Sobre votos e emigración.

«Eu non podo votar. Non me deixan, porque non son español. Para pagar impostos si, levo trintaeseis anos pagando impostos en España, pero non podo votar.»
Robert Jablonski.

«Non entendo por qué eu, que vivo aquí e vou padecer o que fagan non podo votar, e outra persona, que vive noutro sitio, si pode votar quen goberna aquí.»
M. Pereira.

Campaña.


«Se os políticos din que é mellor un parador de turismo ca un microondas, é mellor un parador de turismo ca un microondas e punto. ¿Quén somos nos?»

Suso Lista. Espectacular.

Sobre o grave accidente acontecido en Redondela no mes de Xaneiro.

O día 16 de xaneiro un gravísimo accidente de tráfico levaba a vida duns mozos deste Concello. O blog estaba en parada técnica e quedáronme sen apuntar dúas cousas que considero importantes. Unha coa perspectiva que me da vivir a uns metros do lugar do accidente e saber o que alí pasa. Dúas, coa perspectiva dun que pode falar en primeira persona de xuventude, tráfico e sinistralidade vial.

N-550, Km 145.

Da estrada.
O treito da estrada N-550 onde se produciu o accidente, xa saiu citado dúas veces neste blog (1 e 2). Na altura aproximada do Km 145 van tres accidentes con víctimas mortais en dous anos. Aínda máis: eu diría que teño visto cambiar o gardarraíl (por accidente) dúas veces cada semana. Todavía aínda máis: a estrada foi remodelada hai uns dez anos, engadindo un carril lento e cambiando o trazado nalgúns treitos, pero o punto fatídico queda xusto onde o novo trazado entronca co antigo; o grave é que xa tiña morto xente alí antes de todo iso. Din as malas linguas que foi por non pagar unha das dúas casas a sendas beiras da estrada, o cal eu non crería se non tivese visto moitos sitios en que unha edificación condiciona o trazado (a veces parece que o fan esperando a que o seguro de un camión pague expropiación e derribo, todo xunto).
Con estas aseveracións, de tono coloquial, veño a introducir un discurso máis que reiterado neste blog. Hai que cargar contra o Ministerio de Fomento, a C.O.T.O.P., as administracións locais, os políticos e algúns medios de comunicación hasta que cambien a súa actitude. Hai máis de dous anos que oín falar por primeira vez do proxecto de mellora para a N-550 neste entorno, pero aquí os únicos plazos que importan son os do AVE. Non importa nada que unha das principais arterias para o transporte por estrada de Galicia sexa, dende Redondela hasta o Porriño, un verdadeiro camiño de cabras (casuliadade que esta nova saíse estes días, pero hai que pasar por ela en bicicleta para darse conta do que verdadeiramente hai), nin importa que morramos galegos a diario nunhas estradas miserentas.

