Eivas do sistema formativo.
A semana pasada, entre miles de millóns de euros e bancos, colouse a nova dun informe sobre o baixo nivel dos estudiantes de agora. Como dixo alguén na televisión, seguro que o fixeron «estudiantes de antes» pero, en calquera caso, eu vouno aproveitar como excusa para explicar un par cousas que considero erradas nos sistemas formativos. Aclaro que non vou entrar a discutir sobre a primaria, a secundaria, a LOGSE nin nada de iso, senon que vou apuntar aspectos xerais ó meu xuício esquecidos cando se pretende formar a un alumno.
A folla en branco. Paula é unha amiga miña que ten agora dez anos. Mándanlle da escola un exercicio consistente en escoller unha personaxe, un lugar e un tempo para despois construir unha historia. Como Paula ten bastante imaxinación, en cinco minutos sitúa a un extraterrestre na Galicia contemporánea e depois… empeza a chorar e eu enténdoa perfectamente. Imaxinen que a un arquitecto lle fan deseñar un tellado, unha porta e un retrete e despois lle dicen «agora fai unha casa con iso». Probablemente, o arquitecto tamén choraría. A Paula contáronlle que unha historia era «plantexamento, nudo e desenlace» e que precisaba «personaxes, lugares e un tempo no que acontecer». Nada máis.
Hai toneladas de papel escritas con métodos e técnicas para a creatividade, para adquirir a capacidade de desenvolver unha idea hasta convertela nun logro, mais bastaba con adicarlle un par de horas á semana nas escolas para que os nenos aprenderan a sentarse diante do caderno e empezar por preguntarse ¿qué quero facer?, ¿por qué o quero facer?, ¿cómo fixeron outros antes?… xa non digo chegarmos ó nivel de aprender cousas como a tormenta de ideas, a división dos proxectos en partes máis abordables, etc. Simplemente que o alumno sexa capaz de entender o seu papel na tarefa que debe abordar e que participe conscientemente de ela. A cousa, en realidade non pasa de ser a sinistra punta de un iceberg sumamente perigoso; nos aproximadamente vinte anos que dura a vida académica dunha persoa, esta é bombardeada coa cantidade suficiente de datos, normas, sistemas, teorías e demáis como para asegurarse de que non vai aproveitar nin a cuarta parte, pero non hai apendas un intre para formular a pregunta reveladora ¿qué quero facer? Definir correctamente un problema é unha condición necesaria, e moitas veces suficiente, para acadar a súa solución. Non ensinarlle ós estudiantes a afrontala revela que, baixo a superficie, o formador (o sistema, máis que a persona) tampouco a ten clara moitas veces.
Aprender a aprender. «¡Que chorrada!» Dirán vostedes cando lles conte cómo, xa na carreira, tiven un profesor de academia, para unha das asignaturas difíciles de verdade (Campos e Ondas), que era un fenómeno e sabía toda a materia de memoria, hasta o índice. Non obstante, un día, unha compañeira apareceu con unha dúbida sobre un concepto que non aparecía en ningúns apuntes; o profesor, sin perturbarse, respondeu «Busca en Google». Foi un dos días máis útiles da miña vida. Eses vinte anos de vida académica invertidos en aprender ríos, reis, sintagmas, leis físicas… serían bastante máis productivos se fosen invertidos en aclaralle ó estudante «qué debe aprender» (volvemos tropezar co punto anterior) e cómo conseguir a información que precisa, alén de tragala nun libro de texto como fixeron os seus avós cando a información era algo perfectamente acotable, ou así se cría.
A negación do erro. Todos dixemos algunha vez «dos erros apréndese», ainda que eu prefiero o lema «de derrota en derrota, hasta a victoria final». Ensinado correctamente a aprender (ver punto anterior), tamén se debería ensinar a recoñecer un fallo, a entender as súas causas e consecuencias, e a correxilo; eu non me fiaría de alguén que xamáis se trabucou, porque non se pode saber cómo reaccionará cando algo saia mal. Aínda é máis, un amigo meu contábame do seu avó, antigo cociñeiro, que era un fenómeno facendo maionesa; «era capaz de deixar que se lle cortara e volvela a poñer ben», dicía. Esa é a diferencia entre quen sabe e un mestre: o mestre non lle teme ós erros porque ten control sobre eles, adquirido inevitablemente da experiencia obtida trabucándose moitas veces. Desgraciadamente, o erro segue estando mal visto nos procesos formativos, e temo que siguen sendo poucos os profesores capaces de permitirlle a un alumno facer mal un exercicio para, unha vez rematado, preguntarlle ¿estás seguro do que fixeches? e deixarlle botar o tempo que precise hasta atopa-lo fallo. Facer o mesmo tamén cando o fai ben, aínda pode resultar mellor, na vida real ninguén che di se o estás a facer ben ou mal.
