Realidades do AVE.

Onte estivo Jose Luís Rodriguez Zapatero facendo un importante acto na precampaña do PSOE cara as próximas eleccións autonómicas. Básicamente, veu a dicir que o AVE está en camiño e todo iso. Neste artigo vou copiar e pegar a lista de realidades sobre as obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, aquí en Redondela, elaborada polos veciños afectados para a prensa, e que a Plataforma Contra a Autovía axudou a presentar, sen demasiada repercusión mediática. Despois farei dúas pequenas valoracións personales.

Plataforma e veciños afectados polas obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, fixemos un pequeno estudio sobre unha serie de feitos que consideramos irregulares no desenrolo de ese proxecto, e queremos facelo público para denunciar eses feitos, na esperanza de que se lles poña solución, e mais como exemplo da realidade que se agocha detrás dos grandes proxectos do Ministerio de Fomento, como é a Autovía á que nos opoñemos.

1º/ Ocupación de terreos sen previa notificación.
2º/ Expropiación forzosa de terreos. ( están ofrecendo verbalmente unhas cantidades, que son sensiblemente rebaixadas no caso de non ser aceptadas).
3º/ Alegan a expropiación dos novos terreos facendo referencia a un proxecto modificado do proxecto de construcción inicial, do que non hai constancia de ningún procedemento administrativo, nen da elaboración dun informe de avaliación de impacto ambiental, nen se informou ós veciños afectados, para posibles alegacións e que supón unha considerable afección con respesto ó proxecto inicial. Pasando de ser 8 Hectáreas afectadas a 115. Por exemplo, fálase da ubicación dunha cementeira e machacadora de áridos en zona de exclusión segundo a declaración de impacto ambiental, as cales segundo palabras do alcalde unha vez visto o proxecto de instalación estaría disposto a ubicar na Alameda de Redondela.
4º/ Incumplimento dos procedementos que marcan a declaración de impacto ambiental e o proxecto de construcción inicial, en canto a protección atmosférica Por exemplo; non se está regando suficientemente o terreo e non cubren os camións para evitar que se xenere polvo.
5º/ No acopio de terras, non se está respetando a distancia de 5 metros con respecto o río e se están construindo escalóns de máis de 2 metros de altura, incumplindo o que establece a declararión de impacto ambiental.
6º/ As barreiras de retención das terras son insuficientes, estanse usando alpacas de palla para reter amontoamentos de terra de máis de 4 metros de altura, sendo previsible que cando comecen as chuvias se vaian a producir vertidos o río e a enseada, como está ocurrindo no concello de Soutomaior.
7º/ Na avaliación de impacto ambiental non se contemplan os manantiais que están sendo afectados e de feito, xa están secando algúns pozos.
8º/ No tocante os ruidos, non se está respetando o que establece a declaración de impacto ambiental, non se están poñendo barreiras acústicas, nen se están levando a cabo as medidas atenuantes para as vivendas próximas as obras. Non se respetan os horarios de restricción para as actividades molestas, que establece o proxecto de obra, no cal se especifica que non poden circular camións nen maquinaria de obra a menos de 250 metros das vivendas dende as 22 horas a 8 da maña. O concello non está tomando a iniciativa para facer que se cumpla, e só actua ante as protestas dos veciños. Ademais a empresa elaborou un estudio de ruidos ao cal nos gustaría ter acceso.

Obras en Redondela.

