Desbordan as fontes.

Fonte.

Digan o que digan, e pase o que pase, poucas cousas me producen tanta felicidade como ver a auga a correr con forza e abundancia por todas partes. Moitos quixeran para si tanta riqueza como a que temos nos coa nosa auga. Lástima sermos tan necios como para non a saber gobernar e coidar, lástima que hoxe corre tirada polos camiños, cando mañán seguramente acabaremos pagándoa.

Contra a violencia de xénero.

Hoxe celébrase o día mundial contra a violencia de xénero, que é un problema social de ámbito internacional, interxeneracional, intercultural… en resumidas contas, un problema tan amplio no espacio e no tempo como para que haxa que tomar medidas para remedialo.
Igual a miña postura ó respecto choca un pouco, e igual caio na desgracia de ser mal entendido, pero eu teño que dicir que non me solidarizo, para nada coas mulleres. Non me solidarizo coas mulleres, nin cos negros, nin cos maricóns… nin con nada, porque considero que eu estou exactamente no mesmo saco que calquer persona que sexa algunha vez víctima de unha agresión producida por outra persona. Un cabrón capaz de pegarlle a unha muller, e igual de capaz de pegarme a min si tropezamos pola rúa, temos un incidente de tráfico ou lle pido que non fume no autobús. Os malnacidos que se cren máis que os outros, aqueles convencidos de que outra persona lle debe rendir algún tipo de sometimento polo feito de estar casada con él, polo feito de compartir un salario, ou polo feito de terlle contratado uns servicios sexuais, non son un problema por atacar ás mulleres, son un problema porque non respetan á condición humana. E nese saco estamos todos.
Hoxe non hai que dicir “pobriñas, as mulleres maltratadas”, hoxe (e tódolos días) hai que poñerlle mala cara ós intolerantes, ós chulos, ós incívicos, ós arrogantes, ós prepotentes. Hoxe, e tódolos días, deberíamos ser unha sociedade suficientemente forte como para arrinconar e quebrar no máis fondo do seu ego a tódolos cabróns que algún día se sentiron tan machos como para levantarlle a man ó próximo. É unha cuestión de valentía colectiva, na que nos temos que implicar todos, alén da condescendencia con víctimas en terceira persona.

¡Empezan os seráns!

Esta semana o blog tivo un tinte bastante negativo, así que vamos a ver de rematala con algo de chispa.
Este sábado, a partir das seis da tarde, gran Magosto-Serán na parroquia de Saxamonde, concello de Redondela. Xa sei que parece un pouco cedo para un serán, pero o ano pasado rematamos ás catro da mañán, así que, quen se sinta festeiro, cantareiro ou bailadeiro, que non lle tema á borrasca e se achegue á casa da cultura do Chan das Pipas porque está todo o mundo invitado.

Descarga de petroleiros na Ria de Vigo.

Así como sona, no-lo explicou unha persona, o martes pola tarde na reunión da Plataforma Cidadá, sin escatimar en insultos para o Alcalde de Redondela, e algún concelleiro “co cu manchado” metido no asunto.
-”Este cabrón (o alcalde) está no Porto de Vigo e sabeo todo, pero non dice nada, como cando foi da cementeira. Resulta que xa hai un presupuesto de dous millóns de euros para recuperar a concesión dos terreos que se lle fixera á Duches (cementeira) e facer un atraque de petroleiros con vinte metros de calado, os máis grandes que hai.” (Eu sí resumin os insultos.)
Pois velahí a cuestión: a Autoridade Portuaria de Vigo está maquinando facer un atraque de petroleiros dentro da ría, onde está o antiguo cargadoiro de minerais, para conectar uns enormes depósitos con un oleoducto que atravesaría Redondela, e outros concellos da zona hasta chegar ó futuro Porto Seco de Salvaterra de Miño.
O Porto Seco de Salvaterra, ademáis do pelotazo definitivo nun concello punteiro en especulación urbanística (iso sí, menos coñecido que outros), vai ser unha formidable fonte de traballo para a próxima xeneración de habitantes da zona, que así poderá pagar vacacións en casas de turismo rural onde aprender como era a súa terra hasta principios do século XXI. O oleoducto vai ser outro de tantos que pasan por esta zona, co seu impacto ambiental, menor que unha autovía pero maior que unha liña eléctrica. O atraque de petroleiros dentro da ria de Vigo…
A simple idea de meter un barco tan grande na ría de Vigo é un delirio. Unha contradicción ter solicitado, para a ensenada de San Simón a consideración de Lugar de Interese Comunitario, e facer un muelle de petroleiros. Unha estupidez, cargar, descargar e acarrexar aceites ou calquera sustancia similar entre un dos maiores polígonos de bateas do mundo, incontables bancos marisqueiros, criadeiros de especies autóctonas como o choco… e fontes de emprego para milleiros de personas; empregos, por outra parte, bastante máis respetuosos e conviventes co medio ambiente. A información é prácticamente nula, pero si se vai abastecer unha planta de biodiesel cabe descartar que na ría de Vigo entren barcos cargados de petroleo crudo, gasoil ou calquera sustancia semellante, o cal xa pode ser algo de alivio, pero non excusa.

