Campións de España.

Si a semana pasada foi Oscar Pereiro o que protagonizou un éxito deportivo, esta fixéronno a selcción sub-19 de fútbol e máis a de natación sincronizada. Si facemos balance dos últimos quince anos, a lista de deportes na que destacaron os equipos ou deportistas españoles e galegos é bastante amplia: atletismo, triathlón, remo, ximnasia, automovilismo, motociclismo, os nomeados ciclismo e natación soncronizada, waterpolo, balonmán…
Sería de xusticia que estes deportes tiveran repercusión social e mediática acorde cos éxitos que teñen acadado polo mundo adiante, no canto da hexemonía que se lle da ó futbol de grandes clubes, multimillonario pero distante do que se supón que debe de ser o deporte no seo de unha sociedade occidental. Insostible a escusa de que o “deporte rei” é máis vistoso ou espectacular que calquera outra disciplina, gústame defender a idea de que, con máis cobertura informativa e máis interese por parte de público (ambos factores parentes entre si), habería máis facilidade de conseguir patrocinadores para deportistas, clubes e competicións máis próximas ós seus veciños que ás galaxias siderais. A fin de contas, gañábamos todos un pouco máis si, en lugar de ter un só Fernando Alonso ou ningún campeón do mundo de futbol (absoluto), tivésemos uns cantos David Cal, Ivan Raña, ou incluso como os rapaces da sub-19, deportistas e equipos que non se moven con presupostos maiores que os de moitos concellos.

O desastre, O Courel, e o mundo enteiro.

Si celebrei o Día das Letras Galegas preparando un artefacto para sacha-las patacas, o día da Patria Galega celebreino preparando, con uns socios, a culminación de un plan xestado dende meses atrás, posto en marcha a través de un contacto feito na Semana Verde de Silleda, e non menos vencellado coa exaltación daqueles valores que eu considero representativos da miña patria: Poñernos a criar porco celta.
Era imprevisible a sucesión de avatares que vivimos dende as 23:35 do mércores hasta as 12:30 de hoxe, venres 28; as xestións administrativas, os problemas co remolque, as dúas horas e media de carreiras infructuosas tra-los porquiños nunha leira cuia extensión tería sido un problema grave si a pendiente non fose aínda peor, o retorno coas mans baleiras… serían dignas de narrar e deixar apuntadas como un grato recordo si non fose que, esta mañán, problemas laborais de un socio deron a pique co negocio hasta finais de ano, como mínimo.
Apuntarei non obstante, que dentro da nosa azarosa viaxe de onte, fixemos unha imprevista, innecesaria e enormemente agradecida travesía, de norte a sur, pola serra do Courel.

O Courel.

Menuda paisaxe me quedaba por coñecer. Son uns montes impresionantes, salpicados de pequenos grupos de casas nos que prácticamente só se miran persoas maiores que nos saudaban coa man e un sorriso ó noso paso. Unha paisaxe que nada ten que envexar dos Alpes e os Pirineos tan lucidos nas principais voltas ciclistas de Europa. Uns lares que se adiviñan totalmente despoboados no plazo de dúas xeneracións, e agredidos por canteiras, escombreras e outras obras de dubidosa conveniencia, que representan esa agonía dos tempos en que as persoas vivían daquilo que lles ofrecía o seu entorno, a chegada de intereses que reciben grandes lucros a cambio da xeneración de pequenas riquezas, as cales algún día se esgotarán e deixarán de darlle sustento ós habitantes do lugar, amén de vetar para sempre a volta á forma de vida tradicional ou a posible explotación turística de lugares demacrados pola pegada de homes que só pensaron nos cen anos que durará a súa vida e non se dan conta que están a parasitar unha terra que levaba millóns de anos coidando de sí mesma e de eles, e que pagará por millóns de anos ese infenitésimo no que esquecemos decicir si era mellor vivir de ela ou seguir a vivir con ela.
Iso foi o que vin onte no Courel, pero véxoo tódolos dias en calquer lugar de Galicia e pódese ver tódolos dias no mundo enteiro.

Ajarraibos todos.