Recoñezo que redacción pode ser algo confusa, pero voulles extractar os dous aspectos máis importantes: En primeiro lugar, cando se fixo o proxecto da obra, tamén hubo que facer unha “declaración de impacto ambiental”, na que se avalían os trastornos que a obra e a explotación da vía van ter no entorno, e as medidas encamiñadas a palialos; non se están cumplindo. Segundo, e máis perigoso, temos que as obras non están a seguir ese proxecto, exposto ó público, con alegacións e todo iso, senon un proxecto modificado visto por ninguén (excepto o alcalde de Redondela), con un volume de obra e expropiacións moito maior, o que fai pensar nun orzamento superior ó anunciado e que carece de unha avaliación de impacto ambiental propia; é dicir, estanse gastando moitos máis cartos e estase facendo máis dano do publicado pola administración no seu día. É nesta administración, e non nas empresas constructoras, onde debemos buscar e esixir responsabilidades.
A visita do presidente do goberno é toda unha declaración de intecións. Non son precisas dotes adiviñatorias para anticipar cales van a ser os tres temas que centrarán a campaña das proximas eleccións autonómicas: o AVE, o AVE e o AVE. O resto do tempo, adicarano a falren de infraestruturas. Por se alguén non o lembra, en Galicia existe algún problema máis, tal vez secundarios fronte a necesidade de viaxar a Madrid en tren de alta velocidade, pero nin por iso debemos permitirlle ós candidatos evitaren falar de asuntos como a sanidade pública, o despoblamento do rural, a destrucción do noso sector primario, a reforma do estatuto de autonomía e a financiación autonómica, a ordenación do territorio e o urbanismo, o plano acuícola…
Aposten un so euro a que estes temas van ser importantes na campaña electoral e perdarano. Ou iso, ou este blogue ten máis influencia da agardada, porque non é frecuente atopar nos medios algo diferente ós coros dos pregóns políticos.
E xa posto en plan sabio da montaña, voulles propoñer un acertixo para reflexionaren, variante de outros anteriores: ¿Que lle soluciona o AVE a un pensionista de oitenta anos, que depende dunha sobriña ou de un veciño para acudir ó médico, se non quere pagar seis ou doce euros de taxi dende a súa parroquia hasta o ambulatorio? Pensen, pensen…

Nota: Unha vez máis, prégolles desculpas por non poder poñer enlaces que completen o artigo.

6 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://apunta.blogsome.com/2008/08/28/realidades-do-ave/trackback/

  1. Míguez, de veras, valoro a túa firme defensa dos teus ideais pero acórdate de que cando algún día che toque comezar a traballar e darte, como enxeñeiro, co incipiente tecido económico galego e os efectos reais do noso histórico atraso económico talvez verás as cousas dunha maneira máis balanceada, pragmática e menos maximalista.

    O leitmotiv na maioría dos teus posts é que investir en obra pública é tirar os cartos en espetar navalladas no territorio. E certamente ás veces pode ser así; unha infraestrutura sen un tecido produtivo que a aproveite, sen estar coordinada con outras obras e sen unha mínima integración na paisaxe fai mais dano do que ben. Agora ben, acho que na maioría dos casos as infraestruturas públicas foron para o beneficio de todos os cidadáns e tiveron un probado efecto multiplicador na economía comparábel ao investimento en educación (pode lerse ao respeito, p. ex., o estudo do Prof. Emilio Pérez Touriño sobre os efectos económico da AP-9 no eixo atlántico). Pode que o teu paisano de 80 anos non use directamente o aeroporto, pero si que o usa o persoal médico que o atende, ou as mercadorías que consome e mesmo se beneficia dun derivado incremento da actividade económica que permite costearlle a pensión.

    Por desgraza, non coñezo nada ben os detalles do proxecto do AVE do Sur da Galiza mas entendo as moi lóxicas reticencias dos paisanos tras sufrir unha concentración parcelaria e despois expropiarlles terreos a 6 euros o metro cadrado. Sexamos honestos, fundamentalmente ese é o problema, os poucos cartos das múltiples expropiacións, e non tanto o pretendido impacto ambiental. De feito, como ben sabes e temos dicutido, polo ancho da súa plataforma e o tipo de vía, o ferrocarril ten un impacto inferior ao das estradas. Voltando ao rego, no país do minifundio para porse en contacto (xa non digo para porse de acordo) con todos os posibles afectados das parcelas dunha vía desa magnitude (p.ex. para a topografía ou a xeotecnia) faría falta facer unha laboura detectivesca falando con milleiros de persoas que non teñen nin actualizado os seus datos catastrais. É neste caso, cando os políticos meten presión no proxectista ou no contratista tras varios meses de reunións infructuosas e óptase pola vía dos feitos consumados e tirar p’ra diante.

