Catro realidades para entender a economía contemporánea.
“Preséntolles, neste artigo, catro conceptos sobre economía contemporánea que todo o mundo debería coñecer porque, queridos amigos, o sistema político no que vivimos chámase plutocracia. Confío que a exposición lles resulte didáctica e amena, porque sigo sen tempo para buscar enlaces que documenten os escritos, pero procurei buscar exemplos próximos e familiares para todos nos.”
1-. So hai unha maneira de gañar cartos. Vender. So vendendo se gañan cartos. Unha empresa pode ter a fábrica máis productiva do seu sector, e a mellor organización administrativa do mundo que, si non vende o seu producto, irá a quebra. Isto fai que a maioría das empresas tendan a fabricar o menos posible, e deixen esa tarefa en mans de outros, hoxe en día maioritariamente asiáticos. Blusens e Pórtico son dúas empresas galegas de éxito que basean o seu negocio neste modelo, pero tal vez o téxtil galego fose o mellor exemplo antes do boom chinés (¿va que moitos coñecen a alguén que cose ou coseu para Inditex, ou calquera outro, no baixo da súa casa?)
Voulles explicar outra consecuencia deste primeiro concepto con un exemplo absurdo: vou montar un negocio no que non fabrique nada e sexa precisamente iso o que venda, nada. Se conseguise que vostede me pagase unha cantidade de cartos por “nada”, tería uns rendementos magníficos ¿non si? Claro que ninguén pagaría por nada, pero ¿pagaría vostede por algo que sexa pouco máis que nada, aire por exemplo? Supoño que tampouco, pero si vou un pouquiño máis alá e lle ofrezo auga… Agora podería tentar unha frase brillante dicindo que o marketing é a disciplina encargada de crear unha diferencia entre mercar auga, aire ou nada, pero a cousa vai bastante máis alá; non seguiremos afondando por non exceder o alcance deste artigo.
2-. Vale, tamén se gañan cartos sen vender. Hai tres razóns polas que as grandes superficies venden tan barato: Unha, porque cumpren estrictamente o punto anterior. Duas, porque aproveitando a nosa viaxe na procura dun artigo anunciado en oferta, colleremos tres ou catro cousas que precisamos e aforramos ir outro día ou a outro lado, mentres eles compensan o que deixaron de gañar no producto ofertado. E tres polo negocio financieiro. A lexislación mercantil prohibe vender productos por debaixo do seu precio de coste pero, se puidesen facelo, as grandes cadeas faríano e aínda así gañarían cartos desta maneira. Cando vostede merca, por exemplo, unha botella de aceite, paga no acto uns tres euros, que nunhas horas estarán ingresados no banco a nome do seu “híper”. Para a cooperativa productora do aceite, as grandes cadeas son un cliente moi apetecible, por faceren grandes pedidos, o que a leva a aceptar as súas condicións, como por exemplo o pago a seis meses. Con unha loxística eficaz, pasan apenas uns días dende a expedición do producto por parte do proveedor hasta que vostede o abona en caixa. A partires de ese instante, o distribuidor ten case medio ano para enredar canto queira con eses cartos na bolsa, en fondos de inversión ou onde lle pete. Aí e onde teñen verdadeiros beneficios.
Aínda hai máis. As empresas grandes de verdade teñen o seu auténtico negocio no mercado de valores. ¿Algunha vez se preguntou por qué se anuncian na tele Endesa ou Iberdrola, en termos de “somos una gran compañía que ha crecido…”? Pois para captar inversores. Nestas compañías, así como na banca, os beneficios son un reclamo para que máis xente arrime os seus cartos e, con eles, seguir a expansión do negocio. So anecdóticamente, cito que as malas linguas (supoño) falaban, haberá dous anos, de grandes beneficios para HP-Compaq a raíz da revalorización bursátil reportada por unha regulación de emprego que lle permitiu prescindir de varios milleiros de traballadores. Ignoro a veracidade da afirmación, pero ilustra bastante este segundo epígrafe.
