Catro realidades para entender a economía contemporánea.

“Preséntolles, neste artigo, catro conceptos sobre economía contemporánea que todo o mundo debería coñecer porque, queridos amigos, o sistema político no que vivimos chámase plutocracia. Confío que a exposición lles resulte didáctica e amena, porque sigo sen tempo para buscar enlaces que documenten os escritos, pero procurei buscar exemplos próximos e familiares para todos nos.”

1-. So hai unha maneira de gañar cartos. Vender. So vendendo se gañan cartos. Unha empresa pode ter a fábrica máis productiva do seu sector, e a mellor organización administrativa do mundo que, si non vende o seu producto, irá a quebra. Isto fai que a maioría das empresas tendan a fabricar o menos posible, e deixen esa tarefa en mans de outros, hoxe en día maioritariamente asiáticos. Blusens e Pórtico son dúas empresas galegas de éxito que basean o seu negocio neste modelo, pero tal vez o téxtil galego fose o mellor exemplo antes do boom chinés (¿va que moitos coñecen a alguén que cose ou coseu para Inditex, ou calquera outro, no baixo da súa casa?)
Voulles explicar outra consecuencia deste primeiro concepto con un exemplo absurdo: vou montar un negocio no que non fabrique nada e sexa precisamente iso o que venda, nada. Se conseguise que vostede me pagase unha cantidade de cartos por “nada”, tería uns rendementos magníficos ¿non si? Claro que ninguén pagaría por nada, pero ¿pagaría vostede por algo que sexa pouco máis que nada, aire por exemplo? Supoño que tampouco, pero si vou un pouquiño máis alá e lle ofrezo auga… Agora podería tentar unha frase brillante dicindo que o marketing é a disciplina encargada de crear unha diferencia entre mercar auga, aire ou nada, pero a cousa vai bastante máis alá; non seguiremos afondando por non exceder o alcance deste artigo.
2-. Vale, tamén se gañan cartos sen vender. Hai tres razóns polas que as grandes superficies venden tan barato: Unha, porque cumpren estrictamente o punto anterior. Duas, porque aproveitando a nosa viaxe na procura dun artigo anunciado en oferta, colleremos tres ou catro cousas que precisamos e aforramos ir outro día ou a outro lado, mentres eles compensan o que deixaron de gañar no producto ofertado. E tres polo negocio financieiro. A lexislación mercantil prohibe vender productos por debaixo do seu precio de coste pero, se puidesen facelo, as grandes cadeas faríano e aínda así gañarían cartos desta maneira. Cando vostede merca, por exemplo, unha botella de aceite, paga no acto uns tres euros, que nunhas horas estarán ingresados no banco a nome do seu “híper”. Para a cooperativa productora do aceite, as grandes cadeas son un cliente moi apetecible, por faceren grandes pedidos, o que a leva a aceptar as súas condicións, como por exemplo o pago a seis meses. Con unha loxística eficaz, pasan apenas uns días dende a expedición do producto por parte do proveedor hasta que vostede o abona en caixa. A partires de ese instante, o distribuidor ten case medio ano para enredar canto queira con eses cartos na bolsa, en fondos de inversión ou onde lle pete. Aí e onde teñen verdadeiros beneficios.
Aínda hai máis. As empresas grandes de verdade teñen o seu auténtico negocio no mercado de valores. ¿Algunha vez se preguntou por qué se anuncian na tele Endesa ou Iberdrola, en termos de “somos una gran compañía que ha crecido…”? Pois para captar inversores. Nestas compañías, así como na banca, os beneficios son un reclamo para que máis xente arrime os seus cartos e, con eles, seguir a expansión do negocio. So anecdóticamente, cito que as malas linguas (supoño) falaban, haberá dous anos, de grandes beneficios para HP-Compaq a raíz da revalorización bursátil reportada por unha regulación de emprego que lle permitiu prescindir de varios milleiros de traballadores. Ignoro a veracidade da afirmación, pero ilustra bastante este segundo epígrafe.