A avaliación. Se tivera que facer un balance, diría que a impresión que tiven do C.O.U. foi a de un ano de aprendizaxe perdida. Polo que constatei falando con outra xente, non foi so no meu colexio que os mestres pasaban ese curso obsesionados coa selectividade, e convertíano nunha carreira de preparación para ese exame. Eu entendo que a educación española está moi influenciada por aquel modelo francés clásico no que a evolución académica debía ser algo moi parecido á promoción militar. Esa filosofía, tal vez sexa a máis axeitada para seleccionar entre os candidatos a unha determinada praza na administración pública, pero de didáctico, de formativo ten pouco. Evidentemente, o docente debe coñecer a evolución do alumno, pero superar un proceso avaliativo non é sinónimo de aprendizaxe, e esta debe primar sobre todo o demáis.
A aprendizaxe é algo tan serio como que é a principal diferencia entre os humanos e as demáis especies. Desafortunadamente, existe unha fenda entre os métodos de ensino e a aprendizaxe, exemplarizada magníficamente no feito de non precisarmos estudiar para aprender a nosa língua vernácula, pero sí tomamos leccións cando se nos ensina unha segunda lingua. Esta cuestión sería interesante para un debate, como o sería acordar o reparto de responsabilidades e corresponsabilidades entre familia mestre e, engado eu como mínimo, medios de comunicación, ou como sería termos claro se o sistema educativo debe formar personas, debe dar coñecementos e/ou habilidades, ou debe preparar ós individuos para ocupar un determinado posto de traballo. Todas esas son, para min, cuestións máis importantes que a maioría dos temas tratados actualmente nos medios xerais, por máis que o noso futuro como sociedade dependa de elas; non entro eu a tratalas en profundidade porque o obxectivo deste artigo non era outro que indicar, en catro pinceladas, algúns aspectos mellorables do panorama formativo, sen pretender criticar indiscrimanadamente ós docentes, nin prexuício de que existan profesionais ou centros que estean incluso máis alá do aquí proposto.
Xa, aprender a aprender é útil, o malo é que aprender a aprender apréndese aprendendo. Por exemplo, cando procuras un posto de traballo o empregador diche: requírese que vostede manexe as ferramentas X, Y, Z,… e non di: requírese que vostede sexa capaz de algún día destes aprender a manexar as ferramentas X, Y, Z,… e eu enténdoo, as habilidades para reciclarse si son importantes, pero os coñecementos concretos (saber a normativa X, manexar o software Y e saber a lei Z, etc..) tamén o son.
Comment by xm carreira — October 26, 2008 @ 12:46 pm
Evidentemente, cando un comeza a desempeñar unha tarefa, tamén ten que saber algo relacionado con esa tarefa, non ser un disco formateado. Ó que eu me refiro é que o formador so pode ter máis unha idea, máis ou menos aproximada, do que vai precisar o alumno, e debe aproveitar que este adquire eses coñecementos para que adquira, tamén, a posibilidade de amplialos e desenvolvelos pola súa conta.
Comment by F. Miguez — October 27, 2008 @ 10:54 am
Habería moito que profundizar neste tema.Tamén dicir que o famoso informe Pisa, non é mais cunha chorrada que ven de europa e que non é aplicable no sistema educativo español, pois avalía items que non están no curriculo.
Ir mais aló, dicindo que o meu xuízo, o importante, ademais das famosas competencias básicas, e procurar un estado apropiado para a aprendizaxe, “Ser para aprender” e logo a necesidade de poñer no ensino a xente preparada para ensinar, non por coñecemento senón por vontade; habería que ser mestre e non profesor. Pero o debate sería moi longo
Comment by Arturo — October 31, 2008 @ 12:07 am
Abofé que sería longo, tanto como que non debería rematar nunca, no afán de garantir a evolución contínua do sistema. Pero, por esa mesma razón, é necesario que se faga; algúns podemos tratar de aportar as nosas opinións, pero era moito máis importante que os protagonistas, os primeiros en debatir, coa condición de permanezan abertos ó resto da sociedade.
Comment by F. Miguez — October 31, 2008 @ 6:40 am