3-. As cousas valen o que vaias pagar por elas. Cando un profano tenta fixar o precio de unha mercadoría, suele perderse en elucubracións sobre os custes e a marxe de beneficio. É un erro frecuente. Vaian a unha tenda de discos e busquen un CD dos Beatles e outro de Los Sirex. Ambos son grupos que tiveron o seu apoxeo na década dos 60 e actualmente están retirados; por outra parte, non hai diferencia de custes á hora de gravar un CD ou outro. Non obstante, o dos Beatles seguramente será máis caro, porque a maioría da xente está disposta a pagar máis polos Beatles que polos Sirex. Outro exemplo clásico son as sardiñas no San Xoán ou as rosas en San Valentín ¿Por qué se acada un precio astronómico xusto ese día e ó seguinte desplómase? Porque a xente quere ese producto ese día, e está disposta a pagar máis cartos do que vale normalmente.
Agora un exemplo máis grave. Imaxinemos que o gasoil chega a valer 1′50€/litro, prodúcese unha grande axitación social e o goberno, por aquilo de ter á xente contenta nas próximas eleccións, vai e baixa 50 céntimos os impostos. ¿Qué acontecería entón? Pois, pasados entre seis e doce meses, o precio voltaría ó 1′50€. Vexamos por qué: Antes da baixada do imposto, as petroleiras terían observado que a xente, aparte de queixarse, seguía gastando tanto gasoil coma cando estaba a 0′99€. Iso significa que a xente paga 1′50€ por litro, e iso será o que acabaría custando, pero os 50 céntimos antes destinados a escolas e hospitais via impostos, serían agora de beneficio para as petroleiras (si, estou explicando por qué o goberno NON debe baixar o imposto dos hidrocarburos). E as petroleiras, nin van devolver eses cartos, nin van permitir que lles limiten a alza dos seus precios, polo que expoño no seguinte apartado.
4-. O meu é meu, e o teu é dos dous. Dito doutro xeito, o estado sólo cando interesa (e o estado somos todos). Seguro que lembran cando se descubriu a estafa do “Forum Filatélico”, e confío non ofender a aquel lector afectado se o poño como exemplo moi sinxelo: cando se destapou o timo, apresuráronse a pedir que o estado se fixese cargo de repoñerlles os cartos perdidos, e eu pregunto ¿terían accedido con tanta celeridade se o estado quixese aumenta-los impostos sobre os beneficios, si os houbese? Sexan sinceros, seguramente non. Non pasa nada, a todos nos doe ver marchar os cartos aínda que sexa para pagar os médicos, as escolas, os xulgados… Ós afectados do Forum Filatélico non parece que lles fixeran moito caso, pero non pasa o mesmo cos grandes negocios. Sigan esforzando a memoria: hai un par de anos, ríanse cando xa se falaba de “burbulla inmobiliaria”, pero os promotores queixábanse da cantidade de negocio que estaban a perder por non poderen edificar onde lles petaba; as administracións estaban, segundo eles, frenando a xeración de riqueza e progreso do seu sector. Agora, a burbulla estoupou (¿por qué non se dice isto na prensa?) e o estado debe invertir en infraestruturas e vivenda de protección oficial, para evitar a quiebra dese mesmo sector ó que lle estorbaba non hai tanto. As eléctricas refunfuñan cando se lles vai impoñer participación pública na explotación dos recursos naturais, pero lograron que o goberno aprobara unha suba na tarifa eléctrica… Básicamente, os que teñen os cartos, teñen a sartén collida polo mango, porque deles dependen cousas tan dispares como os postos de traballo e os custes das campañas electorais e…
…E como sociedade, deberíamos intentar informarnos un pouco máis de como funciona o mundo, para non sermos solamente peóns ou pezas insignificantes dunha maquinaria que non temos opción de escoller.