3-. As cousas valen o que vaias pagar por elas. Cando un profano tenta fixar o precio de unha mercadoría, suele perderse en elucubracións sobre os custes e a marxe de beneficio. É un erro frecuente. Vaian a unha tenda de discos e busquen un CD dos Beatles e outro de Los Sirex. Ambos son grupos que tiveron o seu apoxeo na década dos 60 e actualmente están retirados; por outra parte, non hai diferencia de custes á hora de gravar un CD ou outro. Non obstante, o dos Beatles seguramente será máis caro, porque a maioría da xente está disposta a pagar máis polos Beatles que polos Sirex. Outro exemplo clásico son as sardiñas no San Xoán ou as rosas en San Valentín ¿Por qué se acada un precio astronómico xusto ese día e ó seguinte desplómase? Porque a xente quere ese producto ese día, e está disposta a pagar máis cartos do que vale normalmente.
Agora un exemplo máis grave. Imaxinemos que o gasoil chega a valer 1′50€/litro, prodúcese unha grande axitación social e o goberno, por aquilo de ter á xente contenta nas próximas eleccións, vai e baixa 50 céntimos os impostos. ¿Qué acontecería entón? Pois, pasados entre seis e doce meses, o precio voltaría ó 1′50€. Vexamos por qué: Antes da baixada do imposto, as petroleiras terían observado que a xente, aparte de queixarse, seguía gastando tanto gasoil coma cando estaba a 0′99€. Iso significa que a xente paga 1′50€ por litro, e iso será o que acabaría custando, pero os 50 céntimos antes destinados a escolas e hospitais via impostos, serían agora de beneficio para as petroleiras (si, estou explicando por qué o goberno NON debe baixar o imposto dos hidrocarburos). E as petroleiras, nin van devolver eses cartos, nin van permitir que lles limiten a alza dos seus precios, polo que expoño no seguinte apartado.
4-. O meu é meu, e o teu é dos dous. Dito doutro xeito, o estado sólo cando interesa (e o estado somos todos). Seguro que lembran cando se descubriu a estafa do “Forum Filatélico”, e confío non ofender a aquel lector afectado se o poño como exemplo moi sinxelo: cando se destapou o timo, apresuráronse a pedir que o estado se fixese cargo de repoñerlles os cartos perdidos, e eu pregunto ¿terían accedido con tanta celeridade se o estado quixese aumenta-los impostos sobre os beneficios, si os houbese? Sexan sinceros, seguramente non. Non pasa nada, a todos nos doe ver marchar os cartos aínda que sexa para pagar os médicos, as escolas, os xulgados… Ós afectados do Forum Filatélico non parece que lles fixeran moito caso, pero non pasa o mesmo cos grandes negocios. Sigan esforzando a memoria: hai un par de anos, ríanse cando xa se falaba de “burbulla inmobiliaria”, pero os promotores queixábanse da cantidade de negocio que estaban a perder por non poderen edificar onde lles petaba; as administracións estaban, segundo eles, frenando a xeración de riqueza e progreso do seu sector. Agora, a burbulla estoupou (¿por qué non se dice isto na prensa?) e o estado debe invertir en infraestruturas e vivenda de protección oficial, para evitar a quiebra dese mesmo sector ó que lle estorbaba non hai tanto. As eléctricas refunfuñan cando se lles vai impoñer participación pública na explotación dos recursos naturais, pero lograron que o goberno aprobara unha suba na tarifa eléctrica… Básicamente, os que teñen os cartos, teñen a sartén collida polo mango, porque deles dependen cousas tan dispares como os postos de traballo e os custes das campañas electorais e…

…E como sociedade, deberíamos intentar informarnos un pouco máis de como funciona o mundo, para non sermos solamente peóns ou pezas insignificantes dunha maquinaria que non temos opción de escoller.