Reflexións sobre incoherencia ambiental.
Nesta campaña miña de andar a retratar a Redondela pre-AVE, andaba eu onte co coche por unha pista e lembreime de que o axente forestal, aquel que me viñera visitar cando a cuestión dos páxaros no trigo, dixera que había comuidades autónomas nas que estaba prohibido circular con vehículos a motor polo monte.
-”Estaría bonito que me multasen por andar co coche por aquí, coa que están a fozar eses (os do AVE) ahí abaixo.”- pensei para min.
Non é a primeira vez que me pasa algo así pola cabeza. Tempo atrás, por equivocación, metín o coche no areal de unha praia de Arteixo, e quedei atascado. Mentres trataba se sacalo, preguntábame si era xusto que me fosen poñer unha multa (coa que estou totalmente de acordo) por meter o coche na area, mentres detrás de min, apenas a uns kilómetros, outros estaban a destruir o litoral co invento ese do “Porto Exterior da Coruña”.
Así mil cousas.
Si mexas na rua, múltante, pero a costa e os rios de Galicia están cheos de zonas envenenadas por verquidos fecais ou industriais, e non pasa nada.
Si fas unha pintada nunha parede, múltante, pero destrúese o Círculo Lítico da Mourela, e non pasa nada.
Fan campañas contra o despilfarro da auga, e incluso falan de poñer taxas e similares, pero estou farto de ver xardins municipais cos aspersores a todo gas incluso despois de chover, ou inúndase España enteira de campos de golf.
Rómpenche a cabeza día e noite coa reciclaxe, para que despois incineren a maioría dos residuos.
Está prohibido tocar os niños dos páxaros, e resulta que se aterran as marismas e lagoas onde crian moitas especies de aves.
E aposto a que calquera de vostedes podería aportar máis exemplos de esta incoherencia ¿verdade?
A sociedade, e en particular as administracións, exercen unha doble moral en materia ambiental que, á larga só vai conseguir que, individualmente, as personas se desmoralicen de todo canto ten que ver coa conservación do entorno.