Dispara, os lugares máis galegos do mundo. A Peneda.

“Os lugares máis galegos do mundo” debería ser un título suficientemente descriptivo do que esta categoría pretende ser, e o exemplo co que hoxe a inauguro vai ser abondo para entender por onde irán os tiros.
O monte da Peneda, ademáis de ser popularmente coñecido polos versos de Rosalía de Castro, entre outras referencias literarias, ben podería ser un botón de mostra para entender esta esquina do mapa chamada Galicia, por tres razóns.
O que podería ser. A paisaxe, o patrimonio e a historia fan da Peneda un lugar ben singular. O Atlántico, as Illas Cies, montes que xa pertencen a terras ourensás e quizás incluso portuguesas… é o grande espectáculo que nos abruma cando chegamos ó alto. (A eterna bruma que cubre esta ría é un obstáculo insalvable para a miña cámar de xoguete.) Hai que agardar un pouco e repoñerse, para acordar e mirar para abaixo, onde a desembocadura do rio Verdugo, a parte máis interior da Ría de Vigo, e a ensenada de San Simón se contemplan íntegramente como dende ningún outro lugar. Cara o leste o castelo de Soutomaior parece trobar baixo o balcón á capela, bonita e acompañada do cruceiro, rodeada de árbores e muros, escaleiras e outras canterías tradicionais nas que o gris combina co verde como si fose así concebido pola natureza. Ademáis, as capelas illadas teñen un encanto que lles está negado a outros edificios relixiosos ubicados en lugares máis habitados; a soidade dalles un aire misterioso, como si…
O que é. O monte da Peneda ardeu dúas veces nos últimos cinco anos. Así, mentres non chegamos ó alto, temos a sensación de viaxar por outro de tantos montes desertizados polo lume, como todos os de arredor, onde o mato trata de recuperar a cor natural da paraxe.
O anarquismo urbanístico que nos fai célebres polo mundo adiante tamén castiga a paisaxe, tanto de preto como ó lonxe, e o mamotreto de formigón que baliza a entrada de Peinador no cumio veciño tampouco resulta unha presencia agradable.
A conservación da capela e o muro que cerra o recinto tamén son mellorables.
O que vai ser. Se queren disfrutar deste lugar tal e como é, apúrense. Parece ser que existe unha reivindicación histórica da cidade de Pontevedra (¿falaría alguén con ela?) para ter unha autovía directa coa meseta, sen pasar por Vigo, e vai ser satisfeita pola que se chamará “Autovía A-57″, unha obra colosal que atravesará os montes que dan cara a Peneda polo norte e leste, así como o val que forman Oitavén e Verdugo na súa confluencia no concello de Soutomaior.
Por si tiñan pensado dicir “que pena”, non o fagan aínda. A contestada “Autovía Pontevedra-Vigo”, en realidade un ramal occidental de esa A-57, vai pasar pola parte baixa da Peneda, e está previsto usar a ladeira de este monte como vertedeiro de terras sobrantes durante a obra.
Así é a Peneda, e así e Galicia. Un lugar ben fermoso, que acarrexa dende o pasado uns valores intemporais, cotizados á baixa no presente, pero que nos poden fascinar nunha viaxe cara nos mesmos o día que nos decidamos a facela. Antes de que sexa demasiado tarde.

Nota: Os problemas técnicos anteriormente referidos están resoltos de xeito provisional. O mes que ven volveremos á normalidade do segundo sábado, se todo vai ben. Que teñan un bo día das letras galegas.