Corolario sobre o debate da enerxía nuclear.
Tanto nos enlaces deixados no post da semana pasada, sobre o escape na central nuclear de Ascó, como noutros debates que oín por ahí, estiven a topar con un argumento que non quero deixar de desenmascarar, sin por iso dubidar de que algúns ou moitos de vostedes xa se terían dado conta.
Os defensores do emprego da enerxía nuclear argumentan que as enerxías renovables presentan unha serie de deficiencias, como non xeneraren electricidade cando nos a precisamos, sinon cando elas queren, mentres que os defectos achacables á enerxía nuclear, como son a perigosidade e os residuos poden ser solucionados ou paliados con innovacións tecnolóxicas.
A falacia, queridos lectores e veciños, está en que a tecnoloxía tamén pode solucionar as deficiencias das enerxías alternativas; abofé que o fará e cantos máis apoios reciba, antes se logrará. Non se deixen enganar por ese halo de tecnoloxía de futuro que ten a enerxía nuclear, porque nunha central nuclear quéntase auga para xerar electricidade nunha máquina de vapor (abra o enlace, sumamente sinxelo e didáctico). Vale, nunha turbina de vapor, non nunha máquina de Watt
Para que a enxeñería faga os milagres ós que nos ten acostumbrados fan falta cartos, e os cartos téñenos as grandes empresas e os estados, logo quen decide qué milagres deben facer os enxeñeiros é vostede, querido consumidor e elector, o cal lle outorga a responsabilidade de pensar e esixir o futuro que xulgue máis axeitado; tanto no referente ás fontes de enerxía como en todo o demáis.
Por certo, xa existe un sistema para almacenar grandes cantidades de enerxía cando producimos máis da que consumimos: as centrais hidroeléctricas de bombeo. Situadas entre dous encoros, cando sobra enerxía, traballan como bombas pasando auga do inferior ó superior; cando hai demanda, a auga pasa no seu sentido natural, xerando electricidade nas turbinas. Inxenioso ¿non si?