    Créeme, a relación enxeñeiro/paisano sempre é tensa; dun lado o enxeñeiro defende o mellor que sabe o pretendido interese público e o paisaniño defende o mellor que pode a súa parcela. Persoalmente nos pequenos proxectos en que participei teño procurado un consenso botando ate as tantas da noite na oficina facendo chamadas por un salario modestísimo e con explicacións da nocturnidade á miña moza. Nunca é doado misturar tantos intereses e no caso do AVE será imposible. Neste tempo teño falado e discutido con moitos paisanos do rural coma os meus avós, asociacións de veciños e ecoloxistas a respeito das obras públicas e sempre fiquei cun certo desacougo de que éste non é País para enxeñeiros e que se por algúns dos nosos compatriotas fose non faríamos nunca nin unha estrada, nin unha depuradora, nin un parque eólico, nin unha potabilizadora, nin unha planta de acuicultura, etc…

    Propos ver as couas tras dos ollos do paisano de 80 anos. No entanto, permíteme ser un pouco egoísta, prefiro por o énfase nos rapaces de vintetantos e trinta-e-poucos con toda unha vida laboral e moitas facturas que pagar por diante e que van ter que marchar da Galiza nos próximos anos porque non encontrarán moitas oportunidades por estes lares. O xeito de que o País teña futuro non é enchelo con infraestruturas rumo a ningures, dacordo, pero non ten enganes, un territorio sen infraestruturas fica paralisado, envellece, queda sen mocidade para traballalo e apodrece. Unha aperta.

    Comment by xm carreira — August 29, 2008 @ 9:27 am

  2. Xa volveu blogsome a fichalo para moderar :D
    Mendinho, antes de nada, quero confesarlle unha cousa: cando escribo un artigo “contra as infraestructuras”, en segredo prego para ter unha resposta súa destas, e darlle así ó lector un espacio máis amplo para a reflexión. Como xa lle teño dito, esta é materia para un debate amplísimo, de horas, pero tentarei respostarlle. Desculpe que o faga de xeito esquemático, pero hoxe ando coa cabeza en outras cousas e non me podo poñer a redactar.

