Biodiesel, agricultura e Galicia.

Dende o ano pasado, fun acumulando a necesidade de escribir un artigo sobre a producción de biocombustibles en Galicia, sobre todo, a raíz da publicación de varios estudios sobre o interese estratéxico que estes poden ter, entre outros, para o agro galego. Como non dou empezado, vouno plantexar intentando darlle resposta a varias preguntas que considero claves sobre esta cuestión.

¿Son os biocombustibles a solución ós problemas que nos truxo a economía do petróleo?
Non. Tampouco o son os coches eléctricos, nin o hidróxeno, nin a eólica, nin a solar… «A» solución é a combinación de todas esas tecnoloxías, e máis que veñan, de xeito equilibrado, evitando os dous erros cometidos co petróleo: a dependencia en exclusiva de unha soa fonte, e que o abuso derive en xerar máis problemas que solucións.

¿É verdadeiramente sostible, dende o punto de vista ecolóxico, a producción de biocombustibles?
En realidade, deberíamos preguntarnos se son verdadeiramente fiables os estudios científico-técnicos, porque son contradictorios entre sí. Supoño que o máis interesante neste eido é precisamente manter a confusión, aplicando aquilo de «a río revolto…» Se algún día se certifica que o 100% da enerxía precisa en todo o proceso é de orixe renovable, e que tanto a agricultura como a industria dos biocombustibles manteñen prácticas respetuosas co entorno, léase supresión de tranxénicos ou non producción de residuos por poñer dous exemplos, a resposta á pregunta será «si». Digo isto con reservas provocadas polo meu descoñecemento sobre a natureza dos gases de escape emitidos na combustión dos biocombustibles; a química é máis complexa que CO2 e H2O.

¿Son os biocombustibles responsables na suba dos precios no mercado agroalimentario?
Segundo a teoría económica, cando aumenta a demanda, aumenta o precio… sempre e cando non aumente simultáneamente a oferta. Sempre se falou de que, todos os anos, se destrúe unha inxente cantidade da producción agrícola mundial para manter os precios no mercado, e a idea creo que era aproveitar ese excedente para os combustibles. Tamén hai un excedente de capacidade productiva non explotado (terras bandonadas). Non obstante, o que aconteceu hai un par de anos foi que, no punto álxido da burbulla finacieira que ven de estourar, a demanda aumentou con fins especulativos, e esa foi a causa da suba nos precios. Parece que agora temos unha época na que se pode pronunciar a palabra «regulación» sen que che digan nada (aínda que probablemente o pensen).

¿Son os biocombustibles unha oportunidade para a agricultura?
E para a industria tamén, sempre e cando se faga co sentido común esbozado nos puntos anteriores. Se cunde unha fiebre dos cultivos enerxéticos que leve a abandonar outras produccións ou outras estratexias productivas, e que cegue a agricultures e políticos fronte as teorías do negocio fácil, o máis seguro é que dentro de dez ou quince anos haxa explotacións arruinadas, e unha agricultura máis feble fronte a outros intereses.

¿Son os biocombustibles unha oportunidade para a agricultura en Galicia?
Depende. Indirectamente, sí, polo que supón de oportunidade o aumento da demanda en productos agrícolas, pero directamente, ten máis de amenaza que outra cousa. Notouse cando a suba de precios antes citada, que repercutiu considerablemente sobre os custes das explotacións lácteas. A agricultura profesional galega ten unha forte compoñente gandeira, e ese gando mantense con uns insumos dos que Galicia é deficitaria; antes de pensar en abrir novas liñas de negocio para o agro galego, deberíase pensar en afianzar as xa existentes, tentando controlar os puntos clave de toda a cadea productiva e de valor. Ademáis, os cultivos enerxéticos préstanse máis a un modelo de agricultura extensiva que non encaixa perfectamente dentro das condicións do noso territorio (dito isto coa prudencia de non ser enxeñeiro agrónomo).