Realmente bó o artigo felicítote, e animote para que outros días desenroles un pouco máis o tema da intervención do estado, e os tempo hiperliberais, que vivimos na actualidade e que quitan poder os propios gobernos, e tamén, a sociedade cívil.
Un saúdo.
Comment by jorgecesantes — July 2, 2008 @ 4:24 pm
#1 Na serie the fall and rise of Reginald Perrin o protagonista montaba unha cadea de tendas chamada Grot (poderíamos traducilo por algo así coma broza).
#2 El Corte Inglés (por falar dun ben coñecido) ten ficha bancaria, directamente é un banco,
#3 Se vostede combina isto coa financiación hipotecaria do 100% (ou mais) das vivendas, terá a miña teoría explicativa da burbulla inmobiliario-hipotecaria.
#4 Privatización dos beneficios e socialización das perdas, o paradigma da falacia neoliberal.
Coma tantas veces, concordo con vostede ao 100%.
Comment by ghanito — July 2, 2008 @ 6:16 pm
Dis unhas verdades como templos. Non vivimos en democracia senón nunha plutocracia.
Comment by paideleo — July 2, 2008 @ 9:48 pm
¡Non tiña nin idea de que El Corte Inglés Fose un banco!
A miña teoría da “burbulla” é que, en España, foi unha maniobra perfectamente calculada hai anos pola banca, e saíulles planchada. Agora son máis amos que nunca do noso país, e iso débese fundamentalmente a dúas cousas:
1º A ignorancia da xente, que tragou todo o que lle contaron.
2º A nula intervención do estado, con un goberno que non fixo nada por evitar os riscos do grado de endeudamento que acadamos, a un tipo de interés tan baixo como para sospeitar del.
Agora, certamente, somos un pouco máis plutocracia, e os bancos teñen un pouco máis de control sobre as vidas da xente. Estas cousas deberían ensinarse na escola.
Gracias polos vosos comentarios.
Comment by F. Miguez — July 3, 2008 @ 10:03 am
4 leccións de economía
O blogueiro redondelán F.Míguez atopou tempo dentro da loita contra a desfeita que vai supór a construción de dúas autoestradas na súa comarca para redactar este magnífico artigo sobre a economía actual. Non o perdan.
Trackback by chuza.org — July 4, 2008 @ 3:37 pm
#4 Eu non diría ignorancia da xente, senón mesquindade da xente.
Comment by Cesare — July 4, 2008 @ 4:56 pm
#4 a criación da burbulla inmobiliaria non é algo desexado polos bancos.
En España os bancos xa controlaban a economía, noutros países as aseguradoras mandan moito mais do que aquí (coma no caso dos EUA).
Ós bancos non lles interesa que poida haber morosidade e o marxe obtido das hipotecas é moi estreito, estreitandose ainda mais na loita hipotecaria. O que lle gaña un banco a un préstamo é menos do 1% (porque ten que pagar polos cartos a outra xente) o truco é que canto mais prestas mais gañas e se prestas billóns de euros só hai que botar contas.
Os mais beneficiados da baixada dos tipos de interés foron:
1.- Os promotores. Moita xente sen un can e sen ter puta idea de nada, agora ten montes e moreas de cartos.
2.- Moitos propietarios de solares. Houbo xente que herdou unha leira chea de patacas e a convertiu en ouro.
3.- A Administración. Cobrando taxas, ive, etc.
4.- Politicos que fixeron recalificacións dubidosas. Penso que non require explicación.
5.- Constructores. Traballando lexítimamente no seu e tamén (lexítimamente, coma non) promovndo pola súa conta.
6.- Os bancos, é certo que obtiveron unha porcentaxe pequena mais que sumou moits cartos e ademais fixeron parte coma accionistas en constructoras, promotoras, operacións inmobiliarias…
7.- Os especuladores.E aquí entramos todos, que quixemos mercar un piso en troques de montar unha empresa (e xerar emprego e riqueza), de meter os cartos na bolsa (para que outros xeren esa riqueza cos nosos cartos) ou mesmo de ter os cartos no banco para financiar o sistema económico, porque así rinde mais ó subir o prezo.
