1º de maio de 2009

Do panorama laboral co que chega este primeiro de maio non hai moito que comentar. Xa estaba case todo dito hasta esta semana, na que a «Gripe Nova» (antes «gripe porcina», pero sospeitosamente rebautizada no transcurso dos acontecementos) sacou a crise do pedestal da omnipresencia mediática. Volverá, porque a experiencia de casos anteriores ensina que as grandes pandemias de dez afectados por estado danlle máis choio a xornalistas e políticos que ó personal sanitario, e coa crise volverán á televisión o paro, a morosidade, os E.R.E. e o peche de empresas.

Perante ese escenario, cabe afrontar o Primeiro de Maio con dúas ópticas diferentes. Unha, a loita contra a crise, ou mellor dito contra os efectos que esta ten sobre o traballo; deixando para logo cuestións estruturales, non cabe dúbida que o río revolto está sendo proveitoso para empresarios ávidos de recortar o seu principal custe fixo (o de personal), reestructurando a súa economía de escala en busca de maiores marxes de beneficio no horizonte dun par de anos cando, como é de prever, o bache empece a superarse.
Esta pedantería que me acabo de largar, pódese traducir coloquialmente da seguinte maneira. Cando un empresario dí que deslocaliza a súa actividade por mor da crise, en realidade está a dicir «hai crise, e a xente non compra o que fabrico, independientemente de que estea fabricado en Galicia ou na China Popular, pero como en crise todo se perdoa, levanto o chiringuito e voume con él a outro sitio onde os traballadores cobren menos, teñan menos dereitos, e me toquen menos os xenitais co tema do medio ambiente». Esta debería ser a grande batalla sindical do momento; sindical e social. Ninguén está en contra de que os países en vías de desenvolvemento teñan actividade productiva, pero alguén debería de evitar que esta se inicie a expensas dos traballadores dun e outro lado, e con grandes beneficios para uns poucos.
A segunda óptica, a das cuestións estruturales, xa é un pouco máis dura. Para que o sistema funcione, hai unha cousa que nunca debe faltar: as ventas. Se non hai ventas, as empresas non teñen ingresos, e sen eses ingresos non hai salarios nin cotizacións, e sen iso voltaríamos á economía do século XV, máis ou menos. Non obstante, hai dous problemas. O primeiro problema é que, para que un venda, outro debe mercar, pero antes ou despois chegan puntos onde o público se satura e xa non da mercado máis. Hai artimañas para superar eses puntos, pero eu estou disposto a apostar que algún día o ser humano xa non dará mercado todo o que poidan producir as fábricas… e haberá perdas. Mentres, o segundo problema é que para vender algo, primeiro hai que producilo, para producilo consúmense recursos, e os recursos da terra son limitados. E punto. Un sistema social (falo das pensións, a seguridade social, etc.) que se sustenta nun sistema económico baseado en maximizar a explotación de recursos limitados está inevitablemente limitado, e avocado á crise.
A cuestión ten un alcance que sobrepasa as aspiracións naturales dun día no que, sexamos honestos, non se arregla nada pero pódense declarar moitas intencións.