Ía apuntar un soño que tiven este mércores ó medio día (sí, moitas veces quedo durmido sin contalo, sentado nunha silla, na ducha ou directamente no chan) porque é a primeira vez que, nun soño, son eu o que lle gaña a batalla ó cemento e ó asfalto, e non ó revés. Pero persígueme o meu pasado, e véxome obligado a recoñecer que me tería esquecido de que este xoves é o día do salto mundial si non mo recordase o fluxo rss do blog “No puedo creer que lo hayan inventado.”
O World Jump Day é un extraño plan polo que se pretende sincronizar o salto de alomenos 600.000.000 (seiscentos millóns) de personas co obxeto de alterar a traxectoria na órbita terrestre. Segundo a súa web, xa superaron esa cantidade de voluntarios rexistrados, e a hora prevista para a xogada é 12:39:13 GMT+2, vamos, un pouco antes da unha menos vinte hora española, de este día 20 de xullo, xoves.
Eu non vou saltar, fundamentalmente por dúas razóns: A primeira, porque creo que o ser humano non debe aspirar a modificar o seu planeta sinon a adaptarse a él o mellor posible, e a segunda, porque seguramente terei outra cousa que facer.
Si me sobra tempo, a ver si dou con algunha páxina que poña gráficos de sismógrafo, para ter unha idea de si se notou o salto ou non.

Sega 2006. O sentido da vida.

Levo uns poucos días a traballar en dous artigos que eu considero técnicos, un sobre o AVE que pretendía rematar esta semana, pero que me está a dar dous problemas (un de documentación e outro de edición) e outro sobre cuestións enerxéticas que xa casi está. Sen dúbida, xa estarían listos os dous, si non fora que estes días pasados os adiquei a sega-lo trigo e o centeo que sementara no inverno. Rematei onte, co centeo, e mentres o estaba a segar, viu onda min unha veciña, a Sña. Rosa, a pedrime un favor coa súa inconfundible expresividade:

-“Hai filliño, mira que túa nai me dixera que podía apañarvos eses ramallos e esa jomada no valado para a ouvella. Pero eu non podo. Eu non podo que me doe muito esta rodilla. Non sei que me pasou que me doe. Ai si me puderas apañar tí. Que eu non podo, home. Ai, eu non sei que vai pasare, vamos asar con tanto calor. Ai Diormio.”

Hai varias explicacións na parroquia sobre o pequeno, pero tanxible, retraso mental de esta señora xa maior, que nin por iso é mala nin boa. Ten os seus roces cos veciños máis próximos, quizáis porque algún se ten por máis listo que ela, pero a mín sempre me saúda alegremente e me pregunta polos meus avós.

-“¿E teu abuelo? ¿Que tal está? Hai, que boiño era Sño. José, que boiño era. ¿E túa abuela? ¿Anda ben?”

Ó final, Sña. Rosa insistiu en me dar por adiantado uns euros como mostra de gratitude e, cando acabei de apañar e enmollar o centeo que me quedaba, rocei uns brazados de ramallos e rebrotes das cepas, arrincadas hai xa uns anos, para levarlle á ovella. Unha vez lle descarguei a mercancía no seu alboio, despediuse de min dicíndome “Muitas jracias, filliño, que Dios che dea salú.” e descubrinme a mín mesmo nunha sensación extraña. Alí estaba eu só, maniobrando o tractor para saír do eido daquela muller camiño da casa cando me lembrei do verán de 1995, ano en que casualmente ardeu unha grande extensión forestal dun Morrazo hoxe salpicado de urbanizacións con vistas á Ria de Vigo.
Como no bacharelato aprobaba todas en xunio, pasara a metade das horas daquel verán lendo un libro de artigos científicos que o profesor de química me prestara para saciar as miñas curiosidades sobre física de partículas, e a outra metade pelexando cos libros de termodinámica, matemáticas e demáis que tiña meu pai, da carreira. A miña intención, era construir un foguete algo máis eficaz que o Bleriot con bastidor de aluminio que discurrira meses antes para me evadir daquel illamento estival de adolescente atrapado nunha aldea na que, daquela, era prácticamente un extraño. O foguete nunca saiu do papel, pero todas aquelas fórmulas e cálculos cumpliron perfectamente a tarefa para a que se concebira o aparato e o verán pasou voando. Despois pasou un COU no que amorticei sobradamente as integrales por partes e os principios da termodinámica que rillara no verán, unha selectividade que foi das cousas máis divertidas que fixen nunca e, finalmente, fun dar na ETSII de Vigo.
E onte, voltando á casa preguntábame onde quedara aquel foguete, aquel Bleriot e tantos que foran antes e despois. Sentín o vacío de considerar que todas esas cousas se acaban volvendo inútiles, de que tantos anos despois, non acabo de atopar un lugar na miña carreira que me garanta as satisfaccións que eu agardaba de ela. E aínda oía a Sña. Rosa berrar dende a súa “Que Dios che dea salú” cando me preguntaba cómo saber si algo do que eu faga na miña vida pode ser, xa non digo importante, sinón simplemente util.

