¡Por favor, xa nos chega cos nosos!

«Cando a nosa televisión empezou a facer seguimento constante da liga de fútbol británica, eu dixen para min “como se non chegara tragar todo o que nos botan do fútbol español”. Agora, asisto atónito ó espectacular seguimento que se lle está a facer á campaña electoral estadounidense e, desesperado, pregúntome se non darán circo abondo os políticos españoles e galegos como para, aínda por enriba, traer ós de fora.»

Tres verdades contra o Halloween.

«Halloween é como o Nadal, pero á inversa. O Nadal é unha tradición que foi virando a campaña comercial; Halloween é unha campaña comercial que se vai facendo costumbre.»

«O “Samaín” é outro invento, na miña terra non existe ningunha tradición con ese nome nin formato. O día de defuntos lévanse flores ó cemiterio, vai a misa quen cre, e quen vive fora da súa parroquia aproveita para visitar as sepulturas dos seus familiares. Punto. O resto é querer ter unha festa tan chachi coma a das películas sen que nos remorda a conciencia.»

«O que máis me toca o carallo amola do Halloween e que eu lembro ter feito caras nos calacús e meterlle luces dentro, de pequeno, co meu avó e para meternos con alguén, sin ser Halloween, nin festividade ningunha; era unha costumbre autóctona que agora a xente confunde con outra foránea. Se agora me poño a querer gastarlle unha trasnada a un veciño na beira dun camiño, vaime tomar por outro imitador dos norteamericanos que vai a destempo.»

Novo sistema financiero mundial.

«Zapatero debería preguntarse se os españoles estamos cómodos ofrecendo a imaxe de andar a choromicar porque os ricos e poderosos nos deixen entrar no seu xogo. Tal vez, no canto de intentar ser os últimos dos grandes, deberíamos posicionarnos como os priemiros dos pequenos, e darlle polo cu esquinazo a ese novo orden mundial que será imposto polos de sempre, unha vez máis, atendendo ós intereses de sempre.»

Ciclocrisis.

«A crisis non lle está a afectar ó noso sector, máis ben ó contrario, eu observo que este ano temos vendido moitas bicicletas de 200€, que son as máis baratas que temos, a xente que traballa nestas fábricas arredor de Redondela e veñen a traballar nelas desde as parroquias. Cómpranas dicindo “e que tal e como se puxeron o gasoil e a gasolina…”»

J. Bautista. O meu mecánico de bici de cabeceira.

Eivas do sistema formativo.

A semana pasada, entre miles de millóns de euros e bancos, colouse a nova dun informe sobre o baixo nivel dos estudiantes de agora. Como dixo alguén na televisión, seguro que o fixeron «estudiantes de antes» pero, en calquera caso, eu vouno aproveitar como excusa para explicar un par cousas que considero erradas nos sistemas formativos. Aclaro que non vou entrar a discutir sobre a primaria, a secundaria, a LOGSE nin nada de iso, senon que vou apuntar aspectos xerais ó meu xuício esquecidos cando se pretende formar a un alumno.

A folla en branco. Paula é unha amiga miña que ten agora dez anos. Mándanlle da escola un exercicio consistente en escoller unha personaxe, un lugar e un tempo para despois construir unha historia. Como Paula ten bastante imaxinación, en cinco minutos sitúa a un extraterrestre na Galicia contemporánea e depois… empeza a chorar e eu enténdoa perfectamente. Imaxinen que a un arquitecto lle fan deseñar un tellado, unha porta e un retrete e despois lle dicen «agora fai unha casa con iso». Probablemente, o arquitecto tamén choraría. A Paula contáronlle que unha historia era «plantexamento, nudo e desenlace» e que precisaba «personaxes, lugares e un tempo no que acontecer». Nada máis.
Hai toneladas de papel escritas con métodos e técnicas para a creatividade, para adquirir a capacidade de desenvolver unha idea hasta convertela nun logro, mais bastaba con adicarlle un par de horas á semana nas escolas para que os nenos aprenderan a sentarse diante do caderno e empezar por preguntarse ¿qué quero facer?, ¿por qué o quero facer?, ¿cómo fixeron outros antes?… xa non digo chegarmos ó nivel de aprender cousas como a tormenta de ideas, a división dos proxectos en partes máis abordables, etc. Simplemente que o alumno sexa capaz de entender o seu papel na tarefa que debe abordar e que participe conscientemente de ela. A cousa, en realidade non pasa de ser a sinistra punta de un iceberg sumamente perigoso; nos aproximadamente vinte anos que dura a vida académica dunha persoa, esta é bombardeada coa cantidade suficiente de datos, normas, sistemas, teorías e demáis como para asegurarse de que non vai aproveitar nin a cuarta parte, pero non hai apendas un intre para formular a pregunta reveladora ¿qué quero facer? Definir correctamente un problema é unha condición necesaria, e moitas veces suficiente, para acadar a súa solución. Non ensinarlle ós estudiantes a afrontala revela que, baixo a superficie, o formador (o sistema, máis que a persona) tampouco a ten clara moitas veces.

