¿O 95% renovable?
Dende que onte á tarde oín que se ía poñer en marcha un plan para que o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galicia sexa de orixe renovable no 2012, estiven un pouco tenso na espera de ter noticias máis concretas.
“¿Estaremos a punto de facernos os suecos?” pensaba facendo meu o lema dos afeccionados ó fenómeno OVNI “I want to believe“. Esta mañá, tirei do enlace de Vieiros coa Consellería de Industria e din coa nota de prensa sobre o fenomenal proxecto.
Apunto as observacións que lle fago ó texto referido:
1º Fálase de un investimento de 6.550 millóns de euros (¡Máis de un billón de pesetas!) para un aforro equivalente a 2.180 millóns. Visto así, Galicia tería unha pérdida neta de 4.370 millóns. Dubido que tal cousa aconteza, pero desexaría máis explicacións sobre os plans de amortización do investimento.
2º Proxéctanse 400.000 Toneladas de biodiésel como si fose unha maravilla. O biodiésel é un progreso mellorable, para a súa elaboración usanse productos derivados do petróleo (metanol), consúmese enerxía e ten un subproducto, a glicerina, cuio destino en cantidades tan masivas aínda é unha incógnita. A verdadeira aposta son os aceites vexetais sin tratar, que padecen dous inconvenientes, non xeneran o negocio da industria transformadora e os motores poden requerir modificacións (algunhas modificacións máis que para usar biodiésel, para ser honestos).
3º Cítanse convenios non explicados para mellorar o suministro eléctrico no rural, fronte a un plan sí detallado de infraestructuras de transporte en Alta Tensión para mellorar o suministro nas cidades e áreas industriais. Mentres non se expliquen eses convenios, seguirá a presunción de culpabilidade sobre o abandono da calidade do suministro eléctrico no rural (precisamente onde está o que queda de aquel motor económico de Galicia, cuio coidado é tan discutible, a agricultura).
4º Adícase un párrafo a tódalas enerxías renovables, outra vez sin explicar proxectos concretos, un párrafo ás centrales térmicas convencionais (Meirama, As Pontes e Sabón) e outro párrafo ó gas natural en Galicia. Gañan os combustibles fósiles e perden as renovables por 2-1. Peor aínda si temos en conta que se expoñen proxectos concretos para o gas e as térmicas, mentres que as alusións ás renovables son máis especulativas. Máis peor todavía, non ter en conta o impacto ambiental da rede de gasoductos, nin ter en conta que o gas sigue a ser un combustible fósil, finito, e foráneo; catro “f” si sumamos palabra fraude por intentar venderno-lo gas como un dos recursos enerxéticos de Galicia.
5º De non concretar a parte positiva do plan, tampouco se da unha sola pista sobre as liñas de actuación coas que se pensa frear o consumo enerxético.
6º Predícense melloras na calidade de vida dos galegos, e de repercusión dos beneficios económicos na nosa terra, pero fora da participación pública nalgunas empresas, non parece haber ningún cambio no modelo enerxético de grandes corporacións oligopólicas e pequenos oportunistas que acarrexamos dende décadas atrás.
Dende a miña natural inxenuidade, direi que a noticia que deu onte a Consellería de Industria non está suficientemente explicada nos seus puntos máis importantes; porque si non, tería que dicir que tras un titular aparentemente revolucionario e de progreso, agóchase un plan de seguir a apostar por grandes negocios, lucrativos só para as grandes empresas ou para os cazadores de axudas, primas e subvencións, e sin cambio apenas en materia medioambiental ou social. Máis do mesmo.
A foto, é da caricatura de vila tradicional que está construída diante do mastodonte térmico da As Pontes de García Rodríguez. Unhas pequenas casas de pedra, totalmente valeiras, representativas da vila deprimente que é As Pontes, de aspecto fantasmal para o visitante que fun nalgunha ocasión. Ten toda a razón, Sr. Grueiro.
P.D.: A propósito do biodiésel, onte (martes 21) chegou á Plataforma Cidadá Contra as Variantes de Redondela unha información que hoxe quedou desbancada por este exercicio de “comentario de texto”. Entre mañán e pasado apuntareina, para non a esquecer. Seguro que lles vai encantar.