Aforismos propios sobre a cadea perpetua, tan de moda estes días.

“Non estou totalmente seguro de que o seguimento que Televisión Española está a facer da campaña de recollida de sinaturas pola implantación da cadea perpetua para certos delitos, en particular no programa “España Directo”, sexa totalmente neutral. Dende un aparente “buenrollismo”, estase a facer promoción de unha iniciativa lexislativa particular sen contrastala nin opoñela con ningunha postura alternativa, dando un sesgo que, sexa por neglixencia ou deliberadamente, non debería producirse nunha canle pública.”

“A cadea perpetua é unha medida que pode ir en contra incluso da Constitución Española (tomen isto con reservas, que eu non son xurista), e non deixa de estar inspirada nunha concepción da xusticia como ente revanchista e castigador. Para previr determinadas circunstancias, como a reincidencia en crimes relacionados coa liberdade sexual dos menores, sería máis axeitado falar de “internamentos preventivos”. A diferencia non é trivial.”

“Posto a falar de “internamentos preventivos” véñenme á cabeza uns cantos casos de persoas con enfermidades mentais perigosas, que non so dependen do sacrificio feito polas súas familias, de coidar a unha persoa que en calquera momento podería cometer unha atrocidade, senón que demostran unha das maiores carencias de este estado, que pretende aparentar avanzado e do benestar, e non pasa de mediocre e “buenrollista”.”

P.D.: A miña conciencia dime que debería completar o primeiro aforismo con un enlace que demostre a miña afirmación, pero temo que me terei que conformar con convidalos a que o comproben vostedes mesmos.