Comparación (odiosa) entre Baraxas e Alvedro.
O tráxico accidente producido este mércores no aeroporto de Baraxas lémbrame que teño empezado un artigo, xa dende hai ben tempo, no que cuestiono a ordenación urbana nas proximidades do Aeroporto de A Coruña, antes Alvedro. Esta ocasión pode ser boa para rematalo e ofrecerllo, a ver que opinan vostedes.
Neste mapa (prema para agrandar) aparecen O Burgo (Culleredo) e O Temple (Cambre). O manchón escuro é a Ría do Burgo, a veta gris a autopista AP-9 e as liñas amarelas marcan a cabeceira de pista do aeródromo coruñés. Sen ánimo de ser exhaustivo, e admitindo unha exactitude limitada, en verde sinalo os edificios que existían antes da ampliación do aeroporto rematada en 1990. En vermello acoto zonas residenciais de bloques de edificios construídas despois de esa data, a maioría nos últimos dez anos, e incluso algún terreo que aprece valeiro na foto pero xa está edificado a día de hoxe. O violeta é un colexio e en azul están bloques de vivendas que non son quen de datar con exactitude, pero desexo diferenciar das naves. Os tellados longos da esquerda son os edificios do I.E.S. Cruceiro Baleares, coñecida por moitos como”A Laboral”.
Para min, hai unha conclusión evidente: a maioría dos edificios do Burgo e do Temple, foron construídos ó mesmo tempo que aumentaba a actividade do aeroporto da Coruña. Existen moitos aeroportos urbanos no mundo, non cabe dúbida, pero o mal de moitos é consolo de tontos, logo nin por iso consideraremos unha conducta intelixente construír casas en sitios onde existe o risco de caida de aeronaves, ou ben promover un aeroporto cuios avións, en caso de catástrofe, poden cair sobre unha zona densamente poboada. As alternativas eran dúas, e ben sinxelas: contentarse con coller o avión en Lavacolla, con unhas liñas de autobús ben organizadas e todo iso, ou non ter edificado xusto debaixo do aeroporto. Dirán que son un esaxerado pero, de acontecer un accidente neste lugar, haberá quen pregunte se non se podería ter evitado.
Poño aquí algunhas fotos de colleita propia, de avións sobrevoando o Burgo, con fins meramente decorativos.
Aproveito esta cuestión para facer unha reflexión política. Cousas como construir unha cidade debaixo dun aeroporto (ou viceversa), e outros síntomas de desorganización como son os verquidos sen depurar nas rías galegas, os colapsos de estradas desbordadas por un aumento da edificación nas zonas que comunican, etc. (curiosamente, a zona da foto tenas todas) xurdiron xa en democracia, e con estatuto de autonomía. Urxe construir unha conciencia crítica de cara á clase política galega, en xeral e sin entrar en partidismos, porque se seguimos a deixar que as maiorías electorais se convirtan en patentes de corso, a deixarlle facer ós políticos, sen revisar as súas decisións e proxectos, acabaremos por arrepentirnos ou por ter que escoitar críticas bastante duras das seguintes xeracións. Desta volta, non temos a ninguén para botarlle a culpa.
Nota: ortofoto tomada de www.flashearth.com