Retrata, para non o esquecer. O AVE en Redondela, e eu contra él.

Obras do "AVE" en Negros, Redondela.

Estiven uns dias na Coruña e entereime pola Galega que xa empezaran as obras do AVE aquí, en Redondela. Eu contaba que aínda me quedaba un tempiño antes de empezar con un pequeno proxecto que teño en mente: fotografiar os lugares de este concello por onde vai pasar a obra, para deixar unha memoria fotográfica do que esta supoña. Así que en esas ando (ademáis de intentar estudiar algo para septembro) estas datas.
Casualmente, chegaronme rumores non hai moito, dende o mundo da obra pública, segundo os cales as obras de ese “tren de altas prestacións” están virtualmente paradas por falta de cartos. Cabe preguntarse, supoñendo certa esa información, si ten lóxica que empecen as obras de outro treito así, de golpe, e a resposta é afirmataiva. A lóxica da política. O AVE é un tren político, unha baza propagandística máis do bipartidismo español (como o terrorismo, por exemplo) co que a oposición sistemáticamente demostra o que non fai o goberno, mentres este “demostra que cumple os seus compromisos” de cara ás seguintes eleccións. Esta forma de entender a política de infraestructuras é pura idiosincrasia, e independiente de qué partido ocupe cada un dos roles citados; a necesidade de mostrarlle a Vigo cómo “se cumplen os compromisos” en materia de AVE antes das eleccións xerais do ano que ven, xustifica poñerse a fozar en Redondela con outros treitos sen rematar.
Polo demáis, os que teñan lido antes este blog saberán que non lles son eu moi partidario de ese invento do AVE, por varias razóns, que enumero sin enrollarme máis:

1º O impacto territorial das infraestructuras para AVE é gravísimo, comparado por exemplo co ferrocarril convencional ou os propios aeroportos. Para acadar as velocidades propias destes trens, ademáis das prestacións da maquinaria, é preciso que a via sexa o máis dereita posible. Iso é facil en outras rexións, pero en Galicia só se pode conseguir con importantes desmontes e taludes. Ademáis, a dispersión poboacional galega conleva que moitos asentamentos humanos se vexan afectados por esas obras (amén do patrimonio e do medio ambiente). En xeral, todo o que sexa apostar polo transporte terrestre en Galicia é ir contra a natureza da nosa terra (por si hai polémica, vaia por diante que eu prefiro apostar polo desenvolvemento local, non por un transporte insostible).
2º Non sei que porcentaxe de galegos viaxan a cotío a Madrid ou a Porto, pero sí sei que a práctica totalidade nos movemos dende as nosas vivendas ós núcleos de actividade económica (cidades, vilas, e polígonos) tódolos dias. O AVE supon unha inversión astronómica para solucionar o problema de unha minoría, mentres non se fai nada para reducir os custes do transporte que temos todos sin excepción, e a diario. (véxase o artigo “Da cuestión do tráfico na Area Metropolitana da Coruña II.”)
3º Ademáis da viaxe a Madrid, suponse tamén que o AVE vai reducir os tempos entre as principais cidades galegas. Na liña do punto 2, razono da seguinte maneira, invitándoos a que fagan o propio no seu caso paticular: Eu vou moito á Coruña. Para ser máis exactos, vou moitas veces de Redondela a Culleredo. Lévame entre hora e media (autoestrada) e duas horas e media (N-550). Supoñamos que o AVE Vigo-Coruña tarda unha hora. Si lle sumamos media hora para chegar de Redondela a Vigo, que é a estación máis próxima, e poñámoslle vinte minutos dende a Coruña ó Burgo, temos xa unha hora cincuenta, máis do que tardo actualmente cando vou pola AP-9, e cunha estimación moi benevolente, xa que exclúe esperas e retrasos, pasando por alto que viaxo sempre con tres bártulos relativamente pesados. Ademáis, unha vez na zona coruñesa sigo necesitando un medio de transporte dispoñible as vintecatro horas, que me permita moverme por diversos concellos da zona. ¿Viven vostedes nun lugar estratéxicamente comunicado, ou poderían analizar a súa relación co futuro AVE igual que eu o fago? Non quero imaxinar canto lle vai cambiar a vida a un residente en Triacastela cando o AVE estea opeartivo :D
4º Por último, hai unha razón máis para me opoñer ó AVE: esa falta de cartos. Xa moitas veces me teño queixado que os nosos políticos son como aqueles que o domingo cenan en restaurante de gala, a costa de pasar fame o resto da semana. Luce moito nas campañas electorais andar a inaugurar obras, canto máis grandes mellor, e para iso estanse gastando uns orzamentos que se lle sangran á conservación do xa existente, cos trastornos e o perigo que iso supón.
En definitiva, os que me lean con frecuencia, e os que me coñecen personalmente, saben que eu son escéptico e crítico con certos aspectos do desenvolvemento e o “progreso” tal e como se entenden na actualidade, na medida que se están tomando decisións difícilmente reversibles por seguir modas tecnolóxicas. As modas, por definición, son tal porque se fan maioritarias, así que a miña voz soíña non vai servir de nada. Quedará, confío, o silencio das fotografías como testigo do que foi.

Nota: Espectacular agalega.info (tendo banda ancha, claro). Sinxela e operativa. A veces da gusto ser galego.
Nota II: ¿Seica a blogoesfera non entende de vacacións ou que? “Só” catrocentas entradas RSS por ler para esta fin de semana. Téñoche choio.

12 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://apunta.blogsome.com/2007/08/31/retrata-para-non-o-esquecer-o-ave-en-redondela-e-eu-contra-el/trackback/

  1. A blogosfera castellana pode que colla vacacións..a galega non, ou polo menos o blogomillo segue a traballar en troques de durmi-la sesta.

    Un saúdo, aqui en Pontevedra non sei cando chegará o famoso AVE, quén sabe.

    Comment by breogain — August 31, 2007 @ 1:39 pm

  2. Ocurre que unha boa parte da miña blogosfera está circunscrita no blogomillo, así que hale a acumulárseme lectura pendiente.

    Comment by F. Miguez — September 1, 2007 @ 3:43 am

  3. Míguez, o impacto ambiental do TGV (Tren de Grande Velocidade) é maior que o do ferrocarril convencional, certo, mas é bastante menor que o de calquera estrada, por unha simple cuestión de que ao non ser permitidas grandes pendentes nen curvas non pode haber grandes terrapléns e todo vai con túneis e pontes. Viaxar en tren é un pracer de lonxe máis ecolóxico do que voar en avión e o TGV vai contribuir a que os R-598 e Rexionais sexan eléctricos e abandonen o diésel.

    Certamente, o TGV non visa solucionar todos os problemas de movilidade da maioría dos galegos, mas axuda. Por exemplo, o tempo de viaxe no treito A Coruña - Santiago en R-598 reducíuse 15 minutos (de unha hora a 45 minutos é un mundo) tras as obras na vía de alta velocidade.

    Alén diso, en moitas empresas as viaxes en avión entre o Eixo Atlántico e Madrid son moi frecuentes. Os que traballan como axentes comerciais sábeno ben. Os voos máis rendíbeis de Iberia (ClickAir) son a Madrid.

    Tamén nos comezos o ferrocarril convencional tivo moita oposición e parecía elitista, e o mesmo aconteceu coa aviación comercial pero hoxe todos os empregamos en maior ou menor medida e aceptámolo como parte das nosas cidades.

    Eu persoalmente estou polo TGV, creo que vai ser unha grande oportunidade, mas concordo que ten que haber debate e que a sociedade ten que tomar partido e dicir se gosta de todo ou de parte dos trazados e ou se non gosta de nada.

    Comment by xm carreira — September 2, 2007 @ 10:03 am

  4. Non sei que teima lle ten blogsome a vostede, Mendinho, que me pide que autorice os seus comentarios :D .
    Eu non me opoño rotundamente ó TGV, pero recoñezo que en xeral non me gusta o impacto ambiental que teñen as infraestructuras de transporte alí por onde pasan. Do que sí estou bastante queimado é de que se fagan estas cousas máis pensando en clave electoral que estratéxica. Por exemplo: ¿Qué sentido tería agora falar de ampliar os aeroportos de Vigo e Coruña cando, efectivamente, Santiago vai estar “moito máis preto”? ou ¿a qué viña a teima das “forzas vivas” de Vigo por pedir un AVE de via sinxela para asegurarse de que non se utilizaba a liña para transporte de mercancías? (non sei en que qedaría a cousa) e, polo teño aquí cerca, ¿é lóxico andar a argallar unha autovía para unir Vigo e Pontevedra antes de coñecer a influencia do TGV nese traxecto, que debería ser alta para que leven tantos anos coa ansia de tren de alta velocidade?
    Por outra banda, tampouco vexo ben que se reduzan os tempos entre cidades a costa de non darlle servicio a vilas máis pequenas, como é o caso de Redondela sin ir máis lonxe. É como desnudar un santo para vestir outro.

    Comment by F. Miguez — September 2, 2007 @ 6:17 pm

  5. Buah, o blogsome non me quere. Non creo que sexa polo Mozilla Firefox.

    Míguez, eu non che son moi partidario de ter tres aeroportos pequenos podendo ter un bo aeroporto central, mas as cousas fixéronse baixo o hiperlocalismo da época e agora só podemos argallar ideas en como reorganizalos da mellor maneira para integralos. Se Alvedro e Lavacolla estivesen ven comunicados podían ser un único aeroporto con dúas grandes terminais.

    O TGV non pode ser para mercadorías (iso foron ideas ao chou do governo Aznar cando fora o do Prestige). Eu polo menos non coñezo ningún TGV de mercadorías. Supoño que os pasaxeiros actuais queren rapidez e a maioría das mercadorías queren baixo custo, por iso os pasaxeiros van en avión e os contentores aínda van en barco, non en jumbos.

    Tampouco TGV pode ter moitas paradas polo camiño ou a velocidade non será “grande” senón “alta” e non haberá TGV senón TAV, que é outra cousa.

    É lóxico andar a argallar unha autovía para unir Vigo e Pontevedra antes de coñecer a influencia do TGV nese traxecto? Por suposto que noné lóxico, pero estamos en ano electoral, non te esquezas dese importantísimo facto para as obras públias, e os políticos (non os enxeñeiros, ambientalistas, urbanistas, etc…) son os que deciden.

    O debate é sempre bo. Unha aperta.

    Comment by xm carreira — September 3, 2007 @ 1:34 pm

  6. Uh, uh, probando, probando…

    Comment by xm carreira — September 3, 2007 @ 1:34 pm

  7. ir a: http://www.youtube.com/watch?v=YYBEI5zeB7k

    Comment by lila — September 3, 2007 @ 8:56 pm

  8. Aprendese bastante de vós. O que pasa é que na Costa da Morte, había unha empresa que se chamaba Finisterre, que era “Despacho auxiliar de la RENFE”. Aquí non hai nin vias pra uns carriñoa deses dos mineros, e ahora xa nin autobuses que en teoría suplían os trens que nunca hoube, nin creo que haxa, e si que era necesario un ferrocarril pra Costa da Morte. Bueno, haber que me decides.

    Comment by susolista — September 3, 2007 @ 9:06 pm

  9. Nada, Mendinho, que blogsome lle colleu manía, pero por favor non deixe vostede de comentar, que é o mellor que lle pode pasar a un blogueiro (neste caso eu). E como dice Suso, todos aprendemos.
    Certamente, eu tampouco coñezo ningún TGV de mercadorías. O debate do viguesismo non era exactamente ese, sinon que esixían que o trazado non tivese doble vía para evitar o risco de que as mercadorías compartisen plataforma. Aínda ninguén me explicou os beneficios reais de construir unha infraestructura ferroviaria nova sin doble via.
    As mercadorías, por certo, creo que sí deberían ter un papel primordial no ferrocarril. Os centros de producción están cada vez máis concentrados en polígonos, dende os que debería ser máis fácil facer unha loxística ferroviaria… si se tivese en conta na súa planificación. Os beneficios para o tráfico por estrada ían ser abrumadores, tanto en desconxestión como en seguridade. (Supoño que non é necesario explicar que os postos de traballo ocupados hoxe polos transportistas son incluso menos que os que xeneraría a estiba ferroviaria e a loxística das estacións.)
    Pola outra banda, é natural que para que os trens cheguen rápido entre dous puntos reduzan as súas paradas. Pero iso implica que moitos dos concellos que acollemos (ou incluso padecemos) a infraestructura non nos vamos a ver beneficiados por él (basándome na conta que botei no post, por exemplo). Xa aconteceu co TRD e o R-598, que sí reduciron os tempos de viaxe entre as grandes cidades, a costa de reducir tamén o servicio en moitas estacións intermedias. Aínda que moitos non estean de acordo, supoño que comprenderán a miña postura de preferir un tren lento que sí podo coller antes que un rápido do que me terei que conformar con velo pasar. Ofrezo, ademáis, a contrapartida de que son eses desplazamentos curtos (entre concellos próximos), que non absorven os TGV, os principais causantes do colapso circulatorio nas areas metroplitanas de Galicia.
    E para rematar, no mesmo eido, o que apunta Suso Lista. A inversión do AVE sigue a ser polarizar a economía de Galicia nas cidades de sempre, deixando outra vez ó resto do territorio con fe en que o crecimento da Galicia metropolitana, algún día, repercutirá en todo o demáis. Pero mentras iso non chega, o rural continúa a despoblarse, e os que resisten teñan cada vez menos servicios, en particular de transporte colectivo.

    Comment by F. Miguez — September 4, 2007 @ 7:15 am

  10. Eu penso que xa rematou a época dos trens e que é unha tontería investir tantos cartos en obras faraónicas de dubidoso resultado. É a miña opinión.

    Comment by paideleo — September 4, 2007 @ 8:54 pm

  11. Ah, eu tamén andei a gravar Torneiros antes da autopista.

    Comment by paideleo — September 4, 2007 @ 8:55 pm

  12. Si vai resultar que somos uns románticos, :D .
    Sobre o do tren, eu creo que te enganas. Vivimos un pouco de “novos ricos”, coa idea de que agora todos temos cadaenseu coche, e que podemos ir con él onde queiramos, pero esa forma de vida esgótase, ademáis de polo petroleo e todo iso, porque chega un momento en que os coches botan á xente fora das cidades. A partires de ahí, otransporte público recupera o estatus de “calidade de vida”, como aconteceu xa en moitos outros lugares do mundo, e desenvólvese como medio util e eficaz. E dentro de iso, o autobús está ben para pequenos recorridos urbanos, ou casos locais, pero para desplazamentos interurbanos e suburbanos o tren é, botando contas, o mellor con diferencia.

    Comment by F. Miguez — September 5, 2007 @ 3:45 pm

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.