Sobre auga embotellada, despilfarro, e outras verdades incómodas.

Manía a miña, esta de tentar ler canto me pasa por diante dos ollos. Iso fixen coa folla de periódico que envolvía unha botella de licor café mercada o outro dia, e atopei un interesante artigo do Faro de Vigo sobre o consumo e a non necesidade da auga embotellada. Recoméndolles (non obrigatorio) a súa lectura antes de facermos un par de reflexións ó respecto.
Por si non leron o artigo, resúmollelo: a auga embotellada é un dos grandes negocios do mundo, porque consiste en venderlle á xente dos países ricos, a un precio significativo, un producto cuio custe en orixe é casi cero. Por un lado, debemos recoñecer o éxito da propaganda por facernos crer que era máis sano beber auga da botella que a da traída, ainda que moitas veces sexa igual ou peor (lean onde di “Inglaterra”). Por outro, está o despilfarro enerxético e de materias primas que supoñen 2′7 millóns de toneladas de plástico anuais; segundo o artigo, cada litro de auga embotellada consume tres litros de auga e cuarto litro de petroleo para sair da fábrica. É unha de tantas estupideces da sociedade de consumo, como ese producto de reciente lanzamento, consistente nunha pequna botelliña que “equivale a una pieza de fruta” ou os iogures para baixar o colesterol, entre outras cousas nas que non todo o mundo cre.
Hai varias lecturas do fenómeno. Dúas son evidentes: a publicidade engánanos, e estamos a despilfarrar os recursos do noso planeta en cousas inútiles. Pero hai unha terceira da que levo querendo falar hai tempo, e aproveito o tema de hoxe para introducila. Imaxinen un ataque de sentido común na nosa sociedade, que supoña a fin da auga embotellada. Por completo. Imaxinen que nos bares sirven unha rica auga da traída, que cando vamos de viaxe ou ó choio levamos unha cantimplora ou un termo reutilizable de por vida… Sen dúbida, aforraríamos enerxía, plásticos, contaminación e cartos do noso peto, pero ¿que acontecería coa xente que traballa embotellando auga?
Hai unha infinidade de cousas das que poderíamos prescindir si pensáramos un pouco: as bandexas de poliestireno que poñen para o salchichón, os “blister” de plástico que conteñen toda clase de obxetos que ben poderían distribuirse soltos… pero ¿onde iría a parar a xente que traballa na súa fabricación e distribución? Sí, querido lector. Vostede e máis eu poderíamos estar sendo a “verdade incómoda”.
Tal vez a estas alturas unha voceciña dentro da súa cabeza xa estea dicindo “bueno, ben mirado, o mundo non está tan mal, e a auga embotellada non é algo tan estúpido“, pero é o que hai. Os políticos e as grandes corporacións teñen a culpa de todos os males, non o vamos discutir, pero todos nos formamos parte de esa mesma maquinaria e iso é o que a fai tan perigosa. Non son catro ou cinco os culpables de que o mundo se contamine, e haxa guerras polo petroleo ou o gas. Culpables somos todos, pero resúltanos incómodo pensalo. Incómodo porque, ainda que quixéramos sair dese círculo, non saberíamos como.