Aprender a aprender. «¡Que chorrada!» Dirán vostedes cando lles conte cómo, xa na carreira, tiven un profesor de academia, para unha das asignaturas difíciles de verdade (Campos e Ondas), que era un fenómeno e sabía toda a materia de memoria, hasta o índice. Non obstante, un día, unha compañeira apareceu con unha dúbida sobre un concepto que non aparecía en ningúns apuntes; o profesor, sin perturbarse, respondeu «Busca en Google». Foi un dos días máis útiles da miña vida. Eses vinte anos de vida académica invertidos en aprender ríos, reis, sintagmas, leis físicas… serían bastante máis productivos se fosen invertidos en aclaralle ó estudante «qué debe aprender» (volvemos tropezar co punto anterior) e cómo conseguir a información que precisa, alén de tragala nun libro de texto como fixeron os seus avós cando a información era algo perfectamente acotable, ou así se cría.

A negación do erro. Todos dixemos algunha vez «dos erros apréndese», ainda que eu prefiero o lema «de derrota en derrota, hasta a victoria final». Ensinado correctamente a aprender (ver punto anterior), tamén se debería ensinar a recoñecer un fallo, a entender as súas causas e consecuencias, e a correxilo; eu non me fiaría de alguén que xamáis se trabucou, porque non se pode saber cómo reaccionará cando algo saia mal. Aínda é máis, un amigo meu contábame do seu avó, antigo cociñeiro, que era un fenómeno facendo maionesa; «era capaz de deixar que se lle cortara e volvela a poñer ben», dicía. Esa é a diferencia entre quen sabe e un mestre: o mestre non lle teme ós erros porque ten control sobre eles, adquirido inevitablemente da experiencia obtida trabucándose moitas veces. Desgraciadamente, o erro segue estando mal visto nos procesos formativos, e temo que siguen sendo poucos os profesores capaces de permitirlle a un alumno facer mal un exercicio para, unha vez rematado, preguntarlle ¿estás seguro do que fixeches? e deixarlle botar o tempo que precise hasta atopa-lo fallo. Facer o mesmo tamén cando o fai ben, aínda pode resultar mellor, na vida real ninguén che di se o estás a facer ben ou mal.

A avaliación. Se tivera que facer un balance, diría que a impresión que tiven do C.O.U. foi a de un ano de aprendizaxe perdida. Polo que constatei falando con outra xente, non foi so no meu colexio que os mestres pasaban ese curso obsesionados coa selectividade, e convertíano nunha carreira de preparación para ese exame. Eu entendo que a educación española está moi influenciada por aquel modelo francés clásico no que a evolución académica debía ser algo moi parecido á promoción militar. Esa filosofía, tal vez sexa a máis axeitada para seleccionar entre os candidatos a unha determinada praza na administración pública, pero de didáctico, de formativo ten pouco. Evidentemente, o docente debe coñecer a evolución do alumno, pero superar un proceso avaliativo non é sinónimo de aprendizaxe, e esta debe primar sobre todo o demáis.