Rande.

Apunto a título personal, que despois de criarme na zona da Coruña, empecei a facer vida na miña Redondela natal, lendo e oíndo nos medios locais vigueses exaltacións da ría e o seu “privilexiado entorno”. Case dez anos depois, son plenamente consiciente de que eran tonterías localistas inconexas coa realidade; a ria de Vigo está feita unha merda, a auga está podre, o entorno escarallado por edificacións, recheos e infraestructuras indiscretas. Pero o peor é o futuro, os abandeirados do progreso e o motor económico de Galicia siguen con esa teima de traer a revolución industrial dous séculos tarde, e facer grandes negocios a costa de ir tornando a nosa terra un sitio no que cada vez dea máis noxo vivir. Reflexión personal, insisto.

¿O 95% renovable?

Dende que onte á tarde oín que se ía poñer en marcha un plan para que o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galicia sexa de orixe renovable no 2012, estiven un pouco tenso na espera de ter noticias máis concretas.
“¿Estaremos a punto de facernos os suecos?” pensaba facendo meu o lema dos afeccionados ó fenómeno OVNI I want to believe. Esta mañá, tirei do enlace de Vieiros coa Consellería de Industria e din coa nota de prensa sobre o fenomenal proxecto.
Apunto as observacións que lle fago ó texto referido:

1º Fálase de un investimento de 6.550 millóns de euros (¡Máis de un billón de pesetas!) para un aforro equivalente a 2.180 millóns. Visto así, Galicia tería unha pérdida neta de 4.370 millóns. Dubido que tal cousa aconteza, pero desexaría máis explicacións sobre os plans de amortización do investimento.

2º Proxéctanse 400.000 Toneladas de biodiésel como si fose unha maravilla. O biodiésel é un progreso mellorable, para a súa elaboración usanse productos derivados do petróleo (metanol), consúmese enerxía e ten un subproducto, a glicerina, cuio destino en cantidades tan masivas aínda é unha incógnita. A verdadeira aposta son os aceites vexetais sin tratar, que padecen dous inconvenientes, non xeneran o negocio da industria transformadora e os motores poden requerir modificacións (algunhas modificacións máis que para usar biodiésel, para ser honestos).

3º Cítanse convenios non explicados para mellorar o suministro eléctrico no rural, fronte a un plan sí detallado de infraestructuras de transporte en Alta Tensión para mellorar o suministro nas cidades e áreas industriais. Mentres non se expliquen eses convenios, seguirá a presunción de culpabilidade sobre o abandono da calidade do suministro eléctrico no rural (precisamente onde está o que queda de aquel motor económico de Galicia, cuio coidado é tan discutible, a agricultura).

Caricatura.

4º Adícase un párrafo a tódalas enerxías renovables, outra vez sin explicar proxectos concretos, un párrafo ás centrales térmicas convencionais (Meirama, As Pontes e Sabón) e outro párrafo ó gas natural en Galicia. Gañan os combustibles fósiles e perden as renovables por 2-1. Peor aínda si temos en conta que se expoñen proxectos concretos para o gas e as térmicas, mentres que as alusións ás renovables son máis especulativas. Máis peor todavía, non ter en conta o impacto ambiental da rede de gasoductos, nin ter en conta que o gas sigue a ser un combustible fósil, finito, e foráneo; catro “f” si sumamos palabra fraude por intentar venderno-lo gas como un dos recursos enerxéticos de Galicia.

5º De non concretar a parte positiva do plan, tampouco se da unha sola pista sobre as liñas de actuación coas que se pensa frear o consumo enerxético.

