Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia. Parque fluvial do río Barosa.
Volta a rutina de publicar unha fotogalería cada segundo sábado de mes, esta vez con unha reportaxe sobre o parque fluvial do río Barosa, no concello de Barro, Pontevedra.
Trátase dun lugar onde o río ten dous remansos separados por un desnivel considerable, que salva con unha fermosa férveda. Outrora, a enerxía da auga nese salto foi aprovetada para accionar un grupo de muíños que aínda se poden ver no lugar, con diferente estado de conservación. Actualmente, a paraxe está orientada ó esparcemento, con varios establecementos hostaleiros (que non desentonan estéticamente, detalle bastante importante) e un sendeiro que permite percorrer ambos lados da férveda.
As fotos foron tomadas entre as semanas máis chuviosas do inverno, e supoño que no verán río e férveda terán bastante menos auga, e bastante máis xente, que aproveita as pozas que se estancan nas rochas para se bañar. Sexa como sexa, un lugar deses que a nosa terra nos ofrece para reconfortarnos.

