Via ártabra. Vaia por Deus.
No telexonal da Galega de hoxe, deron a noticia de que se vai iniciar a construcción da “Via Artabra” no entorno da Coruña. Si non a viron, vexan a nova, e despois falamos.
Na historia deste blog hubo dous artigos relacionados con ese proxecto, titulados “da cuestión do tráfico na área metropolitana da Coruña”. No primeiro, a raiz da presentación oficial do proxecto, fixen unha crónica sobre os atascos circulatorios nas saídas da Cidade Herculina e expuxen as conclusións dun experimento, meu propio, sobre o autobús metropolitano no mesmo entorno. No segundo, centrome no abandono funcional que padece o ferrocarril como medio de transporte “de cercanías”, co exemplo do traxecto O Burgo-A Coruña. Nos dous, a idea era criticar a necesidade de construir esa Via Artabra, apoíandome noutro modelo de transporte máis sostible e máis rentable para a sociedade.
Así está a estación de ferrocarril do Burgo. Abandonada, como están a maioría das estacións e apeadoiros de Galicia (incluídas as da liña A Coruña-Vigo, unha das máis rentables de España, por si alguén cre que o problema está en que a xente non usa o tren).
Eu non andiven moito polo mundo adiante, así que voulles pedir que me aclaren unha dubida: ¿coñecen vostedes algunha área metropolitana do mundo na que as estacións de ferrocarril estén abandonadas, ou sirven para que a xente se desplace entre as súas casas e os seus traballos? ¿Están as estacións de tren madrileñas cerradas e abandonadas? Eu pregunto porque, no video da noticia enlazada, sae o noso presidente Touriño comparando a Via Ártabra coa M-40 (como si Madrid fose un exemplo de crecimento urbano ordenado e sostible).
Queridos lectores: esta xente engánanos. Galicia non necesita infraestructuras. Ou polo menos, ninguén me vai convencer do contrario mentres que as vías de comunicación xa existentes estén abandonadas, no canto de ofrecerlle á sociedade o servicio para o que foron construídas. Están gastando os cartos (e destruindo o entorno, xa de paso) irracionalmente.
Para que non todo sexa negro, tamén lles enlazo unha nova que me gustou moito máis: a Consellería de Industria vai tomar medidas para intentar que as tendas de ultramariños rurais (as de toda a vida, vamos) sobrevivan. ¿Nunca se lles ocurriu pensar que a mellor maneira de reducir os problemas de tráfico era evitar que a xente teña que ir en coche ás cidades para todo? O que merque na súa parroquia non fará cola para sair do Carrefour. Xúrollo.
Nota: Nas inforamcións do 2006 falábase de 67 M€, na de hoxe… 140M€. Apunta, para non o esquecer.
Vouche contar un caso. Hai uns anos había un tren de cercanías para ir á Universidade da Coruña desde Betanzos e arredores. Fíxose daquela un fermoso apeadoiro para incentivar o uso do ferrocarril mas que case ninguén empregou e que finalmente foi pechado.
Isto demostra que para a nosa desgraza hoxe en día non temos unha cultura de tren -nin sequera de autobús- na Galiza. Hoxe a Universidade da Coruña, nun estado de indixencia e suxidade lamentábel, continúa a aumentar o número de prazas de parking (???). Quen teña estudado nunha universidade británica e comparado saberá que é imposíble acceder a un campus británico en coche (só se permite andar, ir en bicicleta ou chegar en bus). Por desgraza a Universidade da Coruña, nunha mestura de snobismo e pailanismo - e cada vez máis a de Santiago, parecen un Carrefour o sábado á tarde cheo de coches.
Comment by xm carreira — February 28, 2008 @ 6:40 pm
O mesmo pasa na Universidade de Vigo, asegúrocho.
Eu estaba un pouco inseguro no tema do tren, hasta un día, nunha asamblea da Plataforma Contra a Autovía, que a xente de Arcade se empezou a queixar de que lles quitaran os trens antes de que nos sacásemos o tema do transporte público.
En toda a franxa Pontevedra-Vigo, hai xente que bota en falta o tren e os apeadoiros, sin seren activistas do ecoloxismo nin nada polo estilo.
As vías están ahí, as estacións están, e os trens… algúns podían mellorar, pero bueno. O que falta é que o poñan a funcionar outra vez, porque xa hubo un tempo no que funcionaron (moito me chorou algún polo “ferrobús”). A cousa é ben sinxela: podes poñer mil autovías arredor das cidades galegas, e entre elas. Pero o tráfico urbano está colapsado, e non vai mellorar nunca salvo que se quiten coches das ruas (ou a non ser que se destrúan as cidades como nos as coñecemos e se refagan pensando só nos coches e non en que viva xente nelas) ¿cómo? Por non me repetir nos temas, direi que non se vai reducir o número de vehículos no centro das cidades si o único que lle ofreces á xente para moverse no seu entorno son autovías e vias de alta capacidade.
Por certo, a Universidade de Vigo ten un carril bici, ¡na súa circunvalación!, que ademáis de non pasar preto de ningures ten unhas pendientes que nin o Angliru. Ridículo.
Comment by F. Miguez — February 28, 2008 @ 7:07 pm
Terei que facerme unha ruta por Marcosende.
Eu son un defensor convencido do tren mas a mentalidade da xente non se muda dun día para o outro. O tren é excelente en Francia e en Alemaña pero na Galiza o coche cadra mellor co minifundismo galego que o colectivismo do tren. Fíxate que calquera cousa que cheire a esforzo colectivo (concentración parcelaria, área metropolitana, transporte de masas, governo en coalición, etc…) vai ter sempre serias dificultades para funcionar na Galiza. É cousa da idiosincrasia, é cousa da idiosincrasia dunha parte dos galegos.
Comment by xm carreira — February 29, 2008 @ 4:14 pm
Primeiro de todo, perdone pola tardanza en contestarlle, que estiven fora esta fin de semana.
Ese debate individualismo/colectivismo galego resultame curiosamente habitual.
Saímonos un pouco da cuestión do transporte, pero é moi interesante, así que voulle expoñer a miña postura: Coas salvedades de que hoxe en dia é cada vez máis dificil poder falar de particularidades idiosincráticas, debido á homoxeneización cultural que inducen os medios (para ben e/ou para mal), eu non lle estou seguro de que o galego sexa tradicionalmente individualista. Xa que ten vostede presentes as súas raíces na aldea, seguramente lle será máis facil seguir o meu razonamento. Por unha parte, aínda existen en Galicia sistemas de propiedade colectiva como as traídas de augas en man común, ou os montes comunais, pero máis que iso, calquera que estivera nunha matanza tradicional, lembrará que ademáis dos da casa, sempre viña algún veciño a botar unha man, ó que se lle iba a axudar na respectiva. Alén de iso, os avós falan das mallas do trigo ou o centeo, a esfollada do millo ou as labouras relacionadas co liño, como verdadeiros eventos sociais. Os veciños xuntábanse nunha casa hasta remata-lo choio, despois iban a outra e así toda a campaña. Todos axudaban na casa de todos.
A cousa podería dar moito que falar, e sería interesantísimo recuperar ese espíritu de colaboración colectiva.
Por certo, non esquezo a suxerencia de tomar unhas birras na Coruña.
Comment by F. Miguez — March 3, 2008 @ 11:59 am
No problem. O ofrecemento non ten data de caducidade
Comment by xm carreira — March 4, 2008 @ 9:39 pm