6º Predícense melloras na calidade de vida dos galegos, e de repercusión dos beneficios económicos na nosa terra, pero fora da participación pública nalgunas empresas, non parece haber ningún cambio no modelo enerxético de grandes corporacións oligopólicas e pequenos oportunistas que acarrexamos dende décadas atrás.

Dende a miña natural inxenuidade, direi que a noticia que deu onte a Consellería de Industria non está suficientemente explicada nos seus puntos máis importantes; porque si non, tería que dicir que tras un titular aparentemente revolucionario e de progreso, agóchase un plan de seguir a apostar por grandes negocios, lucrativos só para as grandes empresas ou para os cazadores de axudas, primas e subvencións, e sin cambio apenas en materia medioambiental ou social. Máis do mesmo.
A foto, é da caricatura de vila tradicional que está construída diante do mastodonte térmico da As Pontes de García Rodríguez. Unhas pequenas casas de pedra, totalmente valeiras, representativas da vila deprimente que é As Pontes, de aspecto fantasmal para o visitante que fun nalgunha ocasión. Ten toda a razón, Sr. Grueiro.

P.D.: A propósito do biodiésel, onte (martes 21) chegou á Plataforma Cidadá Contra as Variantes de Redondela unha información que hoxe quedou desbancada por este exercicio de “comentario de texto”. Entre mañán e pasado apuntareina, para non a esquecer. Seguro que lles vai encantar.

¡Pois non era provisional!

Estes días voltei transitar por aquel tramo en obras da N-550, ó seu paso por Caldas de Reis e Valga, que estaba sin pintar e con un piso aparentemente provisional. Inenerrable a miña sorpresa ó atopar a estrada pintada, sobre o mesmo pavimento, segundo parece, definitivo. Non podo discutir si a capacidade de adherencia está mellorada respecto ó anterior, porque non o sei; sí sei que non é drenante (antes tampouco o era) e, o que é peor, está cheo de irregularidades que fan a marcha bastante incómoda, no mellor dos casos.
O asfalto da N-550, en ese treito como en outros muitos, estaba bastante roto e arrugado; depois de dous meses de obras, perigosidade por falta de sinalización horizontal, e sabe deus que gasto, a miña impresión personal, como usuario frecuente de esa vía, é a de que se empeorou a calidade da banda de rodadura respecto ó seu estado anterior. Alguén terá os petos cheos, e ninguén dará explicacións. Así nos vai.

Por inventar, que non quede.