A aprendizaxe é algo tan serio como que é a principal diferencia entre os humanos e as demáis especies. Desafortunadamente, existe unha fenda entre os métodos de ensino e a aprendizaxe, exemplarizada magníficamente no feito de non precisarmos estudiar para aprender a nosa língua vernácula, pero sí tomamos leccións cando se nos ensina unha segunda lingua. Esta cuestión sería interesante para un debate, como o sería acordar o reparto de responsabilidades e corresponsabilidades entre familia mestre e, engado eu como mínimo, medios de comunicación, ou como sería termos claro se o sistema educativo debe formar personas, debe dar coñecementos e/ou habilidades, ou debe preparar ós individuos para ocupar un determinado posto de traballo. Todas esas son, para min, cuestións máis importantes que a maioría dos temas tratados actualmente nos medios xerais, por máis que o noso futuro como sociedade dependa de elas; non entro eu a tratalas en profundidade porque o obxectivo deste artigo non era outro que indicar, en catro pinceladas, algúns aspectos mellorables do panorama formativo, sen pretender criticar indiscrimanadamente ós docentes, nin prexuício de que existan profesionais ou centros que estean incluso máis alá do aquí proposto.

Eurocorralito II.

«Hai algo sospeitoso nun sistema político/social/económico que lle concede miles de millóns de euros ós mesmos que acaban de estar a piques de arruinar ese mesmo sistema. Cando menos, sospeitoso.»

Eurocorralito.

«Despois de tantos anos tragando coas imposicións neoliberais que Europa e os Estados Unidos lles fixeron, a través do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, se eu hoxe fose cidadán dun país latinoamericano, estaría manifestándome nas rúas para esixir que as forzas armadas tomasen o control dos centros de traballo das empresas extranxeiras no meu país, nunha máis que xusta expropiación.»

Dispara. Os lugares máis galegos do mundo: Pontecesures.

Pontecesures é unha das vilas máis galegas do mundo, non porque teña algo que non teñan todas as demáis, senon precisamente por ter todo o que teñen as vilas galegas. Fíxense nesta foto, que é unha vista tomada dende a estrada N-550.

Non costaba nada poñer arcéns.

Vemos dúas casas vellas, unha de pedra á vista e a outra revestida, un edificio relixioso, unha casa actual pintada dun color chamativo, un edificio de catro alturas revestido en chapa ondulada, unha eira con viña, un terreo medio a monte e unha fábrica. O máis significativo, o que de verdade convirte a esta imaxe nunha das máis galegas do mundo é termos todo revolto. (A fábrica non está pegada á igrexa, senón que xa está do outro lado do río Ulla, e como non quixera parecer manipulador, aclaro estar falando de paisaxe.)
Iso é Pontecesures, e iso son todas as vilas desta terra: unha mestura apresurada de diferentes conceptos de asentamento humano, feita dende un pragmatismo e unha urxencia que relegan a identidade e a orde a un intento pola súa recuperación indefinidamente adiado. Iso é o que pretendo mostrar na galería de este segundo sábado de mes, porque, como dicen os ingleses «it’s not much, but it’s home».

Do lixo no monte.

Lixo no monte.

«É extenso, o catálogo de eivas padecidas pola persoa que carga un carretillo de plásticos e lixo para tiralos no monte Pódense calificar de irresponsables, de antisociales, de inconscientes ou, directamente, de porcos. Pero se debésemos escoller a tara máis significativa desta clase de xente, a día de hoxe esta é, sen dúbida, a de ser rematadamente parvos, porque da bastante máis traballo andar a acarrexar para o monte que coller a trapallada e metela nun contenedor do lixo; ademáis de telo sempre máis preto da casa, téñeno pago cos seus impostos. Parvos, iso é o que son, parvos.»

Vías alternativas para areas metropolitanas e pequena autocrítica deste blog.

Hai un tempo, escribín un artigo denunciando o que considerei unha desfeita no entorno do río Mero, en Cambre. Hay xa meses que as obras remataron e fago balance do resultado, do que eu escribín e, o máis importante, introduzo algún argumento co que quixera sementar certo debate (e tal vez polémica) sobre a planificación urbana e suburbana de Galicia.

Naquel artigo de hai dous anos, laiábame eu de que as excavadoras irrumpiran nun entorno que, lonxe de ser unha paraxe única, resultaba polo menos un lugar agradable para estar quen non disfrute tanto das aglomeracións. Agora remataron os traballos e o resultado non foi tan grave como eu temía. A promoción inmobiliaria quedou bastante afastada do río (e parece estar agardando a fin da crise para avanzar), e o que parecía destinado a ser unha estrada ou similar, quedou en dúas sendas paralelas ás respectivas beiras do cauce, percorrendo os hitos que delimitan o Dominio Público Hidráulico ;) .

