Sobre as olimpiadas II.
Agora que remataron os xogos olímpicos, fago unha reflexión sobre eles, o deporte en xeral, e o papel que todo isto debe ter na sociedade.
A xente sorpréndese cando digo que a miña avoa é unha das fans máis incondicionais de Rafael Nadal. Parece difícil atopar algún punto de afinidade entre unha labrega octoxenaria e un tenista profesional de 22 aniños, pero haino. A rabia, a determinación, “o xenio” (é a súa expresión) que exhibe o tenista nos seus partidos fanna lembrar a si mesma, na súa xuventude. Isto é Galicia, e cando a avoa Plácida tiña 22, ademáis de estar orfa de nai dende os catro anos, aquí vivíase unha época chamada postguerra, así que se alguén está pensando en tenis xa pode baixar da nube. O máis parecido que ten esta muller a un record olímpico é cruzar Vigo (costa arriba) con tres sacos de pienso cargados na cabeza, e os “deportes” que practicou toda a súa vida estiveron sempre relacionados co gando, coas terras e, sobre todo, coa supervivencia. Pero a ela gústalle ver deporte na televisión, especialmente a Rafa Nadal, porque identifica a súa vida co esforzo dos campeóns ou, mellor dito, ó revés.
Dase a paradoxa de que a doctrina política daquel tempo, o Franquismo, puña en moi alto valor o deporte (vídeo exquisito), non para motivar ós labregos a subsistiren, senon porque nas sociedades militarizadas, sexan da ideoloxía que sexan, os deportes son unha forma de manter valores castrenses como a disciplina e o sacrificio nos tempos de paz. Como di o mestre Pereiro, o esforzo e a perseverancia non son virtudes en si mesmas, senón que dependen dos obxectivos que persigan, pero todo na condición humana pasa por ser aprendido e practicado, e iso inclúe ás citadas, entre outras facultades como a capacidade de traballo en equipo ou a aceptación da derrota. Abofé que existen outras disciplinas capaces de brindarlle tales aptitudes a un indivíduo, a min ocórreseme a música e, de seguro, vostedes podrán propoñer algunha máis, pero hai un rasgo caracterísitco do deporte: o exercicio físico. Por máis que nos pese, non somos redes neuronais, nin entes metafísicos, senon que vimos instalados nun soporte (agora chámanlle hardware) con un funcionamento máis ou memos automático pero dependente duns coidados para manterse. Dito dun xeito menos petardo, o que todos xa sabemos: se o corpo non se move, escarállase. Por iso, sen prexuício doutras actividades, o deporte é necesario.
Os xogos olímpicos podemos entendelos (mezquinamente) como un espectáculo, no que mozos e mozas de corpos bastante ben feitiños (cousas do exercicio) compiten entre sí en escenarios naturais ou artificiais especialmente vistosos. Vamos, dende o punto de vista mediático, un éxito seguro de xente diante das pantallas, disposta a tragar un dos maiores bombardeos publiciatrios do ano. Isto non so acontece nas olimpiadas, senon na práctica totalidade das competicións deportivas; ou hai uns afeccionados moi voluntariosos que a organicen, o cal solo acontece en pequenos eventos de índole local, ou hai cartos de por medio para montar toda a infraestrutura e, cando falamos de deporte profesional, para pagarlle ós deportistas. Eses cartos saen principalmente da publicidade, e das expectativas comercias que rodeen o evento, como a ocupación hoteleria ou a atracción de inversores internacionais en grandes citas como os campeonatos mundiais ou os xogos olímpicos. Poderíamos deternos aquí a facer unha comparación entre o interese que o deporte ten para as sociedades militarizadas e para as sociedades de consumo, pero deixarémolo como deberes para casa.
A perspectiva antes descrita peréceme noxenta. Detesto a sociedade de consumo e estou aburrido da publicidade, pero non me queda máis remedio que aplaudir que o espectáculo deportivo-comercial exista. Gracias ó deporte profesional (incluído o fútbol, que tamén detesto), ás grandes competicións, e ó espacio adicado a eles nos medios, algúns rapaces poñen os botíns, collen o balón ou bótanse á piscina, seguramente co soño efímero de participar nunhas olimpiadas e emular a algún ídolo, pero co beneficio seguro da actividade física e, tal vez, de un carácter fortalecido… ou polo menos existiría esa posibilidade nun contexto educativo axeitado.
O certo é que, a miña aboa Plácida fixo actividade física abondo, e desenvolveu un carácter forte coma poucos sen necesidade de practicar deporte ningún pero, no fondo, a idea que subxace na teoría das sociedades avanzadas e do benestar, é a de mellorar como individuos e como colectivo sen a necesidade de ter a nosa subsistencia comprometida. Así é como eu entendo o deporte e o espíritu olímpico.
Prácticamente estou en todo dacordo con este artigo, salvaldo algún que outro matiz. Só quería apuntar nese recetario sobre os deportes os beneficios psicólox icos que pode aportar, sempre e cando non se caia no obsesivo.
É dicir, que unha persoa realice exercicio conleva unha serie de bondades psicoloxicas, xa que na etapa de carga, no tempo que se fai deporte o corpo “autolimpiase”, pola súor, e porque move máis aire nos pulmóns, polo que tamén osixena o corpo, e como non, liberanse unha serie de hormonas durante a actividade deportiva.
Isto ten como consecuencia, que a nivel mental a cabeza ande máis despexada e libere parte do “stress” da actividade diaria, cos conseguientes beneficios. Se isto se acompaña a facer deporte por un entorno privilexiado, como a praia ou o monte, os beneficios aínda son maires.
Iso sí, sempre e cando non se caia no obsesivo.
Un saúdo.
Comment by jorgecesantes — August 25, 2008 @ 9:15 pm
Evidentemente, todo canto sexa obsesivo tórnase contraproducente. Nese sentido tamén sería preciso que o deporte estivese rodeado do marco aducativo axeitado, como digo no artigo.
Un saúdo.
Comment by F. Miguez — August 27, 2008 @ 5:53 am