Non consigo lembrar cómo se chamaba o inventor que saía en Barrio Sésamo, presentando en primicia para “La Rana Gustavo, el reportero más dicharachero” inventos que xa existían, como os calcetíns ou o reloxio. Tampouco lembro quen foi o explorador, nin estou seguro de que descubrise o nacimento do rio Nilo, cando un negro africano que o acompañaba o puxo no seu sitio dicíndolle que aquel sitio xa estaba de sobra descuberto, que eles o coñecían de toda a vida. Así que coido que vou empezar pola excusa, antes de presentar ó excusable.
Non é esa pésima memoria a que quero disculpar, o título do blog é suficientemente elocuente ó respecto, sinón esa torpeza dos investigadores á hora de facer avances ou achádegos que non son tal. Ó que aspiro hoxe, é a que comprendan qué clase de tara padecemos os que estudiamos para, algún dia, tratar da aportarlle cousas novas, e preferiblemente útiles, á sociedade. Seguro que todos podemos asimilar a idea de problema a aquel exercicio da formación máis básica de “Si tes 12 caramelos e 3 amigos, ¿cantos caramelos lle darás a cada amigo?” Despois pásase a aquilo de “¿Qué aceleración experimenta unha masa de 1Kg si se lle aplica unha forza de 20 Newtons?” que presenta unha diferencia fundamental co anterior: mentres o primeiro era un problema de cálculo, no segundo, o cálculo emprégase para coñecer magnitudes descoñecidas, a partir de outras xa coñecidas, co emprego de unha lei física (neste caso, a Segunda Lei de Newton) que as relaciona, e cuio coñecemento e comprensión son necesarios. A partir de ahí, non hai moitos máis cambios; no aprendizaxe técnico (falo en primeira persona) a dinámica sigue a ser a de coñecer esas relacións matemáticas que modelizan a natureza para aplicalas na búsqueda de magnitudes que se precise coñecer. Aparece, non obstante, e ocasionalmente a figura do “problema aberto”, moito máis xeneral, no que xa non existe unha única solución posible. Exemplo de problema aberto, pode ser deseñar unha ponte que una duas beiras dun río; a partir de ahí, as solucións son moi variadas (de arco, colgante, de pilares, metálico, de formigon…) e así o son os seu cálculos. Si non se concreta o imperativo dunha ponte, as solucións multiplícanse todavía máis (un funicular, un tunel, un barco…) Facer un barco para pasar un rio é unha solución igual de técnica e válida que unha ponte ¿non si? ¿Ou depende? Pois depende, e non porque sexamos galegos. Decidir cal de esas opcións é válida e cal non xa non está no mesmo rango de problemas que aquilo dos caramelos, os newtons ou calquera outra cousa da formación normal de un enxeñeiro. Claro está que sempre pode botar man do sentido común, e si é enxeñeiro naval, dirá que a solución boa é un barco, e si é enxeñeiro de camiños, seguramente apostará pola ponte. Aparentemente, estou embrollando un pouco a cuestión, pero iso ten fácil arreglo: poñamos un exemplo.
Temos un problema bastante gordo, que antes se chamaba efecto invernadero e que, agora se puxo de moda como quencemento global. Para empezar, mal asunto iso de que se convertise en moda, porque as modas pasan, e mentres duran todo o mundo se cre capacitado para opinar sobre elas. Afortunadamente, o pensamento técnico estudia o problema e concreta que a solución pasa por eliminar os gases que o provocan. Si un colle a un típico estudiante de enxeñería (como podo ser eu) e lle plantexa que busque a maneira de eliminar o CO2 da atmósfera, case con toda seguridade construirá unha máquina a base catalizadores de platino, paladio e titanio, que convertirá as moléculas de ese gas en un combustible consumindo enerxía (polo segundo principio da termodinámica, máis enerxía da que vai dar ese combustible).
MAL digo eu, pasando de alumno a mestre súbitamente. Hai tres cousas que debe cumplir unha solución técnica para ser boa:

-Resolver o problema para o que se plantexa.
-A súa aplicación non pode crear novos problemas.
-Ser barata.

E a máquina do invento só cumple a primeira. Seguimos a precisar enerxía para facela traballar e os catalizadores citados non son precisamente baratos.
Está moi ben que se lle intente buscar atallo ó problema ambiental que se nos ven enriba, pero non hai que perder a perspectiva: a mellor maneira de frear o aumento de CO2 na atmósfera é deixar de queimar combustibles fósiles; nin hai que ser pretenciosos e pasarse de listos: as plantas levan millons de anos convertindo CO2 en combustibles, entre outros beneficios, buscando elas soíñas a enerxía que precisan. Quizáis non sexa á solución, pero sí un camiño hacia ela, esquecernos de esa Política Agraria Común de non-agricultura e, no canto de andar estragar selvas tropicais, poñer as terras de labor europeas, excentarias da producción alimentaria, a producir cultivos con aproveitamento enerxético.
Claro que ó mellor interesa gastar moitos cartos en inventar máquinas para facer o que fan as plantas, ó mellor interesa manter ós europeos afastados das súas leiras, ó mellor non interesa que despeguen as enerxías alternativas… Pero iso é OUTRO PROBLEMA.

Convertidores de CO2.

Sementeira de trigo, campaña 06/07.

Este ano, aínda non teño claro que “exeprimentos” agrícolas vou facer, sobre todo porque non quero hipotecar horas que me poden facer boa falta para apretar os codos contra a mesa. Pero tampouco quero perderme eses momentos de orgullo vitalista que dan as terras cando se comportan como un ser vivo, que vai collendo distintas formas ó longo do ano, hasta que dan un froito, metade do esforzo propio, metade do esforzo da compañeira de equipo, mamá natureza.

Saljeira sementada de trigo.

