O precinto.
Unha das razóns polas que, con vinteoito anos, aínda estou de estudiante, sin ter rematado a miña carreira, foi que me deu o punto de me meter a traballar de mozo nun almacén de mobles de importación (antes, “de importación” significaba de unha calidade que non se acadaba aquí, pero eran outros tempos). Foi unha decisión moi discutible, como todas as que afectan ó futuro da vida, pero foron case dous anos dos que non me arrepinto en absoluto; cuestións personales aparte, coido que coñecer de primeira man o mundo da precariedade laboral ou ver por qué sitio pasan algúns empresarios aquilo da “Seguridade e Hixiene no Traballo”, en resumen, a vida e o traballo das personas que visten de azulina e cobran o tramo máis baixo dos salarios, ó meu entender, debería ser obligatorio para todos aqueles que aspiren a ter algún día unha responsabilidade dentro de unha empresa. Polo menos eu vivino así, e foi unha sensación intensa regresar ás aulas e atoparme con rapaces de vintecatro anos, con vocación de asumir esas responsabilidades, sostendo diante do profesor que os despidos son unha via aceptable para mellorar a rendibilidade de unha empresa. “Que se jodan“ foron as palabras exactas de algún.
Ademáis de sensibilidades sociais, un adquire coa práctica habilidades propias da tarefa que desempeña, así que eu aprendin a topar pequenos defectos nos mobles, e a embalar estes de moitas maneiras. Calquera profano se sorprendería da pequena enxeñería que hai detrás do embalaxe: cómo protexer as esquinas, o uso do plástico de burbullas, os tipos de cartón… Son coñecementos que permanecen moito tempo despois de abandonar a práctica (pasa con todo o que se fai oito horas seguidas cada día) e sácaselle partido na vida cotidiana cando hai que facer unha mudanza, levar elementos mecánicos a un taller, acarrexar botellas de licor café entre provincias, ou calquera tarefa que implique protexer un obxeto para que non se deteriore nun transporte ou almacén, que é a finalidade da embalaxe.
Nunha lideira de esas, fun mercar un rollo de precinto a unha grande superficie comercial e topei dous tipos: un bastante caro e que me ía sobrar, e outro que non chegaba a un euro que me fixo pensar “para o que é, ha de valer ben”. Nos dous anos de embalador, traballei con moitas marcas de precintos, a maioría bastante ruíns, e aprendín que deben ter fundamentalmente dúas características: non romper cando se estira, e, sobre todo, ser adhesivo. Era evidente que aquilo de “para o que é”… pois non valía, non. Un precinto que non pega non sirve para nada, e ese foi o caso.
Non é a primeira vez que merco algo nunha grande superficie ou nun pequeno bazar pensando iso de “aínda que sexa barato, para o que é, ha de valer ben” e despois non vale. Precintos que non pegan, trebellos que rompen ó montalos ou que, directamente é imposible que funcionen tal e como están feitos… un cabréase porque se sinte estafado, porque as cousas rompen cando se están a usar, e úsanse cando fan falta (por tanto, rompen cando fan falta) e quédase básicamente con cara de parvo. A solución personal, nun caso diferente ó do precinto, é tirar coa rebarbadora de seis euros no contenedor de inorgánicos e marchar a unha ferretería de confianza a comprar a-mellor-que-teñas-sí-esa-de-noventa-e-cinco-euros-que-se-van-enterar-quen-son-eu, para asegurarse de que nunca máis unha varilla se empeza a tronzar o sábado e non se remata hasta o luns (que abre a ferretería). Despois, superado o cabreo, póñome a pensar, e preocúpame a morea de productos baratos que se están a vender en grandes superficies, bazares, e incluso comercios especializados; productos que, pola miña experiencia, e supoño que a de case todos, teñen unha funcionalidade moi limitada e unha vida bastante breve, pero que consumiron na súa elaboración unha cantidade similar de enerxía e materias primas que os productos de calidade suficiente; recursos que saen da fábrica e chegan ó caldeiro do lixo en plazos que non se deberían permitir, nun mundo sensibilizado co risco de que eses recursos se esgoten nun tempo máis ou menos próximo.
Conto isto a propósito das datas en que andamos, datas que pasaron (polo que me contan na casa) de disfrutar da infinita felicidade de comer un bolo con frutas confitadas e recibir uns lápices de cores á locura colectiva de mercar de todo e por duplicado que temos hoxe en día. A propósito da cantidade de cousas inútiles que vostede e mais eu mercaremos, que pasarán os próximos 330 días no faiado, ou directamente o resto da eternidade no fondo dos fornos de SOGAMA. Conto isto porque é máis util regalar unha cea, un libro, unha viaxe ou unha aperta que un chisme que pensamos que podería ser util para eximirnos do compromiso.
Outro día apuntarei como foi de repartidor de guías telefónicas, porque aquilo gustoume bastante máis.
Eu non ten engano. Non vas cobrar moito máis cando remates a carreira do que cobras agora. A única diferenza é que o traballo será máis agradábel e só por iso merece a pena.
Moitos dos xefes que nos dirixen co seu flamante e carísmo MBA cren ao 100% que os despidos fan subir a cotización en bolsa da empresa. A frase “beneficio sostíbel” coa que me trataron de ensinar algúns bos profesores parece hoxe proscrita no mundo laboral, que está cheo de trepas sen escrúpulos.
Comment by mendinho — December 20, 2006 @ 10:43 am
Coincido en todo contigo. Todos deberiamos pór unha funda nalgunha época da vida para saber o que é traballar “duro”.
Tamén o de mercar barato é mercar dúas veces e o barato acaba saíndo caro.
Comment by paideleo — December 20, 2006 @ 9:00 pm
O peor de todo é que teñen razón, a bolsa sube cando hai despidos ou cando se fan guerras por petroleo, e baixa cando Evo Morales gaña as eleccións, e cousas así. De vergoña. E ademáis, iso, vivimos nun mundo no que te explotan para que poidas mercar cousas… para logo tiralas.
“Están tolos, estes Romanos” que diría Obleix.
Comment by F. Miguez — December 21, 2006 @ 5:06 pm
Esa cinta era boa pra taparlle a boca a eses xefes do dolar, e metelos a todos nese forno de SOGAMA. Tan mala non había de ser a cinta de embalar,ademais pro uso que iba levar, millor non gastar. (Algo duro si que son,pero…)
Comment by Susolista — December 21, 2006 @ 9:46 pm
De feito, tamén se podería meter ós espabilados eses que nos meteron os dedos nos ollos con iso de SOGAMA, que tan felices está facendo ós veciños de Cerceda (total, xa tiñan Meirama) e que tan ben está a tratar or residuos… da nosa conciencia. Mentres non queiramos saber, podemos pensar que xa temos solucionado o problema dos residuos.
Comment by F. Miguez — December 21, 2006 @ 11:42 pm