Realidades do AVE.

Onte estivo Jose Luís Rodriguez Zapatero facendo un importante acto na precampaña do PSOE cara as próximas eleccións autonómicas. Básicamente, veu a dicir que o AVE está en camiño e todo iso. Neste artigo vou copiar e pegar a lista de realidades sobre as obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, aquí en Redondela, elaborada polos veciños afectados para a prensa, e que a Plataforma Contra a Autovía axudou a presentar, sen demasiada repercusión mediática. Despois farei dúas pequenas valoracións personales.

Plataforma e veciños afectados polas obras do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, fixemos un pequeno estudio sobre unha serie de feitos que consideramos irregulares no desenrolo de ese proxecto, e queremos facelo público para denunciar eses feitos, na esperanza de que se lles poña solución, e mais como exemplo da realidade que se agocha detrás dos grandes proxectos do Ministerio de Fomento, como é a Autovía á que nos opoñemos.

1º/ Ocupación de terreos sen previa notificación.
2º/ Expropiación forzosa de terreos. ( están ofrecendo verbalmente unhas cantidades, que son sensiblemente rebaixadas no caso de non ser aceptadas).
3º/ Alegan a expropiación dos novos terreos facendo referencia a un proxecto modificado do proxecto de construcción inicial, do que non hai constancia de ningún procedemento administrativo, nen da elaboración dun informe de avaliación de impacto ambiental, nen se informou ós veciños afectados, para posibles alegacións e que supón unha considerable afección con respesto ó proxecto inicial. Pasando de ser 8 Hectáreas afectadas a 115. Por exemplo, fálase da ubicación dunha cementeira e machacadora de áridos en zona de exclusión segundo a declaración de impacto ambiental, as cales segundo palabras do alcalde unha vez visto o proxecto de instalación estaría disposto a ubicar na Alameda de Redondela.
4º/ Incumplimento dos procedementos que marcan a declaración de impacto ambiental e o proxecto de construcción inicial, en canto a protección atmosférica Por exemplo; non se está regando suficientemente o terreo e non cubren os camións para evitar que se xenere polvo.
5º/ No acopio de terras, non se está respetando a distancia de 5 metros con respecto o río e se están construindo escalóns de máis de 2 metros de altura, incumplindo o que establece a declararión de impacto ambiental.
6º/ As barreiras de retención das terras son insuficientes, estanse usando alpacas de palla para reter amontoamentos de terra de máis de 4 metros de altura, sendo previsible que cando comecen as chuvias se vaian a producir vertidos o río e a enseada, como está ocurrindo no concello de Soutomaior.
7º/ Na avaliación de impacto ambiental non se contemplan os manantiais que están sendo afectados e de feito, xa están secando algúns pozos.
8º/ No tocante os ruidos, non se está respetando o que establece a declaración de impacto ambiental, non se están poñendo barreiras acústicas, nen se están levando a cabo as medidas atenuantes para as vivendas próximas as obras. Non se respetan os horarios de restricción para as actividades molestas, que establece o proxecto de obra, no cal se especifica que non poden circular camións nen maquinaria de obra a menos de 250 metros das vivendas dende as 22 horas a 8 da maña. O concello non está tomando a iniciativa para facer que se cumpla, e só actua ante as protestas dos veciños. Ademais a empresa elaborou un estudio de ruidos ao cal nos gustaría ter acceso.

Obras en Redondela.