Da xuventude ó volante.
Outra vez aparece o estereotipo da combinación xuventude-velocidade. Coido que, mentres non cambie a actitude de todos fronte a esta cuestión, seguiremos tendo mortos. Antes de nada, recoñezo que eu non fun ningún santiño, e a única diferencia entre algunhas das que eu fixen e a que levou a estes mozos ó cadaleito chámase sorte. E dígoo porque o primeiro paso para solucionar un problema é identificalo e chamarlle polo seu nome. Moitos respetables pais de familia escalazaron algún coche cando tiñan vinte anos, pero parece que coa idade tendemos a esquecer. Para evitar iso, apunto eu aquí que cando se teñen vinte anos, un mozo (varón, que é o que eu sei) férvelle o sangue, empeza a vida e non da a basto a vivila toda, cinco minutos tarde nunha discoteca son a diferencia entre chegar cando hai tías boas ou chegar para os restos. Sí, así ve a vida un rapaz de vinte anos normal, e o que negue minte, non se entera, ou xa lle esqueceu. O coche amplifica as posibilidades humanas; se nunha mesma noite percorres jaritos de Portonovo, Pontevedra e Vigo tes infinitas posibilidades de que pase ese algo, indefinido, que fará á noite especial. Para colmo, Galicia é como é, e o galego medio ten unha probabilidade elevada de vivir a máis de cinco kilómetros dos lugares de ocio ou da parada máis próxima do noitebus. O resultado de mesturar todo isto: xa o sabemos. Primeiro de todo, saber. A maioría da xente durme, ou quéixase do ruido, mentres a xuventude vive a súa vida, e nin sabe nin quere saber cómo é esta. Coñecer as verdadeiras inquedanzas e necesidades (en cuestión derelacións sociais, que é do que se trata) dos novos, é unha condición imprescindible para aportar solucións sen risco.
Segundo, cando se fala de coches e seguridade vial, hai que saber para falar. Con vinte anos, na miña pandilla había coches dende 35 hasta 220CV. As animaladas e as situacións perigosas eran máis habituais nos de menos de 100CV, por unha única razon: os seus conductores. Digo isto porque discrepo parcialmente da polémica da xente nova en coches potentes. O problema son as cabezas, non as máquinas. Evitar que a xuventude ande en coches gordos pode ser unha medida paliativa, pero non correctiva. Vou dar unha idea moi concisa: Se a maioría dos accidentes mortais se producen circulando por vías secundarias a altas velocidades ¿de qué sirve un exame de conducir no que te poden suspender se tardas máis de dous minutos en aparcar? Ahí é por onde hai que empezar: a xente saca o carné de conducir coñecendo o código de circulación e sabendo frear nos semáforos e poñer o intermitente. Pero non aprende a conducir. ¿Cantas veces perdeu vostede o control do seu coche na autoescola? ¿E fora de ela? Pense fríamente o que aprendeu para sacar o carné e o que aprendeu despois, porque nese despois hai moitos rapaces de vinte anos que non aproban. Ahí, na preparación técnica e psicolóxica dos conductores é onde hai que buscar a solución, aínda que iso faga máis custoso (en tódolos sentidos) obter un carné de conducir que, tal e como está plantexado hoxe en día, non serve prácticamente para nada.

Nota: Na información da TVG dise que o contakilómetos quedou marcando 150 Km/h. Hasta ahí está ben dito. Se tivesen dito que esa era a velocidade do coche no momento do impacto, ou o tivesen suxerido, estarían metendo a pata hasta donde a suelen meter cando falan de cuestións técnicas. Nun accidente, a indicación na que se bloquea o velocímetro pode non ter nada que ver coa do vehículo. Neste caso hai razóns físicas para non lle prestar atención a esa lectura.

Enquisa electoral.

«¿Cual de los tres partidos cree que lo haría mejor, de ganar las elecciones, en las siguientes materias?:

sanidad pública, educación,

LUCHA CONTRA EL TERRORISMO
…»

Isto foi o apoxeo das preguntas que me fixo onte un enquisador (¿dise así?) por teléfono. Estou case seguro de que non era galego, o cal non ten nada de malo, tamén hai camións portugueses acarrexando a propaganda de algún partido. O que sí me parece mal e mesturar as cousas, e meter a loita contra o terrorismo na empanada de unhas eleccións autonómicas galegas. Nin en Galicia hai terrorismo, nin o goberno autonómico ten competencias nesa materia, nin (isto é o máis importante) ningún partido está a falar do tema.
¿Será que a enquisa tamén quería facer unha prospección de mercado para outros lances? ¿Ou será que hai quen nin se entera, nin se quere enterar?

Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia. Iria Flavia.

Iria Flavia.

Volve a dinámica de subir unha nova galería o segundo sábado de mes ó fotoblog, e hoxe tócalle a unha pequena reportaxe sobre Iria Flavia, que non está moi lonxe da xa tratada vila de Pontecesures. Este lugar vai na categoría de «razóns para sentirse orgulloso de Galicia» por canto ten de fermoso e de valor histórico, pero ben podería considerarse un dos «Lugares máis galegos do mundo» por tres protagonistas indiscutibles: a arquitectura relixiosa, a arquitectura civil e a morte. Dos dous primeiros, espero dar unha idea coas imaxes que subín, tanto do templo coma dos rueiros inmediatos e o entorno. Respecto da morte, a colección de sartegos e lápidas anexa á colexiata tende unha ponte no tempo co cemiterio actual, engalanado nos principios de novembro que tomei as fotos, e lémbranos, porque o estamos esquecendo, que en Galicia o mundo dos mortos está xunto ó dos vivos.
Tamén é para sentirse orgulloso que en Galicia nacera un Premio Nobel de Literatura, Don Camilo Jose Cela, e a súa casa natal, así como sede da fundación que leva o seu nome, atópase xusto na outra beira da estrada, observada dende enfronte por un grande busto en bronce do escritor.