¿Cales poden ser as verdadeiras oportunidades para o agro galego?
Tantas como poidamos imaxinar. Unha xa a apuntamos: tratar de reducir o déficit de insumos para gandería. Outra, a aposta pola calidade como elemento diferenciador e de valor engadido. Se outros nos poden gañar en custes de producción, temos que apostar por facer o que eses outros non poden: darlle un coidado especial ós nosos productos. Nese senso, o reducido tamaño das nosas explotacións facilitan o achegamento á excelencia, ou a evolución cara a agricultura ecolóxica. Podemos poñer como exemplo o renombrado pan feito en lugares como o Porriño ou Cea, nos que curiosamente non se sementa nin unha hectárea de trigo, o que da pe a combinar os dous plantexamentos anteriores, cubirir a demanda interna e a aposta pola calidade. O mesmo acontece coas carnes de porcino e vacún. Por suposto, no mundo en que vivimos, as canles para chegar ó consumidor final son a opotunidade do momento.
A administración tamén pode xogar un papel activo na creación de oportunidades no sector agrario. Hai tempo, un enxeñeiro agrónomo comentarista de esta casa, falábame dunha proposta para crear no Baixo Miño polígonos de horta nos que se ofrezan os servicios básicos de electricidade e auga en parcelas de tamaño rendible, entregadas en réxime de arrendamento a profesionais que queiran iniciar a actividade e carezan de terreo. Básicamente, entendo eu, como a «decidida aposta» polos polígonos industriais, pero pensando no agro. Nas circunstancias de cambio político que hai en Galicia, cabe recoñecerlle ó goberno anterior a posta en marcha de campañas e ideas orientadas a frear o despoboamento do campo, como foi o Banco de Terras de Galicia. Aínda que descoñezo o resultado cuantitativo desas políticas, o goberno entrante debe afondar nelas e avanzar cara a meta de revitalizar unha agricultura que, ademáis de definirnos culturalmente, nos da de comer.

Beers and Blogs en Vigo.

Vigo Beers & Blogs

O outro día, recibín un correo do blogueiro Jesús López para me convidar ó 4º Vigo Beers & Blogs, dicindo textualmente:

«La idea es juntarnos de forma informal para hablar de Blogs, de Internet y de lo que surja, pero sobre todo es la de conocernos entre unos cuantos apasionados de la red, que estamos muy cerca unos de los otros y que tan siquiera nos conocemos.»

Copio e pego porque me parece que a mensaxe é suficientemente tentadora.
Eu non vou poder acudir, pero poño aquí o enlace da súa bitácora para que, se a alguén máis lle parece interesante, se poña en contacto con él.
Gracias pola invitación, Jesús.

Así NON se defende unha língua.

F. Míguez: «-Hola, teñen algún libro sobre mecánica do automóbil.»
Dependente: «-Non, so traballamos libro galego.»

De esa conversa hai alá para dez ou doce anos, e teño volto por esa coñecidísima librería coruñesa sendo moi ben atendido polo personal, pero aquela resposta aínda me pon hoxe de mal humor, por razóns das que supoño non son precisas maiores explicacións.

Dispara. Costaba o mesmo facelo ben. A casa que comeu os cables.

¿U-los cables?
Recoñezo que non son demasiado bo fotógrafo e ademáis teño unha cámara de xoguete (sen zoom), por iso se hai que esforzar un pouco para ver o que pretenden ensinar estas fotos, subidas ó fotoblog hoxe, segundo sábado de mes (alí vense máis grandes).
Trátase de unha casa construída no concello de Soutomaior, cuia fachada literalmente atrapou no formigón o tendido telefónico que por alí pasaba. Ver cómo os cables entran na casa por un lado e saen polo outro resultaría cómico, tal que de viñeta, se non dese medo, e explícome:
Todos tivemos na casa, algunha vez, un albanel capaz de cerebradas como buscar onde está picado un cable pasándolle a man sen cortar a corriente ou tapar os interruptores da luz cos llanos dunha parede (ambos casos verídicos e vistos con estes ollos). Un mal día teno calquera e, se lle cadra en luns pola mañán, igual trinca un feixe cables telefónicos co ladrillo como escorda unha man abrindo unha cervexa.
O grave non é iso senón que esa obra, igual que todas, debería estar supervisada por un aparellador e un arquitecto que cobran bastante máis que o oficial, e pola inspección urbanística do concello (está pegada a unha estrada importante, non vale a escusa de edificar de tapadillo). Se os técnicos e as administracións non cumplen coas súas obrigas, e permiten a chapuza, cando non a irregularidade, só podemos encomendarnos a que o oficial teña os menos días malos posibles… e a ver que pasa. Iso, ou darlle os honorarios do arquitecto ó albanel.

