Galiza non se vende.
Recén lido no correo de este blog. Copio o manifesto porque a lista de convocantes e asinantes é tan longa como para albergar esperanzas.
“Manifesto 6 de maio:
A situación do territorio galego é, en certos aspectos, catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ate o de agora os poderes autonómicos e municipais uníronse aos capitalistas especulativos nunha sorte de caricatura de Capital Monopolista de Estado. Unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.
Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que conduce ao suicidio colectivo no que se refire ao medio ambiente. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos e todas temos que acelerar ese final.
Pensamos que a actual Xunta de Galicia e os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!
A mobilización do 6 de maio en Compostela ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.”
Na miña humilde opinión, esta manifestacón debe de servir tanto para instar ás administracións como para iniciar un proceso de concienciación social. Sobre todo nas cidades, onde a maioría da poboación parece allea á realidade do resto de Galicia, pero tamén nun rural no que a falta de educación en valores ambientais e sociais das xeracións maiores, permitiu que o celebérrimo caziquismo se fixera forte na nosa terra.
Totalmente dacordo coa túa opinión.
Comment by spidy — May 1, 2007 @ 6:03 pm
Suscribo tamén, e vémonos en Santiago.
Comment by susolista — May 2, 2007 @ 6:50 pm
Estou de acordo, ainda que non poda ir a Santiago. A ver si sirve de aljo. Debo engadir que son pesimista neste punto.
Comment by Ninsesabe — May 3, 2007 @ 10:54 am
Eu tampouco poderei ir, pero sí son algo máis optimista. Hai apenas uns anos, non existían apenas voces que reclamaran una verdadeira ordenación do territorio (ou polo menos eu non as oía). Agora xa hai un certo clamor, que revela unha certa conciecia.
Comment by F. Miguez — May 3, 2007 @ 12:07 pm