Recoñezo que redacción pode ser algo confusa, pero voulles extractar os dous aspectos máis importantes: En primeiro lugar, cando se fixo o proxecto da obra, tamén hubo que facer unha “declaración de impacto ambiental”, na que se avalían os trastornos que a obra e a explotación da vía van ter no entorno, e as medidas encamiñadas a palialos; non se están cumplindo. Segundo, e máis perigoso, temos que as obras non están a seguir ese proxecto, exposto ó público, con alegacións e todo iso, senon un proxecto modificado visto por ninguén (excepto o alcalde de Redondela), con un volume de obra e expropiacións moito maior, o que fai pensar nun orzamento superior ó anunciado e que carece de unha avaliación de impacto ambiental propia; é dicir, estanse gastando moitos máis cartos e estase facendo máis dano do publicado pola administración no seu día. É nesta administración, e non nas empresas constructoras, onde debemos buscar e esixir responsabilidades.
A visita do presidente do goberno é toda unha declaración de intecións. Non son precisas dotes adiviñatorias para anticipar cales van a ser os tres temas que centrarán a campaña das proximas eleccións autonómicas: o AVE, o AVE e o AVE. O resto do tempo, adicarano a falren de infraestruturas. Por se alguén non o lembra, en Galicia existe algún problema máis, tal vez secundarios fronte a necesidade de viaxar a Madrid en tren de alta velocidade, pero nin por iso debemos permitirlle ós candidatos evitaren falar de asuntos como a sanidade pública, o despoblamento do rural, a destrucción do noso sector primario, a reforma do estatuto de autonomía e a financiación autonómica, a ordenación do territorio e o urbanismo, o plano acuícola…
Aposten un so euro a que estes temas van ser importantes na campaña electoral e perdarano. Ou iso, ou este blogue ten máis influencia da agardada, porque non é frecuente atopar nos medios algo diferente ós coros dos pregóns políticos.
E xa posto en plan sabio da montaña, voulles propoñer un acertixo para reflexionaren, variante de outros anteriores: ¿Que lle soluciona o AVE a un pensionista de oitenta anos, que depende dunha sobriña ou de un veciño para acudir ó médico, se non quere pagar seis ou doce euros de taxi dende a súa parroquia hasta o ambulatorio? Pensen, pensen…

Nota: Unha vez máis, prégolles desculpas por non poder poñer enlaces que completen o artigo.

Sobre as olimpiadas II.

Agora que remataron os xogos olímpicos, fago unha reflexión sobre eles, o deporte en xeral, e o papel que todo isto debe ter na sociedade.

A xente sorpréndese cando digo que a miña avoa é unha das fans máis incondicionais de Rafael Nadal. Parece difícil atopar algún punto de afinidade entre unha labrega octoxenaria e un tenista profesional de 22 aniños, pero haino. A rabia, a determinación, “o xenio” (é a súa expresión) que exhibe o tenista nos seus partidos fanna lembrar a si mesma, na súa xuventude. Isto é Galicia, e cando a avoa Plácida tiña 22, ademáis de estar orfa de nai dende os catro anos, aquí vivíase unha época chamada postguerra, así que se alguén está pensando en tenis xa pode baixar da nube. O máis parecido que ten esta muller a un record olímpico é cruzar Vigo (costa arriba) con tres sacos de pienso cargados na cabeza, e os “deportes” que practicou toda a súa vida estiveron sempre relacionados co gando, coas terras e, sobre todo, coa supervivencia. Pero a ela gústalle ver deporte na televisión, especialmente a Rafa Nadal, porque identifica a súa vida co esforzo dos campeóns ou, mellor dito, ó revés.
Dase a paradoxa de que a doctrina política daquel tempo, o Franquismo, puña en moi alto valor o deporte (vídeo exquisito), non para motivar ós labregos a subsistiren, senon porque nas sociedades militarizadas, sexan da ideoloxía que sexan, os deportes son unha forma de manter valores castrenses como a disciplina e o sacrificio nos tempos de paz. Como di o mestre Pereiro, o esforzo e a perseverancia non son virtudes en si mesmas, senón que dependen dos obxectivos que persigan, pero todo na condición humana pasa por ser aprendido e practicado, e iso inclúe ás citadas, entre outras facultades como a capacidade de traballo en equipo ou a aceptación da derrota. Abofé que existen outras disciplinas capaces de brindarlle tales aptitudes a un indivíduo, a min ocórreseme a música e, de seguro, vostedes podrán propoñer algunha máis, pero hai un rasgo caracterísitco do deporte: o exercicio físico. Por máis que nos pese, non somos redes neuronais, nin entes metafísicos, senon que vimos instalados nun soporte (agora chámanlle hardware) con un funcionamento máis ou memos automático pero dependente duns coidados para manterse. Dito dun xeito menos petardo, o que todos xa sabemos: se o corpo non se move, escarállase. Por iso, sen prexuício doutras actividades, o deporte é necesario.
Os xogos olímpicos podemos entendelos (mezquinamente) como un espectáculo, no que mozos e mozas de corpos bastante ben feitiños (cousas do exercicio) compiten entre sí en escenarios naturais ou artificiais especialmente vistosos. Vamos, dende o punto de vista mediático, un éxito seguro de xente diante das pantallas, disposta a tragar un dos maiores bombardeos publiciatrios do ano. Isto non so acontece nas olimpiadas, senon na práctica totalidade das competicións deportivas; ou hai uns afeccionados moi voluntariosos que a organicen, o cal solo acontece en pequenos eventos de índole local, ou hai cartos de por medio para montar toda a infraestrutura e, cando falamos de deporte profesional, para pagarlle ós deportistas. Eses cartos saen principalmente da publicidade, e das expectativas comercias que rodeen o evento, como a ocupación hoteleria ou a atracción de inversores internacionais en grandes citas como os campeonatos mundiais ou os xogos olímpicos. Poderíamos deternos aquí a facer unha comparación entre o interese que o deporte ten para as sociedades militarizadas e para as sociedades de consumo, pero deixarémolo como deberes para casa.
A perspectiva antes descrita peréceme noxenta. Detesto a sociedade de consumo e estou aburrido da publicidade, pero non me queda máis remedio que aplaudir que o espectáculo deportivo-comercial exista. Gracias ó deporte profesional (incluído o fútbol, que tamén detesto), ás grandes competicións, e ó espacio adicado a eles nos medios, algúns rapaces poñen os botíns, collen o balón ou bótanse á piscina, seguramente co soño efímero de participar nunhas olimpiadas e emular a algún ídolo, pero co beneficio seguro da actividade física e, tal vez, de un carácter fortalecido… ou polo menos existiría esa posibilidade nun contexto educativo axeitado.
O certo é que, a miña aboa Plácida fixo actividade física abondo, e desenvolveu un carácter forte coma poucos sen necesidade de practicar deporte ningún pero, no fondo, a idea que subxace na teoría das sociedades avanzadas e do benestar, é a de mellorar como individuos e como colectivo sen a necesidade de ter a nosa subsistencia comprometida. Así é como eu entendo o deporte e o espíritu olímpico.

