Dous aforismos meus sobre desenvolvemento urbano.
«¿Alguén pode explicarme por qué se dice que unha vila “medra” cando pasa de ter vivendas unifamiliares a bloques de edificios e a economía migra do sector primario ó terciario?»
«A tendencia das clases máis baixas é a de ir concentrándose nas cidades na procura de máis oportunidades de aumentar o seu nivel de vida. A tendencia das clases pudentes é a de marchar das cidades cara asentamentos máis reducidos nos que gañar en tranquilidade e aumentar as oportunidades de ter prestixio e relación social. Hai algo sumamente estúpido nesa dinámica.»
No urbanismo contemporáneo rexístranse varias tendencias ás veces contrapostas, que conforman unha evolución caótica e ingobernable: por exemplo, baléiranse e deterióranse os cascos históricos ó tempo que se constrúen novos e populosos barrios para albergar ós novos continxentes de poboadores, e, como ben dís, os que poden desprázanse ás periferias, co resultado de aumentar exponencialmente os gastos de prestación de servicios ós novos núcleos residenciais para as endémicamente raquíticas arcas municipais. As novas vías de acceso á cidade, reclamación permanente de todos os sectores sociais, resultan desbordadas prácticamente dende o momento da súa concepción, mentres se alongan inevitablemente os tempos de entrada e saída dun parque móbil inmanexable, á súa vez produto dun dos grandes mitos do capitalismo moderno: o dereito á tenencia e desfrute dun veículo privado para a libre deambulación, mentres o transporte público esmorece (auguro a revisión a fondo do modelo nun par de décadas ou tres). Todo iso, nun estado permanente de zafarrancho por obras que exaspera á xente. En Europa, para conectar todo o entramado residencial onde o urbano e o rural se mesturan desordenadamente, importamos hai uns anos a moda dos monstrosos 4x4, auténticos devoradores de combustible, mentras as compañías automobilísticas anuncian a bombo e prato os seus novos e pequenos modelos de utilitarios “ecolóxicos”… en fín, vivir para ver.
Comment by cãosemdono — December 26, 2008 @ 8:21 pm
Antes de nada, prégolle desculpas pola tardanza en respostarlle ó comentario.
Para reflexionalo, suxírolle que pense no parque móbil das rexións de montaña, como a Fonsagrada ou Trives, por exemplo.
Eu separaría o que vostede dí en dous aspectos diferentes: por un lado, a cuestión do desenvolvemento urbano, e por outro a do transporte; non porque non estean relacionadas, que o están e moito, senón para fraccionar un problema inabarcable en dous… prácticamente inabarcables.
Do primeiro podo falar algo “de oídas”, pero ó segundo téñolle adicado, digamos, moitas horas e xa empezaría por observar que, ademáis da mobilidade individual, tamén se nos suma o transporte de mercadorías, con variables paralelas pero diferentes. A cousa pode abordarse dende o punto de vista do automóbil ou dende o punto de vista das infraestruturas e a ordenación do territorio, e daría para escribir libros enteiros. Só farei dous apuntamentos: Concordo na súa previsión de unha revisión vindeira para o modelo, de feito, xa está en marcha en moitos lugares do mundo. Lamentable, en algunhas rexións bananeiro-terceiromundistas como Galicia, o horizonte aínda é moi lonxano. Sobre os 4x4 voulle dar unha opinión tal vez algo chocante: un mundo en que todos os coches fosen todo-terreo e non hubese nin un so centímetro de asfalto sería máis sostible do que é.
Unha aperta e feliz aninovo.
Comment by F. Miguez — December 28, 2008 @ 11:42 pm
En canto ó dos 4x4: pode ser. Falando dende o punto de vista “estético”, o verdadeiramente chocante é que ese tipo de veículos son os preferidos polos urbanitas para desprazárense por vías urbanas ou interurbanas en traxectos máis ben curtos (é dicir: mamás que levan os seus pícaros ós colexios ou a familia que acode en procesión ás novas catedrais para parvos, os centros comerciais). Non falo dos herdeiros rústicos dos Jeeps, senón das versións todo terreno dos coches de alta gama, símbolo dun status elevado ou cando menos pretencioso. A ineficiencia enerxética ó servicio do ego do personal. Apertas e bo ano para vostede tamén!
Comment by cãosemdono — January 3, 2009 @ 9:38 am
Estamos de acordo, se 4x4 significa “vida silvestre”, hurra polo 4x4; se significa “apártate que vou, e monto na acera máis facil que ninguén”, que é a imaxe dese novo icono urbano que vostede explica, rexeitalo é de sentido común.
Comment by F. Miguez — January 3, 2009 @ 12:49 pm