Cousas que os medios NON (ou pouco) contan sobre o Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

Este mércores pasado hubo un acto de campaña electoral aquí, en Redondela, relacionado co Eixo Atlántico de Alta Velocidade (confío en que ninguén verá críticia en chamarlle ás cousas polo seu nome). Aproveitando, vou apuntar varios feitos demostrables sobre as obras que visitaron os políticos pero nos que, supoño, ninguén reparou. O entrecomillado é cita textual da «declaración de impacto ambiental sobre el estudio informativo del proyecto “Eje Atlántico de alta velocidad. Tramo Vigo-Pontevedra”», que é un documento público a disposición de quen desexe comprobalo.

«3.7 Durante las obras se colocarán barreras de retención de sedimentos, balsas de decantación, zanjas de infiltración u otros dispositivos análogos con objeto de evitar el arrastre de tierras a todos los cauces atravesados o próximos al trazado, en especial a los ríos Maceiras, Alvedosa, Rexejeiro, Verdugo, la marisma del río Ullo y su afluente, así como en los tramos paralelos al río Rexejeiro, al afluente del río Alvedosa y al río Tomeza, en este último caso en los tramos más próximos al río y sin barreras naturales entre la obra y el río. En todos los casos se garantizará que la colocación de estos sistemas no suponga la alteración de los valores ambientales que se pretende proteger, así como su posterior retirada una vez finalizada su función. »

Rio Maceiras.

A foto é do verán pasado. Á esquerda está o río Maceiras, á dereita un vertedoiro de terras e as barreiras… son as alpacas de palla que se ven ó fondo. O resultado, cando chegou o inverno, foi este:

Alvedosa.

No casco urbano de Redondela xúntanse as augas do Maceiras e o Alvedosa para imitaren ó Río Amarelo, en particular o Maceiras, gracias a que non se cumple o párrafo anteriormente citado. Dou fe de que hai barreiras, balsas de decantación, e canto queiran… pero non se evita o arrastre de terras ós cauces. Ó final, quen as paga é a Ría, cubrindose o fondo dun manto de lodos estériles que merman uns recursos dos que viven moitas familias.

«9. Localización de préstamos, vertederos e instalaciones auxiliares.-

Dada la dificultad de encontrar zonas idóneas para vertedero y la gran distancia a las obras de las zonas propuestas en el estudio complementario, el proyecto de construcción deberá incorporar un estudio detallado de posibles ubicaciones, para lo que incorporará una cartografía de las zonas de exclusión para la ubicación de vertederos, caminos de obra e instalaciones auxiliares a escala no inferior a 1:5.000, considerando como criterios prioritarios de exclusión los siguientes:

Zonas coincidentes con acuíferos vulnerables a la contaminación, especialmente aquellas sobre acuíferos de gran vulnerabilidad, como son mayoritariamente los terrenos coincidentes con acuíferos detríticos porosos aluviales, deltaicos y costeros según el EIA, mayoritariamente en el valle de los ríos Maceiras y Tomeza y el resto de zonas localizadas en el EIA.»


(premer para agrandar)

Esa era a pinta que tiña a «zona prioritaria para exclusión» do val do río Maceiras hai un par de meses; agora, o vertedoiro é un pouco máis grande. Non podo afirmar se as que se ven na foto teñen consideración de «instalacións auxiliares», pero a primeira foto demostra cómo aquilo que semella un vertedoiro de terras é efectivamente tal cousa. Sen embargo, o máis sangrante de todo é que hubo xente de Redondela seguindo os camións que traen a terra e… sorpresa, o Val do Maceiras non só e vertedoiro das obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, senon tamén de obras que se están a realizar na cidade de Vigo.