Mollos de centeo.

O trigo saíu máis ou menos, pero o centeo fatal, naceu moi pouco, non sei si porque era mala semente o si era tan boa que os páxaros non comeron outra cousa mentres puderon, e madurou igual de mal, con unha boa porcentaxe das espigas medias chouchas ou sin cumplir. Agora ven o seguinte paso, que é a malla, o meu punto flaco no pasado que este ano pode ser que sea digna de apuntar.

Así na Terra como no inferno.

Carnota.9-86

Menuda foto. Tomóunola meu pai con unha Zeiss Super Ikonta IV que trouxera meu avó de Oporto, e para que se vise o tamaño da Cabaseira de Carnota, tivo que poñerse tan lonxe que miña nai, meu irmán e mais eu, somos irrecoñecibles xunto a unha porta do edificio. Entre os varios recordos que teño daquela viaxe familiar, está a imaxe da estrada (coido que entre Carnota e Muros) flanqueada por montes queimados nun incendio daquel ano, ou do anterior, non lembro ben, que hasta saíra na televisión e todo.
É unha das imaxes máis omnipresentes da miña infancia, tanto na vista como no olfato, esa do monte queimado. Quizáis porque pasei catorce anos estudiando nun colexio que estaba no monte da Zapateira, na Coruña, moi preto do Clube de Golf. Aquel monte ardeu moitas veces naqueles anos, hasta que bosque e devesas se foron convertindo en un enorme tizón recuberto, pouco a pouco, de toxo bravo e rebrotes de eucalipto, que volvían a arder un tempo despois. No colexio, os mestres falábanos de pitillos sen apagar, de cristais que facían efecto lupa, lumes de excursionistas…
Agora, de vez en cando dou un pequeno paseo por alí, unha das montañas sagradas da miña infancia, e atopo aquel monte convertido na imitación de un suburbio americano, con chalés de xardinciño ridículo amoreados en diferentes promocións que compiten en panorámicas e lemas de exaltación á netureza que desbancaron. Sinto noxo de tal profanación, entendo aquilo de que a táctica é o medio co que se acadan os obxectivos que persigue unha estratexia, e paréceme evidente a boa fe e inxenuidade daqueles profesores.
Despois de días a ler as calamidades que está aturando Carnota e a súa xente, oio hoxe que o lume volve por alí. Seguramente para coller o que deixou atrás o ano pasado, ou para repetir o que fixera outras veces antes. Créolle oir á voz da televisión que o lume empezou en tres focos diferentes, e se debeu a unha queima de rastroxos; eu teño que ir mexar coa risa, porque para chorar están a sobrar ocasións, e sitios.
A táctica e o medio co que se acadan os obxectivos que persigue unha estratexia, freando ós promotores de tales intereses, a súa táctica perderá efectividade. Pero ninguén se marca obxetivos para conservar raíces, recordos, soños ou nin siquera valores vixentes que nos poderían levar a un futuro envexable para aqueles que, noutras latitudes, apostaron polos intereses.

Comparativa de ideas.

