Sementeira de trigo, campaña 06/07.

Este ano, aínda non teño claro que “exeprimentos” agrícolas vou facer, sobre todo porque non quero hipotecar horas que me poden facer boa falta para apretar os codos contra a mesa. Pero tampouco quero perderme eses momentos de orgullo vitalista que dan as terras cando se comportan como un ser vivo, que vai collendo distintas formas ó longo do ano, hasta que dan un froito, metade do esforzo propio, metade do esforzo da compañeira de equipo, mamá natureza.

Saljeira sementada de trigo.

Polo de agora, xa decidín que do trigo non vou prescindir, por tres razóns: porque da pouco traballo (excepto a malla, que a ver si tomo medidas), porque é unha semente relativamente económica cando unha das finalidades do laboreo é correr coas silvas e o monte, e porque me resulta un cultivo de certo valor sentimental.
O traballo foi cousa de tres tardes. Hasta esta primavera, un veciño encargábase de rozar a Salgheira (que así se chama a veigha) para levarlle de comer ás becerras que criaba; abandonou o negocio por pouco rentable, e agora a herba xa empezaba a ter algo de maleza e uns terróns bastante gordos, así que a primeira tarde foi para darlle unha pasadiña coa fresa polo aire, a correr, só para evitar que os terróns embozasen o arado. Porque labrar, para min, é sagrado. Outro día apuntarei as reflexións filosóficas que me veñen á cabeza cada vez que me vexo virando a terra en regos, pero a experiencia fíxome entender o ben que lle senta a un terreo esa labor ancestral, e iso chega de razón por hoxe. Para labrar fíxome falta outra tarde, e a última acudín con un de eses trebellos que eu fago na casa, que non é unha grade nin un cultivador, pero tampouco deixa de ser as dúas cousas. Achandei a terra na primeira pasada e, despois de ciscar a semente, dinlle outras dúas pasadas para enterrala, quedando como aparece na foto.
Así, a dia de hoxe, quédame cuberto o primeiro obxetivo do meu traballo: asegurarme que por este ano, e quizáis un par de eles, silvas e brozas variadas non colonizan este anaco de terra, facendo moito máis costoso o seu mantenimento. Porque, voume permitir fachendear un pouco, a miña familia pode presumir de, sin obter ningún beneficio de elas, ter tódalas nosas leiras limpas. Como dixen, o trigo é unha alternativa barata e pouco laboriosa para este fin.
¿Por qué o trigo me ten valor sentimental? Como todas esas cousas, é difícil darlle unha explicación, pero quizáis haxa que buscarlla na globalización. Non se enganen, non falo da economía transnacional, sinon de outra cousa. Falo de Arteixo, Laracha, Cerceda, Vilalba… e moitos máis. Unha chea de concellos galegos nos que aínda sobrevive o agro, ós que no seu día cheguei, precisamente, buscando a pegada de un trigo propio do noso país, e da súa agricultura, extinta xa na miña terra. Ese é o sentimentalismo: quedo en pe, xunto á leira recén sementada, e dame volta o corazón na esperanza de volver a sentir, igual que anos anteriores, cómo ese trigo me pon en común con tantos lugares de Galicia, e con este mesmo en tempos pasados; síntome integrado nunha idea global deste curruncho peninsular, global no espacio e global no tempo. Dame volta o corazón de preguntarme cantos anos máis vivirei nesa Galicia de sempre; collo forza dicindo para min de momento, resistimos un ano máis e doulle gas ó tractor para voltar a casa.

3 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://apunta.blogsome.com/2006/11/14/sementeira-de-trigo-campana-0607/trackback/

  1. Gustoume todo o que hoxe apuntou señor Míguez, pero o final o que mais. O heroi do agro, mesmo semella un cowboy de western cara ó solpor.

    Comment by ghanito — November 17, 2006 @ 3:11 pm

  2. Xa se estrañaban as súas experiencias didácticas.Claro que primeiro son as revindicacións.
    Saúdos.

    Comment by XulioDRabal — November 17, 2006 @ 8:22 pm

  3. Si me permiten, diremos que herois do agro galego son aqueles que se atreven a manter ás súas familias traballando en él. Eses sí que teñen mérito.
    Si condideran didácticos os meus posts, sentireime complacidísimo. Teño fe en que darlle un tratamento axeitado ós tempos que corren ó noso campo, e a nosa cultura, pode ser o camiño de mantelos a flote no S.XXI, e eu poño o meu granciño de area.

    Comment by F. Miguez — November 18, 2006 @ 9:39 pm

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.