Senda do Rio Mero.

Serei sincero: arrepíntome bastante daquel artigo por ter incurrido nun catastrofismo indocumentado, iso si, xustificado cos precedentes sentados polo formigón en Galicia. Ter aberto as beiras do rio para o uso público é unha iniciativa que lle debo aplaudir ó promotor do proxecto. Pero aínda así, hai catro aspectos susceptibles de crítica na obra, tales como:
1-. Por moi estético que sexa o resultado, saiban todos que debaixo do verde, mesturados na terra, hai camións de cascallo de obra nada dignos dunha suposta recuperación ambiental.
2-. Limpar as inmediacións dun río non debe implicar arrasa-las súas beiras. Antes da intervención estaba formado un denso sistema vexetal (entre o que eu atopara o lúpulo), que agora agarda pelado coma un quinto o paciente traballo da natureza para devolverlle a súa frondosidade, coa benia do señor alcalde. Vai sendo hora de aprendermos a topar un equilibrio entre o abandono e a intervención total no entorno.
3-. Con esta obra, queda bastante dificultada a posibilidade de adicar algún día ese suelo a outros usos, en especial o seu uso tradicional, unha pequena agricultura que ben podería encamiñarse agora cara a horta.
4-. Os «paseos» son un incentivo necesario para que a sociedade urbanita se anime a practicar exercicio, sexa a pe ou en bicicleta. Sen embargo, están a ser unha oportunidade bastante perdida no eido da comunicación entre áreas dunha mesma contorna. Fomentar o uso destes paseos como vías ciclistas e peatonais, alternativas ás que se comparten co tráfico rodado pode ter dous efectos positivos; segregar coches de personas (e ciclistas) supon eliminar definitivamente o risco de atropello neses traxectos e, ademáis, unha mobilidade peonil/ciclista eficaz é un dos primeiros pasos cara a mobilidade sostible.

Para tornar isto da mobilidade sostible en realidade, o estamento político debe promocionar estas novas vías como algo máis que paseos, senon como verdadeiras arterias orientadas a desplazamentos de personas, de xeito seguro e saudable (afastado de fumes e barullos). Son catro os requisitos a cumplir: A publicidade, encamiñada a recuperar para a nosa sociedade unha cultura do desplazamento sen coche aínda vixente na maioría das cidades europeas. A conectividade, que permita unha multiplicidade de itinerarios entre os máis puntos posibles combinando diferentes sendas a discreción; unha cartografía interactiva destas vías pode ser útil para este punto e o anterior. A funcionalidade, evitando trazados con unha sinuosidade que, aínda resultando máis estética, multiplica innecesariamente as distancias. A continuidade; por exemplo, esta senda empátase co paseo do Burgo, o que permite facer o traxecto Cambre-A Pasaxe en cousa de media hora (a ritmo moderado de bici) sen apenas interferir cos coches. Se hubese continuidade hasta A Coruña, que dista outro tanto, estaríamos falando de ir de Cambre á Coruña en menos de unha hora (en hora punta, o coche debe de tardar máis ou menos o mesmo), sen expoñerse a un atropello. (Ver Nota.)
Vendo como está evolucionando a urbanidade do entorno coruñés, non me cabe dúbida de que non tardaría o día en que moitos se apuntarían a empregar esta vía como alternativa ós atascos de Alfonso Molina e sucesivos. Se ben este artigo ten unha certa carga crítica, debemos facer un balance altamente positivo polo feito de estarmos a falar de cómo mellorar as posibilidades dun «novo» modelo de desenvolvemento que xa se ve no horizonte.
¿A polémica? Certo xa me esquecía :D . ¿É cousa miña, ou ese urbanismo de zonas verdes, sendas peatonais, etc. vaise extendendo por toda Galicia menos a única cidade que se considera a sí mesma «a cidade máis importante de Galicia»? A pelota queda no tellado de xentes con máis mundo ca min, requisito sumamente fácil de cumplir.

Nota: Para cumplir estas estimacións, estamos a falar de unha velocidade media próxima ós 15Km/h. Non sei se lles parece moito ou pouco, pero unha persona que non ande nunca en bici necesita so entre dúas e tres semanas de práctica para acadar esa media sen esforzo.