Varios aforismos sobre a campaña israelí en Gaza.

Apunto, a granel, varios aforismos sobre o ataque que Israel mantén dende hai unha semana contra Gaza. Algún é meu, algún é alleo, e algún refundido, e non os apunto por consideralos acertados, senon por retrataren opinións un pouco fora da condena explícita que mantemos a maioría, e poderían abrir un ou varios debates.

«Tan bos son uns coma outros, os de Hamás non deixan de ser uns asasinos e non me dan pena ningunha.»

«A solución era tan sinxela como que os europeos e os americanos deixásemos de pagarlle as armas ós israelíes.»

«Retirándolle o embargo de armas a Palestina, sería posible un equilibrio de poderes que fixese a Israel pensarse a súa política e se sentase a falar.»

«Todo isto reflexa a necesidade de revisar o funcionamento ou os cometidos do consello de seguridade das Nacións Unidas.»

«Europa mantense tibia na cuestión porque aínda se avergoña do trato que lle deu ós xudeus no século XX, xa non so polo Holocausto, senón tamén porque, digámolo así, a ninguén lle pareceu mal que collesen os bártulos e se marchasen á súa “terra prometida” despois da guerra.»

«Xa oín ironizar vairas veces sobre iso de que estas accións quítanlle razón ós xudeus para darlla ós nazis.»

«Hai tempo que non creo o que contan nos medios, sexa sobre a crise de Gaza, sobre Venezuela, sobre Cuba ou sobre Corcubión. Eu interpreto as novas coma bandeiras nun mapa, cravadas para indicar un problema nun sitio determinado, ou a manifestación local dun problema máis amplo, pero nunca creo os datos ou os feitos narrados.»