Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia. Iria Flavia.
Volve a dinámica de subir unha nova galería o segundo sábado de mes ó fotoblog, e hoxe tócalle a unha pequena reportaxe sobre Iria Flavia, que non está moi lonxe da xa tratada vila de Pontecesures. Este lugar vai na categoría de «razóns para sentirse orgulloso de Galicia» por canto ten de fermoso e de valor histórico, pero ben podería considerarse un dos «Lugares máis galegos do mundo» por tres protagonistas indiscutibles: a arquitectura relixiosa, a arquitectura civil e a morte. Dos dous primeiros, espero dar unha idea coas imaxes que subín, tanto do templo coma dos rueiros inmediatos e o entorno. Respecto da morte, a colección de sartegos e lápidas anexa á colexiata tende unha ponte no tempo co cemiterio actual, engalanado nos principios de novembro que tomei as fotos, e lémbranos, porque o estamos esquecendo, que en Galicia o mundo dos mortos está xunto ó dos vivos.
Tamén é para sentirse orgulloso que en Galicia nacera un Premio Nobel de Literatura, Don Camilo Jose Cela, e a súa casa natal, así como sede da fundación que leva o seu nome, atópase xusto na outra beira da estrada, observada dende enfronte por un grande busto en bronce do escritor.
