Sobre «A Crisis».
Levo varios meses adiando un artigo sobre biodiesel que teño moitas ganas de escribir. Non obstante, de tan intenso que está a ser o bombardeo mediático sobre «A Crisis» esta semana, non son capaz de evitar apuntar unha serie de reflexións sobre o fondo da cuestión. Espero que sexan interesantes, e que as rebata quen disinta de elas.
No mundo empresarial, as decisións e os escenarios valoranse en termos de Debilidades, Amenazas, Fortalezas e Oportunidades (xa teño falado outras veces do análisis DAFO). ¿Onde situarían vostedes unha grande crisis económica? Unha crisis é unha grande oportunidade, porque o primeiro en sair de ela vai ter unha importante ventaxa sobre os demáis competidores, pero aínda hai máis. Na época de bonanza, as empresas ínflanse, medran e sobredimensiónanse para acaparar a maior cuota de mercado posible e maximizar os seus beneficios. Todo o mundo está feliz porque a economía vai estupenda, xenérase emprego e «medramos por enriba da media dos demáis», sen preocuparnos do que iso significa e se de verdade nos interesa. O problema ven coas vacas flacas, todo ese continxente laboral reclutado a maiores sobra e vai para a rúa. Entón, como acontece agora, dámonos conta de que era imposible vender cada ano máis coches e máis pisos que o anterior de maneira indefinida, e atopámonos con regulacións de emprego, quiebras e demáis dramas televisados.
O recén exposto (de xeito bastante pueril), non deixa de ser, en realidade un síntoma dos dous verdadeiros problemas que, en realidade non son tan fáciles de ver. O primeiro enténdese moi ben analizando a apocalipse das aerolíneas destes días. ¿Cómo é posible que empresas que tiveron beneficios durante os últimos anos, de repente non sexan capaces de facerlle fronte ás súas débedas e quebren? Pois porque a crise é unha oportunidade estupenda. O natural nunha empresa é intentar recortar sempre os custes para aumentar os beneficios; todos coñecemos o caso da aceituna aquela que supuxo un aforro millonario, pero hai outros custes máis difíciles de recortar: os custes de personal. A lexislación e a opinión pública ven bastante mal botar á rúa ós traballadores para gañar máis cartos, pero cando se trata de unha crisis… Unha empresa senlleira como Alitalia procura o visto e prace de goberno e sindicatos para prescindir dunha cantidade de traballadores noutras circunstancias escandalosa. As non tan senlleiras son máis expeditivas e pechan as portas directamente; despois aparecerán outras compañías novas, os avións serán os mesmos, cambiados de titularidade, a estructura máis reducida (menos plantilla), e a ir medrando hasta que a situación volva a ser insostible. Sí, estou dicindo que a crisis é unha oportunidade para desfacerse dos traballadores que axudaron a munxi-la vaca mentres daba leite, e non ter que repartir con eles os cartos acumulados nese tempo.
O da crisis dos bancos vai por outro lado. No mundo competitivo que se nos impón, «o que non arrisca non gaña» é un lema perigosamente aceptado por moitos. Para os bancos, a cousa é bastante doada, porque arriscan o patrimonio de outros e, se gañan, gañan eles. Hai un problema: arriscando indefinidamente a probabilidade de perder algún día vai tendendo á unidade (ver Nota1), e os bancos acaban perdendo… os cartos de quen os ten alí gardados que, se non somos todos, si a maioría. Entón, para evitar quedarnos sen eses cartos, arriscados por uns poucos, vamos todos (porque o estado somos todos) e arrimamos outra tanda de cartos para mantelos a flote coa súa competitividade e a súa parafernalia financieira que eles mesmos se preocupan de facer incomprensible para o profano polo mesmo interese que se crea calquer outro dogma. Nada disto sería reprochable se non fose polo que apunto no seguinte párrafo.
«A Crisis» non é un problema en sí mesma. Un trastorno para moitos traballadores, quizá, pero non un verdadeiro problema porque se acabará solucionando. O verdadeiro problema, a verdadeira vergoña, é estar permitíndolle ós mesmos que causaron «A Crisis» marcar as pautas para resolvela. É como poñer a un lobo a coidar as galiñas da raposa. E digo que ese é o verdadeiro problema porque nada é tan negativo como non aprender dunha experiencia negativa, pero todo apunta a que dentro de cinco ou dez anos, cando os titulares volvan a ser «record histórico na bolsa», «as ventas aumentan por terceiro ano consecutivo» ou «crecemos por enriba da media dos demáis» ninguén vai lembrar que hoxe, cando o despediron da fábrica de coches, da aeroliña, da inmobiliaria ou do banco, se tiran dos pelos e se preguntan cómo van pagar a hipoteca case vitalicia que asinaron hai tres anos. Queda apuntado, para non o esquecer: as escasas voces que, hoxe, xurden esixindo máis control e máis intervención do estado na economía desaparecerán en menos de seis meses, cando as medidas, outrora inadmisibles, postas agora en marcha polos gobernos fagan efecto. A partír de enton, todos, dende o executivo que gaña un millón de euros por erguerse da cama hasta o repartidor das guías telefónicas (ver Nota2) van falar mal de calquera que fale de control da economía, de subir os impostos ou todo o que sone a non poder munxi-la vaca hasta que revente.
Remato con unha observación para que a pensen un día que non haxa fútbol. «A Crisis» é un colapso do sistema polas súas propias deficiencias; dito doutro xeito, os cartos estancáronse porque (a) non se superon administrar correctamente e (b) alguén os papou. É un problema artificial, e xa nos chega para tremer. ¿Pensaron qué clase de crisis sería un problema externo ó sistema, por exemplo o esgotamento de un recurso natural imprescindible, ou unha ecatombe meteorolóxica que arrase coa agricultura por un par de anos? Dito doutro xeito ¿podemos estar tranquilos vivindo nun sitema que se se basta a si mesmo para tambalearse? A miña resposta seina eu ¿e a súa?
Nota1: En estadística, a probabilidade unidade (1) significa que o suceso acontece no 100% dos casos.
Nota2: Pensei bastantes exemplos de categorías profesionales «inferiores», e escollín esa porque, como figura na miña vida laboral, confío que non lle resulte ofensiva a ninguén.
Graciñas polos parabéns !.
O irmén para Leo será un bó agasallo.
Comment by paideleo — September 30, 2008 @ 10:01 pm
:D
Comment by F. Miguez — September 30, 2008 @ 11:47 pm