Comparación (odiosa) entre Baraxas e Alvedro.

O tráxico accidente producido este mércores no aeroporto de Baraxas lémbrame que teño empezado un artigo, xa dende hai ben tempo, no que cuestiono a ordenación urbana nas proximidades do Aeroporto de A Coruña, antes Alvedro. Esta ocasión pode ser boa para rematalo e ofrecerllo, a ver que opinan vostedes.

Evolución do Burgo.

Neste mapa (prema para agrandar) aparecen O Burgo (Culleredo) e O Temple (Cambre). O manchón escuro é a Ría do Burgo, a veta gris a autopista AP-9 e as liñas amarelas marcan a cabeceira de pista do aeródromo coruñés. Sen ánimo de ser exhaustivo, e admitindo unha exactitude limitada, en verde sinalo os edificios que existían antes da ampliación do aeroporto rematada en 1990. En vermello acoto zonas residenciais de bloques de edificios construídas despois de esa data, a maioría nos últimos dez anos, e incluso algún terreo que aprece valeiro na foto pero xa está edificado a día de hoxe. O violeta é un colexio e en azul están bloques de vivendas que non son quen de datar con exactitude, pero desexo diferenciar das naves. Os tellados longos da esquerda son os edificios do I.E.S. Cruceiro Baleares, coñecida por moitos como”A Laboral”.
Para min, hai unha conclusión evidente: a maioría dos edificios do Burgo e do Temple, foron construídos ó mesmo tempo que aumentaba a actividade do aeroporto da Coruña. Existen moitos aeroportos urbanos no mundo, non cabe dúbida, pero o mal de moitos é consolo de tontos, logo nin por iso consideraremos unha conducta intelixente construír casas en sitios onde existe o risco de caida de aeronaves, ou ben promover un aeroporto cuios avións, en caso de catástrofe, poden cair sobre unha zona densamente poboada. As alternativas eran dúas, e ben sinxelas: contentarse con coller o avión en Lavacolla, con unhas liñas de autobús ben organizadas e todo iso, ou non ter edificado xusto debaixo do aeroporto. Dirán que son un esaxerado pero, de acontecer un accidente neste lugar, haberá quen pregunte se non se podería ter evitado.
Poño aquí algunhas fotos de colleita propia, de avións sobrevoando o Burgo, con fins meramente decorativos.