Agora podería seguir coas denuncias por superar os ruidos permitidos de noite, e coa morea de papeis que teñen intercambiado os veciños con unha administración principalmente insensible e mentireira, pero non quero aburrir con material que daría, máis que para un artigo, para un tratado que titularíamos “Mentiras, Incumprimentos e Moita Cara Dura na Obra Pública en Galicia” e, só co que hai en Redondela, daría para máis de cen páxinas. Abofé que hai funcionarios, técnicos, e empresas responsables, todo hai que dicilo, pero a maquinaria (a política, non as excavadoras) é tan brutal, e hai tantos cartos de por medio que o resultado está a ser o que hai: Unha Galicia estragada na súa paisaxe e na súa ordenación.
¿Por qué conto todo isto? Porque eu non acabo de aceptar que o progreso de Galicia implique esfolar boa parte do seu territorio mentres outra parte esmorece no abandono, nin acepto que me vendan que as obras son a solución a tódolos males da nosa terra… mentres non se intenta ningunha outra solución. Veremos cómo vai a campaña que empezou hoxe, e veremos cantas solucións se lle dan ós probelmas de Galicia, se descontamos os plazos do AVE e as lerias de sempre.

Reflexións técnicas e persoais sobre o temporal do pasado día 24 de xaneiro.

Habería moitas cousas que falar do acontecido, tanto no temporal como noutros momentos clave deste inverno de meteoroloxía… invernal, para que nos vamos a enganar. Eu so vou apuntar sobre dúas cuestións técnicas concretas, que me parecen especialmente relevantes a pesares de non ser o enfoque escollido nos medios. Mézclolle polo medio algunha sensación personal que tiven tamén aquel día. Para evitar confusións, en cursiva as persoais (porque son menos).

Cando o vento arrambla con todo nunha galerna destas, prodúcese unha paisaxe curiosa, na que o caos das cousas tiradas polo chan ou voando polo aire nos revelan que ese mundo aparentemente perfecto construído por nos ten moito de inxénuo e de autoengano, que nos fai sentir seguros na ignorancia voluntaria de unha natureza infinitamente máis grande e forte ca nos.

As cancelas de obra foron das que máis contribuiron a ese «cousas tirados polo chan». Son algo provisional e o seu pequeno peso fainas pouco perigosas se o vento as tira, pero non podemos dicir o mesmo dos paneis publicitarios. Non me parece admisible que o vento os deite, porque o seu peso e perigosidade xa non é tan nimio. Recoñezo que eu nunca o fixen, pero calcular as cargas que o vento provoca nunha estrutura non é un dos grandes problemas da enxeñería; está todo estudiado, tabulado e regulado, polo menos na edificación. Sexa por que non cumplen a normativa, ou sexa porque carecen da mesma, o día de autos fixo un vento inusual en Galicia, pero nada que non se puidese predecir. Aínda así chegou para tirar moitas de estas vallas, co consecuente perigo. Eu contei sobre doce nos quince primeiros kilómetros da N-VI, demasiadas para falar dalgo anecdótico ou un fallo puntual como o que podería ter tirado unha antena de telefonía movil. Alguén dirá que tamén cairon torres de alta tensión, certamente, pero (a) as liñas de A.T. transcurren xeralmente fora de núcleos poboados (xerando menos risco) e (b) o tendido eléctrico é algo máis útil que a propaganda. O caso é que deberíamos reclamar máis control sobre as estruturas publicitarias e a súa ubicación, aínda que eu proporía que as prohiban directamente. As empresas teñen todo o dereito a comunicar, pero eses murais chantados onde son máis visibles son un antentado contra a liberdade, xa que te obrigan a escoitar a mensaxe ou xirar a cabeza, ademáis de un secuestro da paisaxe en toda regla, paisaxe que, sendo patrimonio de todos, ninguén debería ter dereitos adquiridos para o seu uso.

Sí se falou bastante nos medios dos problemas provocados no suministro eléctrico polo temporal. Ocórreseme unha tormenta de cousas para comentar ou explicar sobre isto, así que tentarei estructuralas dalgún xeito.

1º No rural, é normal que marche a luz cando fai vento. A nosa particular dispersión poboacional condénanos a ter kilómetros de tendido de media e baixa tensión, moitas veces entre árbores que poden ocasionar cortocircuítos nas liñas cando as tocan coas polas. Non é un problema grave, no sentido de que unha cuadrilla de operarios culificados so precisa apenas uns instantes para solucionalo, incluso se hai rotura dalgún fío. A mellor medicinia é a preventiva, é dicir, evitar que os tendidos transcurran por zonas arboladas, e obrigar ós propietarios das árbores a cortar aquelas polas máis próximas ós tendidos. É un traballo de todos: das empresas suministadoras, dos propietarios (que no rural somo case todos) e da administración, que para algo ten a facultade de regular.

