Defendendo Redondela II
Dende a última vez que apuntei algo sobre a problemática que temos en Redondela con un proxecto de circunvalación para a nosa vila, non hubo grandes acontecimentos públicos, a Plataforma Cidadá sementou as parroquias máis afectadas de cruces como a da foto (todas as que estaban nas principais vías foron roubadas o mércores e aínda non se sabe quén foi o responsable) e colocou pancartas ben visibles, agora retiradas polo temporal. Así mesmo, estase a conseguir unha ampla cobertura nos xornais, que se agradece profundamente. “Me robasteis el titular“ dixo o alcalde este martes cando foi abordada a conselleira Caride na porta do concello para solicitarlle unha entrevista na que tratar o tema.
De portas a dentro, aparecen informacións que confirman que o fondo do plan que manexa o Ministerio de Fomento, alá en Madrid (onde queira que quede iso), non é un vial de catro kilómetros que alivie o tráfico en Redondela, sinon un de vinte que conecte a futura autovía A-57 Pontevedra-Confurco, co nudo de Peinador, pasando por aquí. Dende o Concello, opóñense ó proxecto si non ten saídas, pero si de verdade vai ser unha conexión ás arterias de Vigo parécelles que vai ser unha oportunidade única para o crecemento de Redondela, aínda que rille nas parroquias rurais. Pregúntome eu que significará “crecemento de Redondela”, si é que van medrar os edificios, os salarios, a cultura, a ecoloxía…
Así pois, a sensación de estes días é a de que alguén, nun lugar moi lonxe de aquí, ten un mapa no que non existen as persoas, nin as casas, nin as veigas nin as coutadas; só liñas, bandeiriñas e “crecimento”, para a planificar o noso futuro sin preguntar qué futuro queremos, nin que futuro podemos.
Agora hai un período de espera, nuns dias sairá a seguinte tirada de camisetas e un lote de pegatinas. Agardamos a que se confirmen as datas de reunións medio apalabradas con distintos cargos políticos, e estase a preparar o material co que se apoiarán as próximas asambleas informativas polas parroquias afectadas.
E mentres tanto, eu estou a botar de menos que se pronuncien as palabras máxicas: transporte público.
P.D.: Observación sobre a imaxe que acompaña este texto: Ceo gris, herba verde, camiños mollados e paisaxe de montes. Esa é a miña terra, e así me gustaría que seguise sendo.