Sementeira de millo e sementadora homebuilt 1.2 beta.
Débese a razóns de axenda personal, máis que a outros romanticismos, que este ano tamén rondase o Dia das Letras Galegas con tarefas agrícolas. Desta volta, tocoulle sementa-lo millo na leira que o ano pasado acolleu as patacas, O Redollo.
Non ten nada de significativo, nin se trata de variedades tradicionais, das que me tomo un respiro despois de tres anos que podo valorar como decepcionantes, nin de un ensaio de cultivo ecolóxico, para o que este ano carezo de tempo e medios. Pero si aproveito para fachendear un pouco de isto:
Como os máis agudos e/ou coñecedores deducirían, trátase de unha sementadora mecánica, para arrastrar co tractor, que o autor deste blog fai “nos ratos libres”, dito en presente porque aínda está sen rematar. A primeira evolución (1.1) fíxena hai dous anos, probeina e tiña os seus fallos, documentados en video e todo. Agora (1.2), eses problemas están resoltos, pero queda algún outro, máis propio do manexo que do deseño.
Naturalmente, non se trata de unha innovación revolucionaria, nin de unha sementadora impresionante como as que existen hoxe en día, trátase so de un exercicio de deseño (entre outros) que me propuxen hai tres anos, e do que vou quedando satisfeito pouco a pouco. Fachendeo sobre todo de dúas cousas: Primeiro, a sinxeleza dos mecanismos, e a economía en xeral do proxecto (non deixa de ser un enredo, como para andar a tirar cos cartos), penalizada negativamente polos erros e a provisionalidade dalgunhas solucións, pero que se acadou sin renunciar ó nivel de funcionalidade agardado; a intercambibilidade de elementos con outros trebellos e a posibilidade de facer moitas cousas coa ferramenta que teño na casa favoreceron este punto. Segundo, a posibilidade de minipular o dosificador de gran sin necesidade de ferramentas, o que facilita o mantenimento ou certos axustes “in situ” foi unha das esixencias que me marquei e conseguín sen apenas obxeccións.
Queda, de agora en diante, bordar o resultado con detalles de elegancia como un soporte con rodamentos para as rodas conductoras, tensores de cadena, ou mesmo conseguirlle unhas rodas propias, e non andar a quitárllelas á motoazada, amén de unha man de pintura. Recoñezo, unha vez máis, que non se trata de una cousa do outro mundo, pero debo dicir que aprendin moito rompendo a cebeza con ela; entre as grandes carencias da formación técnica que recibo está a de non afrontar, en ningún momento, un problema aberto, a famosa “folla en branco”, ou tan siquera un simple “¿ti como farías?” que obrigue a poñer a imaxinación e a inventiva en marcha, alén da resolución sistemática de problemas estrictamente académicos.
A ver qué millo (e feixóns, que a flexibilidade da máquina permite mesturar as sementes) collemos, porque a tarde de onte, víspera de este xoves “das Letras Galegas” xa foi outra grata xornada de raices, familia, tradición… e esas cousas que, como saberán os lectores, trato de non esquecer.
Nota: Teñen o meu permiso expreso para falarlle de min a algún empresario que busque un alumno dos últimos anos de enxeñería, con tanta dose de creatividade como de coñecementos
. Tamén se aceptan banqueiros e/ou capitalistas para financiar outros proxectos de maior embergadura.
Por curiosidade e o fio do post ¿qué inxenería cursaches? Por certo meus parabens por poñerte máns a obras cos teus propios retos, particularmente parece interesante o facer máquinas agrícolas útiles e menos costosas que outras, porque hoxe en día hay que hipotecarse para poder sacar as terras adiante… é cada vez está máis difícil.
Comment by Amiel — May 20, 2007 @ 9:16 pm
Aínda curso (quédanme oito asiganturas) Enxeñería Industrial, e a especialidade é mecánica.
O da agricultura, ten difícil arreglo (salvo que a necesidade volva a facela imprescindible), na miña opinión, as inversións deben de asumirse colectivamente, en cooperativa ou calquera outra forma de sociedade, para evitar esas grandes hipotecas sobre as expropiacións privadas. Por outra parte, a necesidade de maquinaria grande e costosa ven de unha estratexia basada na reducción de costes; sin renunciar a iso, coido que por si soa esa é unha batalla perdida para Galicia, e a nosa agricultura debería apostar máis pola diferenciación do producto e a calidade, como bazas competitivas.
¡Un saúdo!
Comment by F. Miguez — May 21, 2007 @ 2:57 pm
Pois estou totalmente de acordo co que dis, de feito unha das miñas principais queixas que lle faría a moitos concellos que viven totalmente ainda do sector primario e preguntarlles como non se lles ocurriu facer algún tipo entidade dende a cal se poidera facer couasa coma: comprar subencionadamente maquinaria e prestala por turnos, axudar a vender dun xeito mais directo o producto ou cun distintivo do concello, que servise como entidade de control de calidade, para informar a xente e incluso poñerlle nas máns os medios/solucións e novas técnicas os ganadeiros e agricultores, bueno… son cousas que se me pasan amiudo pola cabeza pero que sempre por desgracia quedan no tinteiro (a falta de tempo, porque por falta de ganas…)
Pero Teñamos Esperanza!! un saudiño!
Comment by Amiel — May 21, 2007 @ 8:51 pm