1º de maio de 2009

Do panorama laboral co que chega este primeiro de maio non hai moito que comentar. Xa estaba case todo dito hasta esta semana, na que a «Gripe Nova» (antes «gripe porcina», pero sospeitosamente rebautizada no transcurso dos acontecementos) sacou a crise do pedestal da omnipresencia mediática. Volverá, porque a experiencia de casos anteriores ensina que as grandes pandemias de dez afectados por estado danlle máis choio a xornalistas e políticos que ó personal sanitario, e coa crise volverán á televisión o paro, a morosidade, os E.R.E. e o peche de empresas.

Perante ese escenario, cabe afrontar o Primeiro de Maio con dúas ópticas diferentes. Unha, a loita contra a crise, ou mellor dito contra os efectos que esta ten sobre o traballo; deixando para logo cuestións estruturales, non cabe dúbida que o río revolto está sendo proveitoso para empresarios ávidos de recortar o seu principal custe fixo (o de personal), reestructurando a súa economía de escala en busca de maiores marxes de beneficio no horizonte dun par de anos cando, como é de prever, o bache empece a superarse.
Esta pedantería que me acabo de largar, pódese traducir coloquialmente da seguinte maneira. Cando un empresario dí que deslocaliza a súa actividade por mor da crise, en realidade está a dicir «hai crise, e a xente non compra o que fabrico, independientemente de que estea fabricado en Galicia ou na China Popular, pero como en crise todo se perdoa, levanto o chiringuito e voume con él a outro sitio onde os traballadores cobren menos, teñan menos dereitos, e me toquen menos os xenitais co tema do medio ambiente». Esta debería ser a grande batalla sindical do momento; sindical e social. Ninguén está en contra de que os países en vías de desenvolvemento teñan actividade productiva, pero alguén debería de evitar que esta se inicie a expensas dos traballadores dun e outro lado, e con grandes beneficios para uns poucos.
A segunda óptica, a das cuestións estruturales, xa é un pouco máis dura. Para que o sistema funcione, hai unha cousa que nunca debe faltar: as ventas. Se non hai ventas, as empresas non teñen ingresos, e sen eses ingresos non hai salarios nin cotizacións, e sen iso voltaríamos á economía do século XV, máis ou menos. Non obstante, hai dous problemas. O primeiro problema é que, para que un venda, outro debe mercar, pero antes ou despois chegan puntos onde o público se satura e xa non da mercado máis. Hai artimañas para superar eses puntos, pero eu estou disposto a apostar que algún día o ser humano xa non dará mercado todo o que poidan producir as fábricas… e haberá perdas. Mentres, o segundo problema é que para vender algo, primeiro hai que producilo, para producilo consúmense recursos, e os recursos da terra son limitados. E punto. Un sistema social (falo das pensións, a seguridade social, etc.) que se sustenta nun sistema económico baseado en maximizar a explotación de recursos limitados está inevitablemente limitado, e avocado á crise.
A cuestión ten un alcance que sobrepasa as aspiracións naturales dun día no que, sexamos honestos, non se arregla nada pero pódense declarar moitas intencións.

Publicidade en TVE

«Claro que estou de acodo en que se reduza a publicidade en Televisión Española, sobre todo porque so a vexo á hora de comer, cando está rematando o telexornal e empeza unha tanda de anuncios interminable antes da información meteorolóxica. Pero eu xa me daba cun canto nos dentes se acabasen coa autopublicidade, porque non hai día en que as noticias pasen sen incluír un “los servicios informativos de RTVE han vuelto a ser líderes de audiencia” ou “ya solo falta una semana para que se emita el programa Tengo Una Pregunta Para Usted, que en su anterior edición fue seguido…”
Tampouco teño claro por qué un informativo dunha canle pública ten que facer, cada venres, publicidade dunha actividade privada como son “las novedades en la cartelera”, pero tampouco quero ser quisquilloso.»

Se resides, decides.