Carta aberta a A. Núñez Feijoo. Sobre o coche oficial.

Estimado Presidente electo:

Pola presente, diríxome a vostede para expresarlle respetuosamente a miña opinión en relación á súa promesa electoral, de se desfacer do vehículo oficial mercado polo anterior presidente, e de adquirir outro modelo, da marca Citroën, por ter esta unha factoría en Vigo.
Resúmolle o meu parecer en tres puntos:
1º Supoño concordar plenamente na súa análise de que o despilfarro e o vicio por parte dos gobernantes é unha actitude vil, despreciable e merecedora incluso de algo máis que o castigo electoral. Confío en que, alén da cuestión do coche oficial, será vostede quen de predicar co exemplo, con iniciativas como a fiscalización pública das contas do seu goberno.
2º Quédese vostede co coche adquirido polo señor Touriño. Insistindo en coincidir con vostede na crítica a esa compra, se vostede se desfai del para adquirir outro, resultará que os galegos nos veremos pagando o segundo coche oficial «capricho de presidente» en menos de un ano, o cal, supoño que iría implícitamente contra o espíritu da propia medida.
3º Se aínda así se empeña vostede en cambiar o dichoso coche, teña presente que os modelos fabricados polo grupo PSA en Vigo, a saber Berlingo/Partner e Picasso, non se corresponden moito coa idea típica de vehículo oficial, polo que, salvo que faga vostede unha orixinal excepción, seguiría mercando un coche feito fora de Galicia e, en calquera caso, de unha empresa foránea. Sen ánimo de lesionar para nada os intereses da PSA Peugeot-Citroën, nin de facer publicidade de ningunha outra empresa, do cal eu non obtería beneficio algún, permítame lembrarlle (porque parto de supoñelo coñecedor da realidade industrial de Galicia) que existe outro fabricante de coches na nosa terra, e neste caso sí se trata de unha empresa galega. UROVESA é unha compañía punteira dentro do seu nicho de mercado, que son os vehículos con funcións todo terreo e, entre a súa gama, a versión civil do modelo VAMTAC pode, tal e como se ve na imaxe, asumir a estética dun vehículo de representación. Pénseo, igual da vostede un pouco a nota nas xuntanzas ás que acuda, pero podería fachendear dalgo que poucos xefes de estado («xefes de estado» está ben posto) poden facer: moverse gracias á iniciativa tecnolóxica e empresarial da súa terra. Iso sí que sería romper co pasado político de Galicia.

URO VAMTAC Civil.

Nota: Dubido moito que esta carta chegue ós ollos do Sr. Feijoo, e aínda moito máis que lle vaia a facer caso. Non son tan inxénuo, aínda que alguén debería comentarlle o manifestado nos puntos 1º e 2º. A verdadeira intención deste post é recoñecer a admiración personal que sinto por esta empresa galega, que ocupa bastante menos follas de xornal que outras (algunhas non tan galegas).

Decálogo de erros cometidos polo bipartito.

Expoño, sen determe a analizalas, as que xulgo como principais causas da derrota electoral sufrida pola coalición gobernante na anterior lexislatura, e conclúo con dúas observacións que considero importantes para o futuro. A orde é arbitraria.