Aterraxes sobre o Burgo.
(prema para agrandar)

Aproveito esta cuestión para facer unha reflexión política. Cousas como construir unha cidade debaixo dun aeroporto (ou viceversa), e outros síntomas de desorganización como son os verquidos sen depurar nas rías galegas, os colapsos de estradas desbordadas por un aumento da edificación nas zonas que comunican, etc. (curiosamente, a zona da foto tenas todas) xurdiron xa en democracia, e con estatuto de autonomía. Urxe construir unha conciencia crítica de cara á clase política galega, en xeral e sin entrar en partidismos, porque se seguimos a deixar que as maiorías electorais se convirtan en patentes de corso, a deixarlle facer ós políticos, sen revisar as súas decisións e proxectos, acabaremos por arrepentirnos ou por ter que escoitar críticas bastante duras das seguintes xeracións. Desta volta, non temos a ninguén para botarlle a culpa.

Nota: ortofoto tomada de www.flashearth.com

Nota de 18/08/08. Corrección nun post de marzo.

Non son profesional de isto, pero tento facelo ben, e non desexo defraudar ás personas que poidan ler algunha vez este blog; por iso corrixo o contido dun artigo de marzo, no que falaba dunha área recreativa gratuita en Begonte. Volvín pasar recentemente por alí e agora cobran euro e medio por persona (supoño que será durante o verán), e ofrecenlle unha serie de servicios ós usuarios.
Que pouco me gusta ter que enmendar :)

Aforismos propios sobre os xogos olímpicos.

“Unha das cousas que máis me gustan das olimpiadas é que o fútbol ocupa o lugar que lle corresponde entre unha infinidade de deportes de maior dificultade técnica, maior esforzo físico, maior espectacularidade ou calquera combinación das tres; ese lugar é o de un deporte secundario. O esforzo e a superación son os dous principais valores do deporte, e o ‘espíritu olímpico’ parece predispoñer ós medios a darlle a estes valores súa importancia xusta. Nese contexto, e sin querer con isto restarlle mérito ás personas que practican o fútbol, débese buscar o éxito que este ten, nalgunhas sociedades, entre cuestións económicas ou de cultura popular, xa que no aspecto estrictamente deportivo hai unha infinidade de disciplinas que o superan. Disciplinas relegadas, polo xeral, e fora da cita olímpica, a planos inxustamente inferiores.”

“Sen necesidade de o comparar con outras figuras do baloncesto, debemos recoñencer en Pau Gasol a un fenómeno neste deporte. Dito isto, algúns medios de comunicación e xornalistas particulares deberían adquirir a suficiente cultura deportiva como para saber que o baloncesto é un deporte en equipo. Se Gasol fose un monstro e os demáis uns patáns, ou incluso se todos fosen uns monstros pero non fosen capaces de coordinar o seu traballo como equipo, a selección española de baloncesto non sería a mellor do mundo (lembren que a final do mundial foi gañada con Gasol lesionado). Tal vez para a publicidade resulte máis útil que se destaquen uns nomes e uns apelidos, ou tal vez para algún profesional da comunicación sexa máis fácil falar de individuos illados que de equipos completos, pero as sociedades nas que se inculca a cultura do traballo en equipo están mellor situadas de cara ó futuro que aquelas onde se valoran máis os mértios individuais.”

Dipara. Costaba o mesmo facelo ben… e deixar uns arcéns en condicións.

Non costaba nada poñer arcéns.
Hoxe, segundo sábado de mes, vou publicar no fotoblog unha soa foto, tomada na N-550 entre Redondela e Arcade, que seguramente representa bastante do que hai polas estradas de este país. O que vostede ve na imaxe é un tramo en pendiente, con dobre carril para o sentido ascendente e unha area de descanso que se fixo aproveitando a curva morta que quedou da calzada vella, hai uns anos, cando se reformou a estrada. Hasta ahí todo ben; agora un pouco de teoría rápida.
Os arcéns son un dos elementos que máis condicionan a seguridade de unha vía. Se un arcén é ancho, hai máis sitio para peatóns, ciclistas, vehículos especiais… e para deterse en caso de emerxencia ou de escapatoria ante calquera imprevisto. A veces é moi difícil ou imposible deixar un arcén xeneroso, por circunstancias do terreo, pola proximidade de edificios ou polo que sexa, ¡pero aquí xa estaba case feito! O terreo á dereita da foto, a area de descanso e esa franxa de terra que hai no medio, xa forma parte da estrada, só había que aterrar tres de metros máis, desplazar o centro da calzada, e deixar un estupendo e segurísimo arcén a cada lado.
Por certo, que paso ben decote por ese sitio, e non me percatara do que aquí estou a dicir hasta que pasei por ahí en bicicleta, pero diso xa falaremos outro día. ¿Saben vostedes de outros sitios nos que tería costado o mesmo facer a estrada un pouquiño máis segura?

