Outra reflexión sobre a participación cidadá na actividade política, ilustrada co doloroso caso de Redondela.
¿Lembran esta foto? Púxena nun artigo sobre obstáculos en beirarrúas escrito hai un ano, acompañado nunha entrada no fotoblog. A historia de ese poste atravesado nunha rúa de Culleredo non rematou ahí. No mes de xullo, aproveitando que estaba por alá, fixen (a man, que non tiña impresora) un escrito pedindo a súa retirada e leveino ó Concello para entregalo no rexistro. Neste marzo pasado, o poste finalmente desapareceu, despexando o paso que obstaculizaba. Non son tan inxenuo para pensar que foi «gracias ó meu escrito», supoño que reclamaría máis xente, pero vou ilustrar outra historia peor.
En Redondela temos un problema. Vale, temos unha chea, pero vou falar de un. O Ministerio de Fomento pretende construír unha autovía e nos temos razóns obxectivas para pensar que son máis os danos que os beneficios polo que nos opoñemos a ela. O problema está en que o goberno municipal está a favor de que se faga esa autovía, contrariamente á opinión manifestada polos veciños. De feito, o noso alcalde non ten inconvinte en tratar de deslexitimarnos aínda que sexa con mentiras (bágoa que a Radio Municipal de Redondela non teña arquivo web). A pesares de iso, fíxense nesta curiosa secuencia de acontecimentos:
O 12 de Marzo a prensa informa de que se aproba o estudio da autovía, referida no enlace como «la futura autovía que unirá Pontevedra y Vigo como alternativa a Rande» o cal é mentira, pero xa falaremos de iso outro día.
Ós dous días, o Concello de Redondela anuncia que invertirá 75.000€ en transporte público.
O mércores 25 do mesmo mes, o pleno municipal foi suspendido polas protestas veciñais contra a autovía; alcalde e concelleiros foron increpados pola rúa.
Ós dous días, o alcalde anuncia no xornal unha estación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade nesta vila como paso importante para o transporte público en Redondela.
Antes de nada comentar dúas cousas: (1)Os 75.000€, ademáis de estaren condicionados ó novo goberno da Xunta, malamente darían para mercar un autobús de segunda man. (2)Redondela xa ten unha estación de tren que permite chegar a Vigo en 5 minutos, e tres apeadoiros (un no centro da vila) que se van perder coa posta en servicio do Eixo Atlántico de A.V. logo, no balance global, Redondela sae perdendo.
¿Cal é a relación entre o poste de Culleredo e o transporte público en Redondela?
Nas eleccións municipais de hai dous anos, o único político local (redondelán) que mencionou o transporte público foi o cabeza de lista de Esquerda Unida, e só cando todo o mundo sabía xa que ía perder a súa plaza de concelleiro. Dende entón, a tensión veciñal co tema da autovía foi medrando, suspenderonse dous plenos polas protestas e, cada vez, hai máis xente que vai sabendo que a Plataforma Contra a Autovía non están ahí porque lles levan as casas, nin porque sexan catro chalados sen nada que facer que se opoñen a todo. Saben que reclamamos outro modelo baseado no transporte público e no achegamento dos servicios ós cidadáns (prégolle que lea esta nova). E detrás da xente, van os políticos, porque aínda que nos vendan o contrario, os políticos non son «líderes» senon representantes. O ruxe ruxe está na rúa, e obrígaos a falar de cousas das que, hai dous anos, so dicían disparates.
Non imos cambiar o mundo, sobre iso ninguén ten potestade, pero vai sendo hora de desandar o camiño que levamos adentrándonos no perigoso pensamento de que os políticos son un mal inevitable, e enterarnos dunha vez de que políticos somos todos. Uns cobran e outros temos que facelo sacando do noso tempo e do noso peto, pero so un dos grupos ten unha responsabilidade seria: asegurarnos de que cobran por facer o que nos lles mandamos. Porque o contrario, seguir a mirar cada quen polo seu, e quixarse no bar (ou no blog) sen involucrarse en nada, é garantía de que algún día nos dirán «ti non tes dereito a unha democracia pola que non traballaches».
Nota: Gracias pola correción, minhoteiro.