Vías alternativas para areas metropolitanas e pequena autocrítica deste blog.
Hai un tempo, escribín un artigo denunciando o que considerei unha desfeita no entorno do río Mero, en Cambre. Hay xa meses que as obras remataron e fago balance do resultado, do que eu escribín e, o máis importante, introduzo algún argumento co que quixera sementar certo debate (e tal vez polémica) sobre a planificación urbana e suburbana de Galicia.
Naquel artigo de hai dous anos, laiábame eu de que as excavadoras irrumpiran nun entorno que, lonxe de ser unha paraxe única, resultaba polo menos un lugar agradable para estar quen non disfrute tanto das aglomeracións. Agora remataron os traballos e o resultado non foi tan grave como eu temía. A promoción inmobiliaria quedou bastante afastada do río (e parece estar agardando a fin da crise para avanzar), e o que parecía destinado a ser unha estrada ou similar, quedou en dúas sendas paralelas ás respectivas beiras do cauce, percorrendo os hitos que delimitan o Dominio Público Hidráulico
.
Serei sincero: arrepíntome bastante daquel artigo por ter incurrido nun catastrofismo indocumentado, iso si, xustificado cos precedentes sentados polo formigón en Galicia. Ter aberto as beiras do rio para o uso público é unha iniciativa que lle debo aplaudir ó promotor do proxecto. Pero aínda así, hai catro aspectos susceptibles de crítica na obra, tales como:
1-. Por moi estético que sexa o resultado, saiban todos que debaixo do verde, mesturados na terra, hai camións de cascallo de obra nada dignos dunha suposta recuperación ambiental.
2-. Limpar as inmediacións dun río non debe implicar arrasa-las súas beiras. Antes da intervención estaba formado un denso sistema vexetal (entre o que eu atopara o lúpulo), que agora agarda pelado coma un quinto o paciente traballo da natureza para devolverlle a súa frondosidade, coa benia do señor alcalde. Vai sendo hora de aprendermos a topar un equilibrio entre o abandono e a intervención total no entorno.
3-. Con esta obra, queda bastante dificultada a posibilidade de adicar algún día ese suelo a outros usos, en especial o seu uso tradicional, unha pequena agricultura que ben podería encamiñarse agora cara a horta.
4-. Os «paseos» son un incentivo necesario para que a sociedade urbanita se anime a practicar exercicio, sexa a pe ou en bicicleta. Sen embargo, están a ser unha oportunidade bastante perdida no eido da comunicación entre áreas dunha mesma contorna. Fomentar o uso destes paseos como vías ciclistas e peatonais, alternativas ás que se comparten co tráfico rodado pode ter dous efectos positivos; segregar coches de personas (e ciclistas) supon eliminar definitivamente o risco de atropello neses traxectos e, ademáis, unha mobilidade peonil/ciclista eficaz é un dos primeiros pasos cara a mobilidade sostible.
Para tornar isto da mobilidade sostible en realidade, o estamento político debe promocionar estas novas vías como algo máis que paseos, senon como verdadeiras arterias orientadas a desplazamentos de personas, de xeito seguro e saudable (afastado de fumes e barullos). Son catro os requisitos a cumplir: A publicidade, encamiñada a recuperar para a nosa sociedade unha cultura do desplazamento sen coche aínda vixente na maioría das cidades europeas. A conectividade, que permita unha multiplicidade de itinerarios entre os máis puntos posibles combinando diferentes sendas a discreción; unha cartografía interactiva destas vías pode ser útil para este punto e o anterior. A funcionalidade, evitando trazados con unha sinuosidade que, aínda resultando máis estética, multiplica innecesariamente as distancias. A continuidade; por exemplo, esta senda empátase co paseo do Burgo, o que permite facer o traxecto Cambre-A Pasaxe en cousa de media hora (a ritmo moderado de bici) sen apenas interferir cos coches. Se hubese continuidade hasta A Coruña, que dista outro tanto, estaríamos falando de ir de Cambre á Coruña en menos de unha hora (en hora punta, o coche debe de tardar máis ou menos o mesmo), sen expoñerse a un atropello. (Ver Nota.)
Vendo como está evolucionando a urbanidade do entorno coruñés, non me cabe dúbida de que non tardaría o día en que moitos se apuntarían a empregar esta vía como alternativa ós atascos de Alfonso Molina e sucesivos. Se ben este artigo ten unha certa carga crítica, debemos facer un balance altamente positivo polo feito de estarmos a falar de cómo mellorar as posibilidades dun «novo» modelo de desenvolvemento que xa se ve no horizonte.
¿A polémica? Certo xa me esquecía
. ¿É cousa miña, ou ese urbanismo de zonas verdes, sendas peatonais, etc. vaise extendendo por toda Galicia menos a única cidade que se considera a sí mesma «a cidade máis importante de Galicia»? A pelota queda no tellado de xentes con máis mundo ca min, requisito sumamente fácil de cumplir.
Nota: Para cumplir estas estimacións, estamos a falar de unha velocidade media próxima ós 15Km/h. Non sei se lles parece moito ou pouco, pero unha persona que non ande nunca en bici necesita so entre dúas e tres semanas de práctica para acadar esa media sen esforzo.