Dos trasnos, o tardo e outros elementos de máquinas.

Xa se pode falar de toda unha ronda de posts relacionados co automóvil esta semana. Desta vez non vou tratar seguridade vial nin de multas, senon de averías. Das miñas averías.
Os profanos (ou os crédulos) ignoran que no mundo técnico está recoñecido que existen forzas da natureza que actúan perversamente sobre as máquinas ou os equipos, alterando o seu comportamento sin que sexa posible identificar a súa orixe nin por tanto actuar formalmente contra elas. Eu non vou contar casos alleos, que os hai (invitar, quizáis a fixarse nalgún detalle da película “Elexidos Para a Gloria“), sinon a miña pelegrinaxe polo monte Calvario das averías absurdas nestas últimas semanas.
Todo empezou hai uns quince días, chegando á casa, que se estropeou o mando das luces. Catro días máis tarde, ás cinco da mañán, no único treito da N-550 que discurre entre coutadas e sin farolas, un clink-clink e un ruido anormal fíxome deter no arcén; ¡desaparecera unha buxía! dareille dez euros a quen coñeza un só mecánico que atestigue un caso de que un coche perde unha buxía en marcha. A grúa levou o coche para a casa e ó día seguinte, a luz do Sol descubriu a tal buxía agochada nun recuncho da parte baixa do motor, púxena no sitio, comprobei que as outras estaban ben apretadas e o coche arrancou perfectamente. Contei hasta catro (días) e púxenme a reparar unha pequena fuga de auga, esta xa histórica; cando rematei, percateime de que deixara o contacto posto e descargara a batería. De iso teño eu toda a culpa pero cando rematei de cargar e verificar a batería moi meticulosamente, descubrín que o coche xa non a cargaba correctamente; sin alarmarme, seguín o protocolo e din co fallo: a correa do alternador afloxara, o cal é relativamente frecuente, pero que non acontece de un día para outro, e menos co coche parado. Un dia, dous días, tres días e, outra vez ó cuarto volvemos ás andadas: rompeu un pequeno pasador do mando do embrague; só unha medio-cafrada mecánica que non se lle ocurre á xente normal (que non anda a fedellar nestas cousas) permitiu poñe-lo coche na casa sin chamar á grua.
Xa temos un factor de análisis das causas de estes quebrantos. Tiña un mando de luces na casa, dun coche similar (cousas de fedellos), e a primeira reparación saíume gratis. A grúa pagouna o seguro, e como a buxía seguía no coche, o segundo arreglo non costou nada, igual que tampouco costou nada volver tensar a correa do alternador. Para rematar, sustituir o pasador roto costou… un euro. Ousexa, que malo sí, pero pouco, como si só se tratase de incordiar ¿verdade?
Pois hai outro factor a ter en conta, xa que resulta que, en cada continxencia de estas (e algunha outra vez) aparece solta unha presilla do filtro de aire que eu volvo a pechar. Sempre a mesma, como si de unha sinatura se tratase.
Antes de seguir, xuro polo que se me esixa que, literaturas aparte, os feitos que narro aconteceron tal e como aquí os narro, e sigo.
Eu, que sempre fun de moito ler, xa tiña lido e ouvido algo así, pero non nos libros de mecánica (hasta certo punto), sinon nos libros de tradicións, mitoloxías ou supersticións galegas. De moito ler, e pouca memoria, así que andiven a procurar e atopei este interesante libro (2MB) editado pola Voz de Galicia, que me serviu para contrastar que a miña hipótesis do Tardo estaba errada e, máis ben se debería tratar dun trasno, aínda que o remedio vai ser o mesmo.
A estas alturas, aínda non sei si darei escorrentado o trasno ese do meu coche, ou si directamente o terei que levar á bruxa, pero alégrome de ter topado ese Breviario Enciclopédico de Galicia, porque fala de supersticións, de lendas e de sitios máxicos que existen de verdade.
Apunto, para non o esquecer, que debo botarlle unha ollada a este libro e tratar de aprender esa cultura milenaria antes de que se perda para sempre, que debo visitar eses sitios máxicos antes de que desaparezan tamén para sempre baixo o cemento e o asfalto de unha modernidade que nega todo o demáis e o envolve na ignorancia da masificación e a codicia. Apunto que “superstición é o nome que os ignorantes lle dan á súa propia ignorancia” foi unha frase que me chamou moito a tención nunha película, pero o seu argumento era un pouco alleo á cuestión tecnolóxica. Prefiro quedarme con aquel “disque habelas, hainas, e algo debe de haber” que dixo un dos mecánicos máis veteranos e recoñecidos co que tiven ocasión de tratar, e podo asegurar que tratei con moitos, abofé que sí.