Polo de agora, xa decidín que do trigo non vou prescindir, por tres razóns: porque da pouco traballo (excepto a malla, que a ver si tomo medidas), porque é unha semente relativamente económica cando unha das finalidades do laboreo é correr coas silvas e o monte, e porque me resulta un cultivo de certo valor sentimental.
O traballo foi cousa de tres tardes. Hasta esta primavera, un veciño encargábase de rozar a Salgheira (que así se chama a veigha) para levarlle de comer ás becerras que criaba; abandonou o negocio por pouco rentable, e agora a herba xa empezaba a ter algo de maleza e uns terróns bastante gordos, así que a primeira tarde foi para darlle unha pasadiña coa fresa polo aire, a correr, só para evitar que os terróns embozasen o arado. Porque labrar, para min, é sagrado. Outro día apuntarei as reflexións filosóficas que me veñen á cabeza cada vez que me vexo virando a terra en regos, pero a experiencia fíxome entender o ben que lle senta a un terreo esa labor ancestral, e iso chega de razón por hoxe. Para labrar fíxome falta outra tarde, e a última acudín con un de eses trebellos que eu fago na casa, que non é unha grade nin un cultivador, pero tampouco deixa de ser as dúas cousas. Achandei a terra na primeira pasada e, despois de ciscar a semente, dinlle outras dúas pasadas para enterrala, quedando como aparece na foto.
Así, a dia de hoxe, quédame cuberto o primeiro obxetivo do meu traballo: asegurarme que por este ano, e quizáis un par de eles, silvas e brozas variadas non colonizan este anaco de terra, facendo moito máis costoso o seu mantenimento. Porque, voume permitir fachendear un pouco, a miña familia pode presumir de, sin obter ningún beneficio de elas, ter tódalas nosas leiras limpas. Como dixen, o trigo é unha alternativa barata e pouco laboriosa para este fin.
¿Por qué o trigo me ten valor sentimental? Como todas esas cousas, é difícil darlle unha explicación, pero quizáis haxa que buscarlla na globalización. Non se enganen, non falo da economía transnacional, sinon de outra cousa. Falo de Arteixo, Laracha, Cerceda, Vilalba… e moitos máis. Unha chea de concellos galegos nos que aínda sobrevive o agro, ós que no seu día cheguei, precisamente, buscando a pegada de un trigo propio do noso país, e da súa agricultura, extinta xa na miña terra. Ese é o sentimentalismo: quedo en pe, xunto á leira recén sementada, e dame volta o corazón na esperanza de volver a sentir, igual que anos anteriores, cómo ese trigo me pon en común con tantos lugares de Galicia, e con este mesmo en tempos pasados; síntome integrado nunha idea global deste curruncho peninsular, global no espacio e global no tempo. Dame volta o corazón de preguntarme cantos anos máis vivirei nesa Galicia de sempre; collo forza dicindo para min de momento, resistimos un ano máis e doulle gas ó tractor para voltar a casa.

Levaban as pontes.

O pasado día 26 de outubro, apuntei dúas cousas que, a día de hoxe, requiren certa puntualización. A primeira, foi a denuncia do lamenteble estado de conservación que presentaban as cunetas da estrada N-550 ó seu paso por este concello de Redondela. Como si alguén tivera lido este blog, ou por unha curiosa coincidencia, a semana pasada os operarios do Ministerio de Fomento limparon as ditas cunetas e deixáronas tal e como se reflexa nesta imaxe, fedataria do progreso feito.

Isto xa é outra cousa.

Por outra banda, a través dos comentarios primeiro, e do correo electrónico despóis, un ilustre visitante de este blog axudoume a centrar o dato, aquí reflexado, de presupostos astronómicos para meros estudios informativos: Dos case novecentos mil euros destinados ó citado estudio informativo, a contratación fíxose por algo máis de cincocentos mil. De todos xeitos, por si algunha imprecisión hubera na miña exposición, aclaro que non poño en cuestión a realidade de eses orzamentos, nin o seu axuste ós custos reais, sinon a súa necesidade ou conveniencia. Opina, quen aquí apunta, que máis proveitoso sería invertir eses cartos en proxectos de conservación e mantenimento das vías xa existentes, tanto estradas como ferrocarrís, na procura da máxima seguridade para os seus usuarios, así como en medios de sinalización e organización do tráfico capaces de mellorar sensiblemente a súa funcionalidade e servicio cara o público; no que no mundo da calidade se denomina “Mellora Continua“.
Dito en outras palabras, e en coherencia con outras reflexións xa apuntadas, creo que se están a despilfarrar recursos económicos en vías de alta capacidade (de novo, tanto para transporte por estrada como para ferrocarril) que non se corresponden con unha verdadeira necesidade social, sinon coas necesidades políticas de manter vivo o único sector económico potente en España (o formigón) e saciar as reivindicacións, ou máis ben caprichos, dos localismos propios de algún concello metropolitano galego. No lugar de iso, sería infinitamente máis saudable, tanto dende a seguridade dos usuarios como dende a conservación ambiental e paisaxística, asegurarnos que a AP-9 non se convirte nunha ginkana cada vez que chove, ou non ter que coller o coche dende unha vila eminentemente ferroviaria, como é Redondela, para coller un tren mínimamente funcional en Vigo ou Pontevedra. Seguro que todos padecen algún outro exemplo de infraestructura deficiente que, con un presuposto moito menor que as omnipresentes autovías e (falsos) AVE, quedarían solucionadas para ben de usuarios que nada temos de hipotéticos.

