Bhopal-Redondela.
Foi por unha minirreportaxe vista onte na CNN+, que lembrei que hoxe, 3 de decembro é o aniversario da traxedia de Bhopal, onde morreron entre 6.000 e 8.000 personas nunha soa noite por un escape nunha planta química.
Chégame este destello nun momento duro. Despois de dous anos metido na Plataforma Contra a Autovía, e como se me sobrase tempo de outras obrigas máis importantes, vinme medio envolto no rexeitamento que os veciños da miña parroquia teñen contra o plan da Consellería de Vivenda e Solo e Xestur para instalar un polígono industrial no linde entre Mos e Redondela (eu non participo no blog, que ten bastante traballo).
A grande pregunta é ¿pode estar un (case) enxeñeiro industrial en contra dos polígonos industriais? a resposta é «depende». Depende de qué polígono. Se se trata de un polígono que (1) redunda coa chea de eles que se están a cosntruir na contorna e aínda non teñen confirmada nen media ocupación, que (2) se constrúe pegado a casas e sen aceptación consensuada dos veciños próximos, que (3) se pretende facer nunha paraxe forestal tronzando unha colina polo medio e usando a terra para rechear a vaguada próxima, (4) que desprecia elementos de patrimonio como o Camiño de Santigo, a XIX Vía Romana, e un complexo tumular aínda sen investigar e (5) carece de infraestruturas de comunicación terrestre, requerindo todavía máis obras e imapcto ambiental, a resposta é non, non estou de acordo.
Os argumentos, da outra parte: que se o progreso, que se os postos de traballo… Lembrando o acontecido en Bhopal, a parte máis mezquina de min lévame a pensar en cantos daqueles milleiros de mortos estarían supercontentos coa riqueza que Union Carbide estaría a xenerar alí. E antes de que me falen de demagoxia, e que me digan que Galicia non é a India, déixenme mandalos a ler o apuntado aquí (para non o esquecer) sobre o acontecido coa Brenntag en Caldas de Reis, Galicia, por non furar moito na web sobre o que está a pasar no entorno da ría de Vigo ou na do Burgo (que son as que sei, por que son as que me quedan preto).
A min pódenme levar a contraria canto queiran, e seguramente haberá cousas nas que esté errado, pero como algo sei sobre desenvolvemento, industria e investigación, e non teño ningún interese personal ó cando opoño a segundo qué cousas (antes ó contrario, beneficiaríame unha Galicia sobre industrializada), logo creo que estou perfectamente autorizado a dicir que Bhopal, como Chernobyl ou o Prestige, son exemplos do mundo que estamos a construir, da realidade que acompaña a unha teoría do progreso irresponsable e baseada no poder, nas ideoloxías que o admiran, e nunha extensa e elaboradísima ignorancia.
Bhopal, Chernobyl, o Prestige, e tantos outros, non son accidentes, son consecuencias, como son as guerras nos países con recursos naturais ou ubicacións xeoestratéxicas, e debemos abrir os ollos ante as causas e opoñernos a elas con todas as nosas forzas, se nos importa algo neste mundo.
A planificación dos parques empresariais é sempre un tema moi complexo de resolver, e na Galiza, polas nosas peculiaridades culturais, isto faise aínda máis difícil.
Por unha parte a burbulla inmobiliaria e o desexo de ter unhas cidades máis limpas e terciarizadas fai que as industrias rematen sendo desprazadas cara os concellos limítrofes. No caso de Bilbao a industria foise a Baracaldo, no caso de Madrid a Alcobendas-Coslada e no caso de Barcelona a Sabadell-Manresa. No caso de Vigo a industria acaba índose arredor da A-9 (a vía romana XIX de feito non é outra cousa que a estrada N-550),a Redondela ou ao Porriño.
Por outro lado no caso galego existe o permanente problema da (falta de) xestión territorial e especialmente o da xestión do rururbano (ese rural pegado ás grandes cidades). Como bos descendentes do celtas edificamos e parcelamos un pouco por todos lados e así e imposíbel facer calquera infraestructura sen afectar a unha boa morea de paisanos.
É un tema apaixoante e nada doado este da xestión integral do territorio, e é que buscar o equilibrio entre privado e o público nunca foi sinxelo. O que si que boto en falta é unha maior madurez na nosa sociedade (na clase política, nos técnicos (enxeñeiros, arquitectos, xeógrafos e sociólogos), nos empresarios e plataformas cidadás) para debater e chegar ás mellores solucións posíbeis.
Comment by xm carreira — December 4, 2008 @ 7:04 pm
Respóstolle un pouco a salto de mata, que teño moita presa.
A descripción que vostede fai paréceme unha foto de alta resolución. Exacta. So dúas observacións: 1º que non me parece xusto terciarizar as cidades a expensas do rururbano. A xente que excolleu vivir na urbe, preferiu tragar co ruido a cambio de ter máis preto todo, e ó revés os das aforas.
2º Sobre a madurez, os que máis teñen que madurar son os políticos. Ese oficio que consiste en sair na foto vendéndolle grandes frases ós xefes (a sociedade) para despois cobrar de uns terceiros (supoño que me explico) é o que contamina o traballo de técnicos e demáis profesionais, ademáis de desatender a súa obriga de armonizar intereses empresariais e cidadáns.
Unha aperta.
Comment by F. Miguez — December 5, 2008 @ 11:35 am