Hai xa case mes e medio que recibín un correo dun insigne veciño do blogomillo, convidádome a pasarme pola páxina de unha interesante inicaitiva popular. Trátase de «Se resides, decides», unha iniciativa popular para pedir a revisión da lei electoral, tratando de poñerlle fin ós escuros procederes electorais entre a emigración e ó agravio comparativo que supón o voto emigrante fronte a indefensión electoral de moitos residentes.
Eu asinei porque, como xa mostrei aquí en máis de unha ocasión, é un tema que me preocupa como cidadán. Tamén asinei porque, como tratei de explicar nun artigo bastante reciente, a paticipación cidadá na política é a única maneira de que esta non siga camiños alleos ós intereses da sociedade.
Só unha crítica: gustaríame ter dispoñible na web de “se resides, decides” unha copia do texto que se lle vai achegar ós nosos representantes, coas demandas concretas.

3 cagadas típicas na arquitectura actual.

A lampara no teito do dormitorio, molesta. Deitados na cama, temos certa facilidade para mirarmos cara o teito e, se alí temos un punto de luz intensa, deslumbranos e moléstanos na vista. Colocando apliques na parede, sobre o cabeceiro da cama, o problema non se produciría. Curiosamente, esta disposición é frecuente nas habitacións dos hoteis e prácticamente inexistente nas vivendas.

Os baixantes de auga ruidosos son evitables. Seguro que moitos coñecen a sensación de non durmir polo ruido que fan eses tubos que levan a auga da chuvia dende o canalón do tellado hasta a rede de pluviais, iso débese a que teñen un ou máis codos, situados moitas veces xusto cerca do chan, precisamente onde a auga leva máis velocidade. Tamén as baixadas de auga dos retretes poden ocasionar ruidos molestos. Se o tubo se coloca lixeiramente inclinado, e se evitan os cambios de dirección bruscos, o líquido correrá pegado á parede interior sen dar golpes.

3ª Non é preciso recurrir a complexas electrónicas para conmutar o mando de unha luz dende varios puntos, é dicir, gobernar unha bombilla dende diferentes interruptores. A pesares diso, segue sendo frecuente atopar edificios nos que algúns percorridos esixen voltar atrás para apagar unha luz cando deches chegado a acender outra.

Nin idea de economía III.

«Unha verdadeira medida para saír da crise sería eliminar o I.V.A. (ou I.V.E., como lle queiran chamar). Automáticamente, os precios das cousas baixarían hasta un 16% e o consumo aumentaría de golpe. Quede claro que estou en contra da sociedade de consumo, dando por sentado que un sistema baseado na explotación dos recursos, e non na súa racionalización, é unha temeridade suicida; non obstante, como a famosa bala de fogueo que se reparte entre o pelotón de fusilamento para calmar a conciencia dos que apretan o gatillo, deixo aberta a esperanza a un consumo orientado ós servicios, a sostenibilidade, e outras “oportunidades” menos estúpidas.
Naturalmente, non se me escapa que o estado precisa de eses ingresos feitos a conta do I.V.E., entre outras cousas para o rescate keynesiano do sistema económico, pero ben podería recollelos revisando as figuras impositivas que gravan as actividades financieiras. As grandes, claro.»

Aviso.

A quen lle interese: ;)
Por coincidir no medio das festividades da Semana Santa o segundo sábado de este mes, coa consecuente ausencia do autor dada a súa fervorosa devoción (non lles interesa ó qué), a publicación da próxima fotogalería no Dispara queda aplazada ó segundo sábado do mes seguinte.

Entre cidadáns e políticos. (Democracia participativa IV).

Outra reflexión sobre a participación cidadá na actividade política, ilustrada co doloroso caso de Redondela.