Do posible cambio climático e a nosa resposta fronte a él.

“A dia de hoxe, sigo sin ter claro se as alteracións climáticas que se están a rexistrar teñen algún precedente histórico que descoñezamos e que as acredite como algo transitorio (lembremos que o rexistro meteorolóxico científico non chega máis alá dun século ou dous, un tempo insignificante na escala do planeta) ou se, pola contra, se trata efectivamente de unha condena bíblica provocada pola acción do ser humano, cuias consecuencias, ademáis de imprevisibles, vaian ser catastróficas.
Asumamos como certa a segunda hipótese. Temos máis ou menos claras as causas do problema e, coa axuda da ciencia, a enxeñería e o sentido común, temos a oportunidade de adoptar as medidas necesarias para evitalo (fundamentalmente, non gastar nada que non podamos repoñer, e gastar o menos posible en xeral).
Supoñamos agora que a hipótese asumida estaba errada. ¿Qué tería acontecido? Que teríamos cambiado de un estado tecnolóxico a outro que vai cumplir as mesmas funcións de cara o ser humano, o cal non ten por qué ser necesariamente negativo. Solamente hai un problema e está na estrutura económica, que non parece disposta a asumir os custes de facer ese cambio tecnolóxico a curto plazo. Honestamente, si permitimos que os cartos sexan problema á hora de decantarnos pola hipótese que nos garante a seguridade como especie, creo que mereceríamos de pleno dereito unha extinción en toda regla.”

De Jethro Tull e a “piratería”.

“Si, eu baixo música do emule, e vou explicar a miña relación co fenómeno, por si a industria quere aprender algo. Probablemente non o faga, porque a difusión da cultura nos medios actuais está máis que explicada, e o quen non aprende é porque non lle interesa.”

Todo empezou cos comentarios que facía Jose María Rey no seu “Bulevar” de Radio3, despois, unha entrada en “Libro de Notas” con un acertado enlace no youtube fixo o resto. A discografía enteira de Jethro Tull ocupa 1′35Gb, asi que me fixo falla un DVD para sacala do disco duro, hasta ter ocasión de empezar a estudiala. Hasta onde cheguei polo de agora, coincido cos críticos en que os mellores son “Stand Up” e “Aqualung”, sobre todo o primero.
Se algún sufrido artista da SGAE está a ler isto, e cre que lle estou a chupa-lo sangue por grabar nun DVD unha serie de discos editados hai unha media de vintecinco anos por outros artistas, ingleses aqueles, prégolle que siga a ler antes de chamar ó seu avogado.
Os de Jethro Tull non son os primeiros discos acarrexados para a casa coa mula, nin serán os ultimos. Cando teña cartos, hei mercar algún dos que me parezan mellores, como fixen co “If Things Were To Go Wrong” de Deluxe e a discografía completa de The Doors (porque me saiu a unha media de 7 euros/disco, que todo inflúe), ou irei velos se dan un concerto por aquí, como fixen con Hamlet, Iron Maiden ou The Rolling Stones, cuias obras descubrín en cassettes rigurosamente piratas. Os que non me gusten, pois non os mercarei, como lle pasou ó “First Impressions Of Earth” dos Strokes. E dende logo que non vou mercar todo canto me guste porque, nin todo nesta vida é música, nin pagarlle dereitos de autor a unha sociedade de xestión é a mellor maneira de facer á cultura seguir o seu cauce natural, aínda que o negocio se resinta.
Por certo, mentres vostedes pensan cómo aclararme a diferencia existente entre escoitar música na radio ou nas webs das bandas, e gravala nun DVD para estudiala cando mellor me veña, cóntolles unha curiosidade: cousas da difusión libre da cultura, cal non sería a miña sorpresa ó descubrir na Wikipedia que o Jethro Tull orixinal foi o inventor dunha sementadora… ¡igual ca min! :D