Vacacións nos Oscos.
Pasei a Semana Santa na contorna Asturiana de Taramundi e os Oscos. Apunto brevemente algunhas impresións da viaxe.
Os habitantes da comarca dos Oscos son, a todos os efectos, Asturianos. Por iso, so hubo unha razón para que non me sorprendera falar con eles en galego, e descubrir que é o seu idioma natural: xa me acontecera o mesmo no Bierzo hai uns anos. Falar na nosa lingua con xente que non é galega dalle ó idioma unha fermosísima dimensión transnacional, e dilúe as fronteiras artificiais creadas por administracións e burocracias que se revelan ignorantes da realidade humana.
Chama a atención a densidade de museos e lugares para visitar relacionados cos muiños, os mazos hidráulicos e o aproveitamento da auga como fonte de enerxía ancestral (preman na foto), o que á miña vista se converteu na enseña dunha terra na que perdura a simbiose entre actividade humana e territorio, sendo a súas principais fontes de ingresos a agricultura, o turismo, a madeira, e a artesanía, incluída a agroalimentaria, como son o mel e os queixos. Fontes de riqueza, todas estas, que dependen directamente de manteren o entorno nunhas condicións bastante semellantes ás que o caracterizaron dende que alí se implantaron os primeiros habitantes. Hai que ser honesto, e recoñecer que as axudas institucionais e a escasa densidade de poboación son dous factores de bastante peso nese éxito, pero para algunhas personas ese é un ideal cara o que todas as sociedades deben mirar, cando pensen no futuro a calquera plazo. Desafortunadamente, somos poucos os que así razonamos.
Un non sempre se deixa enganar polos seus sentidos, e os tres dias que pasei alí fun consciente de que estaba nunha especie de museo xigante, en que o tempo e paisaxe se conxelaron deliberadamente, para ben dos que alí viven e disfrute dos visitantes. Por iso, tivo que ser outra a causa de que a viaxe de volta por Galicia, dende A Fonsagrada hasta A Coruña, fose como unha inmersión nun cadro surrealista, no que a orden, a coherencia e a xeometría non existen. Casas e galpóns amoreados caóticamente, ladrillo sen revestir e mesturado coa pedra, núcleos de poboación no que dous ou tres edificios de cinco alturas dan a nota entre vivendas unifamiliares descubren que, cando se pasan tres dias fora da nosa terra, pérdese a familiaridade con unha chapuza e un caos antinaturales, polos que deberían pagar as personas que tiveron algunha responsabilidade en materia de urbanismo, arquitectura e ordenación do territorio galego durante os últimos trinta anos.