Nestas semanas, estiveron de actualidade duas iniciativas políticas para mellorar rebaixar a sinistralidade das nosas estradas. Unha grande e a outra pequena.
Dende a perspectiva da enxeñería, unha idea pódese considerar boa cando:
-Resolve o problema para o que se plantexa.
-A súa aplicación non crea novos problemas.
-É barata.
Aplicando eses tres criterios, entre as dúas ideas hai unha boa e outra… supoño que non fai falta deixar apuntado cal é cal.
Quizáis o tal noitebus aínda non sexa unha panacea, pero como idea, pode ser un paso formidable.
Sobre a outra idea, apunto que os seus promotores dixeron onte na tele que “os conductores que levan nenos soen respetar máis as normas“, e eu penso que os redactores das normas non se deberían dar tanta importancia a sí mesmos e o seu traballo: cando un leva un neno no coche, as normas merécenlle a mesma consideración de sempre, sexa boa ou mala; o que fai é ir con máis coidado e punto. Apunto tamén que, o outro día, nos adiantou na AP-9 unha comitiva oficial, que levaba en vangarda un coche patrulla da Garda Civil de Tráfico; ían a 150-160, que non é para tanto, pero con unha das peores trazadas que vin na miña vida, o conductor de ese coche deixou ben claro que a velocidade superaba as súas habilidades. Razono eu, para rematar, que si os encargados de garantir que as estradas sexan seguras, teñen carencias en materias como a técnica de conducción…
¿A qué me refiro cando digo “unha das peores trazadas que vin na miña vida“? A que non estou acostumbrado ver que un coche se bota enriba miña pola esquerda, e me adianta con dificultades para se manter no seu carril, (e moito menos si se trata da Garda Civil de Tráfico).

Dende onde se mira a seguridade vial.

