Foiseme das mans. Hoxe so tiña pensado apuntar un aforismo baixo este título, pero pareceume oportuno explicar a súa orixe e acabei facendo un post enteiro sobre o caso de unha veciña miña que foi, e sige a ser, puteada polo SERGAS. Este caso podería ser enfocado dende moitas perspectivas, pero eu fíxeno (pola conexión que explicarei ó longo do texto) dende unha crítica ó delirio de autovías e outras grandes infraestruturas no que vivimos, sumideiro por onde se están a marchar a maioría duns fondos públicos ben necesarios noutras carencias da nosa sociedade.
“Eu pasei á Cruz Roja, e os servicios sociais, porque non fun capaz de soportar a sensación de impotencia que me producía ver cómo morrián personas nas urxencias do hospital pola falta de medios e organización, sin que os profesionais puidésemos facer nada.”
María Xosé. Enfermeira.
Este aforismo xurdiu o luns nunha asamblea da Plataforma Cidadá Contra A Autovía de Redondela. Descoñezo cómo funcionan normalmente outros colectivos semellantes, pero nos invertimos a metade das horas de reunión en falar de outras problemáticas sociais, na convicción de que o abuso das grandes infraestruturas non deixa de ser parte dun problema xeneralizado: a mala xestión política da nosa Comunidade e do Estado en xeral.
María Xosé dixo isto no medio do debate xurdido cando narrei o n-simo episodio, contecido ese mesmo día, da historia de Luísa, unha veciña da miña parroquia, traballadora no servicio doméstico e o campo, quen fracturou a columna vertebral ó cair dende un muro duns seis metros. Despois da operación e a convalecencia, chegoulle unha rehabilitación para a cal debía desplazarse a Vigo, e ese foi o punto onde empecei a seguir o problema (a miña “simpatía” polos problemas de transporte foi a principal causa de me meter a estudiar enxeñería).
A lesión de Luisa impedíalle conducir, e o señor en cuio cuidado traballa, manifestaba certa inseguridade para conducir dentro da cidade ós seus oitenta anos. Por outra parte, as muletas e o corsé ortopédico terían sido un serio impedimento para colle-lo autobús, pero ese problema non se presentou, dada a imposibilidade de chegar dende Saxamonde (parroquia de Redondela) hasta o Hospital Xeral de Vigo sin unha enrevesada conbinación de varios autobuses, cuios horarios nada teñen que ver cos da súa rehabilitación. Faría falla un capital extraordinario para pagar unhas oito semanas de viaxes a Vigo en taxi, así que solicitou unha ambulancia asistencial no SERGAS. Denegada. Neste punto, a pobre muller so podía renunciar á rehabilitación e foi a solidariedade duns veciños, á sazón meus pais, o que impediu tan fatal decisión; renunciando ás comodidades da súa prexubilación, pasaron o inverno madrugando para faceren este servicio público desatendido pola administración. (Cabe aclarar que Luisa é de orixe portuguesa, e non ten aquí familia ningunha.)
O episodio referido este luns, culminación da estupidez administrativa, ten un precedente hai unhas semanas, cando a señora precisou un papel para continuar cos coidados no ambulatorio de Redondela; foron a buscalo a Vigo, e respostáronlle que aínda debía pasar algún tempo antes de poder entregarllo. Atención todos, porque a contestación dada agora foi “ya pasó demasiado tiempo y no puedo volver tan atrás en el ordenador”; mandándoa para casa coas mans valeiras e o compromiso de que, si despois de pasar un cursiño previsto para estes dias, o/a administrativo conseguía sondear os pretéritos da computadora, haberíana chamar. Si non…
Tal vez estean a preguntarse a relación entre este problema e un movimento veciñal de oposición a unha autovía, e voullo aclarar en dous puntos:
1º É inexcusable, hoxe en día, que unha administración (o SERGAS) lle esixa a un cidadán desplazarse a outra localidade para ver si un administrativo pode sacar un papel dun ordenador, e logo entregarlle ese papel a outro administrativo que, seguramente, meterá os datos dese papel noutro ordenador do mesmo SERGAS. Si están lendo vostedes isto na Internet, suporei innecesario aclararlles nada sobre esa técnica de xestión de información a distancia chamada “redes telemáticas”. Invertir nelas e na formación necesaria para o seu manexo, evitaría que milleiros de personas colapsaran diariamente o tráfico das cidades galegas para realizar trámites administrativos, consistentes moitas veces en “recoller un papel” requerido noutro portelo.
2º Non é posible entender que se estean a gastar centos de millóns de euros en grandes infraestruturas para o transporte e, ó mesmo tempo, non haxa cartos para transportar a unha persona impedida con unha ambulancia asistencial. ¿Para qué lle sirve unha autovía a alguén incapacitado para a conducción?
Algunhas veces, xente merecedora do calficativo “ignorante” tense enfrentado cos membros da Plataforma Contra a Autovía repetindo a fórmula “vos estades contra o progreso”. Díganme vostedes que progreso é este onde as personas non importan, porque Luisa non é a única carente de autobuses para ir ó medico, nin a única obrigada a desplazarse de mostrador en mostrador (en coche) para pasear uns papeis carne de correo electrónico, nin a única á que o SERGAS lle negou transporte cando o precisaba.
O peor de todo, o escuro horizonte mostrado dende unha recente campaña electoral, cuio protagonista central foron as infraestruturas, sin concurso de colectivo social ningún a demandar “outras formas de progreso”.