de tecnoloxía).
A unidade didáctica está concebida en torno a catro rutas para facer a pe por varias parroquias do concello de Redondela, tendo todas como punto común a área do «Chan das Pipas», onde se sitúa o centro cultural da parroquia e a «zona cero» do proxecto de polígono industrial ó que nos opoñemos nesta tribu. De cada asignatura, expóñense temáticas relacionadas co que se pode atopar nas rutas ou no Chan das Pipas, e propóñense actividades ó respecto.
(http://issuu.com/saxamonde/docs/por_saxamonde._posibilidades_dunha_sa_da_did_ctica)
As intencións son dúas: De portas para fora, ofertar uns contidos didácticos para os profesionais da docencia nesta contorna (ou para particulares interesados nesta clase de contidos) que permiten explotar sobre o terreo os recursos para a aprendizaxe que nos ofrece o entorno de Redondela e, en particular, da parroquia de Saxamonde. De portas para dentro, a intención de darlle valor a unha zona despreciada dende a administración con unha serie de proxectos totalmente irrespetuosos co entorno.
A obra editámola nos mesmos, e está aberta a calquera que desexe valorar a posibilidade de utilizala. Para aqueles que estean interesados en maior información, poden poñerse en contacto comigo ou co enderezo nonopoligono@hotmail.com. Dende a organización, ofreceráselle toda a colaboración que sexa precisa. Polo de agora, xa contamos coa experiencia do IES Alexandre Bóveda, de Vigo, e o resultado parece que foi do agrado de todos, así que oxalá se repita con outros moitos centros.