Uniformados.

«Unha das críticas clásicas ó pensamento militar é a negación dos individuos, simbolizada no culto á uniformidade. Cando vexo pola rúa grupos de mozos e mozas de entre quince e vinte anos (ver nota), peiteados e vestidos todos igual segundo o seu sexo, pregúntome se a crítica había que facerlla ó pensamento militar ou á condición humana.»

Nota: non estou facendo unha crítica xeneracional, as modas existiron sempre; aínda que agora sexan máis fortes e o colectivo citado o máis exposto á publicidade ó longo da historia, cito só a modo de exemplo e sen vontade de criticar.

Reflexión anexa sobre a cuestión da Crisis.

«Con todo isto, queda de manifesto que vivimos nun mundo en que coexisten dous universos paralelos. Por un lado estamos “o estado”, os que temos dereitos, obrigas, impostos e votamos cada catro anos para influir na dezmillonésima parte do goberno. Pola outra, un reducido número de persoas toman decisións que afectan a un ou varios estados, incluídos os seus gobernos, lúcranse cando a cousa vai ben e cargan nos demais as consecuencia dos seus erros; cada vez actúan con máis descaro porque saben que, cada vez, teñen a situación máis controlada, mentres a sociedade adica máis esforzos á televisión e a queixarse pola rúa sen estar disposta a participar no seu propio goberno.»

Sobre «A Crisis».

Levo varios meses adiando un artigo sobre biodiesel que teño moitas ganas de escribir. Non obstante, de tan intenso que está a ser o bombardeo mediático sobre «A Crisis» esta semana, non son capaz de evitar apuntar unha serie de reflexións sobre o fondo da cuestión. Espero que sexan interesantes, e que as rebata quen disinta de elas.

No mundo empresarial, as decisións e os escenarios valoranse en termos de Debilidades, Amenazas, Fortalezas e Oportunidades (xa teño falado outras veces do análisis DAFO). ¿Onde situarían vostedes unha grande crisis económica? Unha crisis é unha grande oportunidade, porque o primeiro en sair de ela vai ter unha importante ventaxa sobre os demáis competidores, pero aínda hai máis. Na época de bonanza, as empresas ínflanse, medran e sobredimensiónanse para acaparar a maior cuota de mercado posible e maximizar os seus beneficios. Todo o mundo está feliz porque a economía vai estupenda, xenérase emprego e «medramos por enriba da media dos demáis», sen preocuparnos do que iso significa e se de verdade nos interesa. O problema ven coas vacas flacas, todo ese continxente laboral reclutado a maiores sobra e vai para a rúa. Entón, como acontece agora, dámonos conta de que era imposible vender cada ano máis coches e máis pisos que o anterior de maneira indefinida, e atopámonos con regulacións de emprego, quiebras e demáis dramas televisados.
O recén exposto (de xeito bastante pueril), non deixa de ser, en realidade un síntoma dos dous verdadeiros problemas que, en realidade non son tan fáciles de ver. O primeiro enténdese moi ben analizando a apocalipse das aerolíneas destes días. ¿Cómo é posible que empresas que tiveron beneficios durante os últimos anos, de repente non sexan capaces de facerlle fronte ás súas débedas e quebren? Pois porque a crise é unha oportunidade estupenda. O natural nunha empresa é intentar recortar sempre os custes para aumentar os beneficios; todos coñecemos o caso da aceituna aquela que supuxo un aforro millonario, pero hai outros custes máis difíciles de recortar: os custes de personal. A lexislación e a opinión pública ven bastante mal botar á rúa ós traballadores para gañar máis cartos, pero cando se trata de unha crisis… Unha empresa senlleira como Alitalia procura o visto e prace de goberno e sindicatos para prescindir dunha cantidade de traballadores noutras circunstancias escandalosa. As non tan senlleiras son máis expeditivas e pechan as portas directamente; despois aparecerán outras compañías novas, os avións serán os mesmos, cambiados de titularidade, a estructura máis reducida (menos plantilla), e a ir medrando hasta que a situación volva a ser insostible. Sí, estou dicindo que a crisis é unha oportunidade para desfacerse dos traballadores que axudaron a munxi-la vaca mentres daba leite, e non ter que repartir con eles os cartos acumulados nese tempo.
O da crisis dos bancos vai por outro lado. No mundo competitivo que se nos impón, «o que non arrisca non gaña» é un lema perigosamente aceptado por moitos. Para os bancos, a cousa é bastante doada, porque arriscan o patrimonio de outros e, se gañan, gañan eles. Hai un problema: arriscando indefinidamente a probabilidade de perder algún día vai tendendo á unidade (ver Nota1), e os bancos acaban perdendo… os cartos de quen os ten alí gardados que, se non somos todos, si a maioría. Entón, para evitar quedarnos sen eses cartos, arriscados por uns poucos, vamos todos (porque o estado somos todos) e arrimamos outra tanda de cartos para mantelos a flote coa súa competitividade e a súa parafernalia financieira que eles mesmos se preocupan de facer incomprensible para o profano polo mesmo interese que se crea calquer outro dogma. Nada disto sería reprochable se non fose polo que apunto no seguinte párrafo.
«A Crisis» non é un problema en sí mesma. Un trastorno para moitos traballadores, quizá, pero non un verdadeiro problema porque se acabará solucionando. O verdadeiro problema, a verdadeira vergoña, é estar permitíndolle ós mesmos que causaron «A Crisis» marcar as pautas para resolvela. É como poñer a un lobo a coidar as galiñas da raposa. E digo que ese é o verdadeiro problema porque nada é tan negativo como non aprender dunha experiencia negativa, pero todo apunta a que dentro de cinco ou dez anos, cando os titulares volvan a ser «record histórico na bolsa», «as ventas aumentan por terceiro ano consecutivo» ou «crecemos por enriba da media dos demáis» ninguén vai lembrar que hoxe, cando o despediron da fábrica de coches, da aeroliña, da inmobiliaria ou do banco, se tiran dos pelos e se preguntan cómo van pagar a hipoteca case vitalicia que asinaron hai tres anos. Queda apuntado, para non o esquecer: as escasas voces que, hoxe, xurden esixindo máis control e máis intervención do estado na economía desaparecerán en menos de seis meses, cando as medidas, outrora inadmisibles, postas agora en marcha polos gobernos fagan efecto. A partír de enton, todos, dende o executivo que gaña un millón de euros por erguerse da cama hasta o repartidor das guías telefónicas (ver Nota2) van falar mal de calquera que fale de control da economía, de subir os impostos ou todo o que sone a non poder munxi-la vaca hasta que revente.
Remato con unha observación para que a pensen un día que non haxa fútbol. «A Crisis» é un colapso do sistema polas súas propias deficiencias; dito doutro xeito, os cartos estancáronse porque (a) non se superon administrar correctamente e (b) alguén os papou. É un problema artificial, e xa nos chega para tremer. ¿Pensaron qué clase de crisis sería un problema externo ó sistema, por exemplo o esgotamento de un recurso natural imprescindible, ou unha ecatombe meteorolóxica que arrase coa agricultura por un par de anos? Dito doutro xeito ¿podemos estar tranquilos vivindo nun sitema que se se basta a si mesmo para tambalearse? A miña resposta seina eu ¿e a súa?