Non todos teñen a mesma culpa, pero mais de un debería facer exame de conciencia.
E desculpa por extenderme tanto
Comment by ghanito — July 4, 2008 @ 7:44 pm
Eu non quero falar de plutocracia, porque iso é dicir que non podo facer nada, ou que teño que cambiar todo o sistema para acadar unha democracia que sexa realmente “xentecracia”. Prefiro falar de democracia mangoneada, ou de xente nada participativa, que é case equivalente. Se realmente é así, para que desaparezan os mangoneos só hai que conseguir que a xente participe.
Ata aquí só expresei desexos e unha visión moi optimista da nosa democracia. Pero pensemos que se queremos, montamos un partido político que fale do que nos queramos, e se os votantes queren (a xente), gobernaremos. ¿E por que non se fai? Si que se ten feito: Citadáns e UPD son dous casos recentes, pero hai moitos máis, coma por exemplo Tierra de Comuneros aquí en Castilla, aínda que non ten nada de éxito. E isto a pesar de que os “mass media” non prestaron apenas atención a Citadáns nin a UPD.
Por suposto, hai grandes trabas para que apareza un novo partido ou para que xente de fora dun partido realmente interveña no goberno, como xa sinalástedes. O goberno por unhas poucas empresas (=persoas) dos medios de comunicación, o cuasi-bipartidismo, a financiación dos partidos por grandes lobbies/empresas (=persoas), o sistema memos de eleccións… Pero en vez de mirar ós poderes que están lonxe do noso alcance, prefiro mirar ós electores, e pensar en que é o que fai que tendo en cada man as armas máis poderosas da democracia (o voto e a lista da compra), realmente non exerzan o poder. E o que se me ocorre é que hai moita xente ignorante, moita xente que pasa de todo (en parte porque ignoran o seu poder), pero sobre todo moita xente que non actúa en conxunto en parte porque non coñecen os seus interesses comúns, en parte porque nunca se poñen dacordo. Todos estamos nalgún ou en todos eses grupos.
E certamente, F, ¿que precisas para ter un goberno decente en Redondela? ¿Non chegaría con falar cunha morea de xente, explicarlles o que pasa en realidade, e conseguir que se puxeran dacordo para actuar/votar?
Para rematar, xa non sei quen dicía que os pobos teñen os gobernantes que merecen. Esa frase paréceme un insulto inxustificado para os que sufren tiranías, pero para os que viven en democracia, é unha realidade inapelablemente vergoñenta.
Comment by Peregrino — July 5, 2008 @ 10:28 pm
Que ledicia, chegar o luns e atopar semellantes de comentarios, ¡e unha chuzada!
Vamos por partes:
Cesare: Non sustitúo ignorancia por mesquindade, mais abofé que a inclúo. Se a maioría da xente non se sentise beneficiada polo sistema, tal e como é, este non perduraría. Estamos de acordo.
Tamén acepto a corrección que fai Ghanito sobre a participación da banca na “burbulla”. De todos xeitos, a orixe da miña “teoría” está na cantidade de vivenda que a os bancos tiñan en propiedade nos primeiros anos da dilatación dos precios (non lembro os datos); puidera ser que non fose sufiente para iniciar o proceso especulativo, pero eu sempre tiven claro que os bancos non mercaban pisos para viviren neles.
Peregrino. Comparto totalmente a idea de que o voto e a lista da compra son as dúas armas máis poderosas que temos, sobre todo a segunda. Tamén concordo en que a non implicación das persoas é o principal punto debil da sociedade fronte os podres. Respecto á creación de novos partidos, e en particular na esfera local, despois de dous anos de movimento vaciñal, abofé que o tema daría moito que escribir. Non me comprometo, pero a ver si algún día me sae un artigo sobre a materia.
Moitas gracias a todos.
Comment by F. Miguez — July 7, 2008 @ 9:05 am