Wireless. ¿Lembran esta foto? Púxena nun artigo sobre obstáculos en beirarrúas escrito hai un ano, acompañado nunha entrada no fotoblog. A historia de ese poste atravesado nunha rúa de Culleredo non rematou ahí. No mes de xullo, aproveitando que estaba por alá, fixen (a man, que non tiña impresora) un escrito pedindo a súa retirada e leveino ó Concello para entregalo no rexistro. Neste marzo pasado, o poste finalmente desapareceu, despexando o paso que obstaculizaba. Non son tan inxenuo para pensar que foi «gracias ó meu escrito», supoño que reclamaría máis xente, pero vou ilustrar outra historia peor.

En Redondela temos un problema. Vale, temos unha chea, pero vou falar de un. O Ministerio de Fomento pretende construír unha autovía e nos temos razóns obxectivas para pensar que son máis os danos que os beneficios polo que nos opoñemos a ela. O problema está en que o goberno municipal está a favor de que se faga esa autovía, contrariamente á opinión manifestada polos veciños. De feito, o noso alcalde non ten inconvinte en tratar de deslexitimarnos aínda que sexa con mentiras (bágoa que a Radio Municipal de Redondela non teña arquivo web). A pesares de iso, fíxense nesta curiosa secuencia de acontecimentos:
O 12 de Marzo a prensa informa de que se aproba o estudio da autovía, referida no enlace como «la futura autovía que unirá Pontevedra y Vigo como alternativa a Rande» o cal é mentira, pero xa falaremos de iso outro día.
Ós dous días, o Concello de Redondela anuncia que invertirá 75.000€ en transporte público.
O mércores 25 do mesmo mes, o pleno municipal foi suspendido polas protestas veciñais contra a autovía; alcalde e concelleiros foron increpados pola rúa.
Ós dous días, o alcalde anuncia no xornal unha estación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade nesta vila como paso importante para o transporte público en Redondela.
Antes de nada comentar dúas cousas: (1)Os 75.000€, ademáis de estaren condicionados ó novo goberno da Xunta, malamente darían para mercar un autobús de segunda man. (2)Redondela xa ten unha estación de tren que permite chegar a Vigo en 5 minutos, e tres apeadoiros (un no centro da vila) que se van perder coa posta en servicio do Eixo Atlántico de A.V. logo, no balance global, Redondela sae perdendo.
¿Cal é a relación entre o poste de Culleredo e o transporte público en Redondela?
Nas eleccións municipais de hai dous anos, o único político local (redondelán) que mencionou o transporte público foi o cabeza de lista de Esquerda Unida, e só cando todo o mundo sabía xa que ía perder a súa plaza de concelleiro. Dende entón, a tensión veciñal co tema da autovía foi medrando, suspenderonse dous plenos polas protestas e, cada vez, hai máis xente que vai sabendo que a Plataforma Contra a Autovía non están ahí porque lles levan as casas, nin porque sexan catro chalados sen nada que facer que se opoñen a todo. Saben que reclamamos outro modelo baseado no transporte público e no achegamento dos servicios ós cidadáns (prégolle que lea esta nova). E detrás da xente, van os políticos, porque aínda que nos vendan o contrario, os políticos non son «líderes» senon representantes. O ruxe ruxe está na rúa, e obrígaos a falar de cousas das que, hai dous anos, so dicían disparates.
Non imos cambiar o mundo, sobre iso ninguén ten potestade, pero vai sendo hora de desandar o camiño que levamos adentrándonos no perigoso pensamento de que os políticos son un mal inevitable, e enterarnos dunha vez de que políticos somos todos. Uns cobran e outros temos que facelo sacando do noso tempo e do noso peto, pero so un dos grupos ten unha responsabilidade seria: asegurarnos de que cobran por facer o que nos lles mandamos. Porque o contrario, seguir a mirar cada quen polo seu, e quixarse no bar (ou no blog) sen involucrarse en nada, é garantía de que algún día nos dirán «ti non tes dereito a unha democracia pola que non traballaches».

Nota: Gracias pola correción, minhoteiro.

Formas.

«Son tres cousas totalmente diferentes: unha cousa é ser sincero, outra ben distinta é dicir o que se pensa e, por último, está amosar un absoluto desprecio polos sentimentos dos demáis.»