O estudio da seguridade vial é un proceso iterativo que consiste na identificación das posibles causas de risco, a creación e posta en práctica de medidas coas que minimizar ou eliminar (cando sexa posible) ese factor de risco, a avaliación dos resultados obtidos, e volta a empezar; sobre o mesmo factor si o resultado non foi satisfactorio ou sobre outro si o risco estudiado perde importancia. Sábese de antemán que é imposible acadar unha seguridade absoluta, de xeito que o obxetivo e ir buscando un uso cada vez máis seguro do automóvil e as vías polas que cirula.
Enuncio así as frontes principais polas que se está a atacar a cuestión por parte dos técnicos, empresas e instiutcións implicadas. Por un lado, gran parte da inversión en innovación da industria do automovil oriéntase ás tecnoloxías de seguridade activa (implementada para previr o accidente) e pasiva (que busca minimizar as consecuencias de este), baseándose en máis de un século de experiencia e ensaios no sector. Por outra parte, innovanse tipos de pavimentos, sinalizacións viais, barreiras de seguridade, trazados e outras facetas da estrada, susceptibles de influir na seguridade do seu uso. Por último, o uso das vías públicas ven regulado pola normativa de tráfico, que podemos considerar dividida en tres aspectos, as normas “de uso”, como as preferencias de paso ou o feito de circular arrimado á dereita para que o sentido contrario pase pola nosa esquerda, as normas técnicas, referentes a pesos, tamaños, iluminación etc. e as normas de seguridade, que inclúen as taxas de alcoholemia, os tempos de descanso para profesionais ou as normas de adiantamento. Este último grupo suponse tamén avalado polo mesmo proceso iterativo, e basease na experiencia.
De este breve repaso, agardo que se desprenda que hai un grande ausente nesa óptica dende a que estudiar a seguridade vial: O usuario.
O marketing dos fabricantes invita á relaxación total que ofrecen un sistemas de seguridade “máxicos” (na medida que o usuario pouco ou nada sabe do seu funcionamento e utilidade) e uns accesorios ben alleos á atención no volante: radios, bluetooths, gps… cuia utilidade non discuto, pero que transmite unha idea da conducción na que a responsabilidade se sobreentende. Omitidas quedan as campañas que transmiten mensaxes máis emocionales, sobre sensacións e apreciacións subxetivas, por seren aínda máis vacías. Pois si ben os fabricantes de automóviles se lavan as mans á hora de buscar que o conductor se involucre no estudio da seguridade vial, o fracaso das institucións e doble. Por un lado, a consideración social que merecen as normativas é a de outra de tantas trabas a superar no país da picaresca, sin que a actitude coas que se plantexan e defenden faga moito por mellorar esa imaxe. Para remata-la faena, a ferramenta de concienciación por excelencia, que son as campañas nos medios tampouco están avocadas a sementar o coñecemento nin a autocrítica razonada; recurren máis ben a elementos coaccionadores e propagandísticos dos que o conductor non deixa de ser suxeito paciente, idea coa que se resume toda a problemática.
Suxira quen llo suxira, cada usuario, cada conductor, debería de facer o seu propio estudio da seuridade vial, que a fin de contas non é outra que a súa propia seguridade. Coa cabeza fría, lonxe da circunstancia perigosa, todos deberíamos facernos esta pregunta. ¿Qué me pode pasar na estrada? E apartir de ahí, ir desmenuzando a resposta. Non se trata de facer de adiviño, sinon de ir buscando riscos e a forma de eliminalos, iterativamente, como indiquei ó principio:
…vivo nunha comarca de moito frío no inverno e a estrada está xiada moitas veces ¿Sei qué facer nunha estrada xiada? ¿Quén me pode ensinar?
…subindo á universidade, hai todo o inverno un neboeiro que non se mira nada ¿cómo se circula seguro con néboa?
…hoxe cheguei do traballo á casa en menos tempo que nunca. ¿De verdade foi seguro? ¿De verdade tiven sempre a situación baixo control? Bueno, no cruce xunto ó bar non mirei moi ben si viñan coches, pero nunca veñen. ¿Nunca veñen? ¿E logo por qué está o cruce?… Igual podía ter vido algún.
…Hoxe case me mato, o que ía diante freou de golpe porque se lle cruzou un can, e eu tiven que frear con toda, quedei rozando. ¿Tería sido mellor que non freara tanto e tratase de esquivalo polo arcén? ¿Ou esquivalo pola esquerda? ¿Ou buscar un camiño por onde non crucen cans?
…¿Qué provoca a derrapaxe de un coche? ¿Ir demasiado rápido? ¿O estado da estrada? ¿Un moviemento desaxeitado do volante?
Son exemplos, abofé que toscos, pero agardo que orientativos de esa actitude de reflexión en frio que propoño, á que xa lle anticipo eu dous problemas: un é a necesidade de adicarlle un tempo do que non queremos dispoñer, e outro, a incomodidade de chegar moitas a veces ter que recoñecer os nosos descoñecementos sobre unha materia na que, unhas veces consideram0s que é suficiente ternos a nos mesmos por prudentes e, outras, témonos directamente polos máis listos.
Precisamente, coido que esa e maior concienciación na que se podería traballar para reducir a sinistralidade nas estradas: todos os que conducimos estamos implicados na seguridade vial, non só pola pasiva de levar coches seguros e ter fe cega nas normas, senon pola activa de ser coñecedores das nosas capacidades e carencias ó volante e o xeito en que iso inflúe no uso do coche. Pódenos doer moito adicar un cuarto de hora a identificar a diferencia entre “eu controlo” e “eu son consciente”; e seguramente nos doia máis descubrir que cando un non é consciente, non controla tanto como creía. Pero quizáis sexa moito máis agradable pensar que, o día que nos atopemos con un perigo na estrada, podemos levar a solución aprendida da casa, e voltar a ela sans e salvos.
Teño por costumbre, nos meus posts, non dirixirme expresamente ó lector que por aquí pase. Manías, que se suele dicir. Dada a importancia que eu lle aotorgo a esta materia, farei excepción e suxírolles a todos que se/me/nos fagan ese favor, coa mente aberta, como se estiveran diante dunha partida de xadrez, ou unha folla en blanco; fáganse a pregunta ¿Qué me pode pasar na estrada?, especulen con cantas respostas sexan capaces de imaxinar, e busquen solucións fiables para cada caso, na súa lóxica, na literatura ou consultando expertos, si é que coñecen a algún. Non sexan elementos pasivos do coche ou a normativa, e involúcrense, porque algún día pode ocurrir que o tempo invertido lles dea uns réditos difíciles de valorar.

Salvando Monteferro e outros lares.