¡Menuda montamos!

“Redondela é unha vila moi pequena, e a xente ten a sensación de que todo está aquí ó lado. Por iso saímos da casa á hora que temos que chegar ós sitios, e chegamos tarde. A xente de Redondela sempre chega tarde.”

Manifestación.

Así é como explicaba máis de un o acontecido onte nesta vila. A manifestación contra a autovía de Redondela estaba convocada para saír dende a depuradora ás oito da tarde. Eran as oito e dez minutos cando botamos a andar algo desazonados, porque si ben a xente que había alí non era tan escasa como para considerarse un fracaso, tampouco se correspondia coas espectativas e o esforzo da convocatoria. Dez minutos máis tarde, o Redondelán fixo xusticia coa súa fama de impuntual e, como a caballería, non chegou cando estaba previsto sinon xusto cando facía falta.
Ó final, chegamos a xuntarnos uns setecentos, ou iso parece que lle comunicou a policía á prensa; segundo as contas que os xornalistas e a Plataforma Cidadá comentaron despois do tal chiste, arredor de cinco mil personas saíron a manifestarse en contra da autovía que nos impoñen desde fora, que non nos sirve para nada, e que merma o noso patrimonio social e a nosa forma de vida.
Foi unha manifestación pacífica e incluso lúdica, porque ademáis de impuntuais, os Redondelans somos moito de facer festas e incluso un pouco de andar polos bares. Así que cantamos, tocamos a gaita, o pito e o tambor, botamos bombas, batemos palmas e cacharros, e berramos. Berramos NON A UNHA AUTOVIA POR REDONDELA, berramos que os políticos non teñen dereito a impoñernos un futuro que non queremos, e berramos porque sentimos que ninguén nos escoita.
Eu fun todo o tempo preto da cabeceira da manifestación, e en ningún momento cheguei a ver hasta onde chegaba a cola da cantidade de xente que había, nin siquera ó chegar ó final, xunto ó concello. E teño que apuntar que onte fun quen de atoparlle outro significado á palabra “política”. A Plataforma Veciñal Contra as Variantes de Redondela somos un grupo de personas do máis variado dende diversas ópticas: hai a quen lle poden levar a casa, a quen lle poden levar terreos, ou a quen non lle levan nada pero que ten os seus argumentos para estar en contra; hai estudiantes, titulados, comerciantes, conductores, xubilados… en definitiva, xente que, si se escollese a propósito, non sería tan representativa da sociedade local. Esta xente tomou conciencia de un problema, deuse conta de que non estaban sos nesa conciencia e empezou a organizarse para sumar os seus esforzos á causa común. De ese xeito, un grupo de apenas vinte persoas, en colaboración con outros colectivos locais, foi quen de mover onte a cinco mil personas a que participaran activamente, a que foran oídas e tidas en conta. Por un momento, imaxinei unha sociecidade democrática, libre e participativa, na que sobran os partidos políticos, a cuestións cortesanas e as manganchas do poder. Foi un momento ilusorio, ver que a xente de verdade pode ter a capacidade de cambiar o mundo, o día que nos tomemos a molestia de non delegar en unhas personas cada catro anos, ou nin iso.
A foto tomeina prestada no Faro de Vigo porque eu non teño ningunha (cando estou a unha cousa non estou a outra, e dende onte aínda non estiven con ningún dos que fixeron fotos). Agradézolle-la :) igual que lle agradezo a paciencia que tiveron os conductores que quedaron atrapados no “pequeno” atasco que se montou. Porque Redondela é unha vila moi pequena, pero por aquí pasan moitos de outras vilas moi grandes, e non está mal que nos oian de vez en cando.

P.D.: Agora uns días de descanso “político”, hoxe mesmo me poño a estudiar e a ler toda a internet (ou blogosfera) que apenas cheirei esta semana.