Nota1: En estadística, a probabilidade unidade (1) significa que o suceso acontece no 100% dos casos.
Nota2: Pensei bastantes exemplos de categorías profesionales «inferiores», e escollín esa porque, como figura na miña vida laboral, confío que non lle resulte ofensiva a ninguén.

Dispara. Razóns para sentirse orgulloso de Galicia: cunetas que alimentan.

Milleiro.Temos en Redondela un comercio de agro e xardín cuio amo (enxeñeiro técnico agrónomo) trae a veces algunha cousa exótica e, cando alguén cuestiona as súas posibilidades de desenrolo, él responde sempre: “Señora, en Galicia se da de todo, fíjese que hasta nos damos los castellanos…”
Hai varios síntomas que atestiguan a extrema xenerosidade coa que a natureza galega acolle e desenvolve a vida a nosa terra. Un, o feito de que algunha das especies máis representativas da flora galega, como son a camelia, o eucalipto (por máis que pese) ou a pataca veñen dos puntos máis dispares da terra. Outro, o que recollo na pequena fotogalería de este mes, onde aparecen trigo, millo, e incluso un tomate que fun atopando nacidos nas cunetas das estradas, probablemente un dos lugares máis inhospitos do mundo. Non obstante, nas cunetas galegas, sen que ninguén o busque, nacen e medran plantas de esas que os humanos precisamos para vivir, mentres que noutros lugares da terra, incluso con todos os coidados do mundo, a agricultura e a subsistencia son tan precarias que rozan o milagre.

Eu ciclista IX. Días de asfalto.

Por varias razóns, e a pesares de que me considero de monte ou de campo, sempre pensei que a miña biografía se titularía “Días de asfalto”. Agora, a bicicleta de estrada dalle un novo argumento a ese título. Aínda que este artigo ten un punto máis personal que de costumbre, a reflexión social segue presente.