Entereime por vieros de que a Xunta vai tomar medidas para protexer Monteferro, como foi unha das primeiras bandeiras que se izou esta casa, e se lle foi dando cumplido eco a cantas iniciativas pola causa coñecín, non podo menos que alegrarme e abrirlle un resquicio á esperanza.

Casualmente, tamén hoxe recibín no buzón local outra iniciativa, respaldada tamén por Salvemos Monteferro, para loitar pola conservación da Ría de Vigo en xeral, cuias ameazas xa coñecía porque as teño, como quen dí, na porta da casa, e están resumidas no texto da convocatoria que recibín e reproduzo aquí:

¡8 de Xullo, a Cangas!
CONVOCATORIA DE MANIFESTACIÓN PARA O 8 DE XULLO

A Confraría San José de Cangas, o Foro Social, a Coordinadora pola defensa do litoral do Morrazo, a Plataforma pola defensa da enseada de San Simón e a Plataforma pola defensa da ría-Cíes convocan unha manifestación en Cangas para o próximo día 8 de Xullo, sábado, as 20:00 que sairá da Alameda Vella e chegará ate o Salgueirón.
O motivo é expresar o rechazo social ao proxecto de porto deportivo e urbanización de luxo no Salgueirón, pero, dunha maneira máis ampla, quere que se faga oir a voz dos mariñeiros, mariscadores, acuicultores e cidadáns en xeral esixindo o máximo respecto ao estado natural da nosa ría e noso litoral.
No Salgueirón quérese consumar un macro proxecto especulativo, que acabaría cunha importante zona natural, pesqueira e marisqueira, e tendría importantes consecuencias sobre a bioloxía e dinámica litoral de toda a ría.
Desgraciadamente é só un mais dos múltiples proxectos de recheos e obras desnaturalizadoras da costa que estan a comprometer moi seriamente o futuro da ría de Vigo como rico e produtivo ecosistema.

Temos que nomear casos concretos:
Recheo de Bouzas e a ampliación proxectada do mesmo
Recheo de Ferymag no estreito de Rande
Recheo inminente de Pescanova - Chapela
Recheo - espigón do porto deportivo de Punta Lagoa na Guía
Recheo - espigón inminente de Massó en Cangas
e aínda hai mais.

A feroz presión urbanística, feita sen prever equipamentos nin tratamento adecuado dos resíduos, tamén mostra as súas consecuencias na contaminación da ría, cercana a niveis críticos.
Dende os grupos convocantes se fai unha chamada ao sector pesqueiro, acuícola e marisqueiro da ría, e ós cidadans en xeral para que acudan o día 8 a Cangas para rexeitar os contínuos ataques a noso patrimonio natural, e esixir as administracións que fagan cumprir e respectar as leis que o protexen, comezando pola paralización inmediata e definitiva das obras do porto do Salgueirón, exemplo evidente de tramitación irregular e falla de diálogo cos afectados.
Concretamente, esixir unha resposta inmediata do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante a petición de paralización cautelar do porto, resposta que xa sobrepasa en tres meses o prazo legal para súa emisión; esixir a no inhibición das Consellerías de Política Territorial, Medio Ambiente e Pesca no problema; e a intervención do Ministerio de Fomento e Medio Ambiente, responsables directos do permiso do porto deportivo.
Para obter medidas concretas e non só boas palabras os mariñeiros e cidadáns deben acudir a Cangas nunha convocatoria que debería estar seguida de outra de mais alcance en Vigo con data ainda sen determinar.

Lembremos:
A RÍA DE VIGO SUSTENTA MAIS DE 15.000 EMPREGOS DIRECTOS:
9.900 MARIÑEIROS DA RÍA,
1.124 MARISCADORES,
2.373 ACUICULTORES E
2.109 TRABALLADORES EN TERRA

OS PEIXES E MARISCOS NON VIVEN DE RECHEOS E CONTAMINACIÓN

SOLUCIÓN PARA O SALGUEIRÓN

Cangas a 28 de Xuño de 2006

Confraría San José de Cangas
Foro social pola defensa do pobo
Coordinadora pola defensa do litoral do Morrazo
Plataforma pola defensa da enseada de San Simón
Plataforma pola defensa da ría-Cíes

O AVE polos ollos.

