Un ano despois dos incendios.
A estas alturas de agosto, andábamos hai un ano afogados polo fume e bagoentos de ver cómo se queimaban os nosos montes. Non de que se queimaran, que non era novidade, sinon de que poidésemos sentir o lume tan preto das casas e, curiosamente, tan preto das grandes cidades de Galicia. Unha vez máis, a nosa terra saiu do mundo das néboas para ser portada informativa, e unha vez máis foi por unha catástrofe.
Este ano, a enrevesada climatoloxía que nos acompaña ten creado un escenario totalmente diferente, que non nos permite averiguar si a administración e a sociedade fixemos os deberes oportunos. Mellor así, eu tampouco desexaría saber nunca si o meu dentista é un profesional brillante ou mediocre, pero sí vexo ó meu arredor que algunhas cousas cambiaron:
O esforzo feito en desbroce e limpeza de zonas forestais, e non tan forestais, aumentou considerablemente. Parece que lle vimos as orellas ó lobo, ou tal vez que se extendeu a idea de que o abandono e o matorral poden traer sancións económicas. Agora, e isto é unha apreciación personal, só queda explicarlle ás cuadrillas de limpeza que está mal desbrozar as parcelas deixando paus e ramalleiras caídas ou atravasedas nos camiños.
Parece que existe unha aposta pola profesionalización das cuadrillas da Xunta, e que os concellos van pintar menos na materia. Boas noticias ambas, na medida que os montes son entidades transmunicipales, e na medida de que todos sabemos, ou cando menos intuimos, que o peor do noso folclore caziquil andivo máis de unha década por detrás de esas cuadrillas.
Fora da profesionalización, os programas de voluntariado son unha aposta estupenda, sobre todo como oportunidade para que a xente das cidades se achegue ó monte coa visión práctica que del temos os do rural. Eu valorei a posibilidade de inscribirme como voluntario, e desboteina porque non podía garantizar ningún compromiso (e si non é para comprometerme, pois non me apunto a nada). Ademáis, honestamente, pareceume un pouco ridículo apuntarme para ir ó monte de cando en vez e avisar si vise algo raro, porque xa é algo que fago habitualmente. Máis por placer (e deporte) que por sermos propietarios forestais, non hai semana que non vaia unha ou dúas veces dar unha volta por algunha pista, tanto en verán como inverno. Aínda así recoñezo, e isto é un auto-tirón de orellas, que ese ir por libre pode ser considerado unha das grandes taras sociais e políticas do galego medio, así que reflexionarei sobre o asunto.
Por último, dicir que cando estábamos no peor dos lumes, eu tiña pensado mandarlle unha carta ás autoridades pertienentes na que, baseándome nos intereses políticos (que non necesariamente partidistas, ollo) que puderan existir tras dos lumes, fosen consideramos estes como unha acción terrorista, e perseguida como tal dende o punto de vista xudicial e co necesario esforzo policial. Non me fixo falta porque, ós poucos dias, saíu un ministro dicindo iso mesmo nos medios. Pois ben, pasado un ano de aquilo… ¿dónde están os resultados? ¿Qué pasou cos incendiarios detidos? ¿Que resultados deron as investigacións da Guardia Civil, ademáis de negar calquera trama conspiratoria?
Eu, que son moi mal pensado, e pouco crente das casualidades, deixareilles para reflexionar o que un madeirista lle dixo a un amigo meu (que tamén tivo, e ten, realición profesional co monte) naqueles días de crisis do ano pasado:
“Eu non o podo crer. Mira que cheghei a botar pitillos encendidos, a propósito, en sitios con herbas secas e así, para ver si é verdade que prende tan fácil, e nada. Imposible. Aquí arde só si se lle pon lume con mala intención.”
Virá outro verán seco, antes ou despois, e veremos si as choivas de este non lavaron as leccións que aprendemos o ano pasado.
Deixa que chova e deamos grazas ó ceo, que ó que hai na terra…
Comment by ghanito — August 8, 2007 @ 10:33 am
O ano pasado eu estiven pasando o verán en Sanxenxo. De camino da Coruña a Pontevedra todo estaba en chamas. Nunca vira cousa semellante, as chamas legaban case hasta o noso coche…
unha verdadera pena. Esperemos que non se repita.
Comment by Tamara — August 8, 2007 @ 11:40 am
Efectivamente, este ano podemos darlle gracias ó ceo, e bastantes, porque a parte do dramatismo do ano pasado, coido que había ben anos do último verán que non me viña o cheiro a monte quimado nalgures.
Comment by F. Miguez — August 9, 2007 @ 6:30 am
Quero facer unha aclaración.
O artigo colgado do blog da FEG, é unha nota de prensa feita pola FEG, a SGHN, verdegaia, Ecologistas en Acción e Greenpeace, despois de ver o informe feito pola Garda civil, para o Fiscal Xeral para os incendios forestais para Galicia (e Galego de Medio Ambiente). Destacase o que pon, a maioría son imprudencias de actividades agrícolas-ganaderas. por exemplo o do cigarrillo o mostra coma unha causa secundaria ou menos destacada aún.
O do lume, coma ferramenta de traballo, é necesaria si se quere invertir poucos cartos, pero si ten outras alternativas, coma as roturacións (ben feitas) ou os desbraces. claro está, costa máis cartos.
Comment by Baleato — August 9, 2007 @ 11:10 am
Por aquí, cousa rara, non ardío nada, pero o dia 8 de setiembre, desde que eu me acordo, sempre arde. E o dia da Romeria do Faro de Brántuas.
Comment by susolista — August 9, 2007 @ 9:12 pm
¡Arrea! Pois en vez de romería teredes que facer guardias, levades as empanadas para o monte e a vixiarvos uns ós outros.
Agora en serio, certamente o dos lumes xa nos tiña demasiado acostumbrados en Galicia, e a ver si o susto do ano pasado nos fai replantexarnos esa “tradición” destructiva.
Comment by F. Miguez — August 10, 2007 @ 6:36 am
Baleato, o seu comentario quedara pendiente de moderación (arbitrariedades do Blogsome) pero xa está aquí colgado, e moi agradecido.
Conste que considero o texto da FEGA moi bo (por iso o recomendo), e coido que un correcto coñecemento das causas é o primeiro paso para acadar unha solución do problema.
Respecto das queimas, os pequenos propietarios, que non podemos permitirnos grandes inversións nunhas parcelas das que obtemos cero beneficio, o desbroce é unha opción de primeira man, pero alí onde o acceso é imposible para tractores, non queda máis remedio que cortar o matorral con medios manuais. Non obstante a acumulación dos restos resulta igualmente perigosa, mentres a opción da compostaxe é desaconsellable (por ter abundante resto de eucalipto). Queimar ese mato, unha vez cortado e apilado para facilitar o control, é a única solución que se nos ocurre.
Comment by F. Miguez — August 10, 2007 @ 8:15 am
o ano pasado caéuseme a alma ós pés, aqui nas rias baixas foi inaudito, todolos arredores de Pontevedra estaban en chamas, ardeu todo, o concello de Cotobade case ao cen por cen, este ano hai choivas e a cousa vai tranquila, agardemos que non pase outra vez…
Comment by breo — August 10, 2007 @ 12:01 pm