As mulleres ven cousas que os homes non vemos, por iso hai algúns que son agresivos con elas e outros que as admiramos, e por iso, alá por principios de ano, buscando un sitio para cear, a miña dixo “mira donde hay una bici” cando eu aínda estaba na fase “qué carallo estarán a ver aqueles ghichos no contenedor”. Os paisanos marcharon antes de que nos chegáramos á altura e alí estaba, arrimada ó colector de lixo, unha bicicleta de estrada. BH. Roja. Alén dos dous puntos de romanticismo, xa andaba pola miña cabeza a idea de buscar unha bicicleta de estrada de segunda man, para probar algo do ciclismo en ruta despois das alegrías que me daba a BTT. Xulgando polos desperfectos que presentaba, parecía que a bici estaba alí para desfacerse de ela pero, por si acaso, eu limiteime a separala un pouco do contenedor (para que non a botaran no camión) e marchamos a cear. Cando voltamos, alá pola unha da mañán, a miña nova bicicleta “de carreiras” seguía alí así que a levei para a casa.
Despois de facelo unhas cantas veces, ben podería escribir unha guía para rehabilitación de bicicletas vellas, pero con lavalas e sacar as pezas evidentemente rotas, creanme, hasta o ferrancho máis vello parece resucitar. Co gasto mínimo imprescindible e tras dúas probas, a “SUPER BH L6000″ estivo lista para intentar a maior distancia que fixera en asfalto coa mountain bike: Redondela-Marín-Redondela; a experiencia foi tan boa que o ciclismo en ruta acabou por convertirse noutro dos vicios a encaixar na miña axenda semanal e, xa a comenzos do verán empecei a ver factible o plan que xustifica este artigo, a viaxe Redondela-Coruña feita infinitas veces na miña vida. Aclaro xa agora referirme, con “Coruña”, ós lugares que frecuento no entorno da Cidade Herculina, pero trátase so dunha cuestión de detalle. Fun aumentando gradualmente as distancias ó longo das semanas hasta que o xoves pasado, coincidindo co cumpleanos da outra protagonista do primeiro párrafo, a bici e máis eu botamos cinco horas e cuarto desafiando ós 144 kilómetros de asfalto que nos separaban coa fin de darlle o feliz cumpleanos en persoa. Non sei se recomendarlles a experiencia, son cousas que saen de cada quen, dos seus gustos e espectativas persoais, pero para min foi algo sumamente grato. Tal vez, para outros afeccionados ó ciclismo, a viaxe non sexa para tanto, pero para este, que leva 18 meses andando irregularmente en bicicleta, como superación, foi bastante.
Queda para outro artigo, falar da relación ciclista-estrada-conductor, probablemente o panorama que máis insultos me ten axudado a crear en anos. Tratándose dunha cuestión de seguridade, prefiro evitar a dispersión do pouco que poida aportar no medio deste artigo máis xeral.
O que sí farei é unha pequena reflexión social. Unha bicicleta de estrada nova anda entre 600 e 6000 euros, o normal anda sobre 1200. Supoño por lóxica que a miña coitada non resistiría nin o primeiro minuto de comparacións, pero pensemos un pouco: Poñer a bici a andar custoume 30 euros. Poñela en condicións de atacar certas distancias foron 100€ máis. Aínda que gastase outros 100 en remata-lo “overhaul”… En fin, que non é so unha cuestión de cartos, senon de aproveitar o que hai. Non nego a posibilidade de que algún dia gaste unha porrada de euros nunha bici nova pero, polo de agora, esta chégame ben porque é capaz de facer tantos kilómetros coma min. Díganme vostedes ¿merece a pena tirar cousas que sirven nun afán de mellora moitas veces subxetivo, cando non innecesario? ¿funciona así o noso mundo? Seguramente, se algún dos que están a ler fabrica ou vende bicis, estará agora botando algunha peste contra min, certamente a sociedade occidental depende moito de que a xente gaste os seus cartos en mercar cousas, pero sentíndollo moito, coido que vai chegando o tempo de aproveitar o que hai. Non poden ir para o lixo cousas que aínda teñen moitos kilómetros por rodar (e non falo só de bicicletas, aínda que tamén).

Dous aforismos opostos (e meus propios) sobre a eutanasia.

A propósito da nova que chega dende Andalucía.

“Non entendo cómo, na parafernalia militar, se mitifica o feito de “dar a vida pola patria”, ou a interpretación de súmum do altruísmo que, no cine bélico, supón o instante en que o protagonista lle da un final piadoso a un compañeiro para evitarlle cair en mans inimigas, mentres os estados lle negan o dereito a morreren, cando queiran, ás personas que o desexen e non sexan quen de facelo por si mesmos.”

“A sociedade emocionase facilmente co morbo de historias de épica tráxica como a de Ramón Sampedro e outros iconos do dereito á eutanasia, pero ignora ás persoas que, en situacións semellantes, optan por seguir vivindo e sufren a marxinación e os problemas propios de un mundo que avanza indecentemente paseniño na supresión das barreiras e no apoio ás persoas “dependentes”, como se di agora.”