2º Dada a magnitude do temporal, e a extensión afectada no mesmo, paréceme comprensible que as cuadrillas tardasen case unha semana en restituír a normalidade. Hai que ser realista, e aceptar que nin Fenosa nin ningunha outra vai ter contratado permanente o personal preciso para atender unha continxencia deste calibre, porque estarían ociosos a práctica totalidade da súa vida laboral. Tampouco se lle pode pedir ó personal destas cuadrillas un esforzo superior ó humano.

3º A veces, as árbores non nos deixan mira-lo bosque, e neste caso acontece algo así. Os apagóns rurales tra-lo temporal non son o verdadeiro problema do suministro eléctrico en Galicia. Na miña casa de Redondela, que non é precisamente rural profundo, chegamos a medir unha tensión na rede de aproximadamente 175 voltios. A tensión nominal é de 220V, e admítese que caia hasta 200V (o 10%, se lembro mal, que falo de memoria). Todo o que baixe de ahí, ademáis de ser un incumprimento de contrato por parte do suministrador, significa risco de avería para os electrodomésticos. Aquí solucionouse polas boas, falando coa compañía, pero non me cabe dúbida ningunha de que esa situación debe ser endémica de toda a Galicia non urbana, con unha diferencia: a maioría da xente non sabe nin de qué estou a falar.

A autonomía enerxética dos fogares galegos pode ser a mellor solución a todos estes problemas. Confío non gañarme a enemistade das empresas do sector por dicir isto.

5º O temporal paseino no Burgo (Culleredo) e tamén faltou a luz un pouco. O Burgo é un asentamento humano consolidadísimo, de unha dimensión apreciable, e os cortes no suministro eléctrico, malia que breves, parécenme un mal síntoma porque, contra o que puidera parecer ou o que puidéramos sentir subxetivamente, canto máis grande é un asentamento humano, máis vulnerable é este. As grandes áreas urbanas non producen nada daquilo que precisan para sobrevivir, e a electricidade é un formidable exemplo, xenerada a kilómetros e guiada por tríos de cables metálicos que, por máis robustas que aparenten as torretas onde se penduran, son unha fina liña de vida para a luz e a seguridade que nos ofrece o interior das cidades.

Pero cando esa luz marcha, e o urbano se torna escuro coma o monte, resulta que non pasa nada. Que os ollos se adaptan á escuridade e podes camiñar pola rúa sen tropezar, que entre as nubes da galerna, o vento abre claros onde descubres que as estrelas tamén brillan sobre as cidades. Non vou ser eu quen predique a prohibición das farolas, aínda que penso que hai máis das precisas, e mal colocadas, pero non estaría de máis apagalas de vez en cando para que lembremos cómo é o mundo cando desaparece a ilusión de que o dominamos.

Os clicks sempre sorrín.

Hoxe, cando se cumplen cincuenta anos da morte de Buddy Holly, Richie Vallens e Big Booper chega outra necrolóxica, xa do pasado venres. A min, con trinta anos, non me da vergonza volverme a reunir con estes meus compañeiros de tantas horas de infancia, e rendirlle esta pequena e humilde homenaxe a un inventor cuio nome non supen hasta este momento, pero envexo pola cantidade de diversión e ledicia que lle deu a milleiros de nenos, entre eles eu, coa súa idea.

Desmitificando a Obama II. Dos Obamas galegos.

Unha das cousas que me quedaron ganas de comentar durante a parada técnica foi a cobertura que os medios fixeron da investidura de Barack Obama como presidente. Non se trata de engadir nada ó que xa apuntei sobre a “Obamamanía”, senón de chamar a atención sobre a perigosa interpretación que os medios estiveron a facer da democracia con motivo da cerimonia de investidura do presidente norteamericano, e certas consecuencias máis próximas xeográficamente.