    1º A xente que se está a mover polas obras do AVE en Redondela son, na maioría, personas que xa foron expropiadas ou que nunca van a selo, pero protestan por:
    1.1 O ruído. Non hai dereito a que che teñan a picadora “taca-taca-taca” debaixo da ventana ás doce da noite dun día de semana (agora xa non usan a picadora a esas horas, pero siguen a facer ruído).
    1.2 O po. A miña casa está a un kilómetro das obras, e hai veces que a nuve de po é perfectamente visible dende aquí.
    1.3 Se aterran unha marxe dun río, ocupando a súa zona de crecida, as casas da outra marxe van levar a peor parte, e as que está rio abaixo (ousexa, a vila de Redondela) tamén.
    1.4 A beira dun río non é sitio para unha formigoneira, porque se contamina o río, e probablemente a ensenada, cos seus recursos pesqueiros e marisqueiros.
    1.5 A día de hoxe, os mariñeiros xa aseguran que unha parte dos fondos do interior da ría están cubertos de terra arrartrada pola chuvia dende as obras.
    Todas estas, son cousas que se contemplaban na D.I.A. pero non se están a cumplir.
    2º Dende que empezaron as obras, o proxecto foi modificado considerablemente, e vai volver ser modificado polo cambio acordado na zona de Teis. Non van facer unha nova D.I.A. a pesares de que o volumen da obra, segundo parece, é o triple do inicialmente previsto. Digo “segundo parece” porque non hai información pública de esa modificación do proxecto. Esas modificacións, ademáis, van elevar considerablemente o custo da obra; se no seu estudio informativo se decidiu que sería rentable, en base a unha estimación de custes, agora, cos novos gastos, esa rendibilidade poderíase cuestionar.
    3º Admito que, ó tratar estes temas, manifesto unha postura aparentemente extremista. Non é casual, aínda que o meu rexeitamento non fose tan radical, a argumentación teno que ser de necesidade, neste escenario no que as voces críticas e o debate sobre o modelo de territorio e de desenvolvemento son entre escasos e nulos, sobre todo por parte de unha clase política entregada ó autobomobo electoral, e os seus acólitos xornalistas. Plantexo tódolos “contras” porque, segundo parece, os “pros” xa se sobreentenden, aínda que logo sexan poucos os que, coma vostede (por iso agradezo cada participación súa), sepan defendelos.
    4º Falar de modelos é meternos nun fregado que excede as posibilidades dos comentarios deste blog, pero podemos empezar por recoñecer que o modelo que temos, ou intentamos, non é o único nin o mellor. Pregúntome (porque non o sei, non por retórica) se países con unha maior renta per-cápita que o noso, como Suiza ou países escandinavos, teñen a mesma necesidade de infraestruturas que nos, ou canto maior sería a eficiencia de economías cuia dependencia das infraestruturas (e da enerxía) é manifesta, como son os EE.UU., de teren optado por outro modelo. Básicamente, as infraestruturas de transporte só sirven para unha cousa: mover personas e cousas, e niso se basea o modelo económico. O modelo económico non é unha fin en si mesmo, senon que o suposto obxectivo a perseguir é o benestar das personas que conforman unha sociedade. Desenvolver tecidos productivos e de servicios menos dependentes dese ir e vir, máis locais e máis enfocados ó benestar da xente, é unha tarefa na que coido que debemos volcarnos antes de que remate este século. (Por ahí ía o exemplo do octoxenario.)
    5º Aínda sen pretender “cambiar o mundo”. Non me fai falla moita imaxinación para especular coa posibilidade de intentar unha iniciativa industrial, e sorprenderalle cal é a miña preocupación en materia de transportes. De entrada, xa hai unha cousa que me preocupa máis: coñezo algún precedente de proxecto industrial que se foi de Galicia por falta de apoio institucional, pero ningún que escollese outra ubicación por estar Galicia mal comunicada. Supoñamos superada esa fase, e que pretendemos buscar un asentamento para unha industria: tal e como funciona o mundo, hai que mandar o producto por ahí adiante para que veñan os cartos. O medio máis eficiente para iso é o ferrocarril pero… ¡resulta que unha boa parte do suelo industrial galego está excesivamente afastado do ferrocarril! Ademáis, as obras do tren de alta velocidade fan pensar nun futuro incerto para o transporte ferroviario de mercadorías, ou dito de outra forma, a política de infrestruturas que están a seguir imponlle ó empresario galego a aposta perdedora do trasnporte por estrada.
    6º Poderíamos asfaltar Galicia toda e ter a rede de infraestruturas máis tupida do mundo, que nin por iso deixaríamos de ser uns miserables. Dexando a parte a responsabilidade social do empresariado galego, debemos ser honestos: ós galegos sacáronos do campo para poñelos a traballar na Citroen, en Zara, na hostalería e na construcción. Sumado co que aínda non morreu do campo e do mar, iso é todo que temos en Galica para gañarnos a vida, e as infraestruturas non o van solucionar por sí soas. Fan falla ideas, e se son ideas que prosperen sen necesidade mover terras e formigonar, dende o meu punto de vista, mellor.
    7º Remato con un exemplo: fala vostede de piscifactorías. A priori, a acuicultura parecía unha interesante oportunidade de negocio pero…
    7.1 Se as piscifactorías destrúen a paisaxe, o turismo vai perder interese en Galicia. Unha oportunidade económica nunca debe destruir a outra de xeito irreversible.
    7.2 Antes de inventar algo novo, e romper co vello, débese razonar se este é de verdade inútil. A actividade mariñeira tradicional aínda está por ordenar, e seguramente podería dar moitos máis postos de traballo, se estivese ben regulada, ben xestionada e se desenvolvese de xeito responsable, non coa actitude depredadora de antano.
    7.3 Podería resumir todo isto nunha idea: podemos intentar acadar ese benstar do que falei tentando modificar todo o mundo que nos rodea (e seguramente non nos chegaría) ou podemos empezar por aproveitar o que temos, aínda que así resumido sone demasiado romántico.