1º O fiasco na reforma do estatuto.
2º O fiasco na reforma do voto emigrante.
3º A continuidade dos «chiringuitos» do goberno anterior, e a creación de outros novos.
4º Non ter sido capaces de cortar a polémica sobre a cuestión linguística tendo a lei e a realidade do seu lado.
5º O abandono das bases sociais, ou o intento de manipulalas para evitar as actitudes críticas dende a esquerda.
6º A aposta por un modelo de desenvolvemento baseado en facer o mesmo que os gobernos Fraga, pero máis.
7º A continuidade nos fenómenos caciquiles, con distintas siglas.
8º A continuidade dos vicios políticos como a ostentación ou a liberalidade de salarios e pensións para os cargos.
9º Ter permitido que a iniciativa no debate a tivese sempre o PP, limitándose a retrucar sobre os temas que a este lle interesaban.
10º Non ter sido bos socios, con unhas friccións públicas que transmitiron a imaxe de estar antes o partido e despois o cargo.

En resumen, fallou no bipartito darse conta de que no ano 2005 os galegos non votaron por eles e as súas ideas, senon para romper unha racha de goberno que necrosaba Galicia, pero agora iso é pasado. Tanto PSdeG como BNG deben facer autocrítica dende as súas bases, os demáis partidos aprender dos erros cometidos por estes, e o PP… O consello para o PPdeG ven ó final de todo.

As dúas cuestións a ter presentes para o futuro:

1ª O PSOE pode empezar a pensar no esgotamento do modelo ZP, que no seu día foi o tirón que arrastrou a Touriño cara a presidencia da Xunta. O talante, a retirada de Irak e os matrimonios homosexuais empezan a quedar moi atrás no tempo, nun escenario de crise económica en que o electorado de dereitas non vai cambiar o seu voto, mentres o electorado de esquerdas pode seguir a estratexia de castigo empezada en Galicia, se non ve nos socialistas unha intención clara (alén da retórica) de facer políticas económicas baseadas na protección dos traballadores ou orientadas a uns cambios de estructura que, honestamente, hai tempo que xa non están moito en mans do estado.

2ª Existe agora, entre os simpatizantes da esquerda galega, un grande temor sobre o «paso atrás» que pode supoñer a volta do Partido Popular ó goberno autonómico, se con él volve o desprecio polo medio ambiente, pola ordenación territorial, ou o despotismo (entre outras moitas cousas) que caracterizaron a era Fraga. Eu prefiro manterme tranquilo. Se Alberto Núñez Feijoo é medianamente sensato, terá moi en mente que está a gobernar por deméritos alleos, e que eses case-cento-vinte-mil votos que lle fallaron esta vez á esquerda maioritaria, poden volver a concentrarse nuns PSOE e BNG de caras renovadas dentro de catro anos, se, igual que fixo o seu antecesor no PPdeG, provoca outra vez, entre os sectores máis progresistas da sociedade, a sensación apocalíptica que o Fraga do Prestige, as minicentrais, as fundacións hospitalarias etc. xenerara hasta o 2005.

Análise das Autonómicas 2009

Onte foron as eleccións autonómicas deste ano 2009. Neste artigo, apuntarei a miña análise dos resultados, das súas causas e das súas consecuencias.

Dos rexeitados.
Para explicar o que pasou onte, chega unha soa frase: O PSdeG e o BNG perderon case 120.000 votos. Un sete porcento nada despreciable sobre o total dos votos emitidos. Podería largarme unha conxetura light co típico «a desmobilización do electorado de esquerdas…», pero coido que é o momento de apuntar estes tres aforismos, de distintas persoas, anotandos durante o ano pasado sen saber moi ben qué facer con eles.

«De novo, eu xa debía ser aljo revoltoso, e meu abuelo sempre me decía “tranquilo, filliño, que aljún día han de vir os nosos”. E total, que botamos cuarenta anos a esperar que viñeran os nosos, e cando viñeron os nosos, resultou que eran coma os outros.»
«Isto pasa polo apoio que ten este jobierno. Nunca antes un jobierno tuvo o apoio que ten este. Se algo así pasaba hai uns anos, xa lle púñamos lume ó coche de Fraga, ou o que fixera falta; ajora, como son os nosos… Verás como, así que perdan unhas eleccións, volverán a onda nos, a pedirnos que vaiamos ás manifestacións, e a pejar carteles.»