Coma o fume de tabaco ou o fútbol, da investidura de Barack Obama todos tivemos que tragar algo por puco que nos interesase. Quero pensar que, a causa do a continuación denunciado, está nun descuido orixinado polo emprego da esaxeración como ferramenta para a captación da atención nos medios, pero o caso é que a mesaxe de que Obama encarna «a esperanza no cambio», e semellantes, revelan unha necia compresión do sistema democrático que, cando se leva ós medios de comunicación de masas, corre o risco de crear entre a xente unha cultura precisamente pouco democrática. Vamos por partes.
Imaxinemos, por exemplo, un país con un sistema democrático no que se da un golpe de estado, seguido de unha violenta represión da disidencia e unha dictadura sostida pola forza durante varias décadas. A fin de esa dictadura, e o inicio de unha nova época de dereitos e liberdades nese estado, pode supoñer unha esperanza para aquelas personas que se sentiran oprimidas polo réxime dictatorial. Ese non é o caso dos Estados Unidos. Sen seren por iso exemplo de nada, debe ser o único país do mundo que mantivo a democracia como sistema de goberno dende a súa fundación hai máis de dous séculos. Por tanto, o presidente saínte, George W. Bush, non foi un tirano que someteu ós norteamericanos durante estes anos, senon todo o contrario. Torpe en política económica, violador do dereito internacional e cantos defectos se lle queiran achacar, o fillo do ex-xefe da CIA, era o que querían os seus concidadáns. Aínda máis: foi elexido dúas veces seguidas, o que significa que o ratificaron no seu posto coñecendo de sobra as súas «facultades».
Poden estar tranquilos, que non vai ser este F. Míguez quen defenda a xestión de George Bush, nin desmereza os méritos de B. Obama, nin tente augurar a xestión que este fará durante o seu mandato. Sí pretendo advertir do «pequeno» erro de concepto subxacente nas formas informativas que cubriron o espectáculo Obama. A democracia é, por definición, un sistema político no que o goberno recae sobre a propia sociedade gobernada. Por razóns prácticas, ese poder delégase en persoas escollidas para exerceren a representación das vontades desa sociedade. Contra o que puidera parecer oíndo as noticias, non se trata de un sistema en que o rebaño escolle pastor, nin os escravos escollen amo, nin nada polo estilo.
O problema vai máis alá de unha perrencha conceptual. Se nos fixamos nas precampañas das forzas maioritarias concurrentes ás eleccións autonómicas do proximo mes de marzo (outra que se podía meter no mesmo saco que o fútbol e o tabaco), todas xiran en torno á exaltación dun ego, dun líder, dunha figura carismática que nos vai conducir cara… bueno, iso non está moi claro, pero o importante é que nos vai conducir.
Para o márketing, é maís fácil crear un producto como David Bisbal que unha Orquesta Sinfónica ou incluso unha Banda de Gaitas. Vender unha cara, un nome, e lograr que o mercado se identifique con él, é máis fácil que explicar un programa de goberno e as bases ideolóxicas onde se sustenta. Si, dixen «vender» e «mercado» deliberadamente. Hasta certo punto é comprensible que recurran a estas artimañas, porque coñecen a súa eficacia, pero iso non as convirte en lexítimas. Ademáis, é inadmisible que os informadores, por non facer un pequeno esforzo crítico, entren nese xogo, e centren as novas nas persoas, nos líderes, e nas «esperanzas para o cambio» porque, indirectamente, están desinformando á xente, o cal, aparentemente, debe ir contra a súa ética profesional. Atrévome a dicir que están desinformando porque, se poña como se poña a propaganda electoral, no sistema electoral galego, e no español, non escollemos un presidente. Escollemos unha lista de persoas dentro da nosa provincia que, ó noso xuício, vai ser a que mellor represente as necesidades desta provicia entre o conxunto de todas as demáis. Despois, entre os representantes todos escollidos, selecciónase a un para formar e dirixir un goberno, é dicir, o equipo de persoas encargado de executar as normas e proxectos decididos polo conxunto dos representantes directamente escollidos pola cidadanía.
Convén apuntar isto, e non o esquecer, porque tras esa estratexia comunicativa de culto ó lider, ás personas que nos van «guiar no cambio», agóchase a mensaxe máis antidemocrática posible: a de que o rebaño necesita un pastor, a de que a sociedade está perdida sen un conductor, sen un amo, ou sen unha vaca sagrada. Pero a democracia non é un diante e os demáis detrás. Se a esperanza non está en todos nos, non hai esperanza.