Cando empecei co blog, unha das miñas grandes intecións era facer algún dia un post onde argumentar sólidamente por qué estar en contra de que nos queiran meter o AVE polos ollos ós galegos. Aínda non vai ser hoxe, pero teño aquí unha pequena perla coa que ir abrindo boca.
Segundo lín nun xornal, anuncian a bombo e platillo que se vai construir un tren de alta velocidade que vai chegar de Vigo a Oporto en unha hora.
Eu, que son así, anuncio que hay máis de trinta anos que sería posible chegar de Vigo a Oporto en bastante menos de unha hora, si tivera sido tan necesario. ¿Cómo? Cos meus antecedentes, pódese pensar que abrindo a veda na autoestrada que une as dúas cidades. Quizáis. Pero existe outra alternativa, e está no feito de que as dúas cidades xa teñen sendos aeroportos e, si tan necesario é chegar de unha a outra a fume de carozo… ¿Por qué non existe unha ponte aérea que aproveite as infrestructuras xa existentes?
Posibles explicacións:
1ª Porque a un político sempre lle dá máis glamour dicir que gasta unha porrada de cartos (que en realidade son de todos) en construir unha infraestructura, que dicir que aforrou esa porrada de cartos aproveitando mellor as infraestructuras que xa existían, sin necesidade de provocar un atroz impacto ambiental. (Impacto ambiental non é unha cuestión ecolóxista, sinón que inclúe ás persoas que viven no entorno da obra.)
2ª Porque construir cada kilómetro de línea de alta velocidade custa arredor de 12 millóns de euros (tirando polo baixo). Dito de outra maneira, cada kilómetro de vía para o AVE custa 2.000.000.000 (dous mil millóns) de pesetas, que se trasegan das arcas públicas ás famosas ACS, Ferrovial, OHL… coas consecuentes migallas que caen alí e alá, e que aproveitan os que reparten o pastel.

Pánico ó ladrillo.

Un reciente estudio das Nacións Unidas ven de afirmar que se está creando o que chama unha “arquitectura do medo”, barrios de clases acomodadas que se fortifican dentro das ciudades, para protexer os seus espacios privilexiados do crecimento abismal que está a experimentar a población urbana de todo o mundo, na migración masiva de xentes do rural, que persiguen o ideal de vida urbano. Este informe, cuia pista atopei en De Paso, demostra que vivimos nun mundo empeñado en confirmar os agoiros máis escuros da ciencia ficción do s. XX, no que a fame e miseria se combaten con hacinamento e máis miseria.
En Galicia, con plena mentalidade terceiromundista, a Xunta respalda a idea de convertir contenedores de mercancías en vivendas baratas, para facilitar que a poboación se siga a acumular nas areas urbanas e abandonando o rural. O problema de Galicia, non é que falten vivendas, de feito sobran unhas catrocentas mil, un tercio do total, que están baleiras segundo a Fundación BBVA. Pero para o estamento político é moito máis fácil gardar o rebaño en cortellos que deixalo libre polo monte. Así, os núcleos urbanos son cada vez máis antinaturales e máis insostibles e o lobo ponse as botas, anunciando que vai solucionar o problema construíndo medio millón de novas vivendas en Galicia. ¿Con qué xustificación se van construir máis domicilios dos que xa están baleiros? Pois quizáis porque de pequenos, os nosos pais sempre nos decían que, adicáramos ó que nos adicáramos, tratásemos de ser os mellores no noso, e xa estamos entre os primeiros no ránking español de arruinar as nosas costas en beneficio da patraña inmobiliaria, que todos coñecemos de sobra. Personalmente, eu coido que esa cifra de 500.000 vivendas é un farol, unha artimaña para poder construir 100.000 ou 200.000 chalés e apartamentos turísticos, e que nos aínda suspiremos de alivio polo que podería chegar a ser. ¡Nin un só! tería que ser a consigna, para que sexan eles os que se alivien de poder construir uns cantos, e sin escarallar o noso patrimonio paisaxístico e etnográfico; porque o paulatino abandono da nosa cultura e tradicións estanos facendo perder aquel escepcticismo ancestral, hacia a posibilidade de que, algún día, política e capital cheguen traballar por soucionar os problemas dos galegos.