No fondo e na forma, as riadas que asolagaron os informativos de estes días, recuperando para Galicia ese papel de zona catastrófica no que nos estamos encasillando, son parentes próximas dos incendios do verán. De entrada, e como anunciaran os entendidos na materia, ó destruirse a masa vexetal, as capas superficiais do terreno perderon a súa retención natural e fluiron cara ó mar, depositándose a xeito de lodos nas rúas de algunhas vilas e nos bancos marisqueiros. Pero non é que as riadas sexan consecuencia dos lumes, sinon que comparten causas: a desestructuración territorial e o abandono do rural volven cobrar as súas consecuencias.
Por un lado, a edificación e a obra pública van encerrando pequenos cauces de auga en cauces de formigón ou incluso tubos cerrados, insuficientes para evacuar caudales punta, e menos cando o seu mantenimento está crónicamente desatendido. Os aterramentos, feitos en zonas fondas para elevar a sua altura, ou para lle dar saída a materiais de destierro, e o desvío de cauces de drenaxe para evitar o seu curso por propiedades ou lindes son exemplos de pequenas intervencións humanas, aparentemente inofensivas en solitario, pero con unha resultante total de augas buscando un sitio polo que discorrer e sumándose en lugares que non lle son propios, como camiños e estradas, en ocasións mal proxectadas hasta o punto de non contar con ningún sistema de drenaxe.
Pero si eses males son relativamente novos, ¿cómo se explica que muiños e pontes seculares non resistisen a dúas semanas de choivas neste outono do 2006? ¿Acaso non chovera tanto en Galicia desde o tempo dos romanos? Isto parece, a todas luces, inverosímil. Entón ¿qué fai diferente a este ano dos dous mil anteriores? Que nos dous mil anos anteriores, os galegos traballábamos a terra. A diferencia entre unha riada e unha inundación é que a primeira ten un caracter súbito, case violento; a súa formación haina que buscar augas arriba, no cauce dos ríos. En algun lugar, probablemente un estreitamento, un codo ou as cepas de unha ponte, o abandono das terras permite que se acumulen broza e restos de vexetación como polas ou follas, que constrúen unha improvisada presa natural. Si a chuvia persiste e o caudal do río medra, chega un momento en que a presa non resiste a presión da auga que acumula, rompe, e todo o volume enbalsado libérase de golpe, adquirindo grande velocidade, capacidade erosiva, e arrastrando árbores, pedras e outros elementos susceptibles de causar maior dano ou crear unha nova presa río abaixo, onde este será todavía máis ancho, a cantidade de auga embalsada será todavía maior, e o proceso aínda máis destructivo. Ruina montium, era a técnica da minería romana que aproveitaba a capacidade destructiva da auga embalsada.
Os que vivan no rural, e teñan vellos na casa, estarán fartos de escoitar estes días frases como “Agora ninguén limpa os regos“, e razón non lles falta porque noutro tempo, en que os galegos vivían da terra e non lles quedaba máis remedio que mimala, tódalas parroquias estaban percorridas por regueiros que, o mesmo servían para regar no verán que para evacuar as cheas no inverno, evitando así que as filtracións no terreo provocasen a caída de rebouzas ou que os camiños se visen nalgún xeito deteriorados. Despois de trinta anos de abandono paulatino da actividade agraria en Galicia, atopámonos (outra vez) na difícil situación de sermos milleiros de propietarios de terreos, outrora productivos pero agora de difícil e custoso mantenimento.
Galicia precisa urxentemente un plan para poñer en valor todas esas terras, volver a facelas productivas de algún xeito, que sospeito que pasará por impoñer a cesión dos dereitos de explotación (que non necesariamente a propiedade) a personas, cooperativas ou calquera entidade con un plan de actividade viable dentro da agricultura, a gandeiría, a floricultura ou a silvicultura; e no máis que probable caso de que non xurdan iniciativas suficientes, será obriga das nosas administracións promovelas e incentivalas hasta facelas viables. Do contrario, a nosa terra seguirá a desmoronarse.
P.D.: Apunta, para non esquecer: …as persoas, e por extensión as sociedades que forman, somos como as árbores, canto máis fondas teñamos as raíces na terra, mellor resistiremos os temporais e as sequías.