«… e aínda é unha verjonza, despois de ter pasado pola clandestinidade e por diante do xues, andar a salir nas fotos cos do Partido Popular porque estes, ajora que non fas falta para ir a pejar carteles nin a sacudir a bandeira no mitin, xa non te conocen de nada nin queren saber nada de ti ou dos teus problemas.»

Ou dito de outro xeito, moita da xente que no 2005 votou polo cambio, apreciou que se enganara no seu voto. Xente que, polas súas militancias históricas ou actuales, non son precisamente sospeitosos de virachaquetas, e xente que fixera un saudable voto non ideolóxico e que desta volta militou nas filas do desencanto. Non vou entrar en máis detalles, porque non me considero obrigado a dicirlle a ningún político o que fixo mal, e porque sei empíricamente que hai xente que non está disposta a oír dúas ou tres verdades cando van contra as súas cores. O que tiña que dicir, xa o dixen onte, coma cidadán de dereito. Agora, tócalle ás militancias facer o xesto de humildade de unha autocrítica en primeiro lugar. En segundo, valoraren a súa necesidade de iconos, vacas sagradas, liderazgo e o resultado que lles da a actual democracia interna dos seus partidos, ou mellor dito as eivas de esta, e, en terceiro lugar, pensar cómo van a facer para reconciliarse con unha base social que lles virou as costas ó se sintir decepcionada; para recuperar unha confianza que perderon por méritos propios. Personal e honestamente, teño pouca fe en que os resultados de onte cheguen para romper o corporativismo (non sei se é a expresión correcta) no que (tamén) cairon os partidos de esquerdas.

Dos elexidos.
Independientemente do partido protagonista, o resultado que deron as eleccións de onte foi o peor posible: unha maioría absoluta. Segundo a teoría que sustenta patrañas do sistema como a Lei D’hont, as maoirías facilitan a gobernavilidade. Segundo o meu punto de vista, eu non son unha ovella que precise dun pastor. Eu son un cidadán que non me podo representar a min mesmo á hora de tomar as decisións colectivas que lle afectan ó conxunto da sociedade; o sistema dame a oportunidade de escoller a un grupo de personas que me representen a min e ó resto dos cidadáns da miña provincia e, exercendo esa representación, negocien as decisións do xeito máis beneficioso para o conxunto da sociedade.
Así o entendo eu, pero parece que dende os partidos políticos, coa complicidade da redacción xornalística, o sistema entédese como un pastel con tres opcións: ou o gaña un so, ou hai que repartilo, ou se perde en benficio de outros. Iso revélase hasta nas expresións «gañar» ou «perder» as eleccións, síntoma de que aceptamos tácitamente esa concepción da democracia como «partido de fútbol+reparto de pastel» (nótese que eu falo de «elexidos» e «rexeitados», en consecuencia e sen pretender sentar cátedra ningunha).
Con todos eses precedentes, unha maioría absoluta é o peor escenario posible. Desaparece a necesidade de diálogo, de consenso e, sobre todo, de escoitar á metade menos un dos representantes elexidos o cal, seguindo a liña argumental xa exposta, é igual a dicir que todos os que votaron ás opcións distintas da gañadora perden boa parte do dereito a ser representados na toma de decisións. Cando un goberno é de coalición acontece o mesmo cos que quedan fora dela, porque o defecto de aplicar «goberno» onde se demanda «representación» é estructural, pero o mal é menor porque, cando menos, imponse o exercicio do diálogo entre algunhas das partes, na esperanza de que vaian aprendendo para practicalo sempre.
Se en Galicia, entre as opcións de goberno bipartito (aínda que non fose coa mesma composición do anterior) ou maioría absoluta saiu a peor de todas, en Euskadi aínda agravan o meu sufrimento co escenario máis envexable posible (dentro do malo do sistema): unhas eleccións nas que son tantas as opcións con representación que, indpendientemente das súas cores, só acadarán poder aquelas capaces de dialogar, negociar e, inevitablemente, ceder ante os demáis. A esencia do que eu entendo por democracia.