    Bueno, para ter a cabeza noutras cousas, xa escribín abondo.
    ¡Unha aperta mendiño, e gracias polo seu comentario!

    Comment by F. Miguez — August 29, 2008 @ 3:07 pm

  3. Só unha cousa, na Ría de Vigo, hai máis traballadores vivindo do mar que de Citröen. Vaian pensando nese dato.

    Comment by jorgecesantes — August 29, 2008 @ 4:55 pm

  4. Un dato sumamente interesane, sí señor, quédame apuntado.

    Comment by F. Miguez — August 30, 2008 @ 4:26 pm

  5. Valla por diante o meu recoñecemento para o seu moi necesario espírito crítico na análise do territorio. Desafortunadamente non se encontra doadamente estre as supostas “elites do País”.

    En primeiro lugar, a comparativa América fronte a Europa en materia de infraestructuras non é de todo certo. EEUU hai moito tempo que gasta menos en infraestruturas (por debaixo do 5% do PIB) do que a Europa (arredor do 8%). O modelo neocón sempre detesta calquera cousa que cheire a keynesianismo e todo fica á vontade da iniciativa privada. De feito, Bush utiliza o gasto público, pero non en obras públicas -como se verificou nas fallas dos diques de New Orleans, na caída da ponte de Minneapolis ou nos grandes apagóns de California-, senón en guerrear polo mundo adiante. Creo que calquera que compare o estado das rúas e do metro dunha cidade anglosaxona como Nova Iorque coas rúas e o metro de Bilbao creo que pode sentirse bastante reconfortado. E os americanos non teñen tren de alta velocidade mentres os suízos pola contra sí o teñen para ir a Alemaña ou a Francia.

    A diferenza entre os suizos é os galegos a nível de infraestruturas non é tanto os m3 de formigón e as toneladas de asfalto senón algo máis intanxible: a paciencia e a mentalidade de país. O primeiro problema é que o formigón e o asfalto -a diferenza da pedra- mudan moi rápido unha paisaxe como para parar a execución antes de ver os erros e por iso é necesario tempo para pensar antes de executar unha obra. No caso do AVE, sempre moi politizado, supoño que tamén hai máis presas da necesarias e por iso non se esixe unha nova DIA, como sería lóxico nun proxecto claramente diferente. Por outro lado, está o noso problema histórico do tribalismo. O galego non sempre ten unha macrovisión de País e de todos os tribalismos o pior é sempre o político. Así se nos vendeu a bondade de termos tres aeroportos ou tres universidades con sete campus para tres millóns de paisanos.

    E sí, o noso futuro económico pasa polo agro e polo mar, eu tamén o penso, pero non malvendendo a nosa materia prima a granel e baixo prezo como antano senón colocando os nosos produtos nos mellores mercados europeos. Unha aperta.

    Comment by xm carreira — September 1, 2008 @ 7:27 pm

  6. Coma sempre, apuntando sabiamente, Sr. Carreira.
    Permítame suliñar o que dí sobre o tribalismo; somos unha comunidade de pailáns que lle rinde culto ós marcos pero aproveita calquera descuido para movelos.
    Sobre o agro e o mar, eu tamén engadiría o monte, xa que probablemente ningún recurso renovable esté tan desaproveitado en ningún lugar do mundo como é o noso monte. Tamén aplicaría a cuestións dos precios de mercados boiantes a outro artigo que vendemos a granel e a baixo custe: a enerxía; e sobre a industria, penso que aínda podemos ter algunha oportunidade, sempre e cando sexamos capaces de artellar un tecido industrial que (a) non precise da sombra de Citröen nin Inditex para subsistir, (b) non dependa de ter Galicia chea de camións rodando (cargados ou valeiros) e (c) non considere un atraso que lle impidan verter os seus subprodutos tóxicos no mar ou nos ríos.
    Unha aperta!

    Comment by F. Miguez — September 3, 2008 @ 8:54 pm

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.