Campaña de trigo 06/07.

Esta fin de semana, a asociación de veciños da miña parroquia truxo unha malladora e organizou un acto lúdico-cultural sobre a actividade tradicional. Eu aproveitei para mallar o que colleitei do meu trigo, e fago memoria de unha campaña que valoro como bastante desmotivadora.

Si ben este foi con diferencia o ano que máis gran collín, o resultado non se corresponde para nada coas espectativas que tiven hai uns meses, cando a leira presentaba o aspecto que se ve na foto do final. Xuntáronse tres problemas que provocaron o fracaso do experimento, hasta o punto de que menos da cuarta parte da producción foi recollida:

A meteoroloxía: O verán tan chuvioso fixo que, coincidindo coa fin do ciclo vexetativo do trigo, as malas herbas collesen moitísima forza e invadisen unha porcentaxe maioritaria do terreo.
A recolección: As malas herbas non serían un problema si tivésemos feito a sega no seu momento ótpimo, hai cousa de un mes (en realidade, o trigo tamén retrasou a súa maduración unhas semanas por mor da elevada humidade), pero o home da malladora negouse a vir antes do mes de agosto por resultarlle prioritario o traballo de alpacado, á súa vez demorado por cousa da meteoroloxía. Meus pais insistiron en recoller unha parte a man, aínda que fose testimonial, pero a cousa non pasou de ahí. De ningún xeito podemos permitirnos na nosa casa a cantidade de horas necesarias para segar e enmoiar toda a extensión cultivada, amén dos problemas de almacenamento dos moios hasta o día que o mallador viñese (sumábase ademáis certa incertidumbre porque, o ano pasado, tamén estaba previsto realizar unha malla colectiva que ó final nunca chegou). Lembrarán vostedes que eu teño a miña propia malladora, pero a coitadiña aínda está pendiente de unha seria restauración.
Os páxaros: Unha cousa é dicilo, e outra ben distinta velo. A xente que viu a bandada de pardales que almorzaba e cenaba de buffet libre no meu trigo cortóuselle a respiración, e entendeu cómo din por perdida a colleita e deixei de preocuparme polo trigo. Foi pola miña propia saúde, porque estaba empezando a descorazonarme de ver cómo as espigas se ían desintegrando mentres agardaba o día que o mallador quixese vir. Acudín á Extensión Agaria en busca de consello, e a única solución viable (porque cubrir un campo de trigo con unha rede non é viable) que me aconsellaron foi colgar CDs por alí para espantalos. Nin siquera a presencia humana espantaba a gula dos paxáros, así que o resultado da medida foi máis ben escaso. Acudín entón á delegación provincial de Medio Rural, que me mandou a Medio Ambiente, para vivir un proceso que resumo neste diálogo ficticio que ben podería servir de guión para un esketch dos Tonechos:

-(Míguez) Hola, veño porque teño unha parcela cultivada con trigo e hai unha praga de pardales que ma está devastando.
-(Administración) Pois non sei qué lle vas facer, porque está prohibido tocarlle ós páxaros.
-(M) Eu estiven a ler a Lei de Caza e hai un apartado no que se fai unha excepción cando os animais supoñen un dano para a agricultura.
-(A) Iso era na antiga Lei de Caza estatal, agora hai unha Lei autonómica distinta. Toma, le si queres, pero eu penso que o mellor vai ser que pidas unha indemnización como se fai cos danos do “jabalí”.
F. Miguez le a Lei de Caza, Lei 4/1997.
-(M) Aquí pon o mesmo que puña na outra lei.
-(A) ¿Ai sí? A ver. Pois é verdade. Entón tes que solicitar unha autorización para adoptar medidas contra esas aves, pero eu penso que o mellor vai ser que pidas unha indemnización como se fai cos danos do “jabalí”.
-(M) Vale, quero pedir permiso para adoptar medidas contra unhas aves que me están a causar danos nun cultivo agrícola.
-(A) Non cho damos, pero eu penso que o mellor vai ser que pidas unha indemnización como se fai cos danos do “jabalí”.
-(M) Está ben, quero pedir unha indemnización polos danos que me está a causar unha praga de gorrións nun cultivo de trigo.
-(A) Non cha damos, porque as indemnizacións solo existen para danos provocados polo “jabalí”.

Ese foi o día que dixen “que lle den polo cú ó trigo mellor deixo de preocuparme“, porque estaba a piques de ter unha crisis de ansiedade. Debo recoñecer que o axente forestal que viu a evaluar a situación, e me aconsellou qué argumentar na miña instancia, foi unha persona atenta e, visto o fracaso, tomou a molestia de acudir a un comercio para investigar que opcións había. Recomendoume unhas cintas brillantes de propósito similar ás dos CDs, pero para aquel momento eu xa me dera por vencido.

A experiencia, en resumen, foi bastante decepcionante. Non significa que vaia abandonar, nin moito menos, pero haberá que agardar hasta o inverno para pensar qué farei o ano que ven. Hai por diante proxectos de maior alcance, que van ser os que verdadeiramente condicionen o que plantarei ou deixe de plantar. Quédame agora a esperanza do millo e os feixóns, e mentres, aférrome á incrible sensación que producía, ás horas do alba, oir naquel mar verde as ondas provocadas pola primeira brisa do dia. Unha cousa é dicilo, e outra ben distinta sentilo.

Trigo en primavera.

Nota: No primeiro enlace, o do Faro de Vigo , sae unha foto de Constante O Pisco, un veciño que repite ano tras ano na TVG ou Telecinco por ter uns xirasoles que chegan máis alto que o tellado da súa casa.

9 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://apunta.blogsome.com/2007/08/13/campana-de-trigo-0607/trackback/

  1. Si que é un problema o dos paxaros. Non hai nada que lle facer. As cintas esas xa as teño mirado en muitos sitios pero non sei eu canto de viables son.

    Comment by turonio — August 13, 2007 @ 11:36 am

  2. Creo que deberías de contratar un porco cazador de gorrions ou xirlotes que é como lles chamamos en Corme, je je.

    Comment by susolista — August 13, 2007 @ 6:52 pm

  3. Os paxaros fan bastante dano e este ano foi demasiado húmido: a auga de Sanxoán tolle o viño e non dá pan.
    De tódolos xeitos non deixes de prantar trigo que o futuro dá unha suba enorme no prezo dos cereais polo asunto do biodiesel.
    E das mallas déixoche unha ligazón que ó millor che interesa.
    http://elianinha.blogspot.com/2007/08/o-porqu-das-mallas.html

    Comment by paideleo — August 13, 2007 @ 7:48 pm

  4. Bos días teña vostede, Sr. Miguez (e a compañía), moito tempo sen escribir eiquí, aínda que o sego a leer sempre que podo. Cuestións de curro impedíanme adicar moito tempo a isto, e as súas historias case que nunca se resolven con dúas liñas. En fin, aproveito agora que ando de (semi)vacacións. Imos por partes.
    A primeira, mágoa o da colleita, pero seguro que o ano que ven vaille mellor; son as cousas que ten o oficio de agricultor….
    Segundo, os paxaros. Vexa vostede que, cando máis se achega un a isto do traballo da terra, o que para algún é biodiversidade para outro é plaga (deixóo así, en plan esquema provocador, a ver se algún se anima a desenvolvelo). De todos os xeitos, apelo ao seu proverbial inxenio tipo McGuiver :-) a ver se atopa algunha solución. Non sei, probe con ultrasonidos ou algo…
    E terceiro, apontado nalgunha resposta, o tema do biocombustible e a suba do cereal. Seica iso e o asunto do topillo (que acabará chegando eiquí, igoal que o mexilón cebra) son os dous problemas máis gordos cos que haberá de lidiar nos vindeiros anos…. Por certo, e falando do biocombustible, e apelando aos seus coñecementos no ramo da automoción, teño escoitado un montón de veces a ecoloxistas variados en acción, grinpises e demais que o biocombustible non emite CO2… ¿Qué pasa, que os coches agora var ferver o biodiesel no canto de queimalo? Sexa bon cristiano e acláreme iso, por favor, que vivo nun sinviver :-) .
    E pois nada máis por agora. Xa sabe, non me sexa bandarra e acabe dunha vez a carreira….

    Comment by eSedidió — August 14, 2007 @ 10:12 am

  5. Que ledicia de comentarios, un comentarista novo, un recuperado (un pracer telo de volta, eSedidió), e dous blogueiros fieis. Vamos por partes.
    Os páxaros, por máis que me gustan, non deixan de ser unha condena bíblica. Na casa temos dúas cerdeiras e só comemos cereixas un ano que forramos unha con unha rede. Aínda así, un día tivemos que sacala toda porque xa había dous dentro, e as cereixas apañalas aínda un chisco verdes para o meu gusto. A parte das medidas de caza habituais (como a rede xaponesa, p.ex.) que solicitei na miña instancia, o instinto McGuiver só me ofrecía solucións do tipo “lanzallamas” ou explosivos con metralla (hai que dicir que me coincidiu en época de exames :D ) Agora a fronte está nas poucas uvas que quedan.
    Cando empecei a plantar cereais, hai catro ou cinco anos, nin por asomo se falaba de suba de precios; agora parece que pode ser unha inversión rentable. Haberá que velo, porque de momento, máis que tendencia é moda. Aínda así, eu cheguei a pensar en buscar un terreo abandonado (via banco de terras, p. ex.) en unha zona máis axeitada de Galicia, e botarlle contas a ver si fose rentable (aínda que non me fose a gaña-la vida con iso). Como dice eSedidió, mellor acabar antes a carreira.
    A teoría dos biocombustibles é que emiten un CO2 capturado antes da atmósfera na fotosíntesis. Eu sonlle bastante escéptico, porque a propia producción do combustible tamén demanda enerxía, dende o tractor que laborea hasta a gasolinera. Disque aínda así o balance é favorable, e agárdase que nuns anos se dea un salto cualitativo ó poder producir combustible con toda a materia orgánica da planta (en particular a celulosa) e non só coa pequena porcentaxe das sementes ou os froitos, como hasta agora.
    Moi interesante o enlace que das, paideleo, estarei atento a ver cómo evoluciona.

    Comment by F. Miguez — August 14, 2007 @ 1:11 pm

  6. Boas.

    Para min que o que tes que facer e soltar un xabarín no campo, tirarlle unhas fotos e pedir a indemnización. Por certo, na caracterizacion dos tonechos cal dos dous é o tipo do casco?.

    O tema do biodiesel que comentades si que he curioso. Seica estan a facer un monton pero… ¿onde o venden?. Eu de momento non o vin por ningun lado. ¿e certo iso de que contamina menos?

    Comment by julio SL — August 14, 2007 @ 1:16 pm

  7. Boas. O do casco son eu :) E a idea do xabarín é bastante boa, sobre todo porque despois podo comelo.
    Como digo, eu son bastante escéptico cos biocombustibles, a dia de hoxe. Que eu saiba, pódese conseguir biodiesel nunha gasolinera de Vigo e noutra en Padrón. Si de verdade estás interesado, enterareime mellor.

    Comment by F. Miguez — August 14, 2007 @ 1:43 pm

  8. Ou sexa que era iso? Vallamediós, hai que joderse cos ecoloxistas; agora resulta que o biocombustible non contamina porque o CO2 xa fora fixado polo cultivo? Coño, e no caso dos combustible fósiles tamés, solo que hai unha chea de anos. Por outra banda, os cultivos aos que substituen, eses non fixan CO2? En fin, que cada día me fago máis talibán e máis ganas teño de colocar aos grinpises non mesmo lugar no meu corazón que aos tunos (ou sexa, dentro da categoría “especies claramente prescindibles”)
    Agora en serio, o tema do incremento de producións con destino a biocombustible nas terras cultivables está a ocasionar serios problemas (subas brutais dos prezos dos cereais e dos forraxes), e como non me quero enrollar máis, deixoo para outro día.

    Comment by eSedidió — August 14, 2007 @ 3:48 pm

  9. Eu xa lle digo que son bastante escéptico co tema. Claro que os cultivos precedentes fixan o CO2, pero non se usaban como combustible, é dicir, non se trata de empregar cultivos para fixar CO2 sinon usar combustibles que non lle aporten á atmósfera o CO2 que estaba confinado nos hidrocarburos subterráneos. Porque o temor científico (que non é o alarmismo mediático) está en que se poden desestabilizar os equilibrios da atmosfera largándolle en menos de dous séculos unha cantidade de carbono que se fixara no subsuelo durante períodos xeolóxicos moito máis prolongados.
    De todos modos, hai outro problema a maiores, que é o inevitable esgotamento dos recursos fósiles, que demandan un sustituto. Eu penso que, co búm, haberá un salto tecnolóxico nos próximos anos (en materia de combustibles de orixe agrícola) do que hoxe estamos a dar os primeiros paus de cego, pero por sí solos non van a ser unha solución definitiva. O que sí poden constiutuír é unha oportunidade de actividade para rexións puteadas pola PAC e a estratexia agrícola glogal, como é o caso da nosa. Si ben Galicia tal vez non teña extensións para que o cultivos enerxéticos sexan rentables, a suba nos precios pode facer interesante recuperar os cultivos para consumo humano.
    Respecto dos ecoloxistas, sexa vostede benevolente. Os “verdadeiros ecoloxistas” non defenden os biocombustibles (que ademáis de desplazar outros cultivos, tamén están a desplazar zonas silvestres por todo o mundo), sinon a reducción do consumo enerxético a través do fomento do transporte público ou con políticas territoriais basadas nas economías locais, en lugar de depender tanto do transporte como é a economía “globalizada”. Vamos, xusto o contrario do que se está a facer en Galicia.
    Pola contra, e ainda que a propaganda oficial dea a entender o contrario, os que máis están a interesarse polos biocombustibles son os políticos e oportunistas do empresariado tradicional, coñecedores que hoxe o “verde” vende.

    Comment by F. Miguez